Só tres (Zadorra, en Vitoria; Arlanzón, en Burgos; e o Ebro por Logroño) superan con holgura o exame, mentres que un (o Manzanares) aproba apuradamente e o resto (Gualdamedina, en Málaga; a nova canle do Turia, en Valencia; Besós, en Barcelona; Urumea; en San Sebastián; Arga, en Pamplona; Guadalquivir, en Sevilla e ríaa de Bilbao) suspenden.
Máis da metade dos ríos urbanos suspenden no ecolóxico, o educativo e o recreativo
Os ríos, ó longo da historia da humanidade, empregáronse como fonte de auga potable e alimento, como auga de rega, como sistema de producción de enerxía, como medio de transporte, como opción de lecer e turismo, e tamén como destinatario da vertedura de refugallos domésticos, agrícolas e industriais.
Ese uso, tan intenso coma a miúdo incorrecto, traduciuse en que a riqueza biolóxica dos ríos se viu fondamente alterada. As tres principais ameazas que penduran hoxe sobre os nosos ríos son a contaminación, a regulación fluvial e a perda de hábitats naturais. As alteracións máis comúns das canles que sofren os ríos son a construcción de presas e encoros, os transvases de auga, a explotación agrícola, os dragados, a vertedura de residuos e a urbanización preto das ribeiras. Todas estas incidencias afectan tanto ás especies vexetais e animais coma á calidade das augas. O sistema ecolóxico que forma un río é sinxelo e delicado, polo que calquera variación no seu curso afectará o seu equilibrio natural. As canalizacións para previr inundacións e favorece-la navegación modificaron a profundidade e o curso dos ríos, converténdoos en canles de drenaxe que provocan a perda da vexetación da ribeira, o que dá lugar ó quentamento das augas por falta de sombras, prexudicando as áreas de alimentación e reproducción dos peixes. E a vertedura de residuos urbanos e industriais provocou unha perda da calidade da auga fluvial e do hábitat acuático.
Para frea-la deterioración e a perda dos nosos ríos, argúen os especialistas, cómpre protexelos, utilizalos racionalmente e restablece-los recursos naturais perdidos, xa que os ríos e as súas chairas de inundación ofrecen un mellor control das inundacións, constitúen recursos naturais productivos, regulan a cantidade e calidade das augas e sustentan unha gran diversidade de especies naturais. CONSUMER estudiou 12 ríos ó seu paso por outras tantas cidades. Son o Zadorra (Vitoria), Urumea (San Sebastián), Ibaizabal ou Nervión (a Ría de Bilbao), Arga (Pamplona), Ebro (Logroño), Arlanzón (Burgos), Manzanares (Madrid), Besós (Barcelona), Guadalmedina (Málaga), Guadalquivir (Sevilla), Segura (Murcia) e Turia (Valencia). Nestes doce ríos analizáronse catro apartados: tratamento á calidade de auga, estado de conservación das ribeiras e usos recreativos e educativos (no ambiental) do río e da ribeira, e estudiáronse en total 29 variables.
Ríos maltratados
As conclusións son pouco alentadoras e demostran que queda aínda moito por facer para que os ríos nos seus tramos urbanos sexan respectados como ecosistemas vulnerables que son, e para que se explote de maneira axeitada e abonda a súa potencialidade educativa e recreativa. Só tres (Zadorra, en Vitoria; Arlanzón, en Burgos; e o Ebro, por Logroño) superan folgadamente o exame, mentres que un (o Manzanares) aproba xustiño e o resto suspenden. Catro ríos, ademais, suspenden clamorosamente. Son, de peor a mellor: Guadalmedina, en Málaga; Turia, en Valencia; Besós, en Barcelona; e Urumea, en San Sebastián. En terra de ninguén, Arga (Pamplona), Guadalquivir (Sevilla) e a ría de Bilbao tampouco aproban pero, cando menos, obteñen entre 4 e 4,5 puntos na cualificación global. E só un, o Arlanzón, aproba os catro apartados. O único bloque con cualificacións aceptables é a calidade da auga, con só tres ríos suspendidos se ben noutros dous (Turia e Guadalmedina) non procedía a comparación xa que o seu leito non contiña auga. O aspecto máis crítico é, precisamente, o máis importante dos catro: o estado de conservación das ribeiras, no que oito ríos non alcanzan o aprobado e a media dos doce é tamén un suspenso. Outro tanto acontece co uso educativo do río como recurso pedagóxico e didáctico. No tocante ós usos recreativos mediante instalacións e equipamentos destinados ó lecer dos cidadáns, a situación é mellor (media aceptable), pero cinco ríos suspenden, aínda que cómpre engadir que noutros tantos a valoración é moi positiva.
