Case 20 de cada 100 cidadáns superan os 65 anos. Que reto suscita este aumento do número de persoas maiores?
O reto esencial ao que nos enfrontamos é mellorar a calidade de vida de todos eles.
Das 5 387 residencias de anciáns que hai en España, só o 24 % son de titularidade pública. Como funcionan as residencias en España? Son todas iguais?
Son centros onde médicos e outros especialistas en xeriatría e xerontoloxía nos dedicamos a coidar, atender e intentar mellorar a calidade de vida dos anciáns. Creo que funcionan moi ben. Pero, claro, non todas son iguais: cada centro ten unha marca característica. Por iso, a miña recomendación para as familias é facer unha boa busca, para estar seguro de que o centro escollido ofrece os requirimentos que necesita a persoa.
Poñamos un exemplo concreto: un señor de 85 anos que xa non pode vivir só. A familia dubida entre unha residencia ou contratar un coidador a domicilio. Por onde debería comezar a informarse?
A familia debería consultar cun médico especialista en xeriatría. Este paso sempre é recomendable, xa que os poderá informar e orientalos das necesidades e os requirimentos do seu familiar. A partir de aí, hai que atopar a opción e o centro apropiado.
A pensión media en España é de 926 euros ao mes, e o prezo dunha residencia pode custar o dobre, aínda que o maior paga unha porcentaxe da súa pensión en función dos seus ingresos. Como pode saber se a pensión é suficiente?
Existen, como di, axudas económicas para acceder a unha residencia pública. Respecto das residencias privadas, é certo, o prezo pode ser elevado, en especial se o comparamos coas pensións actuais.
Por que son tan caras as residencias?
O custo pode parecer elevado, pero hai que valorar as prestacións que ofrecen. Os centros cada día melloran a súa atención especializada, cun equipo de coidados que inclúe médicos, enfermaría, videoconsultas hospitalarias que preveñen problemas de saúde, traballo de terapia ocupacional, fisioterapia, psicoloxía, podoloxía; todo iso, ademais dos servizos básico.
Son suficientes os recursos que se destinan ás residencias?
[Ri] Non, por suposto que non. Os recursos sempre son poucos; hai moito no que investir para poder mellorar.
Calquera ancián pode conseguir unha praza de calidade?
As puntuacións para entrar nunha residencia pública inclúen a valoración da pensión, os inmobles que posúe e a situación familiar. Pero esta valoración realízase desde a área de traballo social das comunidades autónomas.
Algunhas asociacións de coidado dos maiores afirman que a lista de espera para entrar nunha residencia pública ou concertada en España é de ata dous anos, segundo as comunidades.
Non supera o ano, pero é certo que a espera varía segundo a comunidade autónoma.
A outra opción é recorrer á privada, cuxo prezo medio é de 1 829 euros mensuais, pouco accesible para moitas familia.
Nestes casos, adoitan ser os fillos ou familiares os que engaden diñeiro á pensión para pagar a súa entrada nunha privada, polo menos ata que ao maior se lle conceda a praza nunha pública. Outras residencias privadas anuncian a posibilidade dunha praza a cambio dalgunha propiedade inmobiliaria; pero descoñezo como funciona esta última opción.
Como saber que estamos escollendo o centro adecuado? En que hai que fixarse?
Unha consulta co xeriatra axuda neste paso. Se busca unha residencia por unha fractura de cadeira, por exemplo, a familia debe escoller unha que conte cun bo servizo de fisioterapia. Pero se o ingreso é por alteracións da conduta, hai que elixir unha con persoal especializado e instalacións apropiadas para iso. É o caso dun maior cunha demencia incipiente, que requirirá adestramento psicolóxico e de memoria. Cunha demencia máis avanzada precisará dun centro con unidades de promoción da autonomía.
Que sinais indican que un ancián necesita un coidador a domicilio ou ingresar nunha residencia?
O sinal xeral para decidir é que requira uns coidados inviables de recibir nun domicilio. Entón, a residencia é necesaria.
Cando hai que optar por unha residencia e cando é suficiente un coidador a domicilio?
É difícil acertar, non se trata de dirimir entre mellor ou peor. O mellor sitio para calquera maior é a súa casa, polo que a primeira opción pode ser contratar un coidador con atención individualizada. Se esta posibilidade non funciona ou non é viable, pódese recorrer a unha residencia.