A maior prezo máis funcións
É habitual que pais e nais, sobre todo se son primeirizos, eviten deixar só o seu bebé: teñen medo a non escoitar o seu choro ante calquera continxencia. Isto fai que non se afasten do seu lado e que, cando o fan, necesiten comprobar constantemente se todo segue en orde. A solución tecnolóxica que resolve esta angustia son os escoitabebés. Estes equipos están compostos por un emisor que capta e envía por radio calquera son que se produza nun cuarto e por un receptor que reproduce estes sons a varias decenas de metros de distancia. Evidentemente, ademais de para controlar o descanso dos bebés, tamén son de utilidade para persoas maiores ou enfermas que teñen así un medio directo e sinxelo de comunicarse cos seus coidadores. Hai interfonos para bebés moi sofisticados que incorporan sensores de movemento e cámaras de videovixilancia, pero esta análise estudou nove interfonos para bebés que tiñan como única función a de transmitir son, por seren os máis utilizados. Os seus prezos son moi distintos: desde os 50 euros de Saro Visual Phone 4865, ata os 114 euros de Supernova FD-D3.
A mellor relación calidade-prezo é Bebé Due, o máis barato (costa 67 euros) dos que ofrecen unha aceptable calidade de son a 50 metros.
A proba de compatibilidade electromagnética indica se estes equipos están convenientemente illados fronte a interferencias doutros aparellos. Para isto, son sometidos a unha forte interferencia eléctrica, fronte á que Philips demostrou un moi bo comportamento (só perde un 1,4% de calidade de sinal, lonxe do 25% que permite a norma), e de maneira máis pobre Chico, Bebé Due e Supernova (os tres o 8%). Tras esta proba ningún interfono sufriu danos permanentes e todos eles seguiron funcionando con normalidade.
Un dos aspectos nos que máis difiren é no tamaño. Os de menos volume e peso son Saro (o emisor e o receptor teñen 140x58x30 mm) e Supernova (ambos 140x58x32 mm), seguidos de Jané e Miniland (case o dobre de grandes ca os dous anteriores). Philips (sete veces máis grande que o máis pequeno) e Chicco (cinco veces máis grande) son os máis voluminosos.
Estes aparellos non teñen un gran consumo eléctrico: a súa demanda de electricidade está por debaixo dos 10W, aínda que hai diferenzas entre eles: o que máis gasta é Philips, con 6W e o máis austero no consumo eléctrico é Prenatal, con 2,4W. A pesar de que todos funcionan tamén con baterías ou pilas, o máis habitual é que cando están quedos se enchufen á rede eléctrica, de aí a conveniencia de que os seus cables de rede sexan o máis longos posibles para que resulten máis cómodos de utilizar. Supernova, cun cable de máis de tres metros é o único que se distingue do resto, que orbitan entre os 182 cm e 193 cm.
Os nove pódense apagar aínda que estean conectados á rede eléctrica. Supernova e Miniland son os únicos con pantalla (a do primeiro é significativamente máis grande ca a do segundo), o que non significa que emitan vídeo, senón que contan cun ‘display’ no que aparece o estado do escoitabebés. Nos nove pódese alternar entre varias canles de emisión (normalmente dúas, agás Miniland que ofrece oito e Supernova trinta): así, se algunha das frecuencias sofre interferencias (producidas por aparellos similares dos veciños ou outros equipos eléctricos) é posible cambiar a unha canle libre.
Supernova, Pinpon e Miniland ofrecen o maior número de funcións: pódense levar colgados do cinto, permiten axustar a soleira de ruído a partir do cal o emisor transmite, o que evita que o equipo transmita ruído constante e molesto. os tres contan tamén cun indicador visual de son no receptor, isto é, canto maior sexa o nivel de ruído máis luces se acenden. Tamén dispoñen de aviso visual de fin de batería (en Supernova e Miniland este aviso é ademais sonoro), e alertan cando o receptor sae da área de recepción. Saro e Jané son case tan completos coma Supernova, Pinpon e Miniland, pero non contan coa posibilidade de axustaren a soleira de sensibilidade do son, pero si cunha luz nocturna no receptor. O máis austero é Philips, que carece de todas estas funcións.
