Charo López, actriz

"O público forma parte do teatro e é testemuña dunha representación irrepetible"

1 julio de 2002
Img listado entrevista

Representa unha obra que triunfou tanto como novela coma, especialmente, no cine. ¿Facilita isto o éxito de recadación ou arríscase ás comparacións?

A novela de R. J. Waller triunfou no cine e tamén o fixo no teatro, porque é unha grande historia, e aínda que é un reto interpretativo, non temo as comparacións, como tampouco creo que o feito de que a obra sexa coñecida polo cine garanta o noso éxito. Son dúas linguaxes distintas e nas dúas o papel de Francesca é exquisito, un personaxe que satisfai ás actrices de primeira orde, como o demostra que fose Meryl Streep quen a levase á gran pantalla. Apetecíame moito interpretar esta muller, sentíame preto dela e compartimos un mundo que nos afecta ás dúas. Por iso montei a obra. O teatro permíteche, como non acontece no cine, elixir un personaxe, acceder a el e darlle vida propia.

Non deixa de ser curioso que da linguaxe cinematográfica se pase á teatral, cando antes acontecía o contrario: unha boa, ou popular, obra de teatro adaptábase ó cine.

Hai obras actuais de teatro que son excepcionais, pero igual que un bo argumento baseado nunha novela chega ó celuloide pode facelo ás táboas. Pode tamén que nunca se traduza a outra linguaxe. Aconteceu coa obra do nobel Darío Fo Teñámo-lo sexo en paz. Unha proposta que abordaba con rigor, seriedade e talento un tema moi actual e que necesariamente houbo de se-lo teatro quen o puxese en marcha.

Semellan moi lonxe as odiseas sufridas polos cómicos correcamiños que tan maxistralmente reflectiu Fernando Fernán Gómez en Viaxe a ningures. Así e todo, a realidade parece que non cambiou tanto: nas xiras teatrais o escenario séguese levando ás costas, son moitos os quilómetros que se percorren e os actores convértense en artistas ambulantes que venden a súa arte. Ademais, moitas obras entrañan un gran risco económico. ¿Paga a pena tanto esforzo?

É o único xeito que temos de saber se as obras funcionan, se chegan ó público. Antes falábase de xiras de provincias, pode que este termo resultase despectivo, pero agora é todo o contrario. Estrear nas distintas prazas, conectar con todo tipo de público e saír buscalo ás diversas cidades é clave. Por exemplo, As pontes de Madisson non se estreou en Barcelona, nin en Valencia nin en Madrid. A rede de teatros do noso país é extraordinaria, os camerinos están cada vez máis coidados, as plateas construíronse moi ben ou rehabilitáronse, concedéuselles importancia á luz e ó son. Ás veces, os teatros das cidades pequenas están mellor preparados cós das grandes, e os exemplos de auditorios de vangarda son cada día máis numerosos. En definitiva, dá gusto viaxar coas nosas obras por todo o país aínda que supoña un esforzo.

A miúdo os productores teatrais manifestan a súa preocupación pola escasa rendibilidade das obras que montan. ¿Tan difícil é axusta-lo orzamento?

O principal problema é que en España as entradas de teatro seguen a ser demasiado baratas. O prezo non ten nada que ver co que custa en Europa, e non digamos nos Estados Unidos. Tristemente, cómpre admitírmolo, non hai unha gran cultura teatral, e montar obras sae caro e non se chega a cubrir gastos.

O teatro de vangarda, de moita relevancia nos anos 80, rompeu moldes pero achacóuselle que resultaba incomprensible e aburrido para a maioría. ¿Pensa que arredou o público das butacas?

Non sendo as obras mal feitas, ningún movemento teatral, por moi baleiro ou banal que resulte, ten capacidade para dana-lo teatro. Se a obra gusta, enche aforos, pero o teatro que procura vende-lo que non ofrece no escenario afasta ó espectador, que sabe máis do que el mesmo pensa. A arte non se pode concibir baixo o prisma mercantilista, porque se torna no seu peor inimigo.

O cine de consumo é un producto comercial elaborado por unha industria exitosa, pero quizais máis atenta á mercadotecnia ca a criterios artísticos.
¿Como pode competi-lo teatro, coa súa modestia de medios, cunha ficción cinematográfica protagonizada por actores mundialmente coñecidos e que conta coa espectacularidade que proporciona a tecnoloxía dos efectos especiais?

