Complementos dietéticos contra a tensión de eficacia limitada
En un de cada tres fogares españois o caixón da cociña, do salón ou da mesiña de noite resgarda do frío e mais da calor algún medicamento relacionado co control da hipertensión arterial (HTA), o factor de risco cardiovascular ao que se lle atribúe unha maior mortalidade no noso país. Estes fármacos conviven nos estantes das farmacias con outros produtos que non precisan receita médica e que anuncian a súa eficacia para reducir ou controlar a tensión arterial: preparados de allo, plantas con efecto diurético como o té verde ou o mexacán, suplementos minerais (calcio, magnesio, potasio), péptidos lácteos (combinación concreta de aminoácidos) ou vitamina D, entre outros.
A última Guía 2007 sobre a hipertensión arterial, un traballo coordinado por expertos da European Society of Hypertension (ESH), da European Society of Cardiology (ESC) e da Sociedade Española de Hipertensión (SEH-LELHA), inclúe unha referencia sobre o uso de complementos dietéticos para este fin, en moitos casos sen evidencias científicas que o sustenten. Esta posición experta maniféstase, polo tanto, en contra das bondades que prometen estes produtos.
O documento salienta a importancia dos cambios no estilo de vida e de alimentación, sustentados en sete factores para os que si hai evidencia científica no que atinxe á súa capacidade de reducir a presión arterial ou o risco cardiovascular:
- Diminución da achega de sal/sodio
- Eliminación do consumo excesivo de alcohol
- Estabilización do peso
- Aumento do consumo de froitas e verduras
- Redución do consumo de graxa total e graxa saturada
- Abandono do tabaco
- Aumento da actividade física
Lonxe da evidencia
O uso de complementos dietéticos debe atender, en xeral, ao seu significado literal: reforzo dun estilo de vida e de alimentación saudable, e non un substituto dun tratamento médico-dietético unha vez diagnosticada a enfermidade. Os cambios no estilo de vida e na alimentación poden abondar, aínda que é probable que se complementen cun tratamento farmacolóxico no momento preciso. Dependerá da idade, das cifras de presión arterial sistólica (nivel máximo) e diastólica (nivel mínimo) e do grao de risco cardiovascular total.
Complementos dietéticos relacionados coa redución da hipertensión, un a un:
Os resultados obtidos a partir dos preparados de allo son superiores ao placebo na redución da presión sanguínea nas persoas que sofren de hipertensión. Esta é a conclusión da recente revisión sistemática realizada sobre o efecto do allo na hipertensión arterial publicado en xuño do 2008 na revista médica BMC Cardiovascular Disorders e realizada por investigadores da Universidade de Adelaide, en Australia. Aínda que os resultados son alentadores, os autores apuntan que se precisan ensaios a longo prazo nos que recomendan usar preparados de allo estandarizados en futuros ensaios. O extracto de allo e os preparados de allo sometidos a un tratamento térmico conteñen menos alicina e, polo tanto, perden propiedades hipotensoras. Os dentes de allo cru (2 g de peso medio) son os máis concentrados en alicina (5-9 mg), se ben os preparados de allo en po teñen a vantaxe de evitar que cheire o alento, ao tempo que conservan os compostos activos que mingúan no allo cru cando se toma cociñado.
Os suplementos de calcio, magnesio e potasio propuxéronse como un medio para reducir a presión arterial, aínda que non hai unanimidade na comunidade científica. Estudos metabólicos suxiren que estes minerais inflúen na regulación da presión arterial, o que leva a pensar que modificacións substanciais na dieta poidan ter efectos preventivos e protectores. As máis recentes investigacións coinciden en constatar a asociación dunha inxestión insuficiente de calcio co aumento da presión arterial. Así e todo, non se observan os efectos positivos esperados tras a administración de suplementos de calcio como para recomendar e apoiar o seu uso no control da tensión arterial. Si se aconsella o consumo de alimentos ricos en calcio, xa que estudos epidemiolóxicos revelaron que as persoas cunha maior inxestión de calcio tenden a manter unha presión arterial baixa.
