A vida despois do ictus
A vida despois de sufrir un accidente cerebrovascular ou ictus representa unha transformación radical para a maioría das persoas afectadas. Só unha terceira parte se recupera completamente, outra terceira parte falece e, para o resto, as secuelas a xeito de trastornos físicos ou cognitivos condicionan, e moito, a súa volta á actividade cotiá pola incapacidade para realizar determinados movementos ou accións. Esta deterioración pódese paliar, pero para iso hai que recorrer a servizos de rehabilitación. A fisioterapeutas, psicólogos ou terapeutas ocupacionais correspóndelles a misión de intentar devolverlles a vida.
O ictus ou accidente cerebrovascular (ACV), coñecido tamén coloquialmente como embolia, é un conxunto de enfermidades que afectan aos vasos sanguíneos que lle subministran sangue ao cerebro. Pódese tratar dunha hemorraxia, cando un destes vasos rompe, ou dun infarto cerebral cando unha arteria se obstrúe e non pode distribuír o sangue. A súa prevención céntrase no control dos factores de risco que o causan, aínda que algúns deles, como a idade, non se poden evitar. É un trastorno máis frecuente a partir dos 65 anos e está a aumentar debido ao avellentamento da poboación. Así e todo, tamén está aumentando por baixo dos 55 anos, xa que aumenta a prevalencia de factores de risco como a hipertensión, o tabaquismo, a diabete, a vida sedentaria, o exceso de colesterol en sangue, dietas con exceso de sal ou graxas e padecer ou padecer certas doenzas cardiovasculares, tal e como recorda a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN).
En España cada ano rexístranse entre 120.000 e 130.000 casos de ictus, dos que entre 80.000 e 85.000 falecen ou quedan cunha incapacidade para faceren unha vida normal. Hai que ter en conta que o ictus é a primeira causa de minusvalidez grave en adultos e é o médico rehabilitador o responsable de deseñar un programa que sirva para intentar superar a minusvalidez en distintos ámbitos asistenciais, xa sexa en centros hospitalarios ou no propio domicilio.
Secuelas
A estratexia na que se basean os profesionais sanitarios para minimizar as secuelas nunha persoa que sufriu un ictus fundaméntase en tres piares: a atención precoz (o máis axiña posible) ao paciente; a rehabilitación, para que se poida recuperar ao máximo e facer unha vida o máis normal posible; e a prevención secundaria, para evitar un segundo ictus.
É fundamental atender precozmente ao paciente con ictus na fase aguda, no momento en que o accidente cerebrovascular acaba de suceder ou se está producindo. Os neurólogos insisten na necesidade de que o paciente chegue ao hospital dentro das tres primeiras horas de sufrir o ictus, xa que así terá tres veces máis posibilidades de recuperarse.
Tipos de rehabilitación
Dado que as secuelas tras o ictus son múltiples, tamén son varios os tipos de rehabilitación que se aplican, aínda que hai consenso entre a comunidade médica en colocar a fisioterapia como a primeira estratexia. A fisioterapia axuda a que mellore a autonomía da persoa que sofre parálise ou que perdeu forza: hai que ensinarlle a camiñar de novo, a sentar, a articular o brazo, a perna e, en definitiva, a moverse e evitar a súa dor.
A estes problemas puramente físicos hai que sumar os funcionais. De xeito inesperado, o afectado vese inmerso de novo nunha especie de escola da vida para aprender a “manexarse”. A terapia ocupacional é o outro tipo de rehabilitación que se centra neste labor: ensinarlle á persoa que quedou con secuelas a volver a realizar as actividades da vida cotiá, como comer cando se ten menos forza, beber, vestirse, ocuparse do aseo persoal ou escribir.
En concreto, para as persoas con secuelas na fala, a rehabilitación indicada é a logopedia. O logopeda ensinaralles de novo a expresarse, a comprender o que lle din e mesmo terán que aprender a escribir. No caso das persoas que sofren perda de memoria e problemas psicolóxicos, o neuropsicólogo é o profesional encargado de atendelas e tratalas dos seus déficits cognitivos.
O papel do asistente social tamén é crucial, xa que valora todas as axudas sociais que precisa o paciente; se este vai necesitar un coidador ou realizar obras na casa para adaptarse á súa nova situación.
As carencias
Nos últimos anos, a atención aos afectados por un ictus mellorou de xeito considerable, aínda que se aprecian diferenzas no tocante á asistencia que se ofrece.
Tendo en conta o número actual da poboación española (43 millóns de habitantes), estímase que o número ideal de unidades de ictus (equipos multidisciplinares de profesionais médicos especializados no tratamento desta enfermidade) en España roldaría as 90. Non obstante, na actualidade non se chega a unha terceira parte das necesidades: a dotación non supera as 27 unidades. Esta realidade contrasta coa das unidades coronarias, o número das cales triplica ás de ictus, cando a cardiopatía isquémica é menos frecuente.
Outro problema que se detecta na actualidade radica na existencia de centros onde se limita o acceso á rehabilitación pola idade dos pacientes. Non obstante, a idade, por si soa, non debería ser un factor excluínte: non é tan importante que idade teña a persoa, senón a comorbilidade que sufra (varias enfermidades á vez), como a diabete ou a artrose. Moitas persoas de idade avanzada, mesmo con 85 anos, fixeron un programa de rehabilitación e recuperáronse satisfactoriamente.