Miniland é o único no que a parella de dispositivos son á vez emisor e receptor (bidireccional), algo que non parece que teña demasiada utilidade con bebés, pero que si resulta moi práctico no coidado de persoas adultas. No resto de equipos un dos aparellos limítase a emitir, e o outro a recibir o son.
Supernova e Miniland inclúen un xogo de pilas recargables co seu correspondente cargador (pinpon só inclúe pilas para o receptor). Miniland trae auriculares que se conectan ao receptor: útil para controlar o bebé sen molestar os que estean ao redor. O resto non só non inclúe auriculares, senón que tampouco dispón do conector que permitiría ao usuario enchufar uns comprados por el.
Como é moi probable que estes equipos caian ao chan, comprobouse a súa resistencia tirándoos tres veces desde un metro de altura sobre unha táboa de carballo (que simula o chan convencional dun fogar). Aínda que todos seguiron funcionando tras a proba, en Prenatal e Saro as tapas do emisor e do receptor abríronse (caéronlles as baterías). En Pinpon ocorreu o mesmo, pero só co emisor.
A distancia de separación entre o emisor e o receptor á que supostamente poden funcionar estes transmisores e que vén indicada nos manuais refírese a condicións ideais de transmisión: isto é, espazos abertos e sen obstáculos nos que rara vez van ser utilizados. Por iso, seis usuarios avaliaron a calidade de transmisión do son a diferentes distancias: 16, 35 e 50 metros, nun contorno real con tabiques entre o emisor e o receptor (a configuración habitual dunha casa). A calidade de transmisión foi aceptable a 16 metros e 35 metros, sen diferenzas significativas entre os equipos.
A 50 metros o comportamento duns equipos e outros si que variou notablemente: a transmisión foi pésima en Supernova e Pinpon e mala en Prenatal, Saro e Jané. Bebé Due e Chicco quedan en aceptable e Philips acada o “ben”. A mellor con diferenza é Miniland, a única cunha transmisión clara e libre de interferencias a esta distancia.
Coa fin de obter unha impresión real dos interfonos, realizouse unha avaliación subxectiva por seis usuarios habituais deste tipo de equipos. Cada consumidor valorou distintos aspectos e funcións do 1 ao 10. Os equipos mellor valorados polos seis usuarios foron Supernova e Miniland, os dous con 7,3 puntos sobre 10. Destacan pola calidade do son, o seu pequeno tamaña e peso e as súas funcionais prestacións. Miniland gusta polo deseño, é moi fácil de levar, ten un grande alcance e permite o seu uso en ámbolos sentidos (é bidireccional). Pinpon é o que consegue unha menor puntuación (6 puntos): non gustou o seu deseño e acabado (a súa carcasa é transparente). Ademais, os usuarios criticaron que o seu manual estivese unicamente en inglés. Philips, o segundo peor con 6,1 puntos, fallou polo seu gran peso e volume, ao contrario que Supernova, Jané e Miniland que destacaron positivamente neste punto.
Os nove son fáciles de usar e transportar e a súa calidade de son en distancias curtas (35 metros reais, isto é, entre tabiques) é satisfactoria. Pinpon, Saro e Miniland non inclúen garantía, a pesar do cal os consumidores que os adquiran están cubertos polos dous anos de protección que fixa a lei. As instrucións de Pinpon, ao igual que as súas indicacións de seguridade, veñen en inglés, e non en castelán como é preceptivo.
Ao ser un produto que vai estar preto dos bebés (moitas veces, mesmo dentro do berce) convértese en esencial que cumpran escrupulosamente todas as normas de seguridade. As probas realizadas polo laboratorio son rigorosas e inclúen a comprobación de que un funcionamento anormal non cause lume, que soportan os picos de electricidade, que os seu recubrimento é illante, e que os mandos e tapa son resistentes. Os nove son seguros, aínda que Pinpon suspende porque as súas advertencias de seguridade están redactadas unicamente en inglés.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
Analizáronse nove interfonos ou escoitabebés que custan desde os 50 euros de Saro ata os 114 de Supernova. Con eles contrólase a distancia os sons dun cuarto e son idóneos para vixiar o descanso dos bebés.
- Pinpon, Saro e Miniland non inclúen o preceptivo documento de garantía. Nin o manual nin as advertencias de seguridade de Pinpon están escritas en castelán.