Hai algo que acontece no teatro que non ocorre no mundo audiovisual. A tele é tan dura e o cine preséntase tan enlatado, que o público non pode manifesta-la súa opinión. Por iso, estou convencida de que nunca viviremos unha crise definitiva do teatro. É unha arte con moitos séculos de vida que está aprendendo a convivir con outras manifestacións artísticas, e que conta cunha vantaxe: o actor exponse tódalas noites e entrega sensacións, ofrece en vivo e de maneira irrepetible un mundo distinto en cada representación. Os artistas podemos, en cada actuación teatral, estar sublimes, conectar co público e transmitirlle entusiasmo e amor ou, pola contra, resultar tediosos e comunicar inseguridade ou cansazo. É diferente cada serán, esa é a gran vantaxe do teatro con respecto ó cine e á televisión.

¿Pensa que o público do teatro é máis esixente?

Si que o é, e, ademais, forma parte do espectáculo. Se se entusiasma, ponse de pé, aplaude a túa entrega, recoñece o teu mérito e, o máis importante, sábese protagonista do que nese preciso momento se representou. Nunha película, a única opción que ten o público é manifesta-lo seu parecer respecto dun producto pechado que é o mesmo que se viu onte e có que se verá mañá. Pero non hai nada persoal, non hai comunicación real cos actores. Por iso, o noso público é moi heteroxéneo e non se suxeita a un estándar de gustos. Hai días en que predomina a xente máis vella e outros a xente nova. Se cadra un trazo peculiar é que acoden máis mulleres ca homes.

O público asiste a unha soa representación, pero ¿cómo pode o actor mante-la tensión e a entrega ó longo das numerosas actuacións que compoñen toda a xira?

Esa é precisamente a maxia do teatro. O teatro entraña perigo, o actor está obrigado, en cada representación, a entregarse, a escaravellar na súa memoria emotiva e a darse ó público. É, para nós, un auténtico nu integral.

¿Sobrevívese?

Todo o que diga sobre o esforzo que pomos no escenario os actores é pouco. Morremos tódolos días ó rematármo-la representación. A satisfacción é inmensa, acompañada de dor e ás veces de frustración, pero sabes que chegarán esas noites en que a felicidade é indescritible. O teatro engancha ó actor.

¿Máis có cine?

No cine tes que agardar a que te chamen. O director búscate porque encaixas no papel, pero no teatro, polo menos no meu caso e a estas alturas da miña carreira, teño a satisfacción de poder proxectar obras para traballar no que me apetece. Regresei de América e montei a miña propia compañía. Sabía que me carrexaría moitas complicacións, pero debo recoñecer que non me vai mal.

¿Arrédaa esta decisión da televisión?

De seguro que farei series, pero participei en traballos televisivos tan bonitos que me dá medo defrauda-lo público e defraudarme eu. Dos poucos acertos dos que podo presumir na vida é de que me marquei a obriga de respecta-lo público, gañalo a través do meu traballo, e coido que o conseguín. Non podo comezar a fallar agora.

Un público que lle é fiel, e que a considera, ademais, un símbolo de beleza.

Non me sinto así, de feito amólame admitilo e cústame falar diso. Nin de moza me considerei parte dese prototipo, pero coido que non me corresponde a min face-lo xuízo, aínda que procuro me defender desa etiqueta.

Parece que tivo sempre as cousas moi claras

Para min ser cómica, ser actriz, foi unha decisión que tomei logo de saber para qué sirvo e cómo teño que facelo. De feito, non sinto que asumira ningún risco. Nacín actriz, non significa isto que me estea botando flores, é coma se dixese que son loura. Herdeino cos xenes, a miña nai era unha muller moi extravertida e comunicativa, pero ela non converteu as súas calidades nunha profesión, e eu si.

¿Calculou tamén o custo que supón a fama, aparca-lo anonimato e verse obrigada a compartir parte da súa vida co gran público?

O actor non ten esa obriga. Ha de ser moi coidadoso co que fai e di, xa que se se aproveita da súa posición pode xerar moito dano. Que eu teña unha voz pública é consecuencia do meu traballo, pero non me outorga a facultade de poder utiliza-la miña sona a prol de calquera cousa.

Salmantina de nacemento e corazón, a obra coa que percorre agora España botouse a andar na hoxe Cidade Europea da Cultura.

Foi unha arela, unha necesidade e unha sorte que nos tocase. Salamanca, despois da capitalidade europea, con tantas propostas atraentes de danza, música e teatro, vai ser unha cidade máis coñecida, máis querida e máis entendida. Estou completamente ligada a ela e moi orgullosa, aínda que soe a folclore, de Salamanca.

Sorprende esta apaixonada declaración nunha persoa que non acudiu a Hollywood cando Segredos do Corazón loitou polo Óscar.

É que estaba de xira e non puiden ir. Pero iso é o menos importante do que lle pasou á película de Montxo (Armendáriz). É unha película extraordinaria, que obtivo moitos premios e que se está a converter nunha obra mestra.