O divulgador científico ten algo de predicador?
En España, o divulgador científico si ten moito de predicador. Nunha sociedade na que, para a maioría, a ciencia non forma parte da cultura e na que, dende o punto de vista institucional, as deficiencias son enormes, insistir, como o fixen a miúdo nos meus libros de historiador, en artigos de opinión e en recensións científicas, en que a ciencia é divertida, en que a ciencia é importante… ten unha faceta moi clara de predicador.
De predicador no deserto?
Home, se considerase que predico no deserto pecharía e dedicaríame a outras cousas. Nos desertos tamén hai oasis. Non podo establecer se, nisto que eu predico, España é un deserto. Penso que se achega nalgúns ámbitos que son especialmente importantes, como o político ou gobernamental. Os gobernos, parlamentos e institucións que representan a cidadanía e que teñen o poder de pór en marcha novidades deberían ter asesores ou departamentos científicos. E esta é a excepción máis ca a regra. Agora ben, eu fuxo con moita facilidade porque atopo moita satisfacción no que fago, e satisfaime máis atopar unha persoa na rúa á que se cadra a axudei a comprender, a amar a ciencia, ca noutro nivel calquera.
A situación non mellorou?
Home, a situación no que atinxe á produción científica vai mellor. Só faltaría! A cuestión non é que mellorase, que indubidablemente mellorou. A cuestión é, en primeiro lugar, se os novos científicos teñen a oportunidade de desenvolveren todo o seu potencial, e, en segundo lugar, a ciencia non é só coñecemento como cultura, é unha competición, é unha carreira. Na medida en que é unha cuestión de Estado, é algo que implica chegar o primeiro, producir e implementalo no tecido industrial produtivo, e coa idea de ser os primeiros, os máis orixinais. É dicir, que non só se faga ciencia, senón a mellor ciencia do mundo. Non está claro que isto aconteza así en España. Eu tendo a pensar que a resposta é negativa. Non está claro que a distancia relativa que nos separa deses países que producen ciencia e que crean riqueza para os seus países diminuíra. Esta é a cuestión, o outro é demagoxia.
Gustaríalle nacer noutro país?
Non. Son fillo do meu país e gústame vivir nel. Non me gustan moitas cousas pero sería infeliz noutro lugar. Vivín varios anos en Inglaterra, nos EEUU, admiro a cultura inglesa pero non me gustaría vivir alí. Dos EEUU gústame como se comportaba a xente do meu ámbito, pero a cultura dos cartos, a loita pola vida… non me gusta, a noción esaxerada de Estado-imperio.
Ante ese panorama que debuxa e que non é precisamente idílico para a ciencia en España, que se pode facer? esperar xeracións?
Non é unha cuestión de cambio rápido. Por iso é tan importante o que sempre se dixo, un pacto de Estado, que forme parte da cultura política común. Eu creo que na ciencia non é difícil. Habería que manterse firme nese proxecto, que non é tan rápido e que leva tempo. Non creo que se fabrique un Premio Nobel tan rápido como un campión olímpico. Non obstante, cando interesou establecéronse proxectos que produciron campións olímpicos. É absurdo! Isto, que é un xogo, non ten que ver nin coa saúde, nin coa cultura… mentres que a ciencia ten que ver coa riqueza, co benestar intelectual, con ser máis libres dende o punto de vista do noso coñecemento do mundo, coa economía, coa saúde pública, e non se fixo. A ciencia debe introducirse na cultura e iso é responsabilidade dos gobernantes. En ocasións tense feito, pero dende o meu punto de vista non se fixo coa mesma intensidade con que se fai cos escritores, artistas ou centenarios do cinema… Dise que a ciencia é máis aburrida e máis difícil, dende logo que si, é máis difícil, pero non máis aburrida. Requírese, iso si, un adestramento. Insisto, a ciencia é divertida e, dende logo, máis divertida ca as declaracións que fan os futbolistas, porque sempre din o mesmo, claro.
E os científicos non teñen tamén a súa parte de responsabilidade?
Abofé que si. O científico debe mostrarse á sociedade, debe esforzarse, entre outras cousas, en ser un cidadán como outro calquera e debe tratar ao mesmo tempo de que a súa voz se escoite en foros culturais e políticos. A situación mellorou, pero non abonda. A presenza pública debe ser maior. Para iso hai que ter algo que dicir, á marxe dun laboratorio, e iso é complicado. Hai que potenciar habilidades, que eu creo que non é demasiado pedir, como escribir ou expresarse con claridade ou con graza, etc. Os científicos débense introducir no tecido social, como fan noutros países, e tamén habería que lles pedir honestidade, e isto vai máis alá dos científicos españois. Cantas promesas se fixeron e logo cantas se cumpriron? Hai que ser máis honesto e honrado na presentación do que se está a facer.
Como conclusión, a ciencia en España ten futuro?
Eu vouno enunciar doutro xeito. Non estou seguro de que España como país teña o futuro que polo menos eu querería. Sen utilizar a ciencia para mellorar a capacidade industrial e económica, terá un futuro diferente ao que a min me gustaría. Terá un futuro que cada vez é máis complicado manter, que é o dun país de servizos.
