Sen cartos e sen documentación no estranxeiro

1 Xuño de 2009
Img consejo listado 239

Sen cartos e sen documentación no estranxeiro

A perda ou o roubo da documentación, do teléfono móbil, da carteira ou das tarxetas de crédito son experiencias desagradables e molestas. Pero a inquietude que causan pódese transformar en pánico se o contratempo sucede no estranxeiro. O primeiro paso, amais de non perder a calma, é acudir a algunha das oficinas consulares do noso país que se atopan espalladas polo mundo.

Máis vale previr…

  • Anote o teléfono e mais o enderezo da embaixada ou do consulado de España no país que se propón visitar. Para acceder aos servizos dos consulados e embaixadas de España no estranxeiro abonda con consultar a web do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación (www.maec.es).
  • Fotocopie os billetes de avión ou de tren, pasaporte e carné de conducir. Garde un xogo de fotocopias en cada peza da equipaxe, e deixe outro en mans dun coñecido ou familiar xunto co resto das fotocopias e enderezos.
  • Deposite o pasaporte na caixa de seguridade do hotel. Léveo enriba só cando o precise para algún trámite. No resto da súa estancia, a fotocopia serviralle para se mover con comodidade.
  • Leve canda si unicamente os cartos e as tarxetas que pensa usar nunha carteira. Gárdea nalgún peto seguro, de ser posible interior e con peche.
  • Evite levar xuntos os cartos e mais a documentación e non se mova con grandes cantidades. Se vai utilizar tarxetas de crédito, limite o diñeiro do que pode dispor.
  • Tome a precaución de distribuír os seus cartos en diferentes lugares. En caso de roubo ou perda, sempre contará cunha pequena cantidade de emerxencia. Anote á parte os números e códigos das tarxetas de crédito e os teléfonos aos que debe chamar en caso de perda ou roubo no estranxeiro.
  • Comprobe periodicamente que non lle falta a carteira, a documentación ou o teléfono móbil.
  • Introduza o teléfono móbil e mais o cargador na equipaxe de man para minimizar o risco de perda durante a viaxe.
  • Exhiba o menos posible a súa condición de turista.
  • Extreme a precaución nas terrazas dos restaurantes, nos mercados, nas tendas dos centros comerciais, nas discotecas e nos parques temáticos. Todos eles son espazos nos que se amorea unha gran cantidade de persoas, polo que convén non perder de vista os obxectos de valor.

… que curar

  • En caso de roubo acuda á comisaría de policía máis próxima. A policía faralle entrega do extracto da denuncia, documento necesario en caso de roubo do pasaporte para solicitar un novo ou un salvoconduto na Embaixada de España, e para xustificar a falta de selo de entrada ante as autoridades de inmigración á saída do país.
  • No dubide en acudir ao Consulado de España máis próximo, onde lle prestarán asistencia e lle expedirán un novo pasaporte ou, no seu defecto, un salvoconduto para poder regresar a España. O Consulado axudarao a entrar en contacto coa súa familia ou contorno en España para que o poidan axudar a superar o seu problema e, en casos excepcionais, adiantarlle a cantidade de diñeiro necesaria para a súa repatriación, que lle deberá devolver ao Tesouro Público dentro dos prazos establecidos pola lei.

Por regra xeral, deberá achegar a seguinte documentación:

  • Dúas fotografías tamaño carné, en cor, de fronte e coa cabeza descuberta.
  • Resgardo da denuncia feita ante a policía, tanto en caso de roubo como de perda.
  • Documento acreditativo da súa identidade ou, no seu caso, Declaración Xurada doutro cidadán español documentado como tal. Só se lle expedirá o salvoconduto se non existen dúbidas sobre a súa nacionalidade española.
  • Deberá achegar os datos do seu voo de regreso a España (compañía aérea, número e data de voo).
  • É aconsellable tamén que os estudantes que realicen cursos no estranxeiro ou que se despracen ao exterior durante unha tempada se inscriban como “non residentes” no Consulado correspondente. Amais da posibilidade das familias de contactar cos seus fillos a través do Consulado, a inscrición facilitaralles a substitución da documentación de se producir o roubo ou a perda do pasaporte, pois ao estar previamente identificado e constar a documentación que tiña ao chegar, o Consulado ten todos os elementos para poder documentar a quen fora vítima do roubo do seu pasaporte. En todo caso, sempre hai que denunciar o seu roubo ou a súa perda ante a policía local do país onde se atope.
  • Consulte co seu seguro de viaxes ou de automóbil a posible cobertura de asistencia por roubo no estranxeiro. Nalgúns casos pódenlle facilitar un anticipo de ata 4.000 euros.
  • Se o roubo ou o extravío é só monetario, pode acudir a un servizo de envío de diñeiro tipo MoneyGram, que lle permite recibilo en dez minutos. Para facelo, abonda con que chame a alguén que estea en España e pedirlle que vaia a unha das devanditas oficinas e ingrese a cantidade que desexa recibir. Outra opción é que lle envíen un xiro postal que poderá retirar na Oficina de Correos.
  • Se lle rouban ou perde a tarxeta de crédito comuníquello inmediatamente á entidade emisora, xa que o titular non ten responsabilidade a partir da comunicación e posterior denuncia, pero o perigo reside no que poida acontecer dende o momento da desaparición ata que se dá o aviso.
  • Saiba que se lle rouban a tarxeta de crédito, despois de avisar o banco a entidade debe asumir certa responsabilidade como creadora do sistema de tarxetas. O cliente ao que se lle entrega unha tarxeta de crédito ou débito asume a responsabilidade da súa custodia, pero o Código de Boa Conduta da Banca Europea establece que “o titular non soportará as perdas que excedan do límite de 150 euros, salvo que actuase de maneira fraudulenta, a sabendas ou con neglixencia grave”. Isto significa que o cliente asume unha responsabilidade máxima de 150 euros (aínda que convén asegurarse de que se recolle así no contrato) e o banco ten que se facer cargo do resto. O Banco de España establece que a non aplicación deste límite só é admisible cando se demostre que o titular da tarxeta levaba o PIN anotado nun lugar accesible, que se demorara excesivamente en notificar a perda da tarxeta ou que non a custodiara axeitadamente, é dicir, que a esquecera no interior do vehículo ou nun lugar público, entre outros.
  • En caso de que lle subtraian ou perda o teléfono móbil, o procedemento para dalo de baixa é o mesmo que se segue en territorio nacional. As operadoras que traballan en España contan cun teléfono de atención directa ao cliente ao que se pode chamar dende o estranxeiro para pedir o bloqueo. Estas chamadas son gratuítas se se realizan dende un teléfono pertencente á mesma operadora. No caso de que se comunique dende calquera outro terminal, cobrarase como unha chamada internacional, coa tarifa correspondente a cada país.