Análise de informativos

As novas sobre sucesos triplican o seu espazo nos telexornais

Deporte e política acaparan cerca da metade do tempo dos informativos. Pola contra, o destinado a cultura, medio ambiente, ciencia, saúde e consumo é cada vez máis escaso
1 Abril de 2006
Img tema listado

As novas sobre sucesos triplican o seu espazo nos telexornais

/imgs/20060401/img.afondo.02.jpgCase o 90% da poboación española maior de 14 anos ve a tele habitualmente, fronte ao 41% que le diarios e ao 55% que escoita a radio, segundo o Estudo Xeral de Medios, EXM, de 2005. Outro dato elocuente: o 70% dos telespectadores ve habitualmente os “telexornais”, e a metade deles non segue fielmente os dunha cadea xa que adoitan ver un día o dunha cadea e outro o doutra distinta. Polo tanto, pode concluírse que unha ampla maioría da poboación española infórmase do que acontece en España e no mundo mediante os noticiarios de TV. Isto, á súa vez, significa que boa parte do grao de información, e quizais mesmo da opinión, de moitos españois está moi vinculada ao contido dos telexornais. Parece pertinente que unha revista de consumo que investiga a sociedade na que vivimos se pregunte como son os espazos informativos das principais cadeas de TV.

CONSUMER EROSKI analizou os telexornais de máis audiencia das cinco cadeas nacionais (TVE 1, TVE 2, Tele 5, Cuatro e Antena 3) e das autonómicas catalá (TV3), madrileña (Tele Madrid), galega (TVG), vasca (ETB2), balear (IB3), manchega (CMT) e valenciana (Canal 9), nun traballo que recompilou e estudou o contido de 684 telexornais e 16.752 noticias, nun total de 587 horas de emisión. Comprobouse fundamentalmente de que temas falaban as noticias, e non outras variables, como poderían ser o enfoque e o modo con que se trataban ou o tipo de produción da emisión.

Telexornais: máis “espectaculares” que informativos?

As conclusións, mesmo que non sorprendan a ninguén, invitan a unha importante reflexión: conviría que os telexornais se liberasen dos ditados comerciais a que se someten indisimuladamente o resto de programas emitidos en hora de máxima audiencia?, ou, dito doutro xeito, é comprensible que os responsables destes espazos informativos vivan, como o fan hoxe, tan pendentes da guerra de audiencias como as series de ficción, os reality-show ou calquera outro programa de evasión? As preguntas son necesarias e procedentes, porque a realidade é a que é: os telexornais das cadeas de TV españolas renuncian a tratar contidos tan relacionados coa vida dos cidadáns como o medio ambiente, a saúde, a ciencia, o consumo, e mesmo a cultura (o tempo dedicado a todos estes temas apenas representa hoxe o 15% do que duran os telexornais), en favor de informacións máis espectaculares e atractivas como os sucesos e accidentes ou os deportes, que sumados acaparan case o 40% dos informativos. Ademais, as cousas van a peor: nun informe similar realizado por CONSUMER EROSKI en 2002, a suma do tempo dedicado a cultura, consumo, medio ambiente, saúde e ciencia representaba o 20%, e os sucesos absorbían algo menos do 7% do tempo cando hoxe ocupan case o 18%.

Así, hoxe (a gravación dos telexornais fíxose en xaneiro e febreiro de 2006), e sempre falando de datos referidos á media das 13 cadeas de TV analizadas, cinco nacionais e oito autonómicas, os bloques destinados a noticias deportivas, política e sucesos acaparan case o 60% do tempo dos informativos, mentres que os de índole económica e o relacionados coa meteoroloxía conseguen, cada un deles ao redor do 9%. Tal e como se adiantou, séguese concedendo pouca importancia á cultura (un 9% do tempo dos telexornais, cando en 2002 a súa presenza era do 11%), se ben moito maior que a atención, xa reducida ao simplemente testemuñal, que merecen sanidade e saúde (2,1% do tempo), medio ambiente (2%), consumo e vida cotiá (1,1%) e ciencia, cun mísero 0,6%. E se falamos de noticias de marcado carácter social, como as relacionadas coa infancia, a marxinación, a solidariedade, a relixión ou a terceira idade, destínase a elas, de media, só un 6% do tempo.

Por outra parte, o interior dos telexornais converteuse definitivamente nun soporte publicitario máis: a maioría das cadeas interrompe os noticiarios para daren paso a anuncios ou cederen espazo a patrocinadores. En TVE 1 a publicidade ocupa nada menos que un 14% do total do telexornal, en Tele 5 un 12% e en Antena 3 un 11%, se ben en cadeas nacionais como Cuatro e La 2 de TVE ou autonómicas como IB3, de Baleares, os anuncios apenas supoñen o 1% do tempo de emisión dos noticiarios. Considerouse a información meteorolóxica como parte do telexornal, aínda que nalgúns casos constitúa un programa específico.

Nacionais vs. Autonómicas

As diferenzas entre as cadeas nacionais e autonómicas no que a contido dos informativos se refire, non son de gran calado, se ben hai algunhas. O deporte é o tema máis xenerosamente tratado (21% do tempo, de media) nos informativos das autonómicas (Tele Madrid é a cadea que máis tempo dedica ás noticias deportivas, con case un 30%), mentres que a política (24% do tempo, de media) éo nas nacionais (“Cuatro” é a cadea que máis atención presta á política, un 35%, e “La 2 de TVE”, a que menos, un 15%). Nas nacionais, as novas sobre sucesos (21,5% do tempo, de media) son máis frecuentes que nas autonómicas (16%) e as deportivas, un pouco menos. En xeral, os noticiarios das autonómicas (16%) e as deportivas, un pouco menos. En xeral, os noticiarios das autonómicas son máis longos (55 minutos de media) ca os nacionais (42 minutos de media). A media de duración dos telexornais é de 50 minutos, pero hai notables diferenzas tamén neste aspecto: os da autonómica manchega duran preto de hora e cuarto mentres que os de La 2 de TVE se limitan a media hora escasa.

/imgs/20060401/img.afondo.03.jpg
Agora ben, aínda que tomadas en conxunto as cadeas nacionais non sexan moi diferentes das autonómicas e viceversa, os telexornais son ben distintos nas diversas cadeas de televisión. Un exemplo: mentres que as autonómicas galega e manchega ofrecen ao redor de 30 novas distintas en cada informativo, TVE 2 e Cuatro quedan na metade, cando a media das 13 cadeas comparadas é de 24 novas por informativo. Os que menos tratan novas “prácticas” (suma de asuntos sociais, medio ambiente, cultura, consumo, metodoloxía, saúde e seguridade) son os de Cuatro, con só o 22% do tempo dedicado a estas cuestións, mentres que a máis sensibilizada coa vida cotiá é TVE 2, con telexornais nos que estas informacións útiles representan o 45% do tempo (é ademais a cadea que máis tempo dedica á cultura e á ciencia e a que menos ao deporte).

Fútbol, política e sucesos monopolizan os telexornais

O deporte (entre os que destaca o omnipresente fútbol), a política e os sucesos ocupan de media, o 58% do tempo dos informativos. Nalgunhas cadeas (TV 3, IB 3, CMT e TVE 2) a súa presenza é menor do 50%, pero noutras, como Cuatro, Tele Madrid e TVE 1, a duración conxunta destes tres bloques temáticos supera o 65% do tempo do noticiario.

Se ben reina certa homoxeneidade entre os informativos das cadeas de TV españolas, hai algúns que revelan unha identidade propia. Así, o de La 2 é o menos deportivo (concede ao deporte só un 5% do seu tempo) e o máis aberto á actualidade cultural (ocupa o 17% do tempo), os de ETB 2 e TV 3 conceden especial importancia ás novas meteorolóxicas e á previsión do tempo e os da autonómica manchega dan á cultura un papel preponderante.

A cultura retrocedeu, nos últimos catro anos, un posto no ránking de temas tratados polos noticiarios de TV, pasando do terceiro ao cuarto lugar, superada pola imparable ascensión dos sucesos, que case triplican a súa presenza. Tele Madrid, TVG e Tele 5 dedican menos do 5% do tempo dos seus telexornais a contidos culturais, aínda que o resto de cadeas (a non ser La 2, CMT e Canal 9) tampouco contan coa cultura entre as súas propostas principais para os seus telexornais.

Salienta tamén que Antena 3, TVE 1, ETB 2 e Canal Sur dedican moi pouco tempo (menos do 6%) ás novas económicas, sendo estas moito máis tratadas por outras cadeas (en IB3 o 16% e en TVG o 15%).

Pola súa parte, as novas sobre medio ambiente, seguridade, consumo e saúde seguen sen interesar aos directores dos informativos. As cadeas nacionais e autonómicas coinciden na indiferenza ante novas de carácter científico (a ciencia conta con apenas o 0,6% do tempo nos telexornais), ou as que afectan de maneira máis estreita ao consumidor (as novas referentes ao consumo e a vida cotiá conseguen un significativo 1% do tempo). Tampouco o medio ambiente é tratado con profusión en ningunha das cadeas estudadas (unha media do 2% do tempo).

Cambiando de asunto, case un 40% das novas teñen a súa orixe nas institucións públicas e o 30% seguidas dos acontecementos da rúa, mentres que os partidos políticos e as empresas provén aos xornalistas de ao redor do 9% das novas. Por cadeas a división é clara: oito delas nútrense principalmente das novas emanadas das distintas institucións públicas (todas as autonómicas agás Canal Sur) e as cinco restantes (todas as nacionais agás Cuatro) contan principalmente coas noticias que teñen a súa orixe nos acontecementos da rúa.

En poucas palabras, os telexornais que vemos cada día

  • A política, o tema estrela. Absorbe o 20% do tempo dos informativos das canles analizadas, compartindo liderado temático co deporte. Agora ben, a política perde un pouco de terreo: hai catro anos ocupaba o 22,1%.
  • Consolídase o deporte. O espectacular ascenso dos sucesos relégao ao terceiro posto nos telexornais das cadeas nacionais, pero segue merecendo unha grande atención: o 17% do tempo. e nos informativos das autonómicas, aínda máis: o 21%.
  • Os informativos de La 2, os máis peculiares. Sucesos + Cultura + Política + Meteoroloxía, o eixe central. Ademais, é a que máis tempo dedica á ciencia (3,5%) e a que menos tempo se entrega ao deporte (un 5%).
  • O irresistible “gancho” dos sucesos: as cadeas de ámbito nacional dedican a accidentes e sucesos o triplo de tempo ca en 2002: pasou do 7% ao 21%. Todas as nacionais, excepto Cuatro (16%), dedican máis do 20% dos seus informativos a este apartado. As canles autonómicas (cun comportamento moi distinto: TV3 dedica aos sucesos o 7%; Canal 9, o 25%) reservan, de media, a este tema o 16% do seu tempo.
  • Máis tempo para o tempo. As noticias meteorolóxicas e a información do tempo merecen cada vez maior atención: pasan de representar (2002) o 6,7 % dos telexornais ao 8,3%. Destacan os informativos de ETB2, que dedican o 14% aos temas do tempo.
  • E a economía? Pois mantense, ocupando, igual que o facía en 2002, ao redor do 8% do tempo dos telexornais, se ben a atención prestada polas cadeas autonómicas aos temas económico-financeiros (9,3%) é maior que a que este asunto merece nas nacionais (6,2%). Destacan os telexornais de IB3 (16% do tempo para novas económicas) e de TVG (15%).
  • Non interesa a actualidade cultural? Moito non, desde logo. Cuarta posición nas nacionais e quinta nas autonómicas, con aproximadamente o 9% do tempo. O telexornal de La 2 dedica o 17% do tempo a novas culturais, mentres que Tele 5 queda nun 6%; o resto das nacionais, máis ou menos na media (9%).
  • A ciencia apenas importa nos telexornais. Só existe para La 2 de TVE (3,5% do tempo). Nas outras 12 cadeas estudadas, representa menos do 1%.
  • Consumo e vida cotiá. As nacionais ofrecen tan só un 1,4% do tempo dos seus telexornais á información específica sobre consumo e a temas prácticos da vida cotiá. Só destaca Antena 3, cun 2,4%. As peores, as dúas de TVE. As autonómicas quedan nun 1% de media. E a situación mesmo empeora: en 2002 dedicábaselle ao consumo case o 2% do tempo.

Os 13 telexornais, cadea por cadea

/imgs/20060401/tv_antena3.jpgANTENA 3: Os temas máis tratados son deportes, política e sucesos. Os informativos de ámbito nacional que máis tempo dedican ao deporte. O 11% é publicidade, proporción que dobra a rexistrada en 2002. Catro informativos, que duran 52 minutos e contan 24 novas.

/imgs/20060401/tv_4.jpgCUATRO: a cadea con máis novas sobre política. Sucesos e deportes, en segundo e terceiro lugar, respectivamente. A nacional con menos novas de carácter social. Dous informativos ao día, breves (34 minutos) e con poucas novas, só 17. Pouca, un 1%,, publicidade.

/imgs/20060401/tv_5.jpgTELE 5: os temas predilectos son política (destaca o seu 26%). sucesos e deportes. Moitas noticias sobre asuntos sociais (14%). Dos que menos minutos dedican ao medio ambiente. Catro informativos ao día, de 38 minutos e 22 noticias. Moita publicidade (12%), pero non aumenta respecto de 2002.

/imgs/20060401/tv_1.jpgTVE1: Excesiva atención a sucesos (26%), moita a deportes e á meteoroloxía. Menos tempo para a política que o resto de cadeas nacionais (excepto TVE-2). A de máis publicidade nos seus telexornais, un 14%, aínda que descende respecto de 2002. Catro ao día, longos (57 minutos) e con 24 noticias.

