A hixiene do can, unha rutina completa

O aseo do can debe ser unha rutina na casa que inclúa os baños, o cepillado do pelo e dos dentes e mais a limpeza dos oídos e dos ollos
1 Abril de 2012
Img mascotas listado

A hixiene do can, unha rutina completa

A boa hixiene do can asegura a súa saúde e a das persoas coas que convive. Na casa convén incorporar a limpeza do can como unha parte máis da rutina de aseo do resto da familia. O baño, o cepillado e atender á limpeza dos dentes ou dos oídos da mascota son partes fundamentais do aseo dun can. Para logralo, abondan uns sinxelos consellos.

O cepillado do can: primeiro hábito de hixiene cotiá

O cepillado do can é o primeiro paso obrigado para a axeitada hixiene da nosa mascota. Os seus paseos polo parque, os seus xogos e ata os restos de contaminantes que se atopan no aire da cidade lixan a pelaxe da mascota. Por iso é importante cepillar o can acotío, xa que non só se elimina o lixo do seu corpo, senón que se fortalece a súa pelaxe e se manteñen sas a súa pel e a base do pelo por mor da acción das pugas do cepillo, que exercen durante o cepillado unha masaxe beneficiosa.

A frecuencia do peiteado pode variar en función do tipo de pelaxe: rizada, lisa, longa ou curta. Xa que logo, un animal con tendencia a presentar nós e marañas no seu cabelo pode mesmo precisar máis dun cepillado ao día.

Canto antes se comece a cepillar o can, antes aceptará o animal a hixiene do seu pelo como parte dos seus hábitos cotiáns, xa que o can é un animal de costumes. A rutina habitual do peiteado pódese tornar un xeito de estreitar a relación entre dono e mascota de maneira positiva. Acompañar o coidado da pelaxe con caricias e palabras amables axuda a que se sinta máis cómodo.

O baño

Un baño con auga e xabón completará a hixiene da pelaxe e da pel do noso can. Un can de cidade pode precisar un baño ao mes (se ten o pelo longo ) ou un cada dous ou tres meses (se é de pelaxe curta).

A auga de baño debe respectar a temperatura corporal habitual do can, que de media é duns 39 ºC, máis de dous graos superior á das persoas. Evitar o contacto directo do produto cos ollos do can é outra precaución que cómpre ter en conta. Hai que se asegurar de que non lle entre auga nos oídos: uns tapóns de algodón nas orellas do can é un truco moi efectivo.

Cada can, o seu xampú

Comercializáronse unha ampla variedade de produtos apropiados para bañar cans (non serven os indicados para persoas, xa que o PH da nosa pel é distinto e poden danar o can). Abundan os xampús para cans con peles moi sensibles, con tendencia a sufrir reaccións alérxicas e tamén os hai personalizados para cada tipo de pelo: curto, longo, rizado, escuro ou claro. É cuestión de elixir o que mellor se adapte ás características do can. O veterinario é a persoa que mellor pode recomendar o tipo de xampú segundo o tipo de can.

Fóra o mal alento

Unha correcta hixiene dental é o mellor xeito de previr o mal alento no can. Ademais, evita futuras infeccións e outras doenzas na súa boca, como inflamacións das enxivas, dificultades para comer ou enfermidades máis graves que poden afectar a órganos como o ril ou o fígado. Unha rutina de aseo do can que inclúa polo menos dous cepillados de dentes á semana evitará boa parte destes problemas.

Ollos sen lagañas

Non hai que esquecer a limpeza dos ollos cando se trata de coidar os hábitos de hixiene da nosa mascota. A aparición das molestas e antiestéticas lagañas é sinxela de evitar: abonda con usar acotío gasas humedecidas en soro fisiolóxico para eliminalas. Deste xeito, prevéñense posibles infeccións de ollos, como a conxuntivite.

Oídos sans e limpos

Os oídos do can deben ser revisados polo menos unha vez á semana en caso dos cans de orellas grandes: os seus enormes pavillóns bloquean a entrada de aire ao interior dos condutos auditivos, o que dificulta que o lixo saia arrastrado de maneira natural pola corrente.

No caso do can de orellas curtas, abonda con realizar a limpeza de oídos dúas veces ao mes. Unha gasa enrolada sobre o dedo índice axudará na realización deste labor, que se pode completar coa axuda de produtos limpadores específicos que eliminan a cera das paredes dos condutos auditivos.

Cans guapos e sans

Os cortes de pelaxe habituais, en especial nos cans de pelo longo e fino ou rizado, con tendencia a crear nós, son esenciais. Na actualidade hai multitude de salóns de beleza especializados en cans e preparados para realizar esta tarefa. Por outra banda, é importante coidar e recortar as uñas do animal, en especial nos cans que non tendan a desgastalas por si sós. O veterinario axudará nesta tarefa ao realizar as revisións rutineiras do can.