Avellentar ao volante
O avellentamento da sociedade tamén implica o avellentamento dos seus condutores. Na actualidade, un de cada dez ten máis de 65 anos, e as previsións indican que no 2020 esta cifra se duplicará. Para moitos automobilistas, as persoas de máis idade representan un perigo ao volante. Non obstante, cada un avellenta de xeito diferente, e a vellez non é incompatible coa seguridade vial. De feito, nin España nin os países da UE establecen límites á condución por idade. Segundo datos da DXT, menos do 5% dos implicados en accidentes de tráfico supera os 64 anos. Esta situación reflíctena as compañías de seguros, que non lles cobran recarga ningunha aos maiores de 65 anos, mentres que si o fan cos máis novos. As razóns que levan a que os maiores sufran accidentes están asociadas cunha diminución da capacidade psicofísica, normal no proceso de avellentamento.
Adaptar os hábitos de condución
- Descanse con maior frecuencia. O máis aconsellable é parar cada hora ou hora e media.
- Evite conducir a partir do crepúsculo (anoitecer). Durante a noite as cataratas, o glaucoma e os trastornos de acomodación da visión orixinan maiores dificultades na visión.
- Procure non circular con condicións climáticas adversas.
No posible, procure circular por estradas que coñeza. - Intente viaxar sempre acompañado.
- Evite as situacións conflitivas ao conducir (discutir con outros condutores, pelexar co acompañante, etc.).
- Evite as horas punta e os traxectos complicados.
- Se ten dificultade de movementos, utilice coches con dirección asistida, cambio automático ou pedais de gran superficie.
- Se precisa lentes ou utiliza audiófono, acuda ás revisións periódicas para que os seus niveis de visión e audición sexan os óptimos.
- Non utilice lentes con monturas grosas que restrinxan a visión lateral.
- Non se poña ao volante se ten problemas de audición que non se poidan solucionar con audiófonos. Arredor do 20% da xente maior de 55 anos sofre dalgún problema de audición. Nos maiores de 65, a porcentaxe chega ao 30%.
- En caso de que padeza algunha enfermidade, fose operado recentemente ou tome medicamentos, consúltelle ao seu médico se pode conducir e cando pode facelo. A saúde, o principal atranco
- Salvando as particularidades de cada un, coa idade prodúcese unha deterioración progresiva das capacidades psicomotrices, que se fan máis evidentes a partir dos 65 e que son extremas logo dos 75 anos. Segundo datos da Asociación Española de Centros Médico Psicotécnicos (ASECEMP), denégaselles máis a renovación aos maiores de 65 (2″75%) ca aos demais grupos de idade (menos do 1%).
- Os “sinais de alarma” de que algo non vai ben comezan cando non respectan os sinais, non fan o stop nin ceden o paso, xiran sen avisar, invaden continuamente o carril contrario, sofren golpes frecuentes por erros de cálculo ao circular ou ao aparcar. Outros síntomas son as dificultades para seguir unha traxectoria en liña recta e/ou aparcar.
- Conducir é unha actividade que require decisións rápidas. Cando se manexa un vehículo recíbese información do tráfico, do estado da estrada, dos semáforos, dos sinais e do comportamento do coche. Un condutor toma unha media de 15 decisións por quilómetro, con menos de medio segundo para actuar e evitar un choque. A idade afecta aos tres pasos deste proceso: percepción, decisión e acción.
- Certas doenzas oculares comúns na vellez poden resultar un prexuízo adicional na visión. Cataratas, glaucoma, dexeneración macular e doenzas da córnea interfiren na seguridade ao conducir. O grave é que estes trastornos se inician sen presentar síntomas evidentes aínda que xa estean a afectar ao rendemento visual.
- Os maiores tamén son máis propensos aos efectos secundarios dos medicamentos (adoitan estar polimedicados). Entre os fármacos que poden influír negativamente sobre a condución atópanse os antihipertensivos, neurolépticos, antidiabéticos, ansiolíticos, anticolinérxicos, antidepresivos e mais a benzodiopecina e a insulina.
- A menor flexibilidade das súas articulacións fai que para os condutores de máis idade sexan máis difíciles algunhas manobras, como virar a cabeza para ver nas interseccións ou adiantamentos.
O papel da familia
- A condución ofrécelles gran mobilidade a todas as persoas e en especial ás de idade avanzada. De feito, no 2001, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) analizou a situación dos maiores e concluíu que, a miúdo, os que sofren limitacións de saúde prefiren deixar de camiñar ou de usar o transporte público antes de abandonar o hábito de conducir. Por iso, a actitude máis correcta dos familiares é prestarlles atención e vixilancia aos seus maiores co fin de evitar accidentes e non limitar, se non é necesaria, a súa posibilidade de conducir.
- Ante a aparición de sinais de alarma, os familiares da persoa maior deben intentar que vaian deixando de conducir aos poucos. Hai que ter en conta que, a estas idades, o feito de verse obrigados a deixar de conducir pode ter un efecto traumático. Ademais, ser conscientes das propias limitacións pode resultar molesto ou ferir o orgullo. Por iso, non se debe dubidar en consultar un médico ou psicólogo sobre o mellor xeito de afrontar a situación.
- Accidentes por redución da visión na condución nocturna.
- Maior casuística por condicións climáticas adversas.
- Accidentes por situacións complicadas e con sobrecarga de información (condución por autovías e, sobre todo, nas interseccións e rotondas).
- Accidentes por problemas coas manobras de xiro debido a unha diminución da percepción de profundidade.
- Accidentes por problemas na realización da manobra de marcha atrás.
- Accidentes por alcances con outros vehículos por non calcular de forma axeitada a velocidade e distancia.
- Os seus fallos ao volante adoitan ser máis por omisión que por exceso.
- Coa idade prodúcese unha importante deterioración da “atención distribuída”, o que quere dicir que teñen máis problemas para manter a concentración cando teñen que facer máis dunha cousa ao mesmo tempo.
- Unha vez iniciada a manobra que se propoñen executar son incapaces de abortar ou modificar a acción.
- Observan unha especial lentitude na execución das manobras.