Ananos en ombreiros de xigantes
Unha das experiencias que nos somerxe nunha nova etapa da nosa vida é a de convertérmonos en avoas ou avós, un momento vital para o que non sempre estamos preparados e ó que non todo o mundo accede do mesmo xeito. Hai quen experimenta unha especie de sensación de decrepitude e involución, mentres que outras persoas senten co novo status un rexurdimento de ilusións durmidas.
Trátase de recoñecerse no novo status, e cómpre sermos conscientes de que niso intervirá:
- O xeito de interiorizar e aceptar o novo papel na familia.
- A resolución do conflito interno entre o desexo e o temor por ter xa netos. O desexo de ser avó está relacionado coa oportunidade de gozar cos fillos dos fillos, lembrando, pero non imitando, a propia maternidade ou paternidade. O temor chega da evidencia de que se é máis vello ca antes.
- O estado de saúde, a capacidade de articular movementos, a agudeza visual e auditiva, non é a mesma.
- Como se viviron os ciclos vitais anteriores. Adóitase dicir que un avellenta como viviu. O xeito de ser avó ou avoa dependerá de como se vivira a infancia, de como foi un mesmo fillo e de como foi neto. Lémbrase a relación cos propios avós e imítase ou mellórase. Por suposto, tamén inflúe como se viviu a idade adulta e como se é, e se foi, pai e nai.
- Como se estea vivindo o ciclo vital actual. Ata non hai moito tempo converterse en avó ou avoa marcaba de por si o ingreso na terceira idade ou na vellez. Hoxe, como consecuencia do aumento da esperanza e calidade de vida, e debido ós novos estímulos da sociedade en que vivimos, non equivale a ser vello. Hai avoas e avós que están vivindo en plenitude laboral, social ou familiar, e ter netos non os converteu en “vellos” desadaptados e inservibles.
- Favorecendo a súa independencia. Os avós queren ter tempo para as súas cousas, por inútiles que lle poidan parecer ó resto da familia. Tamén necesitan o seu espazo. Se están a gusto na súa casa non hai por que forzalos a trasladarse a outra. Unha cousa é invitar con insistencia e cariño, outra moi distinta impoñer o criterio dos fillos.
/imgs/20040501/interiormente02.jpg Permitir que exerzan como avós cos netos. Para eles é “a segunda oportunidade” de facer cos netos o que non fixeron cos fillos. É bo facer a vista gorda cando “malcrían” os netos concedéndolles algún capricho razoable e de xeito esporádico.- É conveniente tratalos como adultos. Ás veces son tratados coma nenos coa escusa de que, como son maiores, se tornan infantís e “chochean”. Hai que evitar converterse en educadores dos avós.
- Respectar os seus defectos como eles fixeron antes cos nosos. A convivencia familiar é moito máis doada cando se é flexible coas condutas dos seus membros.
- Ser agradecidos con eles e ensinar os netos a que tamén o sexan. Non debemos esquecer que somos ‘ananos subidos a ombreiros de xigantes’ e que se somos máis, temos máis ou estamos mellor preparados é, en boa medida, grazas a eles.
- É importante escoitar o que din e respectar a súa maneira de pensar, aínda que non coincida coa da xeración máis nova da familia. Nin é certo que “calquera tempo pasado foi mellor”, nin tampouco que todo o actual é absolutamente extraordinario ou infalible.
Ser avó ou avoa é unha oportunidade única para que xurdan moitas vivencias positivas. Pódense aprender novas maneiras de convivir entre as tres xeracións que xurdiron dentro da propia familia. Pódese aproveitar a ocasión que dan os netos de estar en contacto con outros xeitos de vivir, doutros coñecementos, doutros puntos de vista que enriquecen ós maiores se están abertos ós cambios e ós novos modos de vida. Por iso é tan importante que, mentres nolo permita a trasfega da vida actual, se organicen xuntanzas familiares con calquera escusa para estar xuntos e gozar do pracer de verse, escoitarse e sentirse mutuamente. A mellor homenaxe que se lles pode facer ós avós é ofrecerlles o pracer de sentar á mesa cos fillos e netos. Nese escenario plásmanse os resultados de historias persoais moitas veces cheas de esforzos e dificultades. É realmente satisfactorio poderlles ofrecer ós avós a posibilidade de que comproben que a súa vida pagou a pena.
- Conservar a propia independencia, se é posible. Á marxe da súa idade, a avoa e ou avó teñen dereito e necesidade de gozar do seu propio espazo vital, de dispor de tempo para as súas afeccións, amizades ou para proxectar, se lles apetece, novas relacións afectivas. Non teñen por que acceder a converterse en avoa ou avó “canguro” de xeito permanente.
- Respectar as pautas educativas que os seus fillos lles propoñen ós netos, aínda que non se estea totalmente de acordo con elas.
- Non desautorizar os pais diante dos netos, aínda que en privado poidan expresar as súas discrepancias. As opinións dos avós sempre son unha referencia útil para os pais, pero serán eles quen finalmente decidan como educaren os fillos.
- Ser avó é a oportunidade para establecer cos netos unha relación privilexiada que se cadra non se puido ter cos fillos. É a ocasión para vivir ludicamente con eles, gratificándoos, pero sen se pasar, e consultándolles a eles mesmos se os seus pais estarían de acordo en llelo permitiren. Débense poñer límites para que os netos non se convertan en tiranos.
- Aproveitar calquera momento para transmitir vivencias e lembranzas. Non hai que temer ser pesados. As persoas maiores teñen como patrimonio o pasado, e “as batallas do avó”, aínda que se repitan unha e outra vez -porque as persoas maiores non adoitan levar a conta do número de veces que din as cousas- son a lembranza que quedará impregnada nas mentes dos netos. Sobre todo quedará o cariño, a ilusión e a nostalxia con que se transmitiron as memorias.
- Os avós poden completar a educación que levan a cabo os pais, pero nunca suplila. Este é un risco que hoxe en día se corre, dado que as circunstancias actuais obrigan en moitos casos a que os avós ou avoas sexan os coidadores durante moitas horas dos netos.