Videoxogos en flash / Crowdsourcing / Bidis
Navegar pola Rede
En Internet hai numerosas páxinas con sinxelos videoxogos moi apetecibles para pasar as horas mortas. Están desenvolvidos coa tecnoloxía “flash”, e con eles pódese xogar ao béisbol cun pingüín, pilotar unha avioneta ou lanzar unha xavelina o máis lonxe posible. Teñen en común a sinxeleza dos seus desenvolvementos, infinitamente máis humildes cós dos enormes e complexos videoxogos de consola, pero fixéronse enormemente populares e serven para perder unha inxente cantidade de tempo.
- Shuffle: Trátase dun sinxelo xogo baseado no billar que consiste en expulsar fóra do tapete as bólas do rival. Xogan as vermellas contra as amarelas, e en cada nivel o xogador vai tendo menos das súas bólas para vencer o contrario. Co rato márcase tanto a dirección como a potencia do vector de disparo.
- Yetti Sport :: É un dos xogos máis populares da Rede, pola súa sinxeleza e mais polo alto nivel de “adicción” que xera. O xogador é o temido Ieti tibetano, que xoga a ensaiar lanzamentos de béisbol co seu amigo o pingüín, que serve de pelota. Con dous sinxelos clics de rato lánzase o pingüín e mídese a distancia alcanzada sobre a xélida tundra tibetana. O seguinte é presumir ante os amigos realizando unha captura da pantalla e enviándollela por correo electrónico. Eles, á súa vez, poden responder coas imaxes capturadas dos seus mellores lanzamentos.
Hai numerosas variantes deste xogo e algunhas mesmo trucadas para alcanzar maiores distancias coas que presumir ante os amigos. Outras someten o pingüín a unha brutal carnizaría, digna do peor pesadelo do inefable Freddy Kruger. - O esquiador : Neste sinxelo xogo faise baixar un esquiador por un cumio nevado esquivando rochas e abetos. A cantidade de choques que teña o esquiador no seu improvisado eslalon dependerá da pericia do internauta no manexo do rato a dereita e esquerda.
- Master Mind : Trátase dun xogo de estratexia e pensamento baseado na asociación de cores para anticipar a posición dunha serie de bólas ao estilo do “tres en raia”. Hai sete cores para escoller e pór en cinco posicións, e dez oportunidades para realizar o máximo de acertos.
O concepto do mes
- Crowdsourcing
-
O termo “crowdsourcing” designa a utilización de grandes grupos de persoas anónimas que colaboran voluntariamente na solución de problemas de calquera tipo: dende a fabricación de produtos ata a clasificación de fotografías ou o desenvolvemento de programas informáticos. En Internet esta técnica acadou a súa máxima expansión, dada a facilidade do medio para pór en contacto grandes comunidades interconectadas e en continua interacción. Do mesmo xeito que o “outsourcing” leva a fabricación dun produto a outros países (especialmente á China e á India), onde os salarios son máis baixos, o “crowdsourcing” incentiva as múltiples pequenas colaboracións anónimas. É paradigmático o caso da xigantesca tenda online Amazon, que paga con vales de compra aos voluntarios que solucionen os problemas de programación que se lles presentan, ou o de Google, que utiliza un xogo para que internautas por parellas etiqueten axeitadamente as fotografías.
A novidade do mes
Os Bidis son códigos de barras que as cámaras de fotos dos móbiles poden ler e entender. Estes códigos bidimensionais permiten realizar as máis diversas xestións co móbil, dende contratar entradas para espectáculos ata redirixir a páxinas web ou descargar xogos. Orixinalmente utilizábanse para labores de loxística, identificación de persoas e control de accesos, como unha versión máis elaborada dos clásicos códigos de barras, pero o auxe dos móbiles con cámara popularizounos.
Os Bidis poden estar en calquera superficie: publicacións impresas, paneis publicitarios ou páxinas web. O usuario só ten que apuntar a cámara do móbil ao código e fotografalo para que o programa encargado o traduza e faga “o que o código indica”. Por exemplo, pode servir para redirixir unha complicada dirección web que custaría varios minutos teclear.
Para evitar cargos non desexados na factura do móbil, convén comprobar a información sobre o código e as accións que vai realizar, así como o custo que pode supoñer antes de introducilo no terminal. O uso destes códigos non ten un custo en si, pero pode non acontecer o mesmo coas accións que realizan. Os códigos poden activar o envío de mensaxes ou o inicio de chamadas a números de tarificación especial, cun custo para o usuario.