Como e cando continuar a actividade sexual tras o parto?
As 24 horas que ten un día non abondan para coidar o bebé e mais para organizar todo o relacionado coa súa chegada ao fogar. O coidado persoal, o estado da casa, as compras e as relacións sociais pasan a un segundo, terceiro, cuarto lugar… Todo o tempo e toda a atención por parte da parella concéntrase no bebé. Sobre todo as primeiras semanas. Os novos pais envórcanse tanto no seu novo papel que en moitas ocasións esquecen a súa vide en parella. Non obstante, os expertos aseguran que é esencial que neste período o vínculo amoroso sobreviva ás obrigas parenterais.
A chegada do bebé á casa
No momento no que se teñen fillos é fundamental que a parella estableza unha relación de complicidade na crianza, que entenda que os nenos dependen dos dous e que a súa intimidade afectiva e sexual debe ser compatible coa paternidade. O xogo amoroso non pode desaparecer entre cueiros e biberóns. Por iso, sempre que se poida recoméndase que a parella busque eses momentos de intimidade. Antes de que o bebé cumpra seis semanas, como moi tarde, os pais deberían ter unha cita romántica, saír cear, e, de lles ser posible, pasar unha noite sós, sen se sentiren culpables. Decataranse de que non sucede nada e de que chegan renovados de entusiasmo para atender mellor o pequeno.
Coidado coa rutina!
Un dos problemas máis comúns é a rutina, asociada ao pensamento de que unha vez conseguido o amor, non é necesario facer nada máis. Agora ben, isto vai aos pouquiños minguando o desexo. Dar un paseo os dous sós, ir ao cine, divertirse nun concerto ou saír con amigos, como ao comezo da relación, son algunhas sinxelas recomendacións para recuperar pouco a pouco a “faísca”. É importante ser conscientes do atractivo da parella, pensar nela como obxecto de desexo, ver esa persoa como se se acabase de descubrila, con todo o atractivo que tiña ao inicio da relación. Procurar atopar entre os dous momentos de intimidade afectiva e sexual e mais o tempo para expresar os sentimentos de ambos redunda na boa relación con todos os membros da familia.
A corentena son seis semanas
O tempo estimado dende o parto ata a primeira penetración sexual depende de cada caso, aínda que se calcula que poden transcorrer seis semanas ou máis. Hai que ter en conta que unha cesárea é unha situación especial por ser unha intervención cirúrxica, o que suporá unha convalecencia máis longa. Pero transcorrido o tempo de recuperación física é saudable continuar as relacións sexuais o máis axiña posible.
As relacións sexuais non se refiren en exclusiva ao coito. A sexualidade é unha forma privilexiada de comunicación que ten múltiples maneiras de expresión e neste período pódense explorar alternativas. Ademais, o encontro sexual non debe implicar sempre ánimo de excitación e fins orgásmicos. As caricias nas mans, brazos, costas, cabeza ou en zonas consideradas non eróxenas son moi gratas e favorecen un clima de cariño e afecto neste momento no que a parella pode estar máis vulnerable.
A episiotomía
A episiotomía -incisión cirúrxica na zona do perineo feminino- pode ser dolorosa ao principio, pero a miúdo sanda axiña. Se co paso do tempo persiste o malestar, hai que consultalo co xinecólogo. Unha vez sanden os tecidos, se a penetración se realiza en condicións axeitadas, non se notarán molestias, pero de ningún modo se ten por que sentir dor. Para que todo flúa do xeito máis satisfactorio, a muller débese atopar cómoda e sexualmente excitada. O home ten que ser paciente e considerado, entender que a vaxina pasou por unha situación traumática, que permanece unha ferida recente e que ten que tratarse con todo coidado.
A sequidade vaxinal
Tras o parto, por mor dos cambios hormonais e do temor á penetración, pode ser necesario e conveniente o uso de lubricantes e xeles vaxinais. No uso de lubricantes, cómpre ter as seguintes consideracións:
- É preferible usar lubricantes de base hídrica ou solubles en auga.
- A vaselina e outros aceites minerais que non se disolven en auga (e proceden do petróleo) adhírense á mucosa vaxinal, poden facilitar o desenvolvemento de xermes e disfrazar as infeccións ata que estean demasiado avanzadas.
- É conveniente que teña un pH lixeiramente ácido, que non supere o 5.0 (similar ao habitual da vaxina), xa que permitirá unha mellor defensa fronte a infeccións ou desequilibrios na flora bacteriana vaxinal.
- É preferible un xel lixeiro, de doada aplicación. Hai menor risco de posible irritación vaxinal cando o lubricante carece de substancias que lle confiran sabor, olor ou cor.
- Se o seu efecto é de longa duración, facilita a espontaneidade no encontro sexual e non é necesario estar pendente do momento da súa aplicación previa ao coito.
- Os xeles de base hídrica son máis doados de eliminar co lavado.