/imgs/20060401/tv_2.jpgTVE2: Os máis peculiares. Moitas novas de sucesos (22%) e menos de política (15%) pero líder nas de cultura (17%) e de ámbito internacional (55%). Os que menos tempo dedican a deportes. Aumentan espectacularmente (do 1% de hai catro anos ao 14%) as novas sobre meteoroloxía. Só un telexornal, breve (28 minutos) e con moi pouca, case nula, publicidade.

/imgs/20060401/tv_sur.jpgCANAL SUR: o autonómico con máis noticias sociais e o segundo que máis minutos dedica ao deporte. Política e deportes ocupan case a metade do informativo. Emítense 3 diarios, cunha duración de 53 minutos e 26 novas distintas. A publicidade, un discreto 5% do tempo

/imgs/20060401/tv_9.jpgCANAL 9: Destaca a atención ás noticias culturais (14% do tempo), pero o tema rei é, indiscutiblemente, sucesos (25%). De ciencia, nada (0,2%). Tres telexornais ao día, de 53 minutos e con 24 noticias. A publicidade, o 7%.

/imgs/20060401/tv_madrid.jpgTVM (Madrid): Sobre todo, deportes (30%, nada menos) e política, que acaparan a metade dos seus telexornais. Dous cada día, de 52 minutos e 26 noticias. A publicidade, o 6%. Noticias sobre consumo e vida cotiá, practicamente ningunha.

/imgs/20060401/tv_gallega.jpgTVG (Gali- cia): Deportes, sucesos e política consomen máis do 60% dos seus informativos. Moita atención á economía. Moi rexionalista (o 56% das súas noticias son sobre Galicia). Dous telexornais, de 50 minutos e 29 noticias. A publicidade, o 6%.

/imgs/20060401/tv_3.jpgTV3 (CATALUÑA): Máis que nada, política (27%) e deportes. Noticias sobre consumo e vida cotiá, inexistentes. Os que menos falan de sucesos. Salienta a atención a novas de carácter social. Dous informativos, de 56 minutos e 20 noticias. A publicidade, o 6%.

/imgs/20060401/tv_etb2.jpgETB2: Deporte e política, nesta orde, asuntos prioritarios. Moito tempo para noticias meteorolóxicas e de ámbito rexional. Dos que menos tratan sucesos. Dous informativos, de 49 minutos, con 26 noticias. Moi pouca publicidade, o 2%.

/imgs/20060401/tv_ib3.jpgIB3: Líder en noticias económicas (16% do tempo do telexornal), destaca tamén en noticias rexionais (56%). Menos deporte e política que a maioría. Dous informativos, de 55 minutos, e 25 noticias. Moi pouca publicidade, o 1%.

/imgs/20060401/tv_cm.jpgCMT: dos que máis falan de sucesos (23%). Menos deporte e política que a maioría. Líder absoluto, xunto a Canal 9, en noticias rexionais (o 64% do tempo) e, xa noutra escala, tamén en medio ambiente (5%). Dous informativos, os máis longos (75 minutos), con moitas, 34, noticias. Pouca publicidade, o 2%.

Todos os datos

Telexornais e cadeas, en 10 fitos

  • As cadeas con máis deporte nos telexornais: Tele Madrid (30%) e Canal Sur (27%). A que menos: TVE-2 (5%).
  • A que máis tempo dedica a información internacional: TVE-2 (55%). As que menos, Canal 9 (11%) e CMT (13%).
  • A cadea máis “política”: Cuatro, cun 35% do tempo dedicado a novas de carácter político. A que menos: CMT (9,5%).
  • As que máis sucumben ante o atractivo dos sucesos: TVE-1 (26%) e Canal 9 (25%). A que menos, TV3 (7%).
  • A que máis interese mostra cara o medio ambiente: CMT (5%), e as que menos: Antena 3 r Tele 5 (ambas con menos dun 0,5%).
  • A que máis noticias culturais cobre: TVE-2 (17%). A que menos: Tele Madrid (5%)
  • A que máis frecuentemente trata noticias sobre consumo e vida cotiá: Antena 3 e ETB2, ambas con 2,5% da duración total do informativo. As que menos: quitando tele 5 (1,4%), IB3 (1%) e Cuatro (1,1%), todas as outras.
  • A máis oficial de todas, atendendo a orixe das súas noticias: TV 3 (55,5% das noticias proveñen das institucións públicas). A menos oficial, TVE-2, con só un 24%.
  • A que máis noticias distintas emite en cada telexornal: CMT (cunha media de 34 noticias). A que menos, TVE-2, con só 16 noticias.
  • A cadea máis “económica“: IB3 co 16% do tempo dos seus telexornais dedicado a noticias económico-financeiras. As que menos, Antena 3, ETB2, Canal Sur e TVE-1.