Indemnizacións por accidente de tráfico

Paciencia e probas por escrito, esenciais

1 Maio de 2004

Paciencia e probas por escrito, esenciais

Entre os moitos protocolos que se inician logo dun sinistro con vítimas, sexan ou non mortais, un dos máis problemáticos é o tocante ó cobro da indemnización. Loxicamente non será igual a compensación á muller e ós fillos que perden o seu home e pai, respectivamente, cá que recibirá alguén que pasa tres días ingresado con feridas leves que sandan sen deixar secuelas. As indemnizacións establécense a través dun Baremo incluído na Lei de Responsabilidade Civil e Seguro de Circulación de Vehículos a Motor, que trata de compensar a perda temporal ou total da saúde ou o falecemento dunha persoa. A lei establece que as indemnizacións deben renovarse anualmente e que, en caso de que non se faga por disposición lexislativa, se adaptarán automaticamente ó aumento do índice xeral de prezos ó consumo (IPC) durante o ano anterior. Polo tanto, en teoría o cobro das indemnizacións non debería constituír un problema.

Así e todo, a realidade é ben distinta. Primeiro, porque os partes de accidente non sempre son amigables, é dicir, non sempre hai acordo sobre quen é o culpable do sinistro. E segundo, porque cando lles corresponde aboar unha indemnización, as compañías de seguros tratarán de que esta sexa o menos onerosa posible, aínda que sempre dentro do estipulado no Baremo. Non é raro, polo tanto, que moitos casos acaben nos tribunais e que a miúdo o cobro da indemnización se demore durante anos. Segundo a Asociación de Afectados por Accidentes de Tráfico (APAT), unha vítima ou os seus familiares deben agardar unha media de dous anos para cobrar unha indemnización. Se o caso chega ata o Tribunal Supremo, a espera pode alcanzar os 7-8 anos.

Que danos son indemnizables?

Os danos que se poden indemnizar son o falecemento, as lesións permanentes, invalidantes ou non, e as incapacidades temporais. Amais das indemnizacións correspondentes, aboaranse tamén os gastos de asistencia médica e hospitalaria e, se procede, os gastos de enterro e funeral. E en calquera momento os tribunais poden substituír total ou parcialmente a indemnización por unha renda vitalicia. En caso de morte, o Baremo cuestiónase quen son os beneficiarios da vítima, quen ten dereito a ser indemnizado pola dor da súa perda e as causas económicas que provoque o suceso. Por iso, defínese se a vítima ten cónxuxe, fillos maiores ou menores, irmáns ou pais ó seu cargo, etc. Das circunstancias familiares vai xurdir xa unha indemnización. Pero esta corríxese, á alza ou á baixa, por varios factores. O primeiro deles, e fundamental, son os ingresos da vítima. É dicir, a indemnización varía en relación á capacidade da vítima de xerar ingresos, que agora frustra o falecemento.

Outros factores correctores son que a vítima sexa un cónxuxe separado con dereito a pensión, o falecemento dos pais no accidente, que a vítima ou o receptor da indemnización sufrisen previamente algún tipo de discapacidade, a concorrencia da propia vítima no accidente (por exemplo, que cruzase a pé unha autoestrada), que haxa fillos de cónxuxe separado, que a vítima fose fillo único ou que fose unha embarazada e perdese o feto. Ata a idade ou a profesión dunha persoa poden ser argumentos para aumentar ou diminuír a indemnización. Por exemplo, non recibe a mesma contía unha viúva dun finado de 30 anos cá viúva dun finado de 60. A primeira recibe maior dotación económica cá segunda. Tamén en función da profesión pode haber correccións á alza ou á baixa. Se unha persoa que traballa de modelo sofre lesións no rostro poderá ver incrementada a indemnización fronte a outra persoa que desenvolva unha profesión na que o seu aspecto físico non sexa tan relevante.

Contía das indemnizacións

A clasificación de lesións que establece o Baremo oscila nun rango que vai do 1 ó 100, de menor a maior gravidade, e está suxeita á negociación. É frecuente que á hora de valorar un dano se produzan discrepancias entre o médico da compañía de seguros, o médico forense e o facultativo ó que acude o propio lesionado. Nestes casos é o xuíz quen debe decidir que puntuación se dá, xa que o baremo deixa unha marxe de manobra. En liñas xerais pódese considerar que unha secuela valorada con 100 é un traumatismo cranioencefálico que incapacita unha persoa tanto física coma mentalmente. Pero entre estes dous extremos prodúcense infinitas posibilidades. Por exemplo, o síndrome posconmocional valórase entre 5 e 15 puntos en función dos síntomas posteriores (dores de cabeza, alteracións do sono, da memoria, do carácter, etc.), cuestións todas elas cargadas de subxectividade.

