Claves para conseguir un piso barato

Lograr rebaixas importantes na compra dun piso implica unha busca exhaustiva e paciente e negociar co vendedor
1 Abril de 2012
Img economia domestica listado

Claves para conseguir un piso barato

A picada da burbulla inmobiliaria propiciou unha redución do 19% no prezo medio da vivenda libre dende os máximos de hai catro anos. Segundo os últimos datos do Ministerio de Fomento, que coinciden cos cálculos da Sociedade de Taxación, o prezo por metro cadrado situouse en 1.701 euros a peche do 2011, fronte aos 2.101 euros do primeiro trimestre do 2008, unha notable caída nos prezos que os propios taxadores consideran que continuará ata que se absorba o excedente de oferta. Non obstante, o aumento da inflación e a previsible suba do euríbor (indicador ao que se vinculan a maioría de hipotecas) fai prever que a renda dispoñible para mercar unha casa se resinta. Por este motivo, convén seguir certas pautas para obter a maior redución posible no prezo final da vivenda.

Armarse de paciencia. Adeus ás présas

A compra da vivenda implica o desembolso máis importante da nosa vida. Por iso, solicitar toda a información posible, comparar, facer números e non ter présa na decisión final son pasos indispensables. Cómpre estudar os prezos de inmobles similares, da zona onde se sitúa a vivenda desexada, o financiamento, as custas asociadas á compra e todas as características que inflúan na decisión. Unha vez realizado este proceso e a visita física aos inmobles, pódese realizar unha oferta á baixa, e agardar.

Negociar co propietario da casa

A conxuntura actual sitúa o comprador nunha posición dominante no que atinxe á negociación. Contar hoxe en día con liquidez para mercar permite negociar os prezos á baixa e adiantarse aos máis que previsibles descensos futuros. Os expertos aseguran que unha negociación directa entre ambas as dúas partes, sen intermediarios, facilita descontos no prezo de entre o 5% e o 20%. A predisposición á venda acentúase a medida que as necesidades ou urxencias do vendedor son maiores. Así ofrécese un importe menor, pero a cambio a compra péchase antes, amais de que se aforra a comisión que cobran os intermediarios (entre un 2% e un 5%).

Se se pode, pagar o inmoble en efectivo

Dispor de diñeiro en efectivo non só achega vantaxes no momento de negociar entre particulares. Ante un mesmo prezo dun piso, contar con aforros para acometer a compra ou verse na necesidade de financiala (sempre que o banco acceda) marcará unha enorme diferenza no custo final. O diferencial co euríbor que aplican os bancos ao establecer o tipo de xuro variable marca esa diferenza a xeito de xuros.

As pasadas hipotecas baratas desapareceron coa crise. No 2011, a rebaixa de prezos dos inmobles novos, que a Sociedade de Taxación cifrou nun 4% anual, absorbeuse polo repunte rexistrado nas custas de financiamento, de case un punto porcentual. Por iso cómpre facer números e pensar a longo prazo.

Alerta ante oportunidades de compra de piso

O prezo dos inmobles experimenta importantes descensos baixo certas condicións. Situarse nunha zona deprimida ou golpeada polas turbulencias económicas (altas taxas de paro, contracción do consumo…) fará que o seu prezo diminúa, xa que a demanda sobre o piso será menor e as dificultades para darlle saída incrementaranse.

Se o inmoble precisa reparacións, o vendedor quererá buscar unha venda rápida, posto que a deterioración aumentará e o seu valor irá minguando progresivamente e, con elas, as posibilidades de reducir o prezo inicial demandado. Outra opción é o alugueiro con opción a compra.

Revisións á baixa dos prezos

Se se realiza un seguimento de varios inmobles, pódense atopar descontos interesantes no prezo inicial, cando as vivendas permanecen un longo período sen se venderen. E se os vendedores non dan concretado a súa venda, veranse abocados a rebaixar o seu prezo cada certo tempo. Realizar unha oferta á baixa, pero nun prazo concreto e en firme, facilitará un interesante desconto.

O stock de vivendas das entidades

España mantiña un stock de 818.000 vivendas novas pendentes de venda en setembro do 2011, segundo un informe de Catalunya Caixa. Un dos efectos máis nocivos derivados da crise foi a perda da vivenda habitual por execucións hipotecarias. As entidades financeiras son agora as maiores propietarias de inmobles e buscan custe o que custe sacalos dos seus balances. Poden chegar a ofrecer descontos de ata o 60% ou o 70% sobre o prezo inicial. Os bancos contan con promocións enteiras e financian o 100% do valor de taxación.

Vivendas de Protección Oficial

No 2011 representaron o 13,2% dos inmobles transmitidos. Agora, de media, unha VPO é un 32% máis barata ca un piso libre, aínda que no máximo do “boom” chegou a custar case a metade. Son vivendas cunha tipoloxía, dimensións e prezos regulamentados pola Administración, como condición para se poder acoller a determinadas vantaxes económicas e mais fiscais por parte dos compradores, que deben reunir unhas condicións referentes á titularidade de inmobles ou a ingresos familiares. Teñen uns prezos máximos de venda determinados por módulos. O Goberno vén de aprobar manter a contía do módulo básico estatal da vivenda protexida para este ano en 758 euros por metro cadrado de superficie útil.

Portais de compra de casas en Internet

Mercar piso pode saír máis barato se se fai dende promotores, portais de entidades, páxinas web de anuncios (Segundamano.es, Milanuncios.com) ou buscadores de portais inmobiliarios (Fotocasa.es, Idealista.com, Yaencontre.com, Pisos.net…).

A oferta en Internet é case infinita. Brinda vantaxes, como un seguimento sinxelo e permanente dos prezos, acceder a inmobles de diferentes tipos e situacións e mais aos que mellor se adapten ás necesidades particulares de cada interesado.