Calidade da auga do río, o máis coidado
Este bloque ten en conta as mencións especiais sobre as augas residuais no POU (Plan de Ordenación Urbanística), as políticas municipais para mellora-la calidade das augas vertidas ó río, os programas de seguimento da calidade da auga do río ó seu paso pola cidade, e a funcionalidade dos sistemas de depuración de augas. Recolléronse tamén mostras de auga para analiza-los cambios que a auga do río sofre tralo seu paso pola cidade no relativo a dous parámetros químicos, DBO (demanda biolóxica de osíxeno) e DQO (demanda química de osíxeno), que indican a contaminación orgánica da auga. Os mellores ríos no tratamento que recibe a auga fluvial foron o Zadorra (Vitoria), Arlanzón (Burgos) e Ebro (Logroño). E os peores, Arga (Pamplona) e Besós (Barcelona), únicos con suspenso. Turia (Valencia) e Guadalmedina (Málaga), ó non teren auga, non foron avaliados neste apartado que, por certo, é o que mellores resultados deparou, cunha media de “ben” nos dez ríos analizados. O máis mellorable é a mención das verteduras de augas no Plan de Ordenación Urbana (POU) e os sistemas de depuración de augas. As análises da auga recollida á entrada e saída do río ofreceron resultados aceptables, con soamente dous suspensos: a ría de Bilbao e o Besós de Barcelona. E avaliouse positivamente (con excepcións), o esforzo para mellora-la calidade das augas vertidas ós ríos.
Un equipo de biólogos especialistas en temas ambientais e xestión do medio natural visitou as 12 cidades e analizou o tratamento que as nosas urbes lles proporcionan ós ríos que discorren por elas. Pretendíase avalia-lo comportamento do conxunto da cidade con este ecosistema que a atravesa. Indagouse sobre ata qué punto as institucións municipais e doutras titularidades, e os propios cidadáns, coidan dun ambiente tan delicado coma o dun curso fluvial. Remitíuselles ós concellos un cuestionario sobre información do río e a súa ribeira, que non era posible conseguir por outros medios. De seguido, efectuouse unha visita de campo na que o equipo de biólogos percorreu o tramo do río que discorre por cada cidade, cubrindo un segundo cuestionario. Con tódolos datos recompilados, elaborouse o informe de cada río e, para chegar á cualificación final de cada un aplicouse este sistema de ponderación: o tratamento á calidade de auga representa un 20% da nota final; o estado de conservación das ribeiras, o que máis, un 50%, os usos recreativos e de lecer do río valen un 10% e, para rematar, a utilización do río para educar sobre temas ambientais, un 20%. Nos ríos das cidades nas que o concello e outras autoridades competentes non facilitaron datos (malia á reiterada insistencia dos técnicos desta revista, e do amplo prazo concedido para o envío da información), a non dispoñibilidade deste material interpretouse como inexistencia de iniciativas no ámbito do que se tratase. Por exemplo, seis concellos non facilitaron información sobre programas de educación ambiental nos ríos. Pois ben, para esta valoración considerouse que estas cidades non desenvolven programas educativos nese río.
