Os inimigos do intestino
Aínda que é a doenza máis popular pola gravidade que representa, entre os inimigos da nosa saúde intestinal non só figura o temido cancro de colon, senón outras afeccións crónicas e moi molestas que lles restan calidade de vida aos seus afectados. A necesidade de acudir correndo ao inodoro debido a un torzón, sufrir un incómodo estrinximento ou padecer dor abdominal son algunhas delas.
Entre estes trastornos figuran os seguintes: a síndrome do intestino irritable (SII), que afecta ao 15% da poboación e que representa arredor dun 3% dos pacientes atendidos en atención primaria e un 25% na especializada do aparato dixestivo; a enfermidade inflamatoria intestinal (EII), que comprende a colite ulcerosa e mais a enfermidade de Crohn, e que supón máis de 10 casos novos por 100.000 habitantes e ano; e mais o cancro de colon, o segundo tipo de cancro que máis afecta aos españois, por detrás do de pulmón e do que cada ano se diagnostican 60 casos por 100.000 habitantes e ano.
Os expertos sinalan que o maior número de persoas que sofren estas enfermidades se debe a que cada vez se diagnostican antes e mellor. No entanto, os especialistas aconsellan aplicar o principio de precaución baseado en seguir hábitos de vida saudables.
A misión do intestino
O organismo humano consta do intestino delgado, encargado de dixerir e absorber os nutrientes dos alimentos, e do colon ou intestino groso, responsable de absorber a auga. Isto significa que a misión fundamental do intestino é a absorción.
O intestino está poboado pola flora intestinal, que é o conxunto de microorganismos, na súa maioría bacterias, que se localizan nel. Estímase que o corpo humano podería albergar máis de 1.000 clases de bacterias e que o noso intestino podería estar colonizado por 10 millóns de bacterias. Estas bacterias deféndennos fronte ás infeccións, estimulan o sistema inmune, fabrican as vitaminas B e K e axudan a dixerir e absorber os nutrientes, entre outras funcións.
As alteracións desta flora intestinal, coa que se nace pero que muda ao longo da vida pola dieta e polo consumo de antibióticos, asociáronse a desordes intestinais como o colon irritable ou a enfermidade de Crohn, e en cada un deles a flora altérase dun xeito distinto. Cando o intestino non funciona ben, os síntomas fundamentais que nolo advirten son o tipo de defecación (diarrea ou estrinximento) e mais a dor abdominal, o inchazo e tamén, en ocasións, as flatulencias ou meteorismos. Ademais, se hai unha mala absorción de nutrientes, pódense producir malnutrición, anemia e ferro baixo, entre outras consecuencias. E no cancro de colon, outro signo delator é a presenza de sangue nas feces.
Os piares da prevención
A prevención baséase nas seguintes prácticas:
- Evitar o estrinximento mediante a dieta mediterránea, que inclúa fibra, presente en froitas, alimentos vexetais e integrais e cereais (sobre todo o farelo de trigo).
- Non abusar dos laxantes, xa que alteran a flora intestinal, son irritantes e poden producir síndrome do intestino irritable (SII).
- A dieta idónea é a mediterránea. Mentres que o 70%-80% do cancro colorrectal se relaciona cunha dieta insá, en cambio, unha alimentación como a dieta mediterránea, rica en froita, verdura, con poucas graxas e carne vermella podería axudar a previlo, segundo o Instituto Catalán de Oncoloxía (ICO).
- Consumir líquidos, xa que favorecen a hidratación, a progresión do bolo alimenticio e preveñen o estrinximento.
- Recorrer aos prebióticos e probióticos. Como o intestino ten unha función na autoinmunidade, se esta se altera, os prebióticos e probióticos son esenciais para restaurar a flora intestinal. Os prebióticos son substancias que favorecen o crecemento dos probióticos, mentres que os probióticos son alimentos funcionais (sobre todo lácteos) que conteñen microorganismos que chegan intactos ao intestino, onde se aloxan e achegan beneficios para a nosa saúde. Os probióticos son eficaces na EII, pois melloran a malabsorción. Entre os probióticos existentes figuran lactobacilos e bifidobacterias de distintas especies.
- A hidroterapia do colon é semellante á limpeza con lavativas ou con preparados por vía oral que limpan o intestino. Trátase dun lavado profundo do intestino groso con auga, que se introduce e extrae cunha cánula, mediante un equipo sofisticado, para detoxificalo e eliminar as toxinas todas.
- Practicar exercicio de maneira regular, xa que mellora a mobilidade intestinal.
- Manter unha abundante hidratación para axudar ao tránsito intestinal e a evacuar as feces.
- Seguir a dieta mediterránea, cun consumo moderado de fibra.
- Non convén abusar da fibra, xa que unha cantidade excesiva pode producir gases, meteorismos e diarreas.
- Tomar iogur para repoñer a flora intestinal.
- Controlar os medicamentos que producen efectos secundarios, como diarrea ou estrinximento.
- Controlar o estrés, que pode alterar a mobilidade e a flora intestinal e provocar os síntomas da enfermidade inflamatoria intestinal.
- Evitar o tabaco e o alcohol.
Fonte: Modesto Varas Lorenzo, especialista en Aparato Dixestivo de Centro Médico Teknon e do Hospital Universitario Val de Hebrón, de Barcelona.