Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Accidentes de tráfico e aseguradoras : Cando dar parte se complica

A ampla casuística de sinistros e o noso descoñecemento das condicións do seguro motivan que dar parte se converta nun labor difícil e problemático

Qué facer se...

A casuística dos accidentes é tan variada que, dependendo das circunstancias do sinistro e do comportamento das aseguradoras dos vehículos implicados, un simple parte pode derivar na reclamación que non acaba nunca.

Tras unha colisión, o vehículo culpable do incidente foxe. Un dato imprescindible para a reclamación é dispor da matrícula do coche. Con ela, primeiro a través da Xefatura Provincial de Tráfico e de seguido empregando o FIVA (Ficheiro Informático de Vehículos Asegurados) a aseguradora pode identifica-lo causante do accidente e a aseguradora do mesmo, correspondéndolle a esta o pagamento das indemnizacións derivadas do sinistro. Se non é posible identifica-lo vehículo fugado, o Consorcio de Compensación de Seguros farase cargo da indemnización dos danos persoais (non dos danos materiais) ocasionados por ese vehículo. Se é roubado ou carece de seguro, o Consorcio de Compensación de Seguros tería que indemniza-los danos tanto persoais coma materiais.

As compañías aseguradoras non se poñen de acordo. As compañías xestionan os sinistros en función dos datos facilitados polos asegurados. Unha información clara -sobre todo no tocante á ocorrencia do sinistro- tórnase fundamental para unha correcta tramitación do parte. En caso de que as aseguradoras dos vehículos implicados no accidente non cheguen a un acordo amigable, e dependendo dos elementos probatorios dispoñibles, pódese inicia-la vía xudicial.

Nun sinistro, o culpable non o recoñece e a súa compañía négase a pagar. Se un conductor non pode probar quén é o responsable do sinistro (non ten testemuñas nin outro xeito de culpa-lo outro conductor), os danos materiais corren a cargo del mesmo (se ten contratado un seguro a todo risco pode dar parte).

Durante unha viaxe, sóltase unha maleta da baca do coche e bate no vehículo propio e no que circula detrás. Os danos provocados no outro vehículo están cubertos polo seguro de Responsabilidade Civil (“a terceiros”). Polo que atinxe ós danos no vehículo propio e na equipaxe, depende das coberturas complementarias que se contrataran. O seguro obrigatorio exclúe os danos sufridos polas cousas transportadas. Neste caso só se podería reclamar se se contrataron pólizas de danos propios ou asistencia en viaxe (que podería cubri-la perda ou estrago da equipaxe).

A póliza do seguro caducou poucos días antes do sinistro. Tralo vencemento da póliza, a compañía farase cargo dos sinistros acontecidos dentro do mes seguinte, pero só se despois o cliente renova o seguro coa mesma entidade dentro dese “mes de gracia”. Se o accidente ocorre xa pasado o mes desde que expirou a póliza, esta entra en suspenso e aínda que se renove a póliza coa mesma compañía, eses danos non se cobren.

Tralo roubo dun coche, este aparece con estragos. Sempre que o seguro contratado inclúa cobertura de roubo do vehículo, a entidade aseguradora farase cargo dos danos ocasionados ó mesmo. Se no período no que o vehículo estivo desaparecido provoca danos en persoas ou cousas, o Consorcio de Compensación de Seguros farase cargo dos producidos a terceiros, pero non dos do propio vehículo.

Accidentes con amigos ou familiares. Ante un sinistro no que os ocupantes do vehículo son amigos ou familiares do conductor culpable do accidente, estes poden, e deben, reclamar por lesións ou danos se os houber, aínda que a aseguradora do conductor intente convencelos do contrario, alegando que deste xeito poden prexudica-lo amigo ou familiar que conducía o vehículo, xa que en caso de indemnización, é a compañía, e non o asegurado, quen corre cos gastos. Só un xuízo por imprudencias graves ou delictos cometidos podería prexudica-lo conductor, se é considerado culpable.

O asegurado dubida do bo facer dos avogados da súa compañía. Se o tomador do seguro ten contratado un seguro de asistencia xurídica e non confía nos avogados da súa aseguradora, esta deberá cubri-los honorarios do avogado que o seu cliente elixa, xa que segundo a Lei 21/90, “todo asegurado ten dereito á libre elección de Avogado e Procurador”. Pero, ollo, algunhas pólizas conteñen cláusulas que indican claramente que só se aboará parte -que pode ser unha porcentaxe ou unha cantidade fixa- da minuta do avogado contratado. Antes de solicitar pola nosa conta os servicios dun letrado, cómpre sopesar detidamente se ese gasto nos compensará.