Conservación das ribeiras, eixe clave de actuación e táboas comparativas
Este apartado é o máis importante, non en van supón o 50% da cualificación de cada río. Nel avalíase o estado de conservación das ribeiras no tocante á calidade do ecosistema fluvial. Para iso, recolleuse información sobre a mención á protección de ríos e ribeiras no POU, as políticas municipais para favorecer iniciativas de mellora e restauración de ribeiras, a existencia de figuras de protección dalgún tramo de ribeira dentro da cidade, o respecto ás marxes e ó DPH (Dominio Público Hidráulico), a conservación da morfoloxía do leito e do réxime de caudais, o estado de conservación da vexetación espontánea do río e a ribeira, da conectividade entre leito e ribeira e a continuidade do corredor fluvial, o grao de coñecemento das cenoses do río (comunidades vivas, vexetación e fauna) por parte do concello, a existencia de catálogos municipais de especies e biótopos da cidade, a presencia de especies animais ou vexetais ameazadas e o estado das beiras: permeabilidade para a fauna, acceso de camiñantes, presencia de verteduras). As mellores ribeiras víronse no Zadorra e o Ebro, excelentes; e as peores, no Turia e Guadalmedina, moi deficientes. As ribeiras dos nosos ríos, desde unha perspectiva ambiental, requiren intervención urxente: 8 dos 12 ríos suspenden. Os outros dous que aproban son o Arlanzón e o Arga. Os aspectos máis críticos son a conservación da morfoloxía do trazado do río (só tres aproban), a existencia de comunidades de animais invertebrados e de especies ameazadas e a permeabilidade das beiras á fauna. O único aspecto con aprobado case xeral foi o da limpeza: soamente se detectaron lixos nas beiras do Guadalmedina.
Os biólogos anotaron, nas súas visitas de campo, observacións de interese sobre algúns ríos.
- Zadorra, en Vitoria: Existencia de especies ameazadas nas ribeiras da cidade, como Pico menor, Picapeixe e Visón Europeo. Nas proximidades do río, restaurouse unha zona húmida de grande interese natural: a Área de Salburua, lagoa que se incluirá na Lista Ramsar de Humedais de importancia internacional, e na que se pode contemplar durante todo o ano unha nutrida comunidade de seres vivos asociados ó medio acuático.
- Ría de Bilbao: Vida piscícola augas arriba (Barrio de Atxuri) e na foz da ría (desde Portugalete). Hai cinco anos, a penas había vida nestas zonas.
- Arga, de Pamplona: A muralla que arrodea a cidade debuxa o mesmo percorrido có que realiza o río, e desde esta obtéñense boas vistas do Arga ó seu paso pola cidade.
- Ebro, en Logroño: Posibilidade de observar avifauna interesante asociada ó medio acuático (Garza Imperial, Parrulo Real, etc).
- Manzanares, en Madrid: As augas do río, antes de chegaren á cidade, retéñense nos encoros de Santillana e El Pardo. Cando o río chega á cidade semella un pequeno regato, e as augas residuais de Madrid (unha vez depuradas) son o seu único caudal. As novas ERAR (estacións rexeneradoras de augas residuais) tratan e botan as augas ó río cunha calidade abonda para permiti-la súa recuperación ecolóxica, e os nove encoros ó seu paso pola cidade, almacenan a auga e regulan o caudal.
- Guadalquivir, en Sevilla: Aínda que foi desviado para evitar inundacións, mantívose o leito do río controlando o nivel da auga mediante esclusas que comunican o brazo do río que entra en Sevilla co leito do Guadalquivir. Deste xeito, permitiuse que a cidade aproveite o río tanto desde un punto de vista cultural coma lúdico e económico.
- Arlanzón, en Burgos: Posibilidade de observar fauna de grande interese e valor natural, coma o armiño, especies de anátidos e salmónidos (hai unha zona de pesca de troita).
Usos recreativos e de lecer, pouco explotados e táboas comparativas
Neste apartado, que supón o 10% da cualificación de cada río, valórase a existencia de zonas de lecer e esparexemento nas beiras e ribeira do río, a non repercusión do tráfico rodado nas actividades recreativas, a existencia de zonas verdes, o grao de limpeza e a existencia e grao de conservación do mobiliario de lecer. Aínda que cinco suspenden, catro (Arlanzón, Manzanares, Zadorra e Ebro) obteñen unha puntuación excelente, e un (Arga) moi boa. Os peores foron o Turia e o Guadalmedina. O aspecto máis crítico é a carencia de instalacións de lecer nos cinco ríos. Tamén destaca negativamente que en cinco ríos o tráfico rodado queda preto das zonas de lecer das ribeiras. No tocante á limpeza destas zonas só dúas suspenden. E no relativo ás zonas verdes, a situación é mediocre: tres dos doce ríos suspenden, e só catro alcanzan o ben.
