Antenas de telefonía móbil, ¿prexudican ou non a saúde?
Arredor de 22.000 antenas de recepción e emisión de telefonía móbil adornan a paisaxe española, pero non son abondas. No seu empeño por instalar máis antenas para que a cobertura dos móbiles chegue a calquera recuncho e deste xeito aumenta-lo uso desta tecnoloxía, as operadoras Telefónica, Airtel-Vodafone e Amena deben facerlle fronte á crecente oposición dunha opinión pública preocupada polos posibles efectos perniciosos das radiacións electromagnéticas que producen estas antenas (e, en menor medida, os propios teléfonos móbiles) na saúde das persoas e vense obrigadas tamén a respectaren unha novísima norma legal, o Real Decreto do pasado 28 de setembro, que nace coa intención de regular e controla-los niveis de exposición ás emisións radioeléctricas dos sistemas de telefonía móbil. Algunha das acusacións que se verten sobre as radiacións emitidas por estas antenas é que, aínda que non son ionizantes (non alcanzan a temperatura precisa para alteraren moléculas de células vivas), xeran unha calor que podería prexudica-la nosa saúde. Achácaselles tamén que poden altera-los nosos ritmos biolóxicos (como o do sono-vixilia) e que o organismo humano pode deixar de producir melatonina (hormona e anticanceríxeno á vez), debido a que, como se xera de noite, estas radiacións poden inhibi-la súa formación.
A nova norma legal limita os niveis de exposición do público a estas radiacións e esíxelles ós operadores que certifiquen a súa adecuación á norma, é dicir, os graos de exposición nas áreas inmediatas ás estacións base de nova planta. Para as estacións xa en servicio establécese un prazo de adaptación de nove meses. Se non se presenta a certificación correspondente nese prazo, a instalación queda desautorizada para o seu funcionamento. Deste xeito, o Goberno pretende darlle resposta á preocupación sobre os posibles efectos das radiacións non ionizantes das emisoras de telefonía móbil sobre a saúde humana e establece-las medidas de seguridade que cómpre adoptar a este respecto. Para iso, acóllese ós criterios da Recomendación 1999/519/CE do Consello, do 12 de xullo, relativa á exposición do público en xeral a campos electromagnéticos, posicionándose na mesma liña cá maioría de estados europeos..
Antenas para móbiles: non no meu tellado
Son moitos os cidadáns que, preocupados polo suposto perigo das emisións das antenas de telefonía móbil para a saúde das persoas, esixen que non se instale este tipo de antenas no seu contorno. Estamos, unha vez máis, ante o dilema saúde e respecto ó medio natural fronte a progreso tecnolóxico e comodidades. Lembremos que en España funcionan hoxe en día nada menos que 24 millóns de teléfonos móbiles. E que segundo CAVE (Confederación de Asociacións de Veciños e Usuarios) o 95% das antenas de telefonía móbil instaladas no noso país están mal emprazadas e o 15% das 6.000 antenas de Madrid están situadas sobre centros sanitarios, colexios privados e xeriátricos. O labor dos lexisladores que redactaron esta lei e dos xuíces que dictaron sentencias sobre este polémico tema (preferentemente dándolle-la razón ós veciños que se negan á instalación) dista de ser sinxela: as investigacións científicas que se realizaron en diversos países non puideron concluír se estas emisións son inocuas ou nocivas para a saúde. Da lectura detida deste Real Decreto e das numerosas sentencias consultadas por CONSUMER (poden verse en revista.consumer.es), percíbese que ante a ausencia de certezas científicas, o principio de prudencia é o que prevalece. Convén, por outra banda, que os operadores compartan estas antenas e reduzan así o número de instalacións. Pero esta posibilidade, que parece chea de sentido común, non prendeu en España, onde as antenas non se comparten porque as diversas empresas non chegaron a un acordo a este respecto. E, inevitablemente, a loita polo mercado conduce a que onde estea instalado un dos provedores, xurdan os outros dous, triplicándose así o número de mastros ou torres de soporte das antenas de transmisión.