O futuro que lle gustaría veo pouco probable?
Si, véxoo moi difícil. Din que o número de citas de científicos españois é maior en revistas internacionais, pero iso é trampa. É mellor ca antes, pero iso non é. Unha cousa é a ciencia como cultura e outra a ciencia na produción competitiva.
Que debería facer un cidadán para considerar que o seu coñecemento científico é aceptable?
Ter uns rudimentos, uns coñecementos xerais. Se unha persoa non sabe dicir algo de Newton, Lavoisier, Maxwell, Einstein, e non só das súas teorías senón tamén dos libros que produciron… hai que pensar en que algo coxea na nosa cultura. As persoas deberían pensar daquela que a súa formación non é completa. Ese problema resólvese no ensino secundario, no ensino medio. Aí é onde se marcan as barallas, as cartas da cultura dun país.
Vostede é membro da Real Academia da Lingua Española. A que parte da lingua aplica iso de limpar, fixar e dar esplendor?
Desde que entrei traballei a carón doutros científicos, sobre todo nunha comisión de vocabulario científico e técnico. Dubido moito que un país, unha cultura, queira vivir á marxe da tecnoloxía e da ciencia. É imposible, aínda que non se decaten. A sociedade cambia da man da Ciencia e da Tecnoloxía e tamén se introducen termos científicos e técnicos, e non só aqueles que son patrimonio duns poucos, usamos todo tipo de termos. Só tendo en conta o mundo da informática… A Academia Española preocúpase por recoller no seu dicionario a maior parte, aqueles termos máis xerais (só a descrición das partes dun avión daría para escribir un volume), os que forman parte da linguaxe máis cotiá… e aí créanse máis termos ca en calquera outra área da vida.
Esta é unha parte, pero por outra hai que ter en conta que a RAE naceu en 1713 e vai cumprir 300 anos de existencia. O primeiro dicionario, chamado Dicionario de Autoridades, apareceu no século XVIII. E o dicionario, a última edición, é un produto de aluvión. É tan rico, tan amplo, que corrixilo, adecualo en todos os aspectos das definicións, pero en particular nas científicas e técnicas é un traballo ímprobo.
A Ciencia en España fala un inglés españolizado?
É evidente que os anglicismos penetran por tódalas partes, ata no noso dicionario. É algo imparable nun mundo no que a lingua franca é a inglesa. Tamén é verdade que en ocasións é difícil, pero posible, defenderse en castelán en ámbitos científicos. Ademais, o científico debe decatarse non só de que ten unha débeda, senón unha necesidade para reforzar as súas posicións coa sociedade na que vive e debe tratar de involucrarse, e iso teno que facer a través do idioma que fala a súa comunidade. Hai que coidar o castelán, no noso caso, e falalo coa maior nobreza posible. Se non se fai así é pola falta de personalidade que existe e que debería combaterse, porque o científico tamén vai ao teatro, le literatura, xornais… Debe saber distinguir con claridade os escenarios nos que se move. Se non, será unha figura ridícula cando se exprese dese xeito.
Os científicos, falan ou perpetran o castelán?
Hai de todo, pero en xeral creo que non utilizan o castelán co coidado que deberían e que poderían ter. Non estou a pedir un imposible, nin pedindo que publiquen os seus mellores resultados en español.
Ese nivel de coñecemento científico ao que debería aspirar a ter todo cidadán, atopouno entre os seus colegas de Academia?
O que atopei neles é unha simpatía pola Ciencia e por estar aberto á Ciencia, a decatarse da importancia das súas limitacións que, con toda sinceridade, non atopo noutros lugares. Falamos dun colectivo no que hai filólogos, lexicólogos, novelistas, poetas. Ademais podo ofrecer un exemplo: o meu penúltimo libro é con Antonio Mingote. A súa educación científica é moi reducida pero aceptou participar neste proxecto con amplitude de miras, con interese…
É curioso, pero vostede entrou antes na Academia das letras ca na das Ciencias. A que se debe?
En primeiro lugar debo aclarar que eu non son un científico, e se son Académico correspondente é como historiador que escribe, que fai a historia da Ciencia. Nese sentido non houbo moitos. Que eu saiba, só tivo un académico de número que fose historiador.
O eito de que primeiro entrase na Academia das Letras e logo na das Ciencias, non é un reflexo de que na comunidade científica se ve a persoa que quere achegar a ciencia á cidadanía como un científico de segunda?
Si. Eu agora non son un científico, e calquera que aspire a abordar con profesionalidade a historia, a filosofía ou a socioloxía da ciencia non o pode pretender. Entre os científicos, e non o digo por min, que fun cociñeiro antes ca frade, xorde en ocasións certo desdén por aqueles que se ocupan da Ciencia e non fan Ciencia, ben a través da Historia, como é o meu caso, da Filosofía, etc.
E é un error.
Si, porque non hai ningunha competición. A historia da Ciencia achégalle moito á Ciencia e non só no sentido de que sexa mellor comprendida, senón para que os propios científicos comprendan mellor a súa disciplina.