O potencial educativo-ambiental do río
Valóranse os usos educativos do río e a ribeira en función das mencións no POU de programas de educación ambiental, a colaboración (financiamento, promoción ou participación) en campañas, programas ou proxectos de educación ambiental nos últimos catro anos, a información sobre especies e ambientes dispoñible ó público in situ na área do río e a existencia de material educativo editado para a visita ou realización de campañas, actividades ou programas de educación ambiental. É este un bloque importante (computa o 20% na cualificación de cada río), porque o uso educativo do río, amais dos seus efectos didácticos intrinsecamente positivos, pode impulsa-la concienciación cidadá e anima-los concellos e institucións a preservaren o ecosistema. Pero o uso das posibilidades educativas do río é moi escaso. A nota media é un nítido suspenso, unicamente catro aproban e só un (o Arlanzón) chega ó notable. O Manzanares e a ría de Bilbao conseguen un ben e o Guadalquivir queda nun aprobado. Os peores son o Arga, o Besós, o Guadalmedina e o Turia. O menos traballado son os programas de educación ambiental e a información que in situ lle ofrecen os ríos ó cidadán: só aproban a ría de Bilbao e o Guadalquivir.
O máis salientable
- O Ebro en Logroño e o Zadorra en Vitoria sobresaen pola conservación das marxes e o respecto á morfoloxía do leito. E polas actividades de educación ambiental referidas ó río.
- O Arlanzón en Burgos e o Ebro, pola fauna de interese que vive no río.
- O Manzanares en Madrid e o Arlanzón, polas súas áreas de esparexemento: ben equipadas e integradas correctamente co medio natural.
- O Manzanares e o Arlanzón, por seren as dúas únicas cidades con información in situ sobre os valores do río e a cidade: fauna, flora, paisaxe…
- A Ría de Bilbao e o Guadalmedina, en Málaga, destacan pola canalización dos seus ríos coa conseguinte perda das marxes naturais. E polas ribeiras cheas de lixo e a presencia de verteduras.
- O Manzanares e o Arlanzón, polos encoros que alteran o réxime natural de canles.
- O Arga, en Pamplona, e o Segura, en Murcia, por substituíren a vexetación espontánea do río por zonas axardinadas con flora exótica.
- San Sebastián é a única cidade das estudiadas que non depura as súas augas residuais: vérteas ó mar mediante un “emisario submarino”.
- Besós, en Barcelona, e a Ría de Bilbao foron os dous únicos ríos que non pasaron o test de calidade da auga ó que foron sometidos nunha análise química, xa que se demostrou que a auga sae da cidade notablemente máis contaminada do que estaba ó entrar nela.
¿Que facer para mellora-lo tratamento que reciben os ríos urbanos?
- Calidade da auga:
- Os investimentos en depuración de augas residuais son cada vez máis cuantiosos, e os concellos esfórzanse en cumpriren a normativa. Así e todo, son habituais os vertidos tóxicos non controlados que, coa conseguinte mortaldade dos peixes e a contaminación das augas e ribeiras, esborranchan a política ambiental de administracións públicas e empresas. Un maior control dos polígonos industriais e depuradoras de augas e a promoción de auditorías ambientais mellorarían a calidade da auga coa que os ríos se afastan das nosas cidades.
- A cantidade e calidade das augas residuais domésticas está relacionada cos nosos hábitos e costumes nos fogares. Deposita-los productos tóxicos (aceites, disolventes, pinturas, medicamentos, etc.) en contedores especiais para a súa recollida e tratamento, evita-lo gasto excesivo de auga potable, non usa-lo inodoro como caldeiro do lixo, e esixirlles ás autoridades a correcta administración das augas fecais e industriais, son actuacións na man do consumidor para mellora-la saúde dos nosos ríos.
