Máis garantías para os propietarios de vivendas
Cando nos dispomos a adquirir unha vivenda, as nosas posibilidades económicas, a situación do inmoble e o seu aparente bo estado son os aspectos que principalmente determinan que nos decantemos por esta ou por aqueloutra. A calidade da construción do edificio queda a miúdo relegada a un segundo plano, ben porque non é doado informarse sobre as condicións reais de mantemento dunha vivenda (estado da fachada, do tellado…) e dos problemas que sufriu no pasado (fendas, humidades, filtracións ou posibles defectos de construción), ben porque o elevado prezo dos inmobles construídos con materiais de primeira impide que se merquen. Como solución á falta de información sobre o estado dos edificios e para asegurar a súa adecuada construción e conservación, xorde da man das institucións públicas o Libro do Edificio ou da Edificación, vixente desde o 6 de maio do 2000.
Correspóndelles ás Comunidades Autónomas regular e desenvolver o contido do Libro do Edificio e velar polo seu cumprimento, e esta é precisamente unha das principais trabas para a súa aplicación: aínda que pode haber inspeccións dos gobernos autonómicos a través dos departamentos de Vivenda, polo de agora estas comprobacións practicamente non se realizan. Algunhas comunidades autónomas, como a de Madrid, Cataluña, País Vasco, Navarra, Valencia, Estremadura ou Galicia xa regularon a cuestión, unhas mellor ou con máis detalle ca outras. Esta lei, ademais, non é retroactiva: a obrigatoriedade de dispor do Libro do Edificio só se lles aplica ós inmobles que solicitaron a licencia de edificación para o proxecto de obra a partir de maio do 2000.
O Libro do Edificio consta de varios volumes que, a xeito de arquivadores, recollen toda a información á que a lei obriga. Inclúe os datos principais do edificio e é unha ferramenta moi útil non só para os usuarios finais, senón tamén para arquitectos, aparelladores, promotores, construtores, inmobiliarias, presidentes de comunidades de veciños e administradores de fincas. É un documento equivalente á ITV dos coches, que reflectirá desde o primeiro ladrillo que se coloque ata cada ampliación, reforma ou rehabilitación do edificio. Se se realiza unha obra na fachada, por exemplo, o libro recollerá os datos da empresa á que se lle encargou e os detalles sobre o traballo efectuado. Hai que conservalo no edificio, que por lei deberá constar dun armario comunitario con pechadura no que gardalo. Ós propietarios das vivendas só se lles entregará a parte correspondente ás súas obrigas en materia de conservación do inmoble. Dentro do libro, cómpre salientar pola súa importancia o documento de especificacións técnicas: esencial para que se realicen as operacións de conservación e mantemento destinadas a asegurar a vida útil do inmoble.
Que información contén?
Aínda que non hai unha coincidencia absoluta entre todas as comunidades autónomas no seu contido e as denominacións dos seus distintos capítulos poden variar, estas son as partes das que debe constar o libro do edificio:
Datos básicos. A información máis xeral do edificio, relacionada coas partes que interveñen no proceso de construción: situación do edificio, promotores, autores do proxecto, dirección da obra, construtor, licencias, datas de construción, declaración de obra nova, réxime de propiedade, cargas reais e garantía.
Rexistro de incidencias. Capítulo no que o presidente ou o administrador da comunidade anotarán incidencias como cambios da propiedade (titularidade), data que na que se rexistra a incidencia, elección de novos presidentes da comunidade de propietarios, detalles sobre as reformas e rehabilitacións que afecten ó estado orixinal do edificio, subvencións e beneficios concedidos para ‘amaños’ do edificio, seguros contratados…
Calendario de mantemento. Planifícanse as operacións de mantemento que se deben realizar ó longo do ano, tanto se son obrigatorias coma recomendables. Para recoller estas revisións facilítanse follas nas que debe aparecer a data de realización e todos os datos do profesional que vai traballar no edificio, amais da súa sinatura e selo. Séguese o mesmo procedemento en cada operación.
Manual de uso e mantemento do edificio. Descríbense as características construtivas do edificio e mais as instrucións de uso e mantemento recomendables para cada elemento concreto. Un exemplo:
Os elementos que forman parte da estrutura do edificio, paredes de carga incluídas, non se poden alterar sen o control do Técnico de Cabeceira. Esta prescrición inclúe a realización de rozas nas paredes de carga e a abertura de pasos para a redistribución de espazos interiores.
Manual de uso e mantemento para cada vivenda. É un resumo do anterior, onde se expoñen os temas directamente relacionados coa propia vivenda. Repartiráselle a cada membro que forme parte da comunidade de propietarios. Exemplos:
Fachada. Non se pode alterar (pechar balcóns, abrir ventás novas, instalar toldos ou rótulos non apropiados) sen contar coas ordenanzas municipais e coa aprobación da comunidade de propietarios. Nos balcóns e galerías non se deben colocar cargas pesadas, como xardineiras ou materiais almacenados. Tamén se debería evitar que a auga que se emprega para regar pingue pola fachada.
Acabados da fachada. Hai que evitar tratar as paredes da fachada onde se atope o seu balcón ou galería con cores diferentes ás do resto da fachada. En calquera caso, cómpre o permiso da comunidade de propietarios.
Carpeta de planos e memoria construtiva. Contén os planos do alzado, seccións, alicerces e estrutura de cada unha das instalacións do edificio, tal e como foron executados na súa obra, reflectindo as posibles modificacións ó proxecto orixinal.
Arquivo de documentos. Recolle todos os documentos relativos ó edificio que foron recompilados desde a súa construción, e clasifícanse e rexístranse convenientemente. Trátase das licencias e do Certificado Final de obra, a escritura pública de declaración de obra nova, os documentos de garantías e pólizas de seguros, a división da propiedade e cargas reais, e os documentos que xustifiquen a realización das operacións de reparación.
- Traslado das anotacións que se fagan no Libro de Ordes, como as incidencias máis significativas.
- Os planos do edificio.
- As calidades dos materiais utilizados, e mais as garantías que emitan os construtores e os seus provedores ou subministradores sobre a calidade das súas actividades e materiais.
- Normas de actuación en caso de emerxencia.