Meninxite

Vacinación, a medida preventiva máis eficaz

Debido a un brote epidémico que irrompeu hai poucos anos en España, a meninxite suscitou o interese dos medios de comunicación e as novas que se difundiron relacionadas con esta enfermidade ocasionaron unha gran preocupación social.
1 Novembro de 2001
Img salud listado

Vacinación, a medida preventiva máis eficaz

A incidencia de meninxite en España descendera notablemente desde 1979, pero na tempada 1995-1996 rexistrouse un incremento do número de casos que culminou cun brote epidémico en 1997, o que motivou que en outono dese ano as comunidades autónomas procedesen, como medida excepcional, a vacina-la poboación de 18 meses a 19 anos. Esta patoloxía preocupou moito daquela, e séguelles preocupando hoxe ós pais con cativos, xa que acabados de nacer e lactantes constitúen o 75% dos casos de meninxite.

¿Que é a meninxite?

As estructuras do sistema nervioso, cerebro e medula espiñal, están recubertas por unhas membranas fibrosas que se denominan meninxes. Estas membranas, amais de contribuíren ó metabolismo do sistema nervioso, cumpren a esencial función de defensa do sistema nervioso: actúan como auténticas barreiras para algunhas substancias tóxicas e para os xermes. Cando estas defensas se ven superadas, prodúcense as meninxites, termo que engloba tódalas enfermidades inflamatorias das meninxes, con independencia da causa que a produce, aínda que se tende a identificar este termo coa temida meninxite infecciosa ou bacteriana.

Síntomas

A inflamación das meninxes produce unha sintomatoloxía típica que se denomina meninxismo ou síndrome menínxeo, caracterizada por unha intensa dor de cabeza, rixidez da caluga e unha serie de signos que o médico explora. Pódense sufrir, ademais, vómitos, convulsións, fotofobia, obnubilación, estado comatoso… Nas meninxites bacterianas danse conxuntamente o síndrome menínxeo e un proceso infeccioso caracterizado por febre elevada, debilidade muscular e suor. Algunhas veces os primeiros síntomas da meninxite difiren pouco dos dunha infección aguda calquera: febre, malestar… Pero axiña aparecen as clásicas manifestacións da meninxite, fundamentalmente a triada dor de cabeza, febre e meninxismo, presentes no 90% dos casos.

Tamén son frecuentes as náuseas, os vómitos e calafríos, a suor abundante, a debilidade muscular e a fotofobia. A mortaldade da meninxite é alta, aínda que cos novos tratamentos o prognóstico mellorou. Ademais, son temidas as secuelas que pode provocar, que afectan a estructuras do sistema nervioso central, especialmente á vista e ó oído.

Patrón estacional

A meninxite ou, máis correctamente, a enfermidade meningocócica, é de carácter endémico-epidémico: sempre hai casos, pero nalgunhas épocas o número aumenta considerablemente e pódese falar de epidemia. A meninxite amosa en España un claro patrón estacional: a súa incidencia é maior en inverno e ó comezo da primavera, e descende no verán e outono. Ó parecer, as causas desta estacionalidade radican en que no inverno as persoas conviven máis tempo en recintos pechados, e polo tanto facilítase o contaxio. As frecuentes infeccións virais que mingúan as defensas do organismo tamén propician a súa estacionalidade.

Algúns estudios apuntan a que os episodios da enfermidade aumentan tralos picos de incidencia de procesos gripais. A meninxite e a gripe seguen un patrón estacional semellante e nestes últimos anos estableceuse un paralelismo entre os incrementos de casos de ámbalas enfermidades.

Vacinación: a medida preventiva máis eficaz

Cando se produce un caso de meninxite salta a alarma e xérase certo pánico. Hai que aclarar que o meningococo se atopa na nasofarinxe de moitas persoas (no 10% da poboación, denominados portadores sans) sen que padezan a enfermidade, aínda que a súa transmisibilidade é moi pequena e as posibilidades de contaxio moi baixas. Por iso, non hai que crear alarma social, senón adopta-las medidas pertinentes. A vacinación é a medida preventiva máis importante e eficaz. Para a enfermidade meningocócica debida ós serogrupos A, C, Y e W-135 existen vacinas moi efectivas.

Tamén se dispón dunha vacina para a meninxite por pneumococo, aínda que polo de agora non se incluíu nos calendarios de vacinación infantil e está en fase de estudio sobre a súa eficiencia e a relación custo-beneficio (a dose custa arredor de 13.000 pesetas). Pódese aplicar a partir das seis semanas de vida do bebé, pero polo de agora o usuario vese obrigado a pagar integramente o seu custo. >

Tipos de meninxites

Varios xermes poden causa-la meninxite bacteriana: os máis habituais son o meningococo ou Neisseria meningitidis, o pneumococo ou Streptococus pneumoniae, e o Hemophilus Influenza. Tamén outros xermes poden produci-la meninxite, pero o único responsable dos brotes epidémicos é o meningococo.

  • A meninxite por meningococo ten síntomas comúns á meninxite, pero ademais adoita ir acompañada de meningococemia: os meningococos atópanse no torrente sanguíneo, o que se manifesta por unha erupción cutánea, principalmente nas extremidades e nas zonas máis distais como dedos, con manchas vermellas que conflúen e forman grandes formacións de cor púrpura. Pode afectar tamén a outras zonas do organismo. Hai moitos tipos de meningococos, os chamados serogrupos. Os xermes do grupo A causaron as epidemias máis importantes nos Estados Unidos e noutros países, pero na actualidade os grupos B, C, W-135 e Y son os responsables da maioría dos casos. O meningococo atópase na orofarinxe e foxas nasais e pode ocasionar rinofarinxites banais. Pero en determinadas circunstancias, posiblemente por unha baixa das defensas inmunolóxicas, tórnase moi virulento e patóxeno, e causa a enfermidade meningocócica.
  • A meninxite por pneumococo é a máis grave de tódolos tipos de meninxite, debido á súa elevada letalidade e ás graves secuelas que deixa en case un tercio dos afectados. Afecta principalmente ós nenos de menor idade. Adoita ser fulminante. Afortunadamente, na maioría das ocasións non posúe carácter epidémico e preséntase de modo esporádico.
  • A meninxite por haemophilus influenzae é menos frecuente e máis benigna cás anteriores.