Quén di se se poden ou non instala-las antenas
A instalación de emisoras de telefonía móbil nas vivendas (tecnicamente, “infraestructuras comúns de edificios sometidos ó réxime de propiedade horizontal”), a inxerencia en domicilios particulares de emisións electromagnéticas dos sistemas de telefonía móbil e os seus efectos sobre a saúde, tamén foron tratados (aínda que escasamente, dado o carácter recente da problemática) polos nosos Tribunais de Xustiza. O réxime de adopción dos acordos na Xunta de propietarios das comunidades de veciños de cara á instalación de estacións base e antenas nas cubertas dos edificios, e a carencia de probas sobre a inocuidade das inmisións electromagnéticas foron os puntos centrais analizados polos tribunais para declara-la nulidade dos acordos maioritarios de comunidades de propietarios autorizando a instalación nos seus elementos comúns de estacións base de telefonía móbil. Agora ben, os xuíces non afirman tallante e unanimemente que ante a ausencia de probas sobre a inocuidade, por precaución e para protexe-la saúde, non sexa lícito instalar estacións base de telefonía móbil e antenas en cubertas ou tellados dos edificios das nosas cidades, senón que recorren ó réxime legal e xurisprudencial das servidumes e da adopción de acordos nas comunidades de veciños. Neste sentido, a xurisprudencia vén sinalando que ningún veciño está obrigado na súa vivenda (elemento privativo) a intromisións procedentes de elementos comúns (ou privativos doutro copropietario), tanto de ondas electromagnéticas coma de filtracións de auga, ruídos ou mal cheiro. E, por outra banda, as sentencias indican maioritariamente que para chegar a un acordo válido sobre a instalación destes sistemas de telefonía nun elemento común dun edificio é preciso o voto unánime e favorable de tódolos copropietarios.
O que di a nova lei
O Real Decreto establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico e, por outra banda, fixa restriccións ás emisións radioeléctricas das antenas de telefonía móbil e establece medidas de protección sanitaria da poboación fronte a estas emisións. Dicta uns límites de exposición do público en xeral a campos electromagnéticos procedentes de emisións radioeléctricas, acordes coas recomendacións europeas. Define tamén os mecanismos de seguimento dos niveis de exposición, mediante a presentación de certificacións e informes por parte dos operadores de telecomunicacións e a realización de plans de inspección.
A obxección que se pode facer é que se, como é seguro, os científicos de todo o mundo seguen investigando, estes límites de exposición requirirán, antes ou despois, modificacións. O Ministerio de Sanidade e Consumo comprometeuse, neste sentido, a elaborar, dentro de tres anos, un informe sobre as experiencias da aplicación do Real Decreto no tocante á protección fronte a riscos sanitarios potenciais da exposición ás emisións radioeléctricas. Así, en función da evidencia científica dispoñible e da información facilitada polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, Sanidade e Consumo, en coordinación coas Comunidades Autónomas, avaliará os riscos sanitarios potenciais da exposición do público en xeral ás emisións radioeléctricas. Na avaliación cómpre ter en consideración o número de persoas expostas, as súas características epidemiolóxicas, idade, partes do organismo expostas, tempo de exposición, condicións sanitarias das persoas e outras variables que sexan relevantes para a avaliación. Sanidade e Consumo asegura, ademais, que adaptará o Real Decreto ó progreso científico, tendo en conta o principio de precaución e as avaliacións realizadas.
Antenas de telefonía móbil e Comunidades de Veciños
Ante unha oferta de instalación dunha estación base de telefonía móbil, ¿que pasos debe da-lo presidente da comunidade de propietarios?
O presidente non está lexitimado para aceptar nin para rexeita-la oferta en nome da comunidade á que representa. Debe convoca-la Xunta Extraordinaria de Propietarios con tempo abondo, incluíndo expresamente este punto na orde do día para que sexa a Xunta a que decida.
¿É precisa a unanimidade para a validez do acordo?
Como as estacións base de telefonía e as antenas se instalan na cuberta do edificio e este é un elemento común, en principio non é preciso o voto unánime para que os acordos sexan válidos. Estas estacións teñen un peso superior ós 1.500 quilogramos e a súa instalación require obras importantes de acondicionamento da cuberta. Na medida en que esas obras impliquen unha alteración ou modificación da estructura da cuberta ou do edificio, será precisa a unanimidade.
¿Pode nalgúns casos ser válido un acordo maioritario?
O xulgado de 1ª instancia de Bilbao nº 2, en sentencia do nove de xuño do 2001, cualificou a instalación dunha antena de telefonía móbil como unha obra menor e subsidiaria. Neste sentido, bastaría un acordo maioritario de tres quintas partes da Xunta.
Aínda así, ¿poderían os veciños disidentes demandar á comunidade de propietarios?
