Consumir enerxía de maneira racional e sen deixar escapa-la calor, as claves
A calefacción representa o 64% do consumo enerxético total dunha casa; un gasto excesivo que se pode rebaixar simplemente realizando un uso correcto dos sistemas de calefacción. No noso país, máis dun millón de vivendas dispón de calefacción colectiva e máis de tres millóns contan cun sistema individual. Estes últimos permiten diminuí-lo gasto e acceder a tarifas máis reducidas.
- Non conseguiremos manter unha temperatura confortable nun edificio sen un illamento térmico axeitado do teito, paredes e chan.
- Evite as fugas de calor e protexa a súa casa contra o frío, illándoa con dobre cristal e burletes nas portas e ventás. Un bo illamento térmico pode aforrar entre un 20 e un 40% en calefacción.
- Se a calefacción da súa casa é colectiva e sente demasiada calor, non abra as ventás; peche a chave dos radiadores.
- Non teña as ventás abertas máis tempo do preciso. 10 minutos son abondos para ventilar unha habitación. A partir de aí renóvase innecesariamente o aire, pérdese máis calor e redúcese a temperatura da casa.
- Manteña o termóstato da súa calefacción en 20 graos centígrados, confortable para unha vivenda. Por cada grao adicional gastará entre un 6% e un 8% máis de enerxía.
- Se se ausenta durante unhas horas do seu domicilio, reduza a posición do termóstato a 15 graos centígrados. En caso de ausencia prolongada -un día ou máis-, desconecte totalmente a calefacción.
- Utilice os termóstatos programables que hai no mercado, e que permiten preselecciona-lo programa de funcionamento da calefacción consonte á ocupación da vivenda e ás preferencias dos usuarios.
- Diminúa a temperatura nas habitacións ou zonas da casa que utiliza con menos frecuencia.
- Asegúrese de que o sistema de calefacción do seu fogar sexa inspeccionado e limpado adecuadamente tódolos anos. Maximizará a eficiencia e seguridade do sistema.
- Manteña os radiadores descubertos para que rendan ó máximo.
- Arrede as cadeiras e os sofás das portas e ventás, no canto de aumenta-la calefacción. Pode que o seu fogar estea morno abondo, pero se está sentado preto dunha ventá pode que sinta frío, xa que o vidro non bloquea o frío dun xeito tan efectivo coma as paredes.
Etiquetas enerxéticas, ¿que son?
A etiqueta enerxética ofrece información sobre a eficiencia enerxética dos electrodomésticos. Algunhas veces é preferible valora-lo consumo que un aparello eléctrico realizará durante a súa vida útil, xa que un electrodoméstico algo máis caro pero que gaste menos enerxía pode compensar a longo prazo, especialmente no caso de aparellos coma conxeladores ou secadores eléctricas, que se adquiren só cada certo tempo e duran moito.
Hai sete clases de etiquetas, que se tipifican, en función dos consumos eléctricos, en diferentes cores e con letras do abecedario:
- A: os máis eficientes, cun consumo de enerxía inferior ó 55%.
- B: nivel de consumo un pouco máis elevado, entre o 55% e o 75%.
- C: gastan entre o 75% e o 90%.
- D: indica un gasto de enerxía comprendido entre o 90% e o 100%.
- E: teñen un emprego enerxético maior, unha porcentaxe que varía entre o 100% e o 110% do gasto de enerxía.
- F: aparellos eléctricos cun dispendio enerxético entre o 110% e o 125%.
- G: gasto enerxético superior ó 125%.