Barriñas enerxéticas de plátano e de chocolate: analizadas oito mostras

Calorías e nutrientes para repoñerse do esforzo deportivo

Aínda que non faltan as irregularidades, todas cumpren co seu cometido e chama a atención que a que máis gustou na cata foi a máis barata.
1 Abril de 2006
Img analisis listado 116

Calorías e nutrientes para repoñerse do esforzo deportivo

Analizáronse oito barriñas enerxéticas, catro con chocolate e as outras catro con plátano, que pesaban desde 35 ata 80 gramos e custaban ben distinto: entre 12,50 euros o kilo (Aptonia chocolate) e case 38 euros o kilo (Enervit chocolate). Destinadas a quen fai deporte intenso (son demasiado enerxéticas para a poboación en xeral, e véndense fundamentalmente en establecementos especializados en produtos deportivos), estas barriñas achegan axiña ao organismo a enerxía que axuda á recuperación tras o esforzo e a compensar o gasto que implica o exercicio.

A súa composición nutricional é moi diversa: os hidratos de carbono representan entre o 60% e o 77% do produto, a graxa vai desde o 3% en Power Bar chocolate ata o 24% de Aptonia chocolate, a proteína entre o 4% e o 15%, e a achega enerxética é de 370 a 490 calorías cada cen gramos. Pero non todo termina nos macronutrientes: a análise química constatou que nas dúas mostras Enervit o contido en vitaminas era notablemente inferior ao declarado na etiqueta, que as dos Energy Cake eran as únicas non enriquecidas en vitaminas, e que Power Bar engadía ata 10 vitaminas distintas.

A análise microbiolóxica revelou que agás Enervit con plátano, que superou os límites permitidos para mofos (defecto leve), as barriñas atopábanse en bo estado hixiénico-sanitario. E a análise específica de detección de transxénicos demostrou a ausencia de ingredientes ou aditivos xeneticamente modificados nestas barriñas.

Sobresaíu na cata, con 7,2 puntos, /imgs/20060401/img.analisis1.02.jpgAptonia chocolate, mentres que Power Bar chocolate foi a que saíu peor parada, con só 3,5 puntos e chegando a desgustar a algúns xuíces. Nas de plátano só destacou, e negativamente, Power Bar, con 4 puntos.

O galardón de mellor relación calidade-prezo recaeu na barriña con chocolate Aptonia, que é a máis barata (sae a 12,50 euros o kilo, cando o custo medio das outras sete é de máis de 30 euros o kilo) e a que máis gustou aos consumidores. É certo que ten máis graxa que as demais (o 23,5%, cando a media das outras é do 12%) e que é a máis enerxética (case 490 calorías cada cen gramos; a media das demais é un 18% menos), pero isto é admisible nun alimento destas características. Entre as que saben a plátano, Isostar é unha opción interesante.

Composición nutricional

Son produtos pensados para deportistas, e poden substituír galletas, froitas, chocolate e froitos secos, alimentos que tradicionalmente se inxeriron durante ou despois dos esforzos intensos ou prolongados. Noutras palabras, é unha forma rápida e cómoda de proporcionar ao organismo unha xenerosa dose de enerxía e nutrientes cando os necesita.

A composición destas barriñas é moi variada, por algo os seus ingredientes son ben distintos. Os máis abundantes son cereais (copos de avea, trigo, millo, arroz, farelo), groitas e froitos secos, azucre, mel, lactosa e outros compoñentes lácteos, leite en po e chocolate. Algúns fabricantes enriquécenas con proteínas lácteas ou vexetais, como as de soia, e con vitaminas e minerais.

As oito barriñas son moi enerxéticas, debido ao seu gran contido en hidratos de carbono. As dúas de Power Bar (370 calorías cada cen gramos) foron as menos enerxéticas, e Aptonia con chocolate erixiuse na máis calórica, coas súas 488 calorías/100 g. A humidade ou contido en auga destas barriñas é escasa, entre o 5,2% de Aptonia e o 11% de Energy Cake con plátano.