O seguro atrásase no pagamento da indemnización. A aseguradora á que lle corresponda a indemnización debe efectua-lo pagamento de xeito inmediato ou, en calquera caso, nos corenta días posteriores á declaración do sinistro. Se o pagamento se retarda máis de tres meses, o asegurado debe esixir que a indemnización se incremente co interese legal do diñeiro incrementado nun 50%.

Xorden discrepancias coa nosa compañía de seguros. Se un usuario ten problemas coa súa aseguradora, pode recorrer ó servicio de atención ó cliente da súa compañía de seguros, ó Defensor do Asegurado da compañía (se o ten), á Dirección Xeral de Seguros, á Xunta Arbitral de Consumo ou á vía xudicial.

Convenios entre aseguradoras

Se ben as compañías insisten en que o sistema de convenios entre aseguradoras xurdiu para axilizar trámites e acurtar prazos de reclamación e cobro de indemnizacións, o certo é que, quizais porque se descoñece o seu funcionamento, estes acordos provocan malestar, desconfianza e reclamacións por parte dos usuarios. A causa destes convenios, é a propia aseguradora do usuario a que, en caso de sinistro, lle aboa a indemnización que debería paga-lo seguro do outro vehículo, sempre e cando non exceda de determinada contía. Estes convenios suscitan tres tipos de reclamacións:

  • Cando, tras sufrir un sinistro con outro automóbil con responsabilidade deste último, a propia aseguradora, en virtude destes convenios, lle propón ó seu asegurado o pagamento do valor venal (valor de venda, coa correspondente depreciación por uso) do vehículo, no canto da reparación do mesmo, baseándose na cobertura de “Danos Propios” do seu propio seguro, cando o que se debe facer é esixi-la Responsabilidade Civil do outro vehículo. Pola súa banda, as aseguradoras afirman que esta práctica nada ten que ver cos convenios.
  • Outra cuestión obxecto de reclamación é a asistencia xurídica en reclamacións a terceiros. A este respecto, o conflicto orixínase cando, tendo contratado un seguro de asistencia xurídica, e ante un determinado sinistro, a aseguradora se nega a reclamalo xudicial ou extraxudicialmente alegando falta de viabilidade, e a cambio ofrécelle ó tomador do seguro a indemnización proposta pola outra aseguradora, que adoita coincidir co máximo ó que están dispostas a responsabilizarse as aseguradoras propias do prexudicado dentro destes convenios. Segundo as aseguradoras, esta medida pretende evitar que o cliente opte pola vía xudicial por cuestións menores (por escachar un faro, por exemplo) ou en casos nos que tódalas probas apuntan contra o seu cliente. De tódolos xeitos, se o titular da póliza decide seguir adiante, contrata a un letrado e gaña o caso, as compañías de seguros deberán paga-la minuta do avogado.
  • O último punto que xera malestar é a perda das bonificacións na póliza do usuario que poden motivar estes convenios. Aínda que non tódalas compañías actúan deste xeito, o titular dunha póliza pode comprobar que, sen ser responsable de tres colisións que sufriu, a súa aseguradora lle resta bonificacións, xa que, por causa destes convenios, é a súa propia compañía a que lle aboou as indemnizacións.

Trámites, paso a paso

  • En caso de sufrir un accidente na estrada o primeiro que cómpre facer é determinar se se produciron danos físicos.
  • Cando hai lesións, feridos ou falecidos, ou se o conductor contrario está baixo os efectos do alcohol ou se nega a aceptar posibles responsabilidades, a presencia da policía e, no seu caso, a asistencia médica, fan máis doado levantar un atestado que sirva como proba para un posible xuízo.
  • Se os danos só afectan á carrocería dos vehículos e son leves, o primeiro é tomar nota dos datos persoais do outro conductor e do seu vehículo. Se ámbolos conductores asinan a Declaración Amigable de Accidente, cumprimentaranse tódolos apartados e farase un esbozo do accidente que servirá como reconstrucción dos feitos.
  • A tramitación amigable acelera os trámites e os períodos de cobro, de seren precisos.
  • Nun parte de accidente deben figura-los datos dos vehículos e conductores implicados, o nome da compañía aseguradora e o número de póliza, así como toda a información sobre as condicións e circunstancias nas que se produciu o accidente, danos e lesións.
  • Non está de máis tomar nota, a nivel persoal, do nome e teléfono das testemuñas do accidente, que poderían ser de axuda en caso de que non haxa acordo na versión ofrecida ás respectivas compañías de seguros.
  • De seguido, tódalas partes implicadas no accidente deben dar parte á súa compañía de seguros nun prazo máximo de sete días, non sendo que se fixara na póliza un prazo máis amplo. A compañía aseguradora que corra a cargo da indemnización mandará un perito para que avalíe os danos do coche.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións