Adelgazar e evitar a caída do cabelo: visitadas un total de 125 farmacias e parafarmacias de 18 cidades

Pouca información na venda de produtos para adelgazar e evitar a caída do cabelo

Non sempre se informa da súa composición e dos posibles efectos adversos
1 Abril de 2012
Img tema de portada listado

Pouca información na venda de produtos para adelgazar e evitar a caída do cabelo

A nosa imaxe preocúpanos. Mirarse ao espello e tratar de sentirse sempre máis novo e guapo é un sentimento á orde do día. Para conseguilo, moitos recorren a produtos que en teoría pretenden mellorar algúns deses supostos defectos. As máis das veces, son solucións de doado acceso porque se poden atopar en farmacias e parafarmacias.

EROSKI CONSUMER quixo comprobar a información que se ofrece e que tipo de artigos se recomendan nestes establecementos ante dúas clásicas preocupacións: adelgazar e evitar a caída do cabelo. Entre febreiro e marzo visitáronse un total de 125 farmacias e parafarmacias en 18 cidades: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. En cada establecemento, realizáronse dúas probas: por unha banda, unha muller pedía un tratamento para baixar uns quilos decontado e, por outra, un home facía o mesmo para frear a caída do cabelo que notaba dende meses atrás.

Como conclusión, comprobouse a facilidade coa que se pode acceder a distintos tratamentos relacionados coa caída do cabelo e coa perda de peso nas farmacias e parafarmacias. Agora ben, o persoal destes establecementos non realiza un estudo global da situación do cliente, algo que axuda a determinar exactamente as causas que inflúen en ambos os dous problemas. Xa que logo, pode acontecer que o tratamento non se adecúe ao problema real do cliente e que os resultados non se produzan. De feito, en ocasións aconséllanse tratamentos dos que non se informa polo miúdo: nin sobre a composición dos produtos nin sobre os seus posibles efectos secundarios ou reaccións alérxicas.

Baixar eses quiliños

As preocupacións polo peso teñen nome de muller. Segundo un estudo realizado polas sociedades para o estudo da obesidade (SEEDO) e de endocrinoloxía e nutrición (SEEN), o 85% das persoas que se poñen en mans dun nutricionista para adelgazar son mulleres. Baixar de peso cando a situación persoal e o estado de saúde o esixen é un bo obxectivo. Cando se quere adelgazar, o máis acertado é acudir a un médico especialista para que realice un diagnóstico exacto do caso e determine unha solución. Pero durante as visitas de EROSKI CONSUMER ás 125 farmacias e parafarmacias só nun 12% dos establecementos analizados lle preguntaron á muller que quería baixar uns quilos decontado se antes de acudir á farmacia ou parafarmacia visitara a un médico (aconteceu en todos os locais visitados en Córdoba) e só en unha de cada tres ocasións recomendaron acudir á consulta dun médico ou dietista.

Levar unha alimentación sa e facer exercicio son as verdadeiras solucións contra os quilos de máis. Por iso EROSKI CONSUMER quixo saber se nas visitas realizadas se recomendaban unha serie de pautas saudables: en máis da metade das visitas aconsellaron practicar exercicio á semana e na maioría tamén recomendaron levar unha dieta saudable e sen excesos.

Pouca información

EROSKI CONSUMER comprobou a escasa información que as farmacias e parafarmacias recompilan do usuario para aconsellarlle un tratamento. O persoal destes establecementos debe asesorar e aconsellar en materias relacionada coa saúde proporcionando información veraz, científica e avaliada de cada produto. Antes de ofrecer un produto para adelgazar, polo menos deberíase realizar un correcto diagnóstico da situación do cliente: avaliar o seu Índice de Masa Corporal (IMC), como referencia obxectiva máis utilizada para determinar onde se sitúa o limiar do sobrepeso e a obesidade, e tamén polos seus hábitos dietéticos e de vida. A pesar da teoría, na práctica comprobouse que só nun 7% das visitas realizadas se interesaban polo Índice de Masa Corporal (IMC) antes de recomendar un tratamento e en practicamente ningunha medían ou pesaban á persoa en cuestión (unicamente se fixo nunha farmacia da capital biscaíña). Iso si, en oito establecementos (cinco farmacias e tres parafarmacias) da Coruña, de Granada, Logroño, Murcia, Valladolid e Vitoria contaban cos servizos dunha nutricionista que pasaba consulta unha vez por semana, logo de pagamento. Sobre os hábitos dietéticos, só en unha de cada tres ocasións preguntaban polo tipo de alimentos que comía o suposto cliente e en unha de cada catro se petiscaba entre horas ou se inxería alimentos ricos en graxas. Ademais, unicamente en unha de cada sete visitas se interesaron pola frecuencia coa que comía os diferentes grupos de alimentos e inxería auga. Para rematar, unha de cada dez veces preguntábase se o suposto cliente tomaba bebidas azucradas.

Cápsulas e concentrados para beber

En todos os establecementos visitados ofreceron un tratamento para adelgazar. Ningunha farmacia ou parafarmacia se negou a procurar algún.

/imgs/20120401/tema3.jpg
En liñas xerais, nas 125 visitas ofrecéronse dous tipos de produtos: cápsulas ou pastillas no 69% dos casos e un concentrado para beber no 23%. Mais, aínda que moito menos a miúdo, tamén se venderon barriñas (8%), infusións ou tisanas e ampolas (5% en ambos os dous casos) e cremas (3%). As farmacias decantábanse en maior proporción ca as parafarmacias polas cápsulas ou pastillas (un 73% fronte a un 63%), mentres que estas últimas preferían os concentrados para beber (un 30% fronte a un 18%).

O prezo medio do tratamento varía en función do tipo de produto. Os dous máis ofrecidos (cápsulas ou pastillas e concentrados para beber) custaban de media 34 e 37 euros respectivamente, mentres que os menos frecuentes se vendían a unha media de 81 euros as cremas, de 78 euros as barriña, de 36 euros as infusións ou tisanas e de 34 euros as ampolas. Estas cifras refírense a unha unidade de produto.

Velaquí os argumentos máis utilizados para vendelos: o produto era considerado como o máis efectivo e rápido para perder peso (no 89% dos casos), era un tratamento natural e sen efectos secundarios (no 39%), era o máis demandado e coñecido polo público en xeral (nun 17%). E os seus supostos beneficios? No 46% dos casos, eliminan graxas e no 10% respectivamente reducen líquidos ou son saciantes.

Outra información pertinente que lles deben dar os dependentes das farmacias e parafarmacias aos clientes sobre os tratamentos que lles venden ten que ver coas contraindicacions ou posibles efectos secundarios. Así o fixeron polo miúdo nun 60% das ocasións, pero delas tres de cada catro veces aseguraban que non había ningún. Ademais, só no 46% das visitas explicaron de que se compoñen os produtos.

O produto estrela

Unha de cada cinco veces o produto máis recomendado foron as cápsulas de ALLI. Das 26 ocasións en que o aconsellaron, só en tres o fixeron nas parafarmacias.

Segundo a Axencia Europea do Medicamento, é un medicamento indicado para a perda de peso en adultos con sobrepeso (iso si, cun IMC igual ou superior a 28) que se debe tomar en combinación cunha dieta lixeiramente hipocalórica e baixa en graxa. É de venda libre (sen receita) e o seu compoñente principal é o ‘orlistat’. Administrar 60 mg desta substancia tres veces ao día supón a absorción de aproximadamente un 25% da graxa da dieta, se ben non está exento de contraindicacions e efectos secundarios, principalmente de orixe gastrointestinal: aumento do número de defecacións, feces brandas, feces oleosas, incontinencia fecal, flatulencias, hemorroides e gastrite.

Non obstante, a información ofrecida polos dependentes das farmacias e parafarmacias que o aconsellaron é básica: limitábanse a explicar que estas cápsulas axudan a baixar peso só se se complementaba cunha dieta baixa en graxas. Ademais, os beneficios que se lle outorgan son: a súa eficacia para perder peso e ser un produto moi demandado e coñecido.

No tocante aos seus efectos secundarios, case na metade das ocasións (46%) nas que se recomendaron estas cápsulas o persoal que atendía ao técnico da revista dixo que non tiñan efectos secundarios. Das dez ocasións en que explicaron algún, en catro dicían que producía descomposición, en tres gases, falta de vitaminas e movementos intestinais repentinos; en dous avisaban de que non o debían tomar as persoas con estrinximento ou que sufrían algunha patoloxía. Só un dependente desaconsellaba tomalo máis de 6 meses e noutro establecemento avisaron de que existen persoas con alerxia a este compoñente. Non obstante, os folletos informativos que facilitaron en unha de cada catro visitas son moito máis detallados e fan unha listaxe das persoas que non deberían tomalo: por exemplo, menores de 18 anos, embarazadas ou lactantes.

Evitar a caída de pelo

O cabelo ten un grande peso estético e, en especial, a súa ausencia. Diso son ben conscientes os homes: preto da metade da poboación masculina padece calvicie.

No mercado, hai multitude de produtos que aseguran axudar a reducir a caída do cabelo ou a mellorar a saúde capilar. Neste sentido, EROSKI CONSUMER achegouse a 125 farmacias e parafarmacias nas que un suposto cliente (sempre un home) se facía pasar por alguén preocupado porque nos últimos meses notaba que perdía pelo. A intención era coñecer que tipo de tratamentos ofrecían e mais a información que solicitaban os dependentes para faceren o seu diagnóstico.

O máis acertado nestes casos é acudir a un dermatólogo para que realice unha análise minuciosa do cabelo e do coiro cabeludo e descubra as causas da perda. Malia a recomendación da Academia Española de Dermatoloxía de que os profesionais axeitados para o diagnóstico e tratamento desta situación son os dermatólogos, é moi común achegarse ás farmacias e parafarmacias na busca de solucións. Por iso, EROSKI CONSUMER comprobou que só un 13% dos establecementos analizados preguntaron se antes de acudir ao establecemento se visitara un dermatólogo; a penas nun 15% aconsellaron ir ao médico e non chegaron ao 1%, respectivamente, os que recomendaron facer un estudo de pelo ou acudir a un especialista neste campo que visitaba o establecemento semanalmente.

Diagnosticar sen coñecer a causa

Antes de ofrecer un tratamento, o primeiro é realizar un correcto diagnóstico da situación do cliente avaliando dende hai canto tempo nota esa perda de pelo, se o nota diferente (máis fráxil, débil, con caspa…), se hai antecedentes familiares de calvicie ou alopecia, cales son os seus hábitos de vida e de alimentación ou se se atopa actualmente en situacións de nerviosismo, enfermidade ou padece problemas de sono.

Na práctica, non chegan a catro de cada dez establecementos aqueles nos que se lle preguntou ao suposto cliente dende había canto notaba unha maior perda de cabelo antes de lle recomendar ningún tratamento. Tan só o fixeron en 46 centros: sete en Bilbao, os seis visitados en Córdoba, cinco en Sevilla, catro da Coruña, Málaga e Valencia; tres en Logroño, Valladolid e Zaragoza, respectivamente; dous de Barcelona e de San Sebastián e un de Madrid, Oviedo e Pamplona, respectivamente.

É fundamental saber que a alopecia pode ter varias causas: xenética, relacionadas con situacións de estrés, depresión ou estados carenciais de minerais ou vitaminas. Polo tanto, antes de tratar o problema é primordial determinar a súa causa. Na investigación, comprobouse que nun 90% das visitas realizadas non se lle preguntou ao técnico da revista se tomaba algunha medicación; só en dúas de cada dez ocasións se interesaban por antecedentes familiares de alopecia; e unicamente en algo máis de unha de cada tres ocasións, o dependente preguntaba por algunha situación de tensión ou nerviosismo como principal causa dunha perda de cabelo.

Calvicie: pastillas, xampús e ampolas

Distinto problema pero similar modus operandi: ao igual ca nos produtos recomendados para adelgazar, en todos os establecementos visitados ofreceron un tratamento para frear a caída do cabelo e ningún se negou a procurar algún produto. As propostas eran diversas, pero os dependentes das 125 farmacias e parafarmacias visitadas recomendaban especialmente cápsulas ou pastillas (nun 49% dos casos), xampús (45%) e ampolas (37%). As máis das veces, os produtos de vía oral son complementos alimenticios que achegan nutrientes que se poden obter a través dunha dieta equilibrada.

O prezo medio dos tres produtos máis frecuentes (xampús, ampolas e cápsulas) custaban de media 45, 66 e 52 euros, respectivamente, mentres que os menos habituais (máscaras e escumas) se vendían a unha media de 41 euros e de 23, o segundo. Na metade das ocasións, o tratamento duraba aproximadamente 3 meses. Os argumentos máis utilizados para vender este tipo de tratamentos eran basicamente catro: porque o consideraban o máis efectivo (nun 38% do total dos casos), porque frea a caída do pelo (nun 14%), porque fortalece o coiro cabeludo (nun 10%) ou polo baixo prezo (nun 9%). Mesmo proporcionaron argumentos do máis curioso e rechamante, como que “fai medrar a peluxe”, “aos poucos vaise recuperando o pelo perdido”, ou “o mellor é non mercar estes produtos e aforrar para se facer un microenxerto”. Outra información pertinente sobre estes produtos ten que ver coas contraindicacions ou posibles efectos secundarios. En sete de cada dez establecementos, o dependente asegurou que non tiña efectos secundarios; en unha de cada cinco ocasións non explicou nada ou limitábase a dicir que se lese o prospecto, e en apenas un 7% se detallaron as contraindicacions negativas. Considerouse fundamental que explicasen a composición do produto e as súas posibles reaccións alérxicas. Así e todo, só no 33% das ocasións explicaron que contiña o produto.

Os produtos máis recomendados

Os xampús, ampolas e cápsulas da marca Pilexil (en case unha de cada catro veces), e mais os xampús e ampolas de Dercos (en unha de cada cinco ocasións) foron as opcións máis recomendadas. Das 54 ocasións en que aconsellaron ambos os dous artigos, só en 16 delas o fixeron en parafarmacias. En liñas xerais, as farmacias e parafarmacias que aconsellaban estas dúas marcas limitábanse a explicar que o tratamento de Pilexil axuda a frear a caída do cabelo, mantendo o que aínda queda. Pola súa parte, os xampús e ampolas de Dercos vendéronse como un fortalecedor do cabelo que atrasa e detén a súa caída.

Pero, e os seus efectos secundarios? O persoal consultado insistiu en que ningún dos dous produtos recomendados tiña efectos secundarios, iso si, nun 57% dos casos houbo que preguntarllo. Trátase de xampús e locións que teñen distintos compostos: no caso de Dercos, o compoñente principal é ‘aminexil’. Demostrouse que favorece o coidado do cabelo e que diminúe as posibles causas que poden acelerar o seu estrago e caída. A fórmula de Pilexil contén vitaminas, minerais e aminoácidos, nutrientes que se poden obter a través dunha dieta equilibrada.

A solución tampouco está na Rede

Como análise complementaria, EROSKI CONSUMER estudou oito páxinas web nas que un pode atopar produtos relacionados coa perda de peso e de cabelo sen saír da casa. Concretamente, a revista estudou Claudebell.es, Veafarma.es, Shytobuy.com.es, Parafarmaciaonline.es, Vitalmarket.es, Parafarmaciadescuento.es, Hipermercadonatural.com e mais Herbonat.com. E é que a Rede permite unha compra anónima, cómoda e doada para o cliente, pero non sempre recomendable para a saúde.

Estas páxinas adoitan ofrecer complementos alimenticios e medicamentos sen receita (só na metade das devanditas páxinas se menciona que, en cumprimento da lei, esa web non pode vender medicamentos) en todo tipo de formatos: cápsulas, pastillas, locións… Nas oito páxinas estudadas abundan frases rechamantes que incitan á compra, reclamos que aseguran que só venden produtos naturais, así como imaxes de persoas sas e delgadas. Ademais, case todas as webs analizadas ofertan produtos con descontos, promocións ou agasallos.

Agora ben, a falta de información destas páxinas é tamén unha constante que debe facer desconfiar ao consumidor. É común que se detalle como actúa no organismo o produto seleccionado, cales son os obxectivos que finalmente se lograrán ou o tempo de uso recomendado. Pero en tres dos oito casos (en Claudebell.es, Vitalmarket.es e Parafarmaciaonline.es) non se mencionan en ningún momento os posibles efectos secundarios que poidan ter os produtos.

Ante calquera dúbida ou problema coa compra dun produto resulta esencial que estas páxinas web amosen quen son os creadores ou fundadores da páxina (tal e como se observou en seis das oito ocasións), que faciliten un correo electrónico ou un teléfono directo de contacto (acontece en todas as webs analizadas), un servizo de atención ao cliente ou garantías de venda (presente en cinco páxinas de internet estudadas) ou que se informe de que o pagamento na web é seguro.

Internet é un escaparate amplo e en ocasións perigoso e descoñecido e máis se se trata de adquirir produtos que poidan afectar á nosa saúde. Por iso, o máis fiable é acudir a un médico para que receite o tratamento axeitado.