- Os máis pequenos son Saro e Supernova e os máis voluminosos Philips e Chicco. O de máis prestacións é Miniland, seguido de Supernova e Pinpon, mentres que Philips é o máis parco en funcións. Todos emiten con claridade a 16 metros reais (con tabiques). A 50 metros o mellor é Miniland, seguido de Philips. Supernova, Pinpon, Prenatal, Saro e Jané suspenden.
- Os usuarios preferiron Supernova e Miniland (7,3 puntos de 10) mentres que os peor valorados foron Pinpon e Philips (apenas 6 puntos)
- Bebé Due é a mellor relación calidade-prezo por ser o máis barato entre os que emiten con calidade a cincuenta metros. Outra opción interesante é Mniland, o mellor valorado polos usuarios, o máis completo e coa mellor calidade de transmisión, aínda que é un dos máis caros.
Marca | Bebé Due | Miniland | Chicco | Philips | Saro |
---|---|---|---|---|---|
Modelo | Tiny F-15301 | Radio baby | Classic 3860/A | SC 463 | Visual Phone 4865 |
Prezo (euros) | 66,9 | 99,50 | 70,62 | 99,33 | 49,99 |
Información ao consumidor | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Garantía | Correcto | Incorrecto (non consta) | Correcto | Correcto | Incorrecto (non consta) |
Seguridade eléctrica | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Compati- bilidade electro- magnética | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Aspectos técnicos | |||||
Dimensións emisor (mm) | 154x77x56 | 170x59x44 | 235x83x62 | 220x105x72 | 140x58x30 |
Dimensións receptor (cm) | 154x77x43 | 170x59x44 | 235x83x62 | 218x81x53 | 140x58x30 |
Lonxitude de cable (cm) | 183 | 184 | 184 | 193 | 191 |
Consumo receptor+emisor (W) | 3,4 | 3,9 | 5,4 | 6 | 4,5 |
Pantalla | No | Sí | No | No | No |
Número de canles | 2 | 8 | 2 | 2 | 2 |
Sensibilidade programable | No | Sí | No | No | No |
Indicador son en receptor | Sí | Sí | Sí | No | Sí |
Indicador batería baixa | No | Sí | No | No | Sí |
Alarma de alcance sobrepasado | Sí | Sí | Sí | No | Sí |
Soporte para cinto | No | Sí | Sí | No | Sí |
Luz nocturna | Sí | No | No | No | Sí |
Sentido de transmisión | Unidi- reccional | Bidireccional | Unidi- reccional | Unidi- reccional | Unidi- reccional |
Accesorios subministrados: | Adapatador de corrente | Adapatador de corrente Cargador Baterías recargables Auriculares |
Adapatador de corrente | Adapatador de corrente | Adapatador de corrente |
Resistencia caídas | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria |
Calidade transmisión (50m) | Aceptable | Moi boa | Aceptable | Boa | Defectuosa |
Proba de uso (1 a 10) | 6,5 | 7,3 | 6,4 | 6,1 | 6,8 |
Marca | Prenatal | Jané | Supernova | Pinpon |
---|---|---|---|---|
Modelo | BC-93 | 50410 | FD-D3 | P100-001 |
Prezo (euros) | 59,50 | 90 | 114,35 | 71,95 |
Información ao consumidor | Correcto | Correcto | Correcto | Incorrecto |
Garantía | Correcto | Correcto | Correcto | Incorrecto (non consta) |
Seguridade eléctrica | Correcto | Correcto | Correcto | Incorrecto |
Compati- bilidade electro- magnética | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Aspectos técnicos | ||||
Dimensións emisor (mm) | 181x72x54 | 142x70x45 | 140x58x32 | 193x72x46 |
Dimensións receptor (cm) | 181x72x54 | 142x70x45 | 140x58x32 | 157x65x44 |
Lonxitude de cable (cm) | 184 | 182 | 323 | 184 |
Consumo receptor+emisor (W) | 2,4 | 4,6 | 4,5 | 3,6 |
Pantalla | No | No | Sí | No |
Número de canles | 2 | 2 | 2 (ata 30) | 2 |
Sensibilidade programable | Sí | No | Sí | Sí |
Indicador son en receptor | Sí | Sí | Sí | Sí |
Indicador batería baixa | Sí | Sí | Sí | Sí |
Alarma de alcance sobrepasado | No | Sí | Sí | Sí |
Soporte para cinto | No | Sí | Sí | Sí |
Luz nocturna | No | Sí | No | No |
Sentido de transmisión | Unidi- reccional | Unidi- reccional | Unidi- reccional | Unidi- reccional |
Accesorios subministrados: | Adapatador de corrente | Adapatador de corrente | Adapatador de corrente Cargador Baterías recargables |
Adapatador de corrente Cargador Baterías recargables |
Resistencia caídas | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria | Satisfactoria |
Calidade transmisión (50m) | Defectuosa | Defectuosa | Moi defectuosa | Moi defectuosa |
Proba de uso (1 a 10) | 6,7 | 6,7 | 7,3 | 6 |
Un por un
Un a un, 9 escoitabebés
Bebé Due Tiny F-15301
/imgs/20060401/fonoton_bbdue.jpg 66,99 euros
A mellor relación calidade-prezo. Con indicador de son no receptor, alarma de alcance sobrepasado e luz nocturna. A calidade de transmisión a 50 metros é aceptable. Proba de uso: 6,5 puntos de 10.