- Conservación das ribeiras:
- Respecta-la dinámica propia do curso fluvial, a súa canle natural, a morfoloxía do trazado orixinal e as ribeiras con vexetación autóctona ou espontánea é fundamental para mante-la calidade ecolóxica dos nosos maltratados ríos. Medidas positivas: paraliza-las obras de canalización e construcción de encoros e ocupación das chairas de inundación e pór en marcha proxectos de restauración do carácter multifuncional dos ríos (recuperar meandros, ensanchar leitos, restaurar marxes, libera-las chairas de inundación…), de xeito que o río se poida reformar a si mesmo de maneira natural e equilibrada.
- Dedicar esforzos a coñece-lo ecosistema fluvial: elaborar catálogos de especies de flora e fauna e de espacios naturais de interese, investiga-los valores naturais asociados ó río ó seu paso pola nosa cidade, ou favorecer iniciativas privadas de conservación da natureza son actuacións en mans das autoridades municipais.
- Usos recreativos do río e a ribeira:
A adecuación de áreas de esparexemento, compatibilizándoas coa conservación dos valores naturais do río e a súa ribeira debe ser benvida. Medidas positivas: evita-lo excesivo axardinamento das zonas verdes, restaura-las áreas degradadas con vexetación autóctona, instalar e manter un mobiliario mínimo para o desenvolvemento de actividades recreativas, e illar do uso recreativo as zonas de maior interese ecolóxico (vexetación vulnerable, zonas de reproducción, repouso e alimentación de fauna silvestre, solos de doada alteración ó seren pisados, etc.). - Usos educativos do río:
Os valores educativos do río son innumerables. Os programas ambientais relativos a un río urbano que se poden pór en marcha desde institucións municipais, escolas e asociacións non teñen parangón con calquera outra actividade que se desenvolva fóra do ámbito próximo ó cidadán. A apreciación da necesidade de mantermos saudables os nosos ríos e as súas ribeiras pódese adquirir a través de experiencias educativas sinxelas que se poden levar a cabo dentro da mesma cidade.
Aínda que sexa parte integrante da estructura urbana, o río que atravesa unha cidade non ten por qué estar abocado a unha transformación inevitable. Ó igual ca unha fraga ou unha lagoa, os ríos teñen, coma tódolos sistemas, uns requirimentos para poderen mante-la vida que os caracteriza. As marxes verdes poboadas de chopos, salgueiros e freixos, os meandros con illas e praias de croios, os cambios de trazado e caudal típicos de calquera curso fluvial, convértense a miúdo nas nosas cidades en beiras de cemento, empedradas ou axardinadas con especies exóticas que nada teñen que ver coa flora autóctona, canles de trazado recto sen beiras amplas nas que poida asenta-la vexetación palustre e lacustre, e encoros artificiais que deixan o río sen o seu carácter propio e dinámica orixinal.
A apreciación subxectiva da maioría dos cidadáns agradece dentro da constitución urbana as liñas rectas, as cousas moi ordenadas e a falta dese aparente descontrol dos compoñentes da paisaxe. Soamente así se explica a tendencia a elimina-los ambientes que introducen factores non “ordenados” ou “controlables”, coma un ecosistema fluvial. Isto conduciunos á actual situación na que, co aplauso de moitos cidadáns, se trocaron os ríos por canais, as ribeiras por xardíns e as marxes por paseos cementados, cando non por calzadas ou áreas edificadas. Pero a mesma sociedade que se congratula destas actuacións, amósase ansiosa por gozar dun medio natural ben conservado (os espacios protexidos) situado fóra dos límites da súa cidade.
Algúns países europeos comezaron a restaura-lo aspecto orixinal dos seus ríos, devolvéndolles un funcionamento máis correcto, no que o río se fai a si mesmo. Isto pódese acadar, como demostran Suíza e Alemaña, sen compromete-la seguridade e a economía, adecuando a utilización humana do medio ás condicións naturais dos ríos e ribeiras. Tecnicamente viables, estas actuacións esixen cambios nos valores estéticos, culturais e ambientais da paisaxe urbana que imperan na nosa mentalidade de urbanitas.
Un por un, os 12 ríos urbanos e valoración global
- Río Arlanzón (Burgos). Cualificación global: Moi ben
- O mellor
- Conservación das marxes coa vexetación autóctona asociada á ribeira no tramo anterior e interior da cidade.
- Pódese contemplar fauna e flora de grande interese.