Si, por varios motivos. Poden interpretar que a instalación altera o aspecto e a configuración do edificio e que o acordo é nulo por non darse a unanimidade. A decisión será do xuíz. Os disidentes poderían tamén ampararse no artigo 18.1, c) da Lei de Propiedade Horizontal, que establece que os acordos adoptados en Xunta de propietarios son impugnables cando supoñan un grave prexuízo para algún propietario que non teña obriga xurídica de aturar. Disporían de tres meses para acudir ós tribunais. Algúns xuíces consideraron que as estacións base e as antenas emiten radiacións non ionizantes que penetran no interior das vivendas máis próximas e que nos domicilios particulares non teñen por qué seren aturadas, xa que nestas sentencias se asegura que hai unha dúbida fundada sobre se son ou non inocuas para a saúde.
Pero, ¿pódense ou non se poden instalar estas antenas e estacións base?
Os domicilios particulares, especialmente protexidos na Constitución, non teñen obriga de aturaren inxerencias alleas. Mal cheiro, ruídos ou filtracións de augas, ó igual cás inmisións electromagnéticas, son inxerencias que non hai obriga de aturar, de tal maneira que o afectado pode solicitarlle ó xuíz o seu cese. Algúns xuíces están aplicando o réxime legal e xurisprudencial das servidumes a estes casos. Segundo o Código Civil, unha servidume é un gravame imposto sobre un inmoble en beneficio doutro inmoble que pertence a un dono distinto.
A inxerencia nun inmoble de inmisións electromagnéticas procedentes da estación base emprazada no tellado do edificio, ¿implica unha servidume a favor da comunidade de propietarios?
Así o están interpretando os xuíces. A intromisión permanente das radiacións de telefonía móbil nunha vivenda, emitidas por unha fonte exterior, debe estar, en tanto que servidume, amparada en causa legal, ou ser consentida polo copropietario. Se non se ampara en causa legal e non é consentida polo afectado, unha vez que queda acreditada a existencia da inxerencia, para que teña a obriga de aturala na súa vivenda ou local particular, quen causa a inxerencia debe acreditar que non molesta, que é inocua, que en nada prexudica.
Daquela, ¿chegaría con probar que a inxerencia de radiacións non ionizantes de telefonía móbil non é prexudicial para a saúde?
Semella que si, pero, como falta constatación científica, ou mellor, un consenso da comunidade científica, ninguén está en condicións de afirma-lo carácter nocivo ou inocuo para a saúde destas radiacións. Algúns xuíces sinalan que só se pode contar cunha dúbida fundada sobre os posibles efectos nocivos para a saúde.
Pero haberá estudios científicos sobre este tema…
Hainos, pero a comunidade científica internacional conclúe que non hai evidencia nin sobre a inocuidade nin sobre os efectos nocivos das ondas electromagnéticas para a saúde humana e o medio natural. Espérase que para o 2006 os estudios proporcionen conclusións. Entrementres, temos recomendacións da Unión Europea, recollidas polo Real Decreto, aprobado o pasado mes de setembro no noso país.
- Unha vez acreditada a existencia dunha inxerencia nunha propiedade allea, e máis cando se trata dun domicilio particular, como dereito constitucional á intimidade, o autor da inxerencia en propiedade allea debe proba-la inocuidade da inxerencia, en tanto que é ó inxerente a que corresponde afirma-la lexitimidade da súa intromisión. Se unha comunidade de propietarios acredita que a intromisión de emisións electromagnéticas nun domicilio é inocua, quedaría lexitimado para continuar emitindo, pero é unha proba imposible de presentar atendendo ó estado actual da investigación científica.
- Outro aspecto xurídico atopámolo na Lei de Propiedade Horizontal. Debátese cál é o réxime legal para que un acordo comunitario de instalación nos seus elementos comúns dunha estación base de telefonía sexa válido. A inmensa maioría das escasas sentencias dictadas sobre este tema declararon nulos os acordos adoptados por maioría. Unhas, por constituíren unha servidume sobre as vivendas dos copropietarios disidentes do acordo. E outras, por considerarse precisa a unanimidade para a súa adopción conforme á LPH.
- No tocante ós efectos sobre a saúde, non hai certeza científica ó respecto, polo que se agardan os resultados que teñan estas investigacións, presumiblemente non antes do 2006. Para algunhas organizacións sociais, isto implica un risco para a saúde da poboación afectada polas radiacións non ionizantes de telefonía móbil co fin de estudia-los efectos.