Máis dun terzo suspende en seguridade
Analizáronse oito cascos de moto integrais de distintos materiais que custan desde os 209 euros de AGV Airtech ata os 587 euros de AGV Ti-Tech. Á hora de establecer a mellor relación calidade-prezo nun produto do que pode depender a vida do usuario é lóxico que prime a calidade sobre o prezo. Pero, así e todo, o casco máis barato desta análise (Airtech) é de boa calidade, e superior a outros máis caros que suspenderon a proba de seguridade. O de mellor calidade e segundo máis caro, Shoei X-Spirit (545 euros), é outra opción interesante: destaca polo seu interior desmontable e polos seus numerosos orificios de ventilación.
O casco é o elemento de seguridade pasiva que máis inflúe na redución da sinistralidade en motos e ciclomotores. A súa función é absorber o impacto e mitigar o efecto do choque sobre a cabeza, reducindo ata nun 29% a probabilidade de morrer nun accidente.
Nesta análise comparativa non se estudaron os cascos abertos (os máis inseguros, con diferenza), nin os modulares (cómodos pero máis fráxiles) nin os de motocrós (deseñados para seren usados en condicións extremas); analizáronse oito cascos integrais e pechados que cobren toda a cabeza, as orellas e a caluga; é dicir, os máis seguros e recomendables.
Protección ante os golpes
Os oito cascos comparados cumpren cos requisitos que establece a norma para a súa constitución básica, os sistemas de protección, as posibles irregularidades na carcasa, o sistema de peche, a visión periférica e a pantalla.
Pero, sen dúbida, o máis importante dos ensaios é o de absorción de impactos, que mide como se desenvolven os cascos cando deben cumprir co seu cometido de protexer o motorista. Para calculalo, mediuse a resistencia en seis partes distintas de cada casco baténdoos cunha engra plana e con outra en forma de cuña lanzadas a 27 km/h e a 20 km/h, en condicións extremas de calor (50ºC) e frío (-20ºC), para asegurar así o seu comportamento correcto a temperatura ambiente. Tres cascos non chegaron ó mínimo de resistencia que esixe a norma e suspenderon o exame: AGV Ti-Tech suspendeu porque os laterais do equipo non son resistentes abondo; en AGV Daystar, amais dos laterais, fallou a parte superior do casco; do mesmo xeito, o queixo de Arai Condor é máis feble do que se require. Todos estes fallos déronse en condicións de frío extremo. Curiosamente, o máis barato dos modelos de AGV (o denominado Airtech) é o único dos tres desta marca que aproba. Tamén cumpren a norma de seguridade os dous analizados de Shoei e os dous de Shark. Aclaremos que a fabricación dos cascos é practicamente artesanal, polo que, segundo os expertos consultados, o comportamento dun casco en concreto pode non ser representativo de como se van desenvolver outras unidades do mesmo lote. Dito doutro xeito, non se comportan como se se fabricasen en serie.
Outra análise importante é a que verifica que o casco non saia despedido en caso de impacto, efecto estudado polo test de descalce e retención: aplícase unha forza na parte traseira do casco para comprobar que, no caso de que bata contra o chan, non rote máis de 30º. Na proba de retención, a forza que se aplica é vertical e mídese o desprazamento que o golpe orixina. Os oito aprobaron o exame, é dicir, non deixarían a cabeza desprotexida en caso de accidente. O material do que están compostos non demostrou ser unha condición que, por si soa, indique a eficiencia do casco. Shark RSX e AGV Ti-Tech están elaborados con fibras de carbono e kevlar, o de Shoei XR-1000 é de fibras orgánicas e vidro, e o resto están compostos por unha mestura de fibras de diferente natureza.
Cuestión de peso
Tórnase esencial que os cascos sexan liviáns, xa que en ocasións deben levarse postos durante varias horas. Os máis lixeiros son os dous Shoei, o XR-1000 (1.338 gramos) e o X-Spirit (1.362 gramos). O máis pesado é Shark RSX, con 1.569 gramos, seguido de Shark “RSF”, de 1.529 gramos. O peso indicado na etiquetaxe e o real non coincidiron en AGV Ti-Tech (pesa 135 gramos máis) e en Arai Condor (68 gramos máis).
Os cascos analizados teñen dous sistemas de peche: dobre anel ou apertura rápida. O primeiro, que é máis seguro, mantén o casco sempre ben axustado, aínda que o segundo é máis rápido de atar. Os dous Shoei, Arai, AGV Ti-Tech e Shark RSX empregan o dobre anel, mentres que o resto ten a apertura rápida.
Aireación axeitada
Un casco que non ventile ben, que non dispoña dos suficientes orificios