- Magnífica zona de esparexemento e lecer, ben equipada e mellor conservada.
- Esforzo do Concello de Burgos en actividades de educación ambiental.
- O peor
- Construcción de zonas de escollos en diversos tramos do río, que impide o asentamento da vexetación natural que protexe as marxes contra a erosión.
- Desecamento de meandros.
- O tramo final do río no seu percorrido urbano está bastante desvirtuado.
- O mellor
- Río Zadorra (Vitoria). Cualificación global: Moi ben
- O mellor
- Estado natural no que se atopa o río.
- Presencia elevada de vexetación acuática e ripícola.
- Vida piscícola.
- O peor
- Hortas ilegais nas marxes das ribeiras.
- Perda de dous meandros.
- O mellor
- Río Ebro (Logroño). Cualificación global: Moi ben
- O mellor
- Bo estado da vexetación de ribeira en case todo o percorrido urbano do río.
- Posibilidade de observar avifauna de grande interese.
- Paso peonil á beira do río.
- O peor
- Repoboamento da illa con vexetación non autóctona.
- Alteración da vexetación na marxe esquerda do río.
- Ausencia de paneis explicativos e informativos sobre o río.
- O mellor
- Río Manzanares (Madrid). Cualificación global: Aceptable
- O mellor
- Vida piscícola.
- Presencia de avifauna.
- Carteis de información in situ sobre especies e ambientes.
- Encoros para conserva-lo caudal: sen eles o río estaría seco na súa maior parte.
- O peor
- Canalización total do río ó seu paso por Madrid.
- Número elevado de encoros (9) en tan só 12 km. de río. Son precisos para conserva-lo caudal pero resultan excesivos desde o punto de vista ecolóxico.
- O mellor
- Río Arga (Pamplona). Cualificación global: Regular
- O mellor
- A conservación da marxe esquerda con vexetación natural.
- As zonas verdes de xardíns ó longo do río.
- Difícil acceso dos camiñantes á beira do río.
- O peor
- A corta de árbores nalgunhas zonas para levar a cabo novas plantacións.
- As obras de acondicionamento para o paseo peonil e o axardinamento da marxe dereita do río supuxeron a perda do carácter natural do río.
- O mellor
- Río Guadalquivir (Sevilla). Cualificación global: Mal
- O mellor
- Aproveitamento deportivo do río.
- O peor
- Perda do estado natural do río debido á canalización.
- O mellor
- Ría de Bilbao Cualificación global: mal
- O mellor
- Vida piscícola augas arriba (punto no que se tomou a primeira mostra).
- Instalacións deportivas, como pistas de baloncesto, hóckey…
- O peor
- Canalización total da ría.
- Lixo en zonas próximas á ría.
- O mellor
- Río Segura (Murcia) Cualificación global: mal
- O mellor
- Boa presencia en xeral.
- Zonas axardinadas e paseos.
- Presencia de avifauna (polas de auga con cría).
- O peor
- Canalización.
- Inexistencia de vida piscícola.
- O mellor
- Río Urumea (San Sebastián). Cualificación global: Mal-Moi Mal
- O mellor
- Vida piscícola.
- Gran limpeza nos paseos.
- O peor
- Canalización total da ría ó seu paso pola cidade.
- O mellor
- Río Besós (Barcelona) Cualificación global: Moi Mal
- O mellor
- Creación dun parque fluvial en Santa Coloma de Gramenet para rexenera-la zona.
- Canalización da parte baixa do río para evitar inundacións.
- Presencia de vexetación riparia.
- O peor
- Perda do estado natural do río debido á canalización.
- Existencia de torres eléctricas ó longo de todo o río.
- O mellor
- Río Turia (Valencia) Cualificación global: Moi Mal
- O mellor
- Reducción do perigo de inundacións gracias á canalización do río.
- Novas zonas verdes e parques deportivos no antigo leito.
- O peor
- Perda do río ó seu paso por Valencia, así como da fauna e da flora.
- O mellor
- Río Guadalmedina (Málaga) Cualificación global: Moi Mal
- O peor
- Río seco.
- Mala xestión do río ó seu paso pola cidade.
- Amoreamento de lixo.
- Mal estado en xeral.
- O peor