Portátiles lixeiros de baixo prezo

Un excelente segundo ordenador

Os ultralixeiros facilitan a mobilidade e o transporte, pero a súa función é a de complemento, non substituto, dun ordenador convencional
1 Xuño de 2009
Img internet listado 515

Un excelente segundo ordenador

/imgs/20090601/internet1.jpg
O seu prezo non supera os 400 euros, o seu peso apenas pasa o quilogramo e as súas dimensións son tan miúdas que caben nun bolso ou nun maletín. Estas características fan que os pequenos ordenadores ultralixeiros, coñecidos tamén como ordenadores baratos, atraian a ollada dun número crecente de usuarios. Polas súas prestacións lémbrannos os teléfonos intelixentes do tipo Blackberry ou iPhone, aínda que son de maior tamaño, o que facilita a súa escritura, o tratamento de documentos, o envío de correos ou a descarga de vídeos. Ata son compatibles cos servizos de voz por Internet para efectuar chamadas telefónicas. A través da webcam pódense manter videoconferencias dende un banco do parque ou dende a parada do autobús.

As súas posibilidades como alternativa aos teléfonos de última xeración son tales que hai operadoras de telefonía móbil que os venden xunto a un dispositivo de acceso a Internet polas redes 3G, os coñecidos como módem USB. Sempre que se adquira un deles hai que valorar o tipo de tarifa de datos que se desexa, o prezo por Megabyte extra descargado ou os contratos de permanencia que vinculan o cliente. Outra das súas características máis importantes é a súa elevada conectividade, o que permite a súa utilización durante as viaxes e estancias fóra da casa ou da oficina, como os hoteis, vía wifi. Son, xa que logo, unha excelente alternativa para evitar o roaming das chamadas dende o estranxeiro e non pagar as abusivas tarifas dos servizos de cuarto por unha hora de conexión a Internet. Pero non todas as prestacións están enfocadas ao traballo. As posibilidades de reproducir vídeo e música tornan estes aparellos en centros multimedia portátiles.

Non como ordenador principal

/imgs/20090601/internet2.jpg
Alén das vantaxes descritas, estes pequenos e funcionais dispositivos son un complemento, non un substituto, dun ordenador de sobremesa ou dun portátil convencional. O seu reducido volume só se acada a custa de non incluír moitas das capacidades habituais no resto dos ordenadores. A súa memoria é limitada, dado que o disco duro é unha das partes máis pesadas e caras dun ordenador, de aí que diminúa a capacidade de almacenaxe nestes ultralixeiros. O emblemático EeePc de Asus contén na súa versión básica só cinco xigabytes de capacidade. É verdade que outros contan con 16 xigabytes, mesmo 60, pero a cambio de dispararen o prezo.

Tampouco o tamaño da súa pantalla e do seu teclado invitan a un uso constante e continuado. A superficie da pantalla rolda as oito polgadas nos máis dos casos, superior ás tres polgadas dun móbil, pero menor ca a dun portátil común (14 polgadas). Estas características inciden na navegación, que se volve incómoda e que obriga a mover o botón de ‘scroll’ (subir e baixar) de xeito constante para ver a pantalla completa. Aínda que escribir un texto curto, enviar un correo electrónico ou adiantar traballo nun tren son funcións que se poden desenvolver perfectamente con estes dispositivos, non se recomenda o seu uso cotián e continuado, tanto polos erros de escritura motivados polo reducido tamaño do teclado como por cuestións ergonómicas, xa que forzan os pulsos.

Outra limitación adicional é o seu procesador de 1,6 xigaherzios, que impide xestionar con lixeireza gráficos complexos como os dos videoxogos e os seus sistemas operativos. Nestes casos utilizan distribucións de GNU/Linux adaptadas que abaratan o prezo do ordenador, aínda que son incompatibles con numerosos tipos de impresoras e outros periféricos.

Se ben dispoñen do sistema operativo Windows XP, con mellores resultados ca o actual Windows Vista, non se desenvolven as actualizacións dos principais programas. De aí que cada vez se poidan baixar menos programas da Rede para XP, o que supón un grande inconveniente, pois a tendencia é que o usuario enriqueza o seu ordenador coas ofertas que se lle fan dende Internet.

Aspectos que cómpre valorar na compra dun portátil ultralixeiro

Asumido o seu valor auxiliar, os factores que contribúen a atinar na compra dun portátil ultralixeiro son:

  • A conectividade: Deben ter como mínimo dous portos USB para poder conectar cun disco duro externo, dada a súa limitada memoria, e un rato, xa que o seu dispositivo táctil non é cómodo de usar. Tamén deben dispor de conectividade wifi e, se pode ser, vía porto Ethernet.
  • O peso: Mentres non supere os 1,3 quilogramos, o aparello é cómodo de transportar.
  • O tamaño: Debe ser semellante ao tamaño dun estoxo ou dun bolso de man de señora, para que caiba en todos os lugares.
  • Autonomía da batería: A media sitúase nas tres horas de duración a pleno rendemento e co detector de redes wifi aceso. É recomendable asegurarse de que non baixa das dúas horas e media, o que dura unha viaxe en AVE. Hai que ter en conta que o que máis batería consome é a conexión wifi e a reprodución de vídeos.
  • Tipo de memoria: Canto maior sexa a capacidade do disco duro, mellor. O problema é que o prezo se pode disparar. Cada usuario debe valorar se paga a pena adquirir modelos de 60 xigabytes que custan 150 euros máis, xa que por ese prezo poden mercar discos duros externos de menor peso e de ata 100 xigabytes de capacidade de almacenamento.
  • Programas por defecto: Hai que comprobar que o ordenador se vende con programas abondos de serie, como un navegador, un procesador de textos ou un reprodutor multimedia, porque o fabricante se limita a introducir o mínimo imprescindible. O resto dos programas pódense conseguir por Internet, pero hai que saber onde atopalos. É importante descargar sistemas antivirus. O programa Antivir é o máis recomendable.
  • Entradas de audio e de vídeo: Se se desexa realizar chamadas por Internet e videoconferencias, cómpre que o ordenador dispoña dunha webcam instalada e que o ordenador inclúa entrada de audio por micrófono e saída por altofalantes.