Tipos máis habituais de indemnización:

  • Incapacidade temporal: compatible con indemnizacións por outros motivos. Calcúlase multiplicando o número de días de incapacidade pola indemnización que corresponda segundo a idade, sumando á súa vez certas cantidades que resultan de aplicar determinados factores de corrección. Estableceuse unha cantidade de 56 euros por día de estancia hospitalaria, e entre 25 e 46 euros cando a vítima non precise permanecer ingresada. Esta cifra elévase entre o 10% e o 75% segundo o volume de ingresos da vítima.
  • Falecemento: se a vítima está casada, o cónxuxe recibirá entre 45.139 e 90.278 euros, segundo a idade do finado, mentres que ós fillos menores se lles asignarán 37.616 euros, con independencia da idade do proxenitor. O resto dos fillos, pais e irmáns menores dependentes da vítima tamén teñen dereito a seren indemnizados. Os factores de corrección son, en primeiro lugar, os prexuízos económicos derivados do falecemento (que elevan a indemnización entre o 10% e o 75% en relación ó volume de ingresos da vítima). Tamén aumentan a indemnización por morte as circunstancias familiares especiais: discapacidade física ou psíquica, que a vítima sexa fillo único, o falecemento de ambos os pais no accidente, que a vítima estivese embarazada…
  • Lesións permanentes: a lexislación establece unha clasificación de 1 a 100 puntos que valora a gravidade da lesión e que fai variar a indemnización dun mínimo de 469 euros, se a vítima é maior de 65 anos con lesión de gravidade 1 (unha leve cicatriz non visible) ata un máximo de 2.734 euros se é menor de 20 anos con gravidade 100 (unha incapacidade total). Estas cantidades pódense ver incrementadas ó aplicar os factores de corrección, que inclúen os prexuízos económicos (aumento de entre o 10% e o 75%), os danos morais (ata 75.232 euros máis) e as lesións que desencadeen a incapacidade laboral da vítima (entre 15.046 e 75.232 euros). Ademais, elévase a indemnización cando a vítima sufra unha “grande invalidez” (tetraplexía, paraplexía, cegueira, estado de coma ou vexetativo crónico, entre outros), ata 300.927 euros.
  • Se a vítima está embarazada e a consecuencia do accidente perde o feto, a indemnización que pode percibir oscila entre 7.523,17 e 30.092,68 euros, dependendo de se é o primeiro fillo ou xa ten máis, e do mes de xestación.

Dereitos do accidentado e pasos que hai que seguir

Gardar todos os documentos referentes ó sinistro, ter moita paciencia ante a lentitude da xustiza e coñecer os dereitos como vítimas de accidentes de tráfico son as tres claves para poder acceder a unha indemnización xusta por un accidente.

Hospital e rehabilitación

  • Solicite que lle dean os informes médicos por escrito. Comprobe que reflicten fielmente toda a patoloxía causada polo accidente.
  • En caso de precisar rehabilitación, pode elixir o centro e mais a empresa de ambulancias que o vaia trasladar desde o seu domicilio e viceversa.
  • En todos os hospitais hai un consultorio de “Tráfico” con persoal especializado. Ante calquera solicitude de ampliación de probas, diríxase a eles. Se non lle facilitan máis datos, solicite por escrito a negativa facultativa e comuníquello á súa compañía de seguros.
  • Pida un informe por escrito de cada visita á rehabilitación.
  • As visitas domiciliarias facultativas adoitan ser de empresas subcontratadas polas compañías de seguros, e en ocasións os médicos que envían á casa do paciente non teñen a especialidade requirida por este. Asegúrese de que lle facilitan a seguinte documentación: nome e apelidos, especialidade médica, número de colexiado, empresa á que pertence e compañía que o contrata. Se non o fan, lembre que lles pode negar a entrada ó seu domicilio. Ó rematar a visita, pida un informe da mesma.
  • Se o médico que o vai visitar non o satisfai, notifíquello e solicite o cambio de facultativo.

Denuncia

  • Non se precipite: ten 6 meses para interpor denuncia no xulgado. Agarde a ter o atestado dos axentes da autoridade para interpola.
  • Indague se houbo a intervención de dous ou máis corpos da autoridade diferentes e solicite declaración escrita complementaria se non aparecen no atestado.
  • Investigue se hai testemuñas que corroboren a súa versión. Infórmeos de que eles poden formular tamén denuncia do infractor causante do accidente, xa que iso reforzaría a veracidade da súa versión.
  • Asegúrese de que no atestado se reflicta a veracidade dos feitos. Comprobe que non se omite nin o máis mínimo detalle, nin hai erros de data, hora, lugar, etc.
  • Solicítelles ós axentes que no atestado figuren as testemuñas do sinistro ou da actitude posterior do infractor que viran estes. Pídalles tamén un inventario detallado de estragos non relacionados co vehículo, efectos persoais.
Compañía de seguros
  • A súa aseguradora débelle asignar un avogado co que confeccionar a denuncia. Se non lle satisfai a actitude do letrado solicite o cambio tantas veces como coide oportuno.
  • A denuncia debe reflectir, amais dos feitos, posibles testemuñas (que deberían estar no atestado) e tamén as anomalías manifestas ou omisións por parte dos axentes da autoridade.
  • Non esqueza incluír na denuncia todas as incorreccións involuntarias ou voluntarias do proceso, xa que é o único xeito de que entre no sumario e de poder solicitar xudicialmente o seu esclarecemento ou modificación.
  • Non asine ningunha folla en branco. Redacte xunto cos avogados os poderes necesarios para exercitar o seu labor.
  • Se lle cómpre máis tempo de rehabilitación, solicítello á súa compañía de seguros.
  • Inclúa nas posibles indemnizacións os gastos de taxis por desprazamentos durante a súa convalecencia, así como os gastos de canguro, limpeza, medicinas, aparellos ortopédicos, etc. (sempre con xustificantes e se é posible coa declaración das persoas que lle prestaron o servizo).