Proba práctica: tres aplicacións de móbil para facer deporte

Endomondo é a máis social, mentres que Runtastic soporta un maior número de actividades deportivas e Runkeeper é apropiada para usuarios noveles
1 Abril de 2012
Img internet listado 707

Proba práctica: tres aplicacións de móbil para facer deporte

Grazas a elementos como o reloxo ou o GPS, un smartphone pódese converter no centro de xestión e control das actividades deportivas, tanto ao aire libre como en espazos interiores, e substituír o cronómetro, o pulsómetro ou calquera outro dispositivo de pulso específico. Hai varios programas que serven para gardar todos os datos das actividades deportivas realizadas e mais as estatísticas completas e a información sobre rutas e carreiras.

EROSKI CONSUMER realizou unha proba práctica con tres destes programas para coñecer as súas vantaxes e inconvenientes. As aplicacións seleccionadas son:

O mellor para:

  • Estatísticas completas gratuítas: Endomondo e Runtastic
  • Aplicación para smartphone máis completa: Runtastic
  • Versión web básica máis completa: Endomondo
  • Funcionalidades sociais: Endomondo
  • Deportistas ocasionais: Runkeeper
  • Exportar e importar datos da actividade deportiva: Endomondo
  • Número de deportes soportados: Runtastic
  • Seguir adestramento en tempo real: Endomondo e Runtastic

Características comúns

As tres dispoñen de funcionalidades básicas para levar un control dos adestramentos en tempo real, como duración, distancia, velocidade, ritmo, calorías consumidas ou frecuencia cardíaca. Para dispor dos datos relativos á actividade cardíaca cómpre adquirir adicionalmente un pulsómetro compatible. Estas aplicacións contan con cadansúa páxina de Internet con tenda na que adquirir algúns dos modelos compatibles.

Todas fan un uso intensivo do GPS. Polo tanto, é recomendable utilizalas coa batería do dispositivo totalmente cargada. Agora ben, en espazos interiores o GPS non conta coa cobertura necesaria para activar o servizo fronte a outras solucións máis profesionais.

Unha das principais características destas aplicacións é a de prover de estatísticas completas sobre a actividade realizada, co obxectivo de axudar a planificar un programa de adestramento. Estas amósanse con quilómetros percorridos, tempo e calorías consumidas. Tamén dispoñen de funcionalidades sociais para compartir a actividade con outros membros rexistrados.

Dispoñen ademais dunha versión premium, cun custo que varía entre os 20 e 50 euros ao ano, con acceso a funcionalidades máis sofisticadas, ofertas na compra de accesorios, plans de adestramento personalizados ou estatísticas máis completas.

Os servizos un a un

Runkeeper

É o único servizo analizado nesta proba de uso. A súa aplicación para móbil é gratuíta, aínda que non acontece o mesmo co acceso á web dende o ordenador, que ten unha versión de pagamento chamada Elite e outra gratuíta máis básica. Conta cun contorno gráfico moi sinxelo, coas opcións principais de comezar unha nova actividade ou consultar as anteriores. Ademais, pódese activar a pausa automática, a conexión con pulsómetros compatibles ou o apartado de audio, onde configurar os datos que a aplicación comunicará durante a práctica deportiva. Tamén permite que amigos e contactos poidan seguir a evolución dunha persoa dende a páxina web de Runkeeper. Agora ben, esta opción só está dispoñible para membros Elite.

A páxina web de Runkeeper ten un contorno gráfico sinxelo e orientado a proporcionar a información histórica das actividades deportivas realizadas e mais as últimas actualizacións na plataforma realizadas polos contactos. Tamén inclúe a opción de coñecer rutas realizadas por outros usuarios ou carreiras populares en todo o mundo.

Runkeeper permite a exportación dos datos de cada actividade deportiva realizada mediante o formato GPX e tamén en KML, formato utilizado pola aplicación de mapas Google Earth. Os datos tamén se poden importar á plataforma manualmente ou mediante a suba dun ficheiro en formato GPX ou TCX xerado por calquera outro dispositivo. Tamén dispón dunha opción para aceptar os datos dalgúns dispositivos do fabricante Garmin.

Endomondo

Conta con dúas versións, unha gratuíta e outra de pagamento. A primeira ten funcións básicas como gravar actividades deportivas ao aire libre con lectura de datos de duración, velocidade e calorías en tempo real, xunto coa retroacción destes datos por audio a cada quilómetro percorrido. Outra función interesante desta versión é “Pep”: charlas en tempo real que lles permiten aos usuarios escribir unha mensaxe na páxina web de Endomondo e que sexa lida polo sistema de audio durante a práctica deportiva.

Pola súa banda, a versión Pro dispón de gráficos completos con tempos por volta, frecuencia cardíaca, altitude e velocidades. Ademais, conta con diferentes tipos de obxectivos por distancia para competir con un mesmo respecto a unha actividade anterior. Tamén inclúe un modo de baixo consumo de enerxía para permitir que o teléfono optimice a batería.

A páxina web de Endomondo é unha das máis completas, cun contorno gráfico orientado a permitir a comunicación e o contacto entre membros da plataforma. Permite crear grupos de usuarios, privados ou abertos, onde competir, e mais inscribirse en carreiras concretas, probas deportivas, desafíos e rutas en todo o mundo. Cada práctica deportiva preséntase coa ruta sobre un mapa e con datos e estatísticas da actividade. Endomondo conta cunha versión de pagamento, denominada Lounge, que custa 39 dólares ao ano e ofrece descontos na compra de material deportivo.

A aplicación permite exportar os datos de cada actividade deportiva gravada dende esta plataforma en formatos TCX e GPX. Tamén conta cunha opción para subir os ficheiros xerados por algúns modelos do fabricante Garmin.

Runtastic

Esta aplicación dispón dunha versión gratuíta que combina algunhas características comúns a estes programas, como rexistro dos adestramentos en tempo real, con mapas, gráficos e métricas. A versión de pagamento inclúe retroalimentación por voz durante o adestramento, seguimento en tempo real por parte os contactos do usuario, ritmo cardíaco mediante un pulsómetro compatible ou táboa por lapsos determinados. Malia a que é unha das máis completas entre as analizadas, está orientada á práctica deportiva en xeral e conta cunha serie de aplicacións específicas para actividades concretas como un podómetro, bicicleta de montaña ou deportes de inverno.

Con respecto á versión web, o seu obxectivo principal é gardar e amosar información sobre os adestramentos realizados polos usuarios. Dispón dunha versión denominada Gold, que custa 49,90 euros ao ano, cun maior número de funcionalidades: acceso á análise de rendemento libre de anuncios, comparación con outras prácticas de contactos ou descontos en compras. Esta plataforma ofrece ademais plans de adestramento de pagamento desenvolvidos por expertos e orientados a usuarios que desexen mellorar as súas metas ao correr, perder peso ou facer exercicio.

A exportación de datos en formato GPX e KML para Google Earth está limitada a unha exportación cada 24 horas aos membros básicos da plataforma web. A única maneira dispoñible para subir datos de actividades deportivas realizadas dende outros dispositivos ou aplicacións é facelo de xeito manual.