No maior estudo de intervención realizado nos Estados Unidos, no que participaron 36.282 mulleres (Woman Health Initiative), non se detectou ningunha mellora na presión arterial tras a inxestión dun suplemento de calcio (1.000 mg) e vitamina D (400 UI) respecto ao grupo placebo, nin nas mulleres sas nin en subgrupos de risco como mulleres negras, hipertensas ou con baixa inxestión inicial destes nutrientes. Aínda que a investigación só inclúe mulleres posmenopáusicas, e os resultados poderían non serlles aplicables aos homes ou ás mulleres novas, as súas conclusións coinciden coas investigacións precedentes.
A última revisión sobre o papel do magnesio no control da hipertensión en adultos, realizada por investigadores da Universidade de Newcastle (Reino Unido) no 2006, corroborou as conclusións cunha metaanálise anterior realizada catro anos antes, na que as probas epidemiolóxicas sobre os efectos do magnesio sobre a presión arterial son inconsistentes.
Tampouco se atoparon probas sólidas da combinación de suplementos de calcio, magnesio ou potasio na redución da presión arterial en adultos, tal e como amosa a revisión sistemática realizada no 2006 pola Biblioteca Cochrane. Só se atoparon tres ensaios que avaliaron un total de 277 pacientes. A única combinación avaliada polos tres ensaios foi a de potasio e magnesio e non se observaron diferenzas significativas, así como no resto de combinacións, calcio e magnesio, ou calcio e potasio.
Varios ensaios clínicos demostran que os suplementos de ácidos graxos poliinsaturados omega-3 (con frecuencia denominados aceite de peixe) poden reducir a presión arterial en persoas hipertensas. Pero este efecto só se observa en doses altas (3 g/día). Polos seus posibles efectos secundarios, recoméndase seguir o consello médico e evitar o consumo descontrolado.
Poucas análises se levan feito sobre os efectos sobre a presión arterial de beber té verde. As que se desenvolveron trataron de asociar o efecto sobre a presión arterial dos flavonoides, substancias vasodilatadoras abundantes nesta planta, que puidesen contrarrestar o efecto hipertensor da teína. A única metaanálise, realizada polo Departamento de Farmacoloxía do Hospital Universitario de Colonia (Alemaña), inclúe só cinco estudos aleatorios controlados, aínda que son de curta duración (entre sete días e catro semanas). Os investigadores conclúen que non se observan efectos dun mellor control da presión arterial entre o consumo regular de té verde, nin do té negro.
Ata o momento tampouco se documentou ningún estudo en humanos que mida o efecto da inxestión de mexacán sobre a presión arterial, polo que o seu consumo non pode ser recomendado para tal fin.
Diversos estudos coinciden en sinalar que o consumo diario de leites fermentados que conteñen péptidos bioactivos como o IPP (isoleucina-prolina-prolina) e o VPP (valina-prolina-prolina) reduce de xeito leve a presión arterial en persoas con prehipertensión ou hipertensión leve-moderada. Estes péptidos lácteos actúan impedindo a formación de anxiotensina II (vasoconstritora), polo que se produce vasodilatación e a presión sanguínea diminúe.
A industria alimentaria tenta tirar proveito deste novo descubrimento co deseño de alimentos funcionais enriquecidos nestes compostos activos. Polo de agora, aínda que os resultados dos máis dos estudos son reveladores, queda moito por definir para fixar o tratamento axeitado con este tipo de alimentos funcionais.
Os fabricantes deben responder numerosas cuestións, de acordo ao novo regulamento 1924/2006 relativo ás declaracións nutricionais e de propiedades saudables nos alimentos, antes de sacar á venda un novo produto. Estas cuestións atinxen á dose segura e efectiva, á biodispoñibilidade (fracción da dose eficaz do medicamento administrado) dos péptidos no organismo, á biodispoñibilidade dos péptidos segundo o tipo de produto ao que se engada ou que os conteña, á constatación de que a inxestión de comida xunto ao produto inflúe na absorción e aproveitamento dos péptidos, á cadencia de consumo para lograr un efecto significativo e mais á duración do tratamento, entre outras.
Ante a incerteza e a falta de evidencias destes suplementos, os especialistas insisten na importancia de modificar os hábitos de vida e alimentación co fin de reducir a tensión arterial. Ademais, salientan que a elección destes produtos debe adoptarse como medida preventiva en caso de pre hipertensión (valores moi próximos á hipertensión) e como terapia complementaria das medidas hixiénico-dietéticas, pero, en ningún caso, como substitutivos do tratamento antihipertensivo ditado polo médico.