Hidratos de carbono, maioritarios

Os carbohidrados destas barriñas proceden tanto dos cereais (hidratos de carbono complexos) coma da sacarosa e outros azucres sinxelos como a frutosa, lactosa e xarope de glicosa. Se se engade mel, caramelo, leite condensado (leite e azucre), anaquiños de froita ou froitas desecados, o contido de azucres aumenta. Neste comparativo, as barriñas con plátano teñen en xeral máis hidratos de carbono (media do 72%) ca as de chocolate (63%), se ben unha de plátano, Energy Cake, tiña menos carbohidratos (65%) ca outra de chocolate (Power Bar, 70%). En canto á graxa, destacan Energy Cake e Aptonia, ambas de chocolate e con máis do 20% de graxa; as menos graxas foron as de Power Bar, que non chegaban ao 4%. Respecto ao perfil lipídico, nas barriñas de chocolate case a metade da graxa é saturada, a menos saudable. Nas de plátano, as diferenzas foron notables: o 80% da graxa de Isostar é saturada, mentres que en Enervit e Energy Cake andaba polo 60% e en Power Bar queda nun 23%. Agora ben, estas proporcións de graxa saturada hai que relacionalas co contido total en graxa: as barriñas con máis graxa saturada son as dúas de Energy Cake e Aptonia chocolate (ao redor de 11 gramos cada cen gramos de alimento) e as que menos, as dúas Power Bar, ambas con menos de 2 g/100g.

Por outra parte, as barriñas máis proteicas son as de Power BAr (con máis do 14% de proteínas), e no outro extremo figuran as outras con plátano: Energy Cake (5%), Enervit (4,6%) e Isostar (3,9%).

Vitaminas

Os fabricantes destas barriñas enriquécenas con vitaminas (seis das oito estudadas) e minerais (só tres barriñas), que interveñen no aproveitamento de nutrientes polo noso organismo e nos procesos de obtención de enerxía a partir dos alimentos, cometidos que adquiren especial relevancia nos períodos e situacións que implican un gran desgastamento enerxético. A análise comprobou que as barriñas máis vitaminadas son as dúas de Power BAr, enriquecidas en vitamina C, tiamina, riboflavina, niacina, ácido pantoténico, piridoxina, ácido fólico, vitamina B12, biotina e vitamina E, que se atopan en cantidade tal que, con 100 gramos dunha destas barriñas, cóbrese a cantidade diaria recomendada para todas menos unha (tiamina ou vitamina B1) delas. No polo contrario encóntranse as barriñas Energy Cake, non enriquecidas en vitaminas nin en minerais.

Os expertos en nutrición advirten de que o consumo excesivo ou desordenado destes e outros produtos enriquecidos en nutrientes pode conducir a un sobreconsumo dos mesmos se se supera a inxesta recomendada polo fabricante. E se ben unha destas barriñas pode chegar a proporcionar as cantidades diarias recomendadas de moitas vitaminas, estas poden obterse (e é máis saudable desta maneira) mediante unha dieta equilibrada e variada.

Os fabricantes non enriquecen os seus produtos engadindo unha por unha a cantidade de cada vitamina, senón que adicionan un preparado que contén as diversas vitaminas nas cantidades desexadas. Cando se detecta un déficit dunha ou varias vitaminas nunha barriña, o normal é que afecte a todas ou boa parte das engadidas: o máis probable é que se engadira menos cantidade da prevista deste preparado. Es é, quizais, o caso das dúas barriñas Enervit: todas as vitaminas engadidas agás unha (a niacina, e só na barriña de chocolate) encontráronse en proporción inferior á indicada no envase. Tamén nas barriñas Power Bar se detectou menos contido do declarado en vitaminas: en tres vitaminas na de chocolate e en dúas na de plátano. Pola súa parte, as dúas Aptonia e a de Isostar (plátano) axústanse, e mesmo nalgúns casos superan, a carga vitamínica declarada nas súas etiquetas.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse oito barriñas enerxéticas para deportistas, catro con chocolate e outras catro con plátano. Achegan axiña ao organismo a enerxía que axuda á recuperación tras o esforzo e a compensar o gasto que implica o exercicio.
  • A súa composición é moi diversa, convén ler a lista de ingredientes. Os hidratos de carbono representan entre o 60% e o 77% do produto, a graxa desde o 3% ata o 24% e a proteína entre o 4% e o 15%.
  • A achega enerxética é alta: de 370 a 490 calorías cada cen gramos, segundo a barriña de que se trate.
  • O contido de vitaminas nas dúas barriñas Enervit era notablemente inferior ao declarado.
  • As dúas de Energy Cake son as únicas non enriquecidas en vitaminas nin minerais.
  • A mellor relación calidade-prezo é a barriña con chocolate Aptonia: a máis barata e a que máis gustou aos consumidores.
Marca Aptonia Enegy Cake Power Bar Power Bar
Sabor Chocolate Chocolate Chocolate Chocolate
Prezo (euros / kilo) 12,50 28,13 37,86 30,77
Formato (ml) 40g 80g (3 u.) 35g 65g
Etiquetaxe 1 Correcto Incorrecto Incorrecto Correcto
Humidade (%) 5,2 9,6 8,7 9
Hidratos de carbono (%) 59,3 59,9 63 69,7
Graxa total (%) 23,5 22 16,7 3,4
Saturados (%) 44,8 50 46,5 44,9
Insaturados (%) 55,2 50 53,5 55,1
Proteina (%) 9,9 6,9 9,5 14,7
Valor calórico (Kcal/100 g) 488 465 440 368
Vitaminas2
-Vitamina C (mg/100 g) 20,4 63,8
-Tiamina (vit. B1) (mg/100 g) 0,7 1,5 0,4
-Riboflavina (vit. B2) (mg/100 g) 1 2,1
-Niacina (vit. B3) (mg/100 g) 16,9 26
-Ac. Pantoténico (vit. B5) (mg/100 g) 7,5
-Piridoxina (vit. B6) (mg/100 g) 0.9 2,3 2,6
-Ac. Fólico (vit. B9) (µg/100 g) 267
-Vitamina B12 (µg/100 g) 1,5
-Biotina ( µg/100g) 162
-Vitamina E (mg/100 g) 10 12
OGM 3 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Estado microbio- lóxico4 Correcto Correcto Correcto Correcto
Cata (1 a 9) 7,2 5,7 6,2 3,5
Marca Isostar Energy Power Bar Enervit
Sabor Chocolate Chocolate Chocolate Chocolate
Prezo (euros / kilo) 25,96 28,13 30,77 32,50
Formato (ml) 40g(3 u.) 80g (3 u.) 65g 40g
Etiquetaxe 1 Correcto Incorrecto Correcto Incorrecto
Humidade (%) 8,6 10,8 8,8 8,7
Hidratos de carbono (%) 77,1 64,8 70,2 75,5
Graxa total (%) 9,1 17,9 3,8 9,9
Saturados (%) 80 58,7 23,1 62,5
Insaturados (%) 20 41,3 76,9 37,5
Proteina (%) 3,9 5 14,3 4,6
Valor calórico (Kcal/100 g) 406 440 372 410
Vitaminas2
-Vitamina C (mg/100 g) 40,7 81,7 60,5
-Tiamina (vit. B1) (mg/100 g) 1 0,9 1,7
-Riboflavina (vit. B2) (mg/100 g) 0,9 2,2
-Niacina (vit. B3) (mg/100 g) 10,4 24,3 10,5
-Ac. Pantoténico (vit. B5) (mg/100 g) 7,7
-Piridoxina (vit. B6) (mg/100 g) 1,7 3 1,9
-Ac. Fólico (vit. B9) (µg/100 g) 248
-Vitamina B12 (µg/100 g) 1,5
-Biotina ( µg/100g) 166
-Vitamina E (mg/100 g) 6,8 19 11,1
OGM 3 Ausencia Ausencia Ausencia Ausencia
Estado microbio- lóxico4 Correcto Correcto Correcto Incorrecto
Cata (1 a 9) 6,1 5,7 4 6

(1) Etiquetaxe: as dúas barriñas de Energy Cake incumpren a norma de etiquetaxe por non indicaren no campo visual toda a información requirida. Nas dúas de Enervit o “Incorrecto” débese a que o seu contido real de vitaminas é inferior ao indicado na etiqueta.

(2) Vitaminas: figuran en grosa os valores que expresan un contido real de vitaminas inferior ao anunciado na etiqueta destas barriñas enerxérticas.

(3) OGM: organismos modificados xenéticamente.

(4) Estado microbiolóxico: Enervit plátano incumpre a normativa hixiénico-sanitaria ao superar o límite máximo establecido para os mofos; agora ben, esta irregularidade no supón un risco sanitario para a poboación en xeral.

Un a un

Unha por unha, oito barriñas para deportistas

Aptonia

/imgs/20060401/barrita_aptonia.jpg“Barriña de cereais con chocolate praliné de alto contido en magnesio enriquecida con vitaminas”
Sae a 12,50 euros o quilo, a máis barata.
A mellor relación calidade-prezo. Con chocolate. Cada barriña pesa 40 gramos. Contido en graxa (23,5%) e proporción de graxa saturada, entre os máis altos. A máis enerxética: 488 calorías cada cen gramos.
En cata, con 7,2 puntos, foi a que máis agradou: gustou polo seu “sabor moi agradable”, “renxente”, “aparencia” e polo “sabor que deixa”, e foi criticada polo sabor do chocolate e por ser “un pouco dura”.

Energy Cake

/imgs/20060401/barrita_energycake_chocolat.jpg“Snack a base de avea e froitas”
Sae a 28,13 euros o quilo.
Con chocolate. Cada barriña pesa 80 gramos. Incumpre a norma de etiquetaxe por non incluír no mesmo campo visual toda a información obrigatoria. O seu contido en graxa (22%) e a proporción de graxa saturada, entre os máis altos. Non enriquecida en vitaminas nin minerais.
En cata, con 5,7 puntos, posición intermedia: gusta por “sensación ao mastigar” e “bo sabor”; pero critícase por “demasiado doce”, “un pouco seca” e polo “sabor que deixa”.

Enervit

/imgs/20060401/barrita_enervit1.jpg“Barra de froita, cereais e vitaminas recuberta de chocolate con leite”
Sae a 37,86 euros o quilo, a máis cara.
Muesli con chocolate. Cada barriña, 35 gramos. Irregularidade importante: contido inferior ao declarado en catro das cinco vitaminas engadidas.
En cata, con 6,2 puntos, posición intermedia: gusta polo seu “sabor” e “aparencia” e porque “se mastiga ben”, pero é criticada polo seu “sabor moi doce” e porque resulta “branda, coma un goma de mascar”.

Power Bar

/imgs/20060401/barrita_powerbar.jpg“Barriña deportiva a base de avea, rica en carbohidratos para atletas e xente activa con vitaminas e aminoácidos”
Sae a 30,77 euros o quilo.
Con chocolate. Cada barriña pesa 65 gramos. Contido graxo (3,4%) e achega enerxética (368 calorías cada cen gramos), dos máis baixos. É a barriña máis vitaminada e está enriquecida en 10 vitaminas e en cinco minerais.
En cata, con 3,5 puntos, unha das dúas peores, gustaron o seu sabor e sabor residual, pero foi criticada por “moi dura”, “pegañenta” e “moi doce”.

Isostar

/imgs/20060401/barrita_isostar.jpg“Barra enerxética de longa duración”
Sae a 25,96 euros o quilo, a máis barata das de plátano.
A mellor opción das de plátano. Cada barriña pesa 40 gramos. A de máis hidratos de carbono (77%).
En cata, con 6,1 puntos, entre as mellores das de plátano: gusta por “moito sabor a plátano” e polo seu aspecto, pero é criticada por “moi doce”.

Energy Cake

/imgs/20060401/barrita_energycake.jpg“Snack a base de avea e froitas”
Sae a 28,13 euros o quilo.
Con plátano. Cada barriña pesa 80 gramos. Incumpre a norma de etiquetaxe por non incluír no mesmo campo visual a información obrigatoria. Unha das de máis graxa saturada, a menos saudable. Non enriquecida en vitaminas nin en minerais.
En cata, con 5,7 puntos, entre as preferidas dentro das de plátano: gusta polo “sabor natural a plátano”, “fácil de mastigar” e “aparencia”; pero é criticada por “demasiado grande” e “moi doce”.

Power Bar

/imgs/20060401/barrita_powerbar_banana.jpg“Barriña deportiva a base de avea, rica en carbohidratos para atletas e xente activa, con vitaminas e aminoácidos”
Saen a 30,77 euros o quilo
Con plátano. Cada barriña pesa 65 gramos. A súa achega graxa (3,8%) e enerxética (372 cal/100 g) son as máis baixas. A máis vitaminada, e enriquecida en 10 vitaminas e cinco minerais.
En cata, con 4 puntos, a menos preferida das de plátano: gustou porque “sabe moito a plátano”; pero tamén é criticada por “moi dura” e “moi doce”.

Enervit

/imgs/20060401/barrita_enervit2.jpg“Barra de froita, cereais e vitaminas recuberta de chocolate con leite”
Sae a 32,50 euros o quilo.
Con plátano. Cada barriña pesa 40 gramos. Irregularidade importante: o contido nas cinco vitaminas engadidas era inferior ao declarado. Unha das de máis hidratos de carbono (75%). Estado hixiénico-sanitario incorrecto: supera o máximo de mofos.
En cata, con 6 puntos, entre as mellores de plátano: gusta polo “sabor do chocolate”, “aparencia” e “sensación ao mastigar”; pero é criticada por “pouco sabor a plátano” e “pastosa”.