Voar sen medo
O temor é unha molesta equipaxe para un elevado número de persoas que utilizan o avión como medio de transporte. Unha enquisa realizada pola empresa aeronáutica Boeing sobre o medo a voar déixao claro: dous de cada tres pasaxeiros sofren trastornos cando voan e unha de cada cinco persoas evita subir a un avión. Manuais, curso e terapias son ferramentas útiles para perder o pánico que xera a soa idea de montar nunha aeronave, unha fobia que é posible superar.
A axuda no só é recomendable para as persoas ás que o medo impide voar. Tamén resulta moi indicada para quen experimenta esa desagradable sensación de terror cando o aparato engala, aterra ou atravesa unha zona de turbulencias, mesmo que logren controlar e disimular o seu pánico momentáneo.
Causas
O mesmo que ocorre con outros temores e fobias, o medo a voar nace na parte inconsciente da persoa e non hai unha razón obxectiva para explicalo, a non ser a resposta lóxica de que voar non é natural para o ser humano. Non obstante, tampouco o é deixarse transportar a 200 quilómetros por hora sobre raís, e isto non xera tanta aprensión. Que sofre ante a simple idea de achegarse a un avión recoñece que no seu rexeitamento a voar se mesturan o recordo de accidentes reais ou ficticios vistos na televisión ou no cine, o descoñecemento da tecnoloxía que permite que un avión non se estrele e mesmo a sensación de vulnerabilidade por non ter o control da nave e cederllo ao piloto. As persoas que máis posibilidades teñen de se sentiren así son, por lóxica, as que viaxan de maneira constante e, xa que logo, ven aumentar a probabilidade de sufrir un accidente, xunto coas que viviron unha mala experiencia durante un voo. Pero o medo a voar pode aparecer en calquera persoa.
Cursos: 14 horas, 380 euros, simulador e voo real
Os manuais de autoaxuda específicos ou as terapias con profesionais son algunhas opcións para os que desexan superar este problema. Pero hai mesmo cursos en grupo impartidos por psicólogos e pilotos, teñen lugar as fins de semana, duran ao redor de 14 horas (distribuídas en dúas sesións) e custan ao redor de 380 euros.
As compañías aéreas e as empresas de dirección e recursos humanos son os seus principais clientes. Amais de explicacións teóricas e nocións sobre técnicas de relaxación, estes cursos inclúen como terapia a reflexión individual sobre as causas do medo. A preparación conclúe coa experiencia nun simulador e, posteriormente, nun voo real como proba do éxito do aprendido.
A terapia psicolóxica devén fundamental nestes cursos porque é necesario coñecer os factores desencadeantes do medo. As clases técnicas axudan a racionalizar o coñecemento que se ten do avión e de todos os protocolos que acompañan o voo. O simulador permite experimentar, nun contorno seguro, as sensacións que xeran medo e comprobar se se interiorizaron as claves para evitar a aparición dun temor irracional.
Razóns para voar sen medo:
- Confíe na tripulación. Os pilotos son profesionais extraordinariamente ben preparados, cunha forma física e psíquica excelente.
- Lembre o que confirman os datos obxectivos: o avión é o medio de transporte máis seguro. En 2003 producíronse no mundo 162 accidentes aéreos de voos civís. Neles morreron 1.204 persoas. Ese mesmo ano producíronse 4.080 mortes só nas estradas españolas.
- Este medio de transporte válese da tecnoloxía, os procedementos e os materiais máis sofisticados, polo que resulta difícil cometer erros no espazo aéreo.
- Teña en conta que os recursos de seguridade e salvamento no avión son numerosos. Os accidentes aéreos non son sempre catastróficos, poden provocar unha aterraxe forzosa sen maiores consecuencias para os pasaxeiros.
- Se sente medo nalgún momento da viaxe, reclame axuda ao persoal do voo. é unha das súas funcións.
- Prepare a equipaxe con tempo, para evitar unha espiral de tensión e desánimo.
- Chegue descansado ao avión.
- Coma hidratos de carbono: pastas, pizza, arroz e doces tres horas antes de voar, e caramelos durante o voo (estimulan o sono e calman a ansiedade).
- Non mire pola ventá do avión. Quizais se sinta peor.
- Trate de voar acompañado con alguén en quen confíe. Os medos redúcense de xeito moi substancial.
- Evite o alcol e as comidas copiosas no avión.
- Beba un vaso de auga por cada hora de voo. O aire da cabina é seco e con auga dilúese a adrenalina.
- Saiba que o famoso Síndrome da Clase Turista (trombose nos membros inferiores) só pode aparecer en voos de longa duración e que evitalo é moi sinxelo : camiñe e levántese cada pouco tempo ou tome unha aspirina cada 12 horas.
- Con turbulencias, coloque a almofada, a manta ou un abrigo dobrado sobre o abdome e axuste fortemente o cinto de seguridade, á maneira dunha faixa que suxeite a vísceras. Diminuirá a sensación desagradable dos movementos gravitatorios e antigravitatorios. Lembre que a turbulencia non reviste perigo ningún.
- Saiba que a fila de emerxencia é a máis cómoda. convén sentarse desde a ala cara a diante, zona na que os movementos son menos bruscos e o nivel de ruído diminúe.
- Reduza as posibilidades de se sentir nervioso ou intranquilo. Para iso:
- Vaia ao baño antes de subir ao avión (pódese tardar máis de media hora ata que se permita desabrochar os cintos).
- Quite as lentes de contacto ou utilice bágoas artificiais. Non use maquillaxe (as auxiliares utilizan maquillaxe en climas desérticos).
- Escoite música “tranquila” das canles de audio.
- Trate de se distraer (libros de chistes, revistas con fotos, palabras cruzadas, manualidades, etc.).
- Utilice roupa cómoda e de algodón. Zapatos sen tacón, acordoados e con sola de goma, ou zapatillas.