Con toda a garantía
As avarías nos electrodomésticos son unha molestia que tarde ou cedo teñen os máis dos fogares. Por moi bo resultado que ofreza, nin o máis sofisticado de última xeración está libre de sufrilas. Nestes casos, o normal é acudir ós servizos de asistencia técnica (SAT), pero ás veces o desprazamento do técnico, o recambio das pezas estragadas e o prezo da man de obra poden supor unha contía considerable que non compensa a reparación. Velaquí algunhas claves para unha resolución satisfactoria.
Reparación en garantía
- Lembre que cando adquire un produto, tamén ten dereito a esixir a reparación dese produto se se estraga, sempre e cando, iso si, non se fixera un emprego pouco axeitado del.
/imgs/20050601/documento.jpg Comprobe que a marca ten un adecuado servizo de asistencia técnica. Desconfíe da publicidade na que aparece un número de teléfono de tarificación adicional, é dicir, máis caro (os 803, 806, 807…) ou un móbil e non se indica un enderezo.- Conserve, xunta o manual de instrucións dos aparellos que merque, a tarxeta de garantía e a factura ou ticket de compra.
- Durante os primeiros seis meses de garantía dun produto novo presuponse que o dano ou avaría vén de fábrica e o vendedor debe asumir os gastos da reparación, tanto das pezas e do traslado coma das horas de traballo. Se xa pasaron eses seis meses, é o consumidor quen ten que demostrar que o fallo vén de orixe e que non foi provocado por un mal uso do produto (se así o require o vendedor).
- Non manipule o aparello porque perderá o dereito de reclamar, aínda que o defecto proveña de fábrica.
- O tempo da garantía queda en suspenso durante o tempo que o electrodoméstico estea en reparación.
- A garantía legal e obrigatoria do fabricante é de dous anos. A garantía comercial, a que cada fabricante, vendedor, etc. engade voluntariamente á legal, é interesante porque amplía o prazo legal de dous anos. Pero non esqueza que adoita ter limitacións fronte á obrigatoria e que nalgúns casos está condicionada ó cumprimento de determinados requisitos. É habitual, por exemplo, que estableza que hai que aboar o desprazamento ou as pezas.
- Non esqueza que os bens de segunda man mercados a un empresario ou profesional tamén gozan dunha garantía mínima dun ano.
- Saiba que pode esixir unha indemnización polas perdas e danos derivados da avaría e o tempo de reparación. É dicir, se adquire unha neveira e se estraga de alí a unha semana, amais de solicitar que se faga efectiva a garantía, pode esixir unha indemnización polos alimentos que se estragaron ante o mal funcionamento do electrodoméstico.
Sen garantía, pida orzamento
- Se a garantía xa venceu, pida orzamento en varios talleres de reparación, amais de ó servizo técnico.
- Sonde por teléfono se paga a pena facer a reparación, canto lle pode custar, canto cobran por man de obra e desprazamento… Se comproba que lle interesa, pida o orzamento por escrito. Debe detallar o prezo final da reparación, que deberá incluír tanto a man de obra coma a substitución de pezas e os gastos de desprazamento, de habelos, as chamadas “saídas”. Se non consta o IVE nin se di expresamente “non incluído”, enténdese incluído no prezo final.
- Non esqueza que só está obrigado ó pagamento da elaboración do orzamento cando, logo de solicitalo, non o acepte.
- Pola elaboración do orzamento, pódenlle cobrar os seguintes importes:
- Para pequenos aparellos de uso doméstico: o importe correspondente a quince minutos de man de obra.
- Para liña branca: o correspondente a trinta minutos.
- Para liña castaña e electrónica: o correspondente a unha hora de man de obra.
- Se non acepta o orzamento, débenlle devolver o aparello nas mesmas condicións en que o entregou.
- O orzamento entregado debe ser válido ata 30 días despois da súa comunicación.
No taller
- Lembre que en período de garantía non lle poden cobrar o desprazamento, a man de obra, as pezas nin os impostos.
- Se non está en garantía, é preferible que vostede leve o obxecto a reparar. Evitará gastos.
- Só lle poden cobrar unha vez por desprazamento ó seu domicilio. Non importa se o arranxo supón varias viaxes ou se acudiron á casa e non puideron traballar porque vostede estaba fóra.
- Se a reparación se realiza na casa, ten dereito a que lle informen con antelación das tarifas de reparación.
- Estea ou non en garantía, solicite un resgardo no que se xustifique a entrega do electrodoméstico. Para iso, o aparello deberá estar identificado: marca, liña, serie, etc.
- Antes de levar o aparello á casa, ou de que o técnico marche, comprobe que funciona correctamente.
- Unha vez arranxado, retire o aparello canto antes. Pódenlle cobrar en concepto de consigna por día de almacenaxe a partir do prazo dun mes desde que se lle comunicou que pasase recollelo. Solicite (tamén se está en garantía) unha factura detallada na que se especifique o CIF da empresa, a reparación efectuada, as horas de traballo, o prezo da man de obra, as pezas substituídas, o IVE e o prazo de garantía da reparación.
- Saiba que os talleres de reparación deben expor de xeito claro e visible os prezos por hora de reparación e os gastos de desprazamento.
- Comprobe que as pezas substituídas son novas. Ten dereito a que lle entreguen as antigas.
- A garantía mínima de reparación é de tres meses e cobre tamén os desprazamentos e as pezas reparadas ou substituídas, por iso é fundamental que conserve durante este período a correspondente factura.