Vacacións peregrinas
Coa chegada do verán, as corredoiras do Camiño de Santiago xa van espertando do seu letargo tras a Semana Santa e prepáranse para acoller milleiros de peregrinos. Os máis aventureiros aproveitarán os seus días de festa para preparar as cousiñas e encamiñarse cara a Santiago de Compostela, onde, segundo reza a tradición, xacen os restos do Apóstolo Santiago o Maior. Nestas vacacións non hai lugar para o luxo nin para o descanso físico. Non obstante, os interminables quilómetros transitados por peregrinos de todo o mundo constitúen o mellor remedio contra o estrés. Dende o achado do sepulcro, hai preto de 1.200 anos, millóns de peregrinos chegados dende todos os confíns da Terra acudiron á chamada do apóstolo a través dunha viaxe que, para os máis, acaba converténdose nunha busca interior e nunha experiencia para toda a vida. Lonxe de remitir, a afluencia de peregrinos, ben sexa a pé, en bicicleta ou dacabalo, non deixa de medrar. De acordo cos datos estatísticos que ofrece a oficina de acollida ao peregrino, no 2008 foron 125.141 as persoas – fronte ás 114.026 do 2007 – que recibiron a Compostela, o certificado que acredita que se realizaron, polo menos, os últimos 100 quilómetros a pé ou dacabalo ou os últimos 200 en bicicleta. O Camiño de Santiago, ademais, prepárase para a afluencia masiva do ano 2010, último Ano Santo antes do 2021. Os dous últimos Anos Santos, 1999 e 2004, atraeron 154.613 e 179.944 peregrinos.
O Camiño Francés, que comeza en Saint Jean Pied de Port ou en Roncesvalles, é o máis transitado e cobre unha distancia próxima aos 800 quilómetros. Non é a única opción. O fervor xacobeo xerou ao longo da Historia distintas rutas que perviven ao paso do tempo polas que transitan cada ano máis peregrinos: a variante aragonesa do Camiño Francés, que parte dende o alto de Somport; o Camiño do Norte; o Camiño Primitivo; a Vía da Prata; o Camiño Sanabrés; o Camiño Portugués; o Camiño de Levante; o Camiño Catalán; o Camiño Vasco do Interior ou Vía de Baiona, etc.
O percorrido completo dunha das numerosas vías xacobeas non é tarefa doada e faise preciso un labor de documentación previo e un adestramento físico axeitado. Xa en marcha, unha correcta alimentación, o sentido común e a improvisación fronte aos contratempos fan o resto para que a viaxe sexa un éxito.
- A preparación debe comezar, polo menos, dous ou tres meses antes de emprender o Camiño. Someterse a unha proba de esforzo antes de iniciar a aventura nunca está de máis e pode evitar máis dun susto.
- É recomendable practicar sendeirismo polo menos unha vez á semana, alternando rutas de entre 15 e 20 quilómetros, amais de camiñar ou trotar un par de días entre semana.
- Nestas saídas é indispensable utilizar as mesmas botas ou zapatillas de montaña que se vaian utilizar durante a peregrinación e cargar cunha mochila para afacerse a camiñar con peso.
Preparación física e equipamento
Planificación previa
A viaxe comeza no salón de casa. É preciso documentarse sobre a ruta que se pretende realizar e establecer un calendario previo atendendo aos días dispoñibles e ao número de etapas que se vaian completar. CONSUMER EROSKI ofrece na súa web unha guía na que a persoa interesada pode atopar de xeito gratuíto rutas, albergues e consellos para afrontar a peregrinación (https://caminodesantiago.consumer.es/). É recomendable acudir a unha Asociación de Amigos do Camiño de Santiago -en España hai preto de 40-, onde achegarán información e consellos útiles e na que se pode adquirir a credencial. Este é un documento que serve de salvoconduto e que inclúe uns cadros que se deben ir selando polo menos unha vez ao día. É indispensable viaxar con ela se se desexa pasar a noite nos albergues de peregrinos e, unha vez en Santiago, testemuñar que se realizou a peregrinación e obter a Compostela.