Algúns terapeutas alertan de que cada vez hai máis pacientes novos, duns 40 anos, que sofren un ictus e que, unha vez concluído o tratamento rehabilitador na fase aguda (pouco despois do episodio), reciben a alta e se envían, ben a un centro de día, onde sobre todo hai anciáns (posto que a maioría destes centros son ata agora maioritariamente xeriátricos), ben ao seu domicilio. A denuncia materialízase na falta de recursos para este colectivo de pacientes novos, non só para que se rehabiliten, senón para que teñan un espazo para facilitar as súas relacións sociais.
Evitar o segundo ictus
Outro dos grandes retos é evitar que o paciente sufra un segundo ictus, o que se denomina prevención secundaria. Entre un 18% e un 20% das persoas afectadas volven ter un ictus dentro do terceiro mes e, en xeral, case unha de cada cinco persoas sofre outro accidente cerebrovascular. Ese segundo ictus é de peor prognóstico que o primeiro, cunha mortalidade entre un 20% e un 35%, e a porcentaxe de persoas que quedan con secuelas aumenta entre un 15% e un 20% como mínimo.
A prevención secundaria tradúcese en que o paciente aprenda a vivir incorporando unha serie de hábitos saudables, como deixar de fumar e de beber alcohol, camiñar e evitar a obesidade abdominal. Así mesmo, cando o médico llo prescriba, debe tomar fármacos que diminúan o risco dun novo ictus, como os antiagregantes plaquetarios (semellantes ás aspirinas que evitan a formación de trombos que poden obstruír un vaso do cerebro) ou as estatinas (medicamentos antihipertensivos).
As unidades de ictus, a fórmula idónea
O recurso asistencial no que, tradicionalmente, os neurólogos defenderon que se debe realizar a rehabilitación é o das chamadas “unidades de ictus” que, por definición, están configuradas por un equipo multidisciplinar de distintos especialistas. Compóñense dun neurólogo ou, se non o hai, dun médico internista, responsable de tratar o ictus e, nos casos necesarios, prescribir fármacos para previr un segundo ictus; o médico rehabilitador, que receita o programa de rehabilitación que necesita o paciente para tratalo das súas secuelas; e outros profesionais como o fisioterapeuta, o logopeda, o terapeuta ocupacional e o neuropsicólogo. Amais deste persoal sanitario, moitos expertos reclaman tamén a presenza dun asistente social.
A rehabilitación debe comezar o antes posible, en canto o paciente estea estable, tras as primeiras 24 ou 48 horas despois do ictus. Por esta razón, a rehabilitación comeza nos hospitais. O fisioterapeuta intervén así que é posible, dentro desas primeiras 24 horas. Este labor precoz resulta moi eficaz porque axuda a que o afectado aprenda a tragar de novo e evita complicacións. Nos hospitais onde aínda non hai unidades de ictus, o paciente que ingresa en planta tamén recibe a atención dun fisioterapeuta o máis axiña posible.
Así que o paciente recibe a alta do hospital, continúa coa súa rehabilitación en centros sociosanitarios ou de convalecencia, no domicilio se é necesario ou no ambulatorio se pode camiñar. Agora ben, na vida cotiá este proceso non adoita ser tan fluído como parece sobre o papel. Apréciase certa falta de coordinación dende que a persoa sae do hospital ata que continúa o tratamento rehabilitador, un tempo de interrupción do tratamento que pode ser prexudicial para o afectado.
Cando se presenta un ictus
O ictus adoita presentarse de súpeto. Non obstante, hai síntomas que alertan e que poden axudar a identificalo e, polo tanto, a tratar de forma precoz e con maiores garantías as súas consecuencias (a inmediatez na atención é clave). Os máis habituais son:
- Adormecemento repentino de músculos faciais (cara), do brazo ou dunha perna, nun lado do corpo.
- Confusión repentina.
- Problemas súbitos ao andar, mareo, perda de equilibrio ou coordinación.
- Perda de visión en un ou nos dous ollos.
- Dor de cabeza repentina.
- Problemas da fala ou da linguaxe.
- Comportamento inquisitivo ou acelerado que se presenta de súpeto, ou extremadamente cauo.
- Perda repentina de memoria.
- Parálise ou perda de forza:
É a máis frecuente ou coñecida. Afecta á metade do corpo, cara, brazo ou perna. Impide realizar as actividades comúns da vida cotiá, como o aseo persoal e deglutir.
- Trastornos da fala:
O enfermo ten dificultades para formar palabras e para entender o que lle din ou ben dificultades para pronuncialas, o que se coñece como disartria.
- Trastornos do equilibrio:
Esta secuela entraña un alto risco de caídas e de fracturas.
- Trastornos cognitivos:
As funcións cerebrais superiores como a atención, a concentración, o pensamento ou a memoria vense afectadas e, por mor diso, as persoas teñen un risco entre 8 e 9 veces máis alto de sufriren demencia.
- Trastornos emocionais:
É frecuente que as persoas con ictus padezan cadros depresivos, de ansiedade ou que teñan dificultades para expresaren emocións ou que as expresen de maneira esaxerada, o que se coñece como fraxilidade emocional.
- Dores:
O enfermo pode sufrir dores por varias causas, entre elas, as lesións neurolóxicas.
- Déficits motores ou falta de mobilidade:
Esta tamén pode ser unha causa de dor, ao teren inmobilizada unha articulación (o xeonllo enxesado, por exemplo)
Fonte: Grupo de Estudo de Enfermidades Cerebrovasculares da Sociedade Española de Neurología