Miniland Radio baby
/imgs/20060401/fonoton_miniland.jpg 99,50 euros
Outra opción interesante. Sen documento de garantía. Con pantalla e 8 canles. Soleira de sensibilidade programable, indicador visual de son, alarma visual e sonora de batería baixa e de alcance sobrepasado. Soporte para o cinto. O único bidireccional e con auriculares. A calidade de transmisión a 50 metros é moi boa. Proba de uso: 7,3 puntos de 10, dos mellores.
Chicco Baby Control Classic 3860/A
/imgs/20060401/fonoton_chicco.jpg 70,62 euros
O segundo máis grande. Con indicador visual de son no receptor, alarma de alcance sobrepasado e soporte par o cinto. A calidade de transmisión a 50 metros é aceptable. Proba de uso: 6,4 puntos de 10.
Philips SC 463
/imgs/20060401/fonoton_philips.jpg 99,33 euros
O máis grande e pesado. O de menos funcións. A calidade de transmisión a 50 metros é boa. Proba de uso: 6,1 puntos de 10, dos peores.
Saro Visual Phone 4865
/imgs/20060401/fonoton_saro.jpg 49,99 euros, o máis barato
Sen documento de garantía. O máis pequeno e o que menos pesa. Con indicador visual de son no receptor e indicador de batería baixa, alarma de alcance sobrepasado, soporte para o cinto e luz nocturna. A calidade de transmisión a 50 metros é defectuosa. Proba de uso: 6,8 puntos de 10.
Prenatal BC-93
/imgs/20060401/fonoton_prenatal.jpg 59,50 euros
Soleira de sensibilidade de transmisión programable, indicador visual de son no receptor, indicador de batería baixa e soporte para o cinto. A calidade de transmisión a 50 metro é defectuosa. Proba de uso: 6,7 puntos de 10.
Jané 50410
/imgs/20060401/fonoton_jane.jpg 90 euros
Indicador visual de son no receptor e alarma de batería baixa e de alcance sobrepasado, soporte para o cinto e luz nocturna. A calidade de transmisión a 50 metros é defectuosa. Proba de uso: 6,7 puntos de 10, pequeno e de pouco peso.
Supernova FD-D3
/imgs/20060401/fonoton_supernova.jpg 114,35 euros, o máis caro
Dos máis pequenos e menos pesados. O cable máis longo. Con pantalla e 30 canles. Soleira de sensibilidade de transmisión programable, indicador visual de son, alarma de batería baixa e de alcance sobrepasado e soporte para o cinto. A calidade de transmisión a 50 metros é moi defectuosa. Probo de uso; 7,3 puntos de 10, dos mellores.
Pinpon P100-001
/imgs/20060401/fonoton_pinpon.jpg 71,95 euros
Sen documento de garantía e co manual e as instrucións de seguridade en inglés. Soleira de sensibilidade de transmisión programable, indicador visual de son e alarma de batería baixa e de alcance sobrepasado e soporte para o cinto. A calidade de transmisión a 50 metros é moi defectuosa. Proba de uso: 6 puntos de 10, o peor.