A elección do calzado e da mochila
Entre Saint Jean Pied de Port e Santiago de Compostela o pé do peregrino descobre todas as superficies posibles: o asfalto, o formigón, o xabre das pistas agrícolas, a incómoda grava, os chans terrosos, arxilosos ou calcarios, etc. Esta disparidade orixina serias dúbidas na elección do calzado que mellor se adapte ás devanditas superficies todas. Precísase un calzado nin moi lixeiro nin moi pesado, que sexa flexible e que achegue unha boa estabilidade. Todas estas características reúneas o tipo de zapatilla que utilizan os corredores que compiten nas carreiras de montaña. Coñécense como zapatillas de trail (a partir de 80 euros). Son máis lixeiras ca as botas de sendeirismo e achegan maior flexibilidade e amortecemento. A sola é máis resistente e atura mellor os impactos ca unha zapatilla para correr convencional. O tecido impermeable e transpirable Gore-Tex evitará que molle o pé e evacuará a suor ao exterior.
- A súa capacidade debería andar arredor dos 40 ou 50 litros e o seu peso, unha vez chea, non debería superar o 10% do peso do camiñante que a carrexe. Por exemplo, unha persoa de 70 quilos deberá cargar unha mochila de entre 7 ou 8 quilos. Todo o peso que supere esta cifra pasará factura, tras varios días, a xeito de rozaduras, sobrecargas ou contracturas musculares.
- As súas costuras deben ser fortes, as ombreiras acolchadas e debe contar cun sistema que permita a súa regulación segundo a altura de cada usuario. A funda impermeable é imprescindible para cubrila en días de chuvia.
Viaxar co indispensable
A provisión de roupa dependerá da época, pero, amais do posto, hai que levar en calquera caso:
- Un saco de durmir lixeiro. Salvo contadas excepcións, en primavera e verán non fai frío dentro dos albergues -ademais alí hai mantas- así que é inútil carrexar un saco pesado ideado para durmir no exterior a temperaturas baixo cero.
- Unha cantimplora dun litro.
- Un par de mudas.
- Dous pares de calcetíns de sendeirismo.
- Un par de camisetas de poliéster, unha de manga curta e outra de manga longa (nunca de algodón, xa que non transpiran e tardan en secar).
- Pantalóns de sendeirismo convertibles.
- Un xersei, un chuvasqueiro lixeiro ou cortaventos e un poncho para a chuvia.
- Unha viseira ou un gorro que protexa o pescozo.
- Unha toalla, aínda que mellor un pano de secado. Están fabricados en poliéster e poliamida e secan decontado. Pódense atopar en tendas deportivas.
- Chancletas para a ducha.
- Un neceser cun cepillo e pasta de dentes, un par de pastillas de xabón que sirvan tanto para o aseo como para lavar a roupa e, para quen o precise, unhas coitelas de afeitar. Unha navalla tamén é recomendable.
- Pequena botica de primeiros auxilios con aspirinas ou ibuprofeno, con crema solar de alta protección, con apósitos, iodo e agullas esterilizadas para picar e curar as bochas. Son moi recomendables as cremas ou vaselinas para limitar a aparición de bochas e tamén para evitar as feridas polos continuos rozamentos da pel coa roupa. Se se fai o Camiño en compañía, o máis sensato é levar unha botica de primeiros auxilios conxunta e repartir o peso.
- O DNI, a tarxeta Sanitaria, unha tarxeta de crédito e mais a credencial do peregrino.
- Imperdibles e varias pinzas para a roupa, moi útiles para secar a roupa durante ou ao final da etapa.
Orzamento, alimentación, albergues
O orzamento
O esforzo económico, e máis nos tempos que corren, é outro elemento que hai que ter en conta. O gasto por pasar a noite nun albergue pode cifrarse nunha media de cinco ou seis euros, se se inclúen albergues privados, públicos e parroquiais, xa que o prezo nestes últimos é inferior. A iso súmanse os gastos en comida, cea e bebida. Ademais, hai que engadir un suplemento polo resto de gastos que orixina o Camiño, como o uso da lavadora e secadora nos albergues, a visita a algún monumento, compras imprevistas, etc. En total, o custo medio é de 30 euros ao día. Se se fai o Camiño Francés a pé, que consta dunhas 30 etapas, tres máis se se continúa ata Fisterra, o desembolso roldará os 1.000 euros.
