Seguridade en todas partes
A afección ou a necesidade fan que moitas persoas non desconecten de Internet nas súas vacacións e que recorran á Rede de redes alá onde van para consultar o correo, escribir na súa páxina web ou, simplemente, navegar. Entre estes últimos tamén hai dous tipos de ‘veraneantes’: os que non esquecen colocar na equipaxe o portátil, a PDA e todo o necesario para conectarse a Internet, e quen confía en atopar no seu destino un lugar de acceso público, ben sexa un cibercafé, un locutorio ou o propio hotel.
Tanto uns coma os outros non deben esquecer que a seguridade tamén debe acompañar a conexión á Rede durante as viaxes. A conexión desde un lugar público aumenta as posibilidades de que algún intruso teña acceso ós nosos datos. A seguridade pasa nestes casos por extremar as precaucións habituais e engadir algunhas prácticas non tan necesarias no fogar.
Máis ca ós hackers (mellor chamados crackers), que empregan sofisticadas técnicas para penetraren no noso ordenador, hai que temer prácticas máis clásicas, como fisgar por riba do ombreiro. Cando se teclea unha clave de acceso nun lugar público hai que coidar que ollos estraños non vixíen a pantalla ou o teclado e non desatender o ordenador se hai información confidencial na pantalla. Os contrasinais, cómpre lembrármolo sempre, deben ser seguros: combinacións de letras e números de máis de seis caracteres que non se poidan asociar ó seu propietario (o nome do can ou o aniversario da parella non son bos contrasinais).
O intento de captura de nomes de usuario e contrasinais é un delito real e en aumento que se traduce no roubo de cartos ou na suplantación da identidade. Para sentírmonos seguros ó cen por cen ó utilizarmos un ordenador público, non hai mellor remedio que evitar introducir información importante (o número de tarxeta de crédito, a clave de acceso a servizos bancarios, etc.), porque o PC pode ter instalado software espía capaz de rexistrar as teclas pulsadas polo usuario. Como non é habitual ter á man un programa que detecte e elimine os espías, hai que minimizar o risco borrando todas as pegadas ó saír.
Para o uso de calquera servizo online hai que vixiar que non estea activada a opción ‘gardar contrasinal’ ou ‘inicio automático de sesión’, habitual no correo-web (como o de Yahoo! ou Hotmail) e os programas de mensaxería instantánea. Ademais, convén responder “non” cando o navegador nos pregunte se queremos que garde o contrasinal. As precaucións na navegación son as mesmas que se toman na casa: ollo cos arquivos adxuntos ás mensaxes e cos descargados de sitios dubidosos.
Cando se sae de calquera páxina que require rexistro, non hai que esquecer cerrar a sesión, e cando se deixa o ordenador non está de máis pechar tamén o navegador, non sen antes eliminar calquera traza que deixaramos (sempre que sexa necesario). A través das preferencias do navegador, é sinxelo borrar os arquivos temporais de Internet (que rexistran todas as páxinas visitadas), as cookies (pode haber información persoal) e o Historial.
As cada vez máis ubicuas redes sen fíos son unha beizón para quen viaxa cun portátil equipado con tarxeta WiFi (sen fíos). En aeroportos, hoteis e mesmo nalgúns restaurantes e cafeterías é posible conectarse á Rede polo aire, en moitos casos gratuitamente. No acceso a unha rede pública co ordenador propio, o que cómpre protexer son os arquivos do disco duro, en especial os que conteñen información valiosa ou confidencial.
O ordenador diralle se se trata dunha rede sen fíos segura (cifrada ou protexida por contrasinal, que cumprirá coñecer) ou non, pero en calquera caso é perentorio ter instalado un cortalumes (firewall), que evite accesos non desexados ó equipo. Se é imprescindible introducir claves ou números de tarxeta nunha rede pública, hai que constatar que se empregan páxinas seguras, que empezan por https:// e que amosan un cadeado pechado (ou unha chave) na parte inferior do navegador.
www.microsoft.com/spain/seguridad/usuarios/onthego/default.mspx
Especial de Microsoft sobre seguridade en portátiles, Pocket PC, dispositivos SmartPhone e outros equipos para conectarse nas viaxes.
Unha guía para o turista escrita polos viaxeiros, con atención especial ós cibercafés repartidos polo mundo. Tamén se poden localizar en www.cybercafes.com e, en español, en ociototal (www.ociototal.com/recopila2/r_internet/cibercafe.html).
http://hotspots.netstumbler.com
Os modernos, caros e potentes ordenadores portátiles son un obxecto cobizado para os amigos do alleo: só nos EEUU máis de medio millón de ordenadores ‘cambian de propietario’ cada ano, sen contar os que se extravían nos numerosos controis de seguridade dos aeroportos. Cando se viaxa cun portátil, hai que vixiar tanto o hardware (o portátil mesmo) como a información que almacena. Para o primeiro, abonda con seguir unhas regras tan obvias como a miúdo esquecidas:
- ‘Camufle’ o portátil. Evite transportalo nun maletín rechamante (mellor unha mochila ou nunha bolsa).
- Non o abandone. Nin ó pasar un control de seguridade, nin no coche, nin no hotel. Tampouco na cadeira do lado cando toma un café.
- Gárdeo nun lugar seguro. Nos avións, mellor debaixo do asento de adiante ca no portaequipaxes.
Para protexer o que leva dentro, cómpre ser precavido coa conexión en sitios públicos, tanto pola seguridade da propia rede coma polos posibles osmóns á caza de datos persoais. Se se extravía, se estraga ou nos rouban o portátil, é posible reducir o impacto tanto económico como pola información perdida. Para iso:
- Protexa o acceso ó ordenador mediante un contrasinal seguro e cifre as carpetas e arquivos confidenciais.
- Garde unha copia de seguridade dos arquivos importantes nun servidor de Internet ou nun chaveiro USB (ou reprodutor de MP3), desde os que se poderá recuperar a información alí onde vostede estea. O baixo prezo das gravadoras de DVD facilita a práctica regular da copia neste soporte do contido íntegro do noso disco duro.
- Instale un programa que siga a pista do equipo en caso de que se “extravíe”, como zTrace ou Computrace. Estes programas actúan como un radiofaro que, se nos rouban o ordenador, indica, de xeito invisible para o ladrón, a posición do equipo cada vez que este se conecta a Internet.
- Sopese a oportunidade de asegurar o portátil.