Época de exames

Con tensión, pero sen ansiedade

O rendemento de quen se enfronta a unha proba é moito maior
1 Xuño de 2005
Img interiormente

Con tensión, pero sen ansiedade

/imgs/20050601/interiormente01.jpg
O medo ós exames non é irracional, pero o tamaño deste medo si pode selo. O reto de se enfrontar a unha proba nunha situación na que alguén se xoga en maior ou menor medida o seu futuro require concentración máxima. Xa que logo, certo grao de tensión é positivo, pois serve para manter activas as facultades intelectuais, físicas e emocionais, amais de mellorar o rendemento. O problema aparece cando a tensión se torna en ansiedade e a persoa se deixa vencer pola conciencia de que algo transcendente vai acontecer e non ten a seguridade de estar ben preparada. Sucédense pensamentos que cobran forza, como a posibilidade de que non se faga xustiza, o temor ás reprimendas ou ó ridículo e o medo a non lograr as metas propostas no prazo previsto. Esta conciencia pasa a ocupar un primeiro plano na nosa mente e pasa por diante dos coñecementos que se deben probar. O exame convértese así nun momento ameazante, que se vive antes, durante e despois como algo insuperable e perigoso, e ó que se lle outorga unha importancia esaxerada.

Como se manifesta?

Tanto se se sofre a ansiedade de maneira anticipada, é dicir, no momento do estudo previo, ou durante o exame, un episodio ou situación de ansiedade identifícase:

  • No estado físico: sófrense alteracións do sono, perda do apetito, trastornos dixestivos, náuseas, opresión no peito, sensación de que non chega o aire ós pulmóns e de que os músculos se paralizan, taquicardia, cambras e suor fría.
  • Na conduta: aparecen dificultades para manter a concentración. A persoa déixase vencer pola pasividade (pode pasar horas vendo a tele, dando voltas pola casa, durmindo, facendo visitas ó frigorífico…) e malgasta horas diante dos libros practicamente sen ler. As dúas condutas son signos de evasión que poden conducir a que ó final o estudante non se presente ó exame ou que, se si o fai, se sinta pasivo ante el.
  • /imgs/20050601/libros.jpg
    No rendemento intelectual: córrese o risco real de sufrir dificultades para entender as preguntas, de sentir bloqueos da memoria e incapacidade para lembrar coñecementos que se posúen. Durante minutos sucédese toda clase de pensamentos negativos: “non me vai dar tempo”, “non son quen de estudalo todo”, “teño menos capacidade ca outros”, “vou suspender seguro”, “eu non sirvo para isto”, “que ben viven os que non teñen que estudar”, “eu non dou acabado esta carreira”, “vou facer o ridículo”…, ideas que se potencian na mente da persoa afectada.

Por que se produce?

Nas persoas que presentan ansiedade existe unha predisposición a manifestar respostas de angustia en situacións nas que son ou se senten avaliadas. Agora ben, pode acontecer que un estudante non experimentara antes esta sensación e que nun determinado momento se vexa superado polas circunstancias.

As máis das veces, a orixe desa ansiedade débese a:

  • Experiencias anteriores negativas de bloqueo ou de non poder lembrar cousas que se consideraban aprendidas.
  • Pensamentos negativos ou outras preocupacións da persoa alleas ó estudo (isto acontece cando se preparou ben o exame).
  • Cavilacións sobre as consecuencias negativas que pode comportar facer mal un exame.
  • Comparacións con outros compañeiros ou compañeiras.
  • A inadecuada organización do tempo, non preparar ben o exame ou non distribuír ben os tempos de preparación, o que provoca que se deixen temas importantes para última hora.


Que se pode facer para evitar ou diminuír a ansiedade?

  • Preparación técnica boa. É importantísimo coñecer de modo práctico, adestrado e personalizado unha serie de técnicas de estudo. A lectura comprensiva, o subliñado, os resumos e esquemas, a memorización e a autoavaliación previa aplicadas ós tipos de estudo e ó tipo de personalidade de cada estudante requiren unha organización axeitada do tempo e do traballo que se quere realizar. Hai bos manuais sobre estas técnicas, pero cómpre adaptalos á personalidade e á situación que vive cadaquén. É importante evitar atoparse antes do exame con persoas que nos fagan dubidar da nosa propia preparación. Cando comeza o exame é esencial ler de vagar as preguntas e instrucións proporcionadas. E para responder, convén comezar polas cuestións menos complicadas para ter a sensación de que ‘se pode’ co exame. Non se debe caer na trampa de coller présa se hai compañeiros que rematan antes a proba.
  • Preparación mental. Convén identificar cales son os pensamentos que producen ansiedade, frealos e substituílos por outros positivos. Boa parte destes pensamentos non son obxectivos e dificultan o estudo, non axudan a sentirse ben e restan enerxía para render de xeito adecuado no exame. É doado identificalos: sempre son negativos e transmiten inseguridade. Resulta útil materializalos: escribilos ou pronuncialos en voz alta e ordenar que paren. Nese momento hai que substituílos por outros de carácter tranquilizador: “Fixen todo o que puiden, agora é cousa de que saia o que sei”, “isto é só un exame”, “dentro duns días todo pasou”, “outras veces tamén o dei feito”, “aínda que suspenda podo aprobar máis tarde”, “vou deixar que as miñas neuronas funcionen”.
  • Técnicas de relaxación. Cando se mudaron os pensamentos, é o tempo de aprender técnicas de relaxación que diminúen a ansiedade antes e durante os exames. Todas elas teñen dous soportes corporais básicos: a respiración abdominal e a relaxación muscular. O adestramento en respiración abdominal proporciona unha maior achega de osíxeno e facilita os procesos do sistema nervioso. A relaxación dos músculos, segundo cada unha das técnicas coñecidas, achega ó cerebro a información de que o corpo se atopa en situación de calma e serenidade. Os dous elementos combinados, respiración e relaxación muscular, son en si mesmos activadores da relaxación mental. Cando a persoa experimenta ese equilibrio en calma, atópase en condicións máis favorables de afrontar a preparación e a situación mesma do exame. Relativiza o seu temor e sae da parálise que provoca o medo. As técnicas de relaxación pódense aplicar tanto durante o estudo coma no propio exame.

En calquera caso, cómpre salientar, unha vez máis, que o que máis tranquilidade lle proporciona a un estudante é ter ben preparado o exame.