Mochila ao lombo, bordón en man e a camiñar:
Percorrer etapas longas e a bo ritmo os primeiros días ten o mesmo efecto que sacar o carné de conducir, mercar un Ferrari e poñelo a 200 quilómetros por hora á saída do concesionario. O risco de accidente, no noso caso de lesión, roldará o 100%. O refrán “camiña como un vello e chegarás como un mozo” é o mellor consello que pode recibir un peregrino profano. Durante as tres primeiras xornadas, se non se está afeito a camiñar con peso, non é recomendable percorrer máis de 20 quilómetros ao día. Desaparecidas as maniotas e as molestias iniciais, pódese aumentar o número de quilómetros por día ata os 30 ou 35 quilómetros. No Camiño abundan os deportistas que se atreven con camiñadas de 40 e 45 quilómetros diarios, aínda que moitos deles son vítimas das temidas tendinites. As máis frecuentes son as do tendón peroneo e as do talón de Aquiles. Para previr posibles lesións hai que realizar unha sinxela táboa de estiramentos antes de camiñar e ao rematar o exercicio. As partes do corpo que máis sofren son os pés, os nocellos, as pernas, as costas e os ombreiros.
Os albergues, o distintivo do Camiño:
Públicos, parroquiais ou privados, os albergues de peregrinos son un máis dos numerosos sinais de identidade do Camiño de Santiago. Nos últimos anos construíronse de acordo á grande afluencia de visitantes, sobre todo os privados. Só no Camiño Francés hai máis de 200, situación que favorece variadas posibilidades para pasar a noite e, xa que logo, unha división de etapas entre localidades menos ríxida. En case todos estes aloxamentos, non sendo nalgúns privados, non está permitida a reserva e ocúpanse segundo a orde de chegada, liderando as prioridades os que fan o percorrido a pé, seguidos de quen o transitan dacabalo ou en bicicleta. Para aloxarse neles é indispensable portar a credencial. A permanencia limítase a unha noite, salvo por enfermidade ou forza maior.
- O almorzo debe ser completo, a base de cereais, lácteos, zume e froita.
- Durante a marcha cómpre beber auga ou bebidas enerxéticas cada hora e non agardar a ter sede.
- Non hai nada mellor ca a froita, os froitos secos, as barriña de cereais e o chocolate para repor o gasto calorífico.
- Camiñar co estómago cheo non é saudable. A comida máis importante do día hai que facela ao final da etapa e, se a xornada se alonga e hai que ir comendo durante a marcha, convén optar por un bocadillo ou por un prato lixeiro de pasta ou verdura.
Como comezar o Camiño
Como chegar ata Roncesvalles, Saint Jean Pied de Port ou Somport:
Os peregrinos que teñan previsto comezar en Roncesvalles ou en Saint Jean Pied de Port deberán viaxar primeiro ata Pamplona. Os horarios do autobús entre Pamplona e Roncesvalles son os seguintes:
- Do 1 de xullo ao 1 de setembro: de luns a venres sae ás 10:00 e ás 18:00 horas. Os sábados ás 9:30 e ás 16:00 horas. Os domingos e festivos non hai servizo, así que para viaxar en domingo hai que tomar un taxi dende Pamplona. A opción máis económica é unirse con outros peregrinos e pagar o taxi entre varios. Os teléfonos do teletaxi son o 948 23 23 00 e o 948 35 13 35.
- O resto do ano: de luns a venres o autobús sae ás 18:00 horas. É o único horario. Os sábados ás 16:00 horas e os domingos e festivos non hai servizo. Pagando un suplemento de 6 euros pódense transportar as bicicletas no maleteiro do autobús.
- Para máis información, pódese contactar con Autocares Artieda no teléfono 948 30 02 87. A estación de autobuses de Pamplona atópase na rúa Yanguas e Miranda, 2 e o seu teléfono é o 948 20 35 66. Máis información en www.estaciondeautobusesdepamplona.com.
- Unha vez en Roncesvalles hai un servizo de taxis agardando polos peregrinos que queiran baixar a Saint Jean Pied de Port.
- Os que decidan partir dende Somport para comezar o Camiño Aragonés, que se une en Puente la Reina coa ruta francesa, deben viaxar a Xaca e alí coller o autobús ata o alto de Somport. A estación de Xaca está situada na avenida La Jacetania, s/n e o seu teléfono é o 974 35 50 60. O servizo da Mancomunidade do Alto Val do Aragón ofrece cinco frecuencias diarias: ás 8:20, 11:30, 14:55, 19:30 e 21:55. O seu teléfono é o 974 37 34 20 e convén informarse con antelación, xa que os horarios poden variar segundo a época do ano.