Os nenos tamén necesitan límites
Unha das grandes dúbidas de pais e nais na educación e socialización dos seus fillos e fillas é referente aos límites que deben imporlles nas súas actitudes e comportamentos. Cando hai que recriminar, advertir ou castigar un neno? En que momento o exercicio da autoridade pasa do necesario ao abusivo? Como podemos guiar os nosos fillos sen xerar tensións innecesarias? As preguntas amontóanse e non sempre se atopan respostas. Un primeiro paso para afrontar estas dificultades consiste en tomar conciencia de que non é beneficioso, para pequenos nin para adultos, protexer e escusar por sistema a actitude dos fillos e fillas.
As consecuencias da permisividade total e a sobreprotección poden ser moi negativas. Velaquí dous exemplos reais e cada vez máis habituais. No primeiro caso, un neno duns oito anos achégase a unha mochila nun centro comercial e arríncalle un elemento decorativo. O dependente chámalle a atención e pídelle que llo devolva. O neno acode ao seu pai dicindo que o empregado o maltratou. Acto seguido, o pai encárase co dependente e desautorízao de mala maneira, en público e diante do seu fillo. Que aprende este neno? Que o seu pai o defenderá aínda que se comporte mal. É dicir, que portarse mal non está mal.
No segundo, un pai é xulgado por darlle unhas labazadas a un profesor. A razón: o docente amoestara a súa filla porque non quería entrar na clase despois do recreo. O pai non acode ao xuízo. O profesor non pide sanción: só quería que o proxenitor lle pedira desculpas diante da súa filla, para que esta soubese a diferenza entre un comportamento correcto e outro incorrecto. Pero non hai desculpas e o profesor cambiou de colexio. A nena segue no centro.
Do autoritarismo á liberdade
Estas son só dúas mostras dun fenómeno social crecente e preocupante que non ten unha soa explicación. Moitos investigadores aseguran que a experiencia familiar dos actuais proxenitores influíu de forma notable. Hai vinte anos, adultos formados cunha educación familiar estrita estreáronse na tarefa de ser pai ou nai, convencidos de que había que superar o autoritarismo que sufriran. Iso empurrou moitos deles a deixar facer, a non levar a contraria ao fillo ou filla para que non sufrise traumas psicolóxicos. a non usa os castigos como método de aprendizaxe, a satisfacer caprichos, a protexer os fillos e mesmo desprestixiar nalgúns casos outros educadores, principalmente mestres.
A tolerancia á frustración e o autocontrol
Na educación dun fillo non se poden evadir as normas nin a xerarquía. Un neno aprende que cando a súa nai ou o seu pai din que non, esa decisión é inamovible. A frustración que lle xerará é inevitable, pero debe aprender a tolerala e convivir con ela porque as normas son precisamente as que lle dan seguridade,e ensínano a confiar nun criterio sólido.
Diante dunha espernexada ou un enfado, pódese ignorar ata que recobre a calma, pero non celebrar que se tranquilizou nin negar o conflito. Tras perder o autocontrol e recuperar a tranquilidade, o neno agarda expectante. A indiferenza doeralle máis que un castigo ponderado, polo que convén facerlle ver o estéril do seu comportamento cun exercicio da autoridade que lle permita aprender algo da experiencia.
Pór límites ás condutas, non aos sentimentos
Os nenos necesitan ser guiados polos adultos e para isto é fundamental establecer regras coas que fortalecer condutas e lograr o seu crecemento persoal. Os límites débense orientar ao comportamento do neno, non á expresión dos seus sentimentos. Pódeselle esixir que non faga algo, pero non se lle pode pedir, por exemplo, que non sinta rabia ou que non chore. As marxes deben fixarse sen humillar o neno para que non se sinta ferido na súa autoestima. Por iso, non se debe descualificar (“es un parvo”, “es malo”…), senón marcar o problema (“iso que fas ou iso que dis está mal”). Convén dar razóns, pero non excederse na explicación. Os sermóns non serven de moto. Os nenos responden aos feitos non ás palabras. Un xesto de firmeza e serenidade, acompañado de poucas palabras, será máis efectivo ca un discurso.
Por que nos custa pór límites aos nosos fillos e fillas?
- Porque non nos sentimos fortes abondo para enfrontármonos aos nosos fillos.
- Porque demasiado a miúdo somos compracentes cos nosos fillos e fillas para compensarmos o pouco tempo que lles podemos dedicar.
- Porque cando a nosa autoestima non pasa polo seu mellor momento queremos ser aceptados polos nosos fillos.
- Porque os adultos, o pai e a nai, nos desautorizan mutuamente e seguimos liñas de actuación claramente contraditorias.
- Deben dedicar tempo aos fillos. Moitas condutas dos fillos non se controlan simplemente porque o seu pai e a súa nai non están dispoñibles para atendelos.
- O neno ten que aprender que sobrepasar os límites pode traer consecuencias negativas para el. En calquera caso, esas consecuencias deben ser proporcionadas e, a poder ser, inmediatas para que o neno o entenda perfectamente.
- No posible, as regras e os castigos deben ser pactados entre os pais e os fillos .
- A disciplina só a poden exercer axeitadamente os proxenitores que sexan capaces de combinar o cariño e o control.
- Convén lembrar que o que máis inflúe nos nosos fillos non é o que lles dicimos ou o que facemos, senón cómo “somos” . Por iso, a educación representa non só revisar as nosas condutas con eles, senón a nosa forma de ser como persoas.
- Precísase un bo clima familiar.
- É normal que os nenos proben tenteando os seus pais para comprobaren ata onde poden chegar. É neste momento cando máis firmes se deben mostrar os pais. Se ceden, despois será moi difícil dar marcha atrás.
- Todo isto inclúe a necesidade de que os pais sexan razoablemente flexibles, segundo as circunstancias e a idade.
- Os efectos de non pór límites moldean un neno que nunca ten abondo, que esixe cada vez máis e que tolera cada vez peor as negativas, un neno que crece cunha escasa ou nula tolerancia á frustración.