Pequeno grande ordenador
A imaxe clásica do ordenador vincúlase a unha gran caixa gris e ruidosa. O común dos usuarios persegue na compra do ordenador unha máquina potente dotada de todas as prestacións posibles, sen reparar demasiado na estética nin en que ó final lle sobre a metade de todo polo que paga.
Agora ben, estase abrindo paso outro concepto de ordenador, moito máis pequeno, estilizado e acorde coas necesidades máis habituais. Os barebones son sistemas básicos -a caixa, a placa base e a fonte de alimentación- sobre os que se pode construír un ordenador completo adaptado a cada necesidade. Pero o termo barebone tamén se aplica ós ‘Mini-Pc’: ordenadores máis pequenos (pero completos) e silandeiros que, se se renuncia a algo de potencia e prestacións, supoñen un considerable aforro de cartos.
O baixo prezo dos ‘minis’ está relacionado coa súa configuración. A que vén por defecto adoita ser de ‘gama baixa’ no que respecta á potencia do procesador, capacidade do disco duro e memoria RAM. Pero é posible atopar equipos compactos moi ben dotados cun prezo que se achega e mesmo supera ó dos tradicionais. O que case todos comparten é un tamaño e peso que os converte case en portátiles (polo menos manexables dentro do fogar) e un coidado especial pola estética, o consumo e a xeración de ruído, para o que empregan caixas disipadoras de calor e sistemas de refrixeración alternativos (sen ventilador).
Os Mini-Pc empréganse como ordenador de sobremesa, para integrar noutros sistemas, para xogar sen ruído, para substituír o equipo de música… Depende do uso que lle vaia dar, o comprador deberá valorar en que compoñentes paga a pena realizar un maior esforzo económico (por exemplo, un maior disco duro se se van almacenar películas, ou potentes tarxetas gráficas e de son para xogos de última xeración) e de que extras non quere prescindir (gravador de CD, DVD, disqueteira, etc.). O importante é que existe unha alternativa ó ordenador clásico, que xa non é unha máquina que cumpra agachar por fea e ruidosa, e que non fai falla ter o PC máis potente do mercado co último en equipamento (co conseguinte desembolso) para dispor dun ordenador válido.
www.mini-itx.comCompleta información (en inglés) sobre todo o relacionado co formato Mini ITX, unha placa base barata de reducidas dimensións cunha potencia abonda para ver películas a pantalla completa no monitor ou a través da súa saída TV.
www.ibertronica.es Consellos e solucións en función das necesidades do usuario nesta tenda de compoñentes e ordenadores, con presenza destacada para os PC ‘compactos’ (de salón, Shuttle XPC, equipos VIA Mini-ITX e outros barebones).
www.silent.se Silent PC é un sitio web dedicado a investigar o aspecto acústico da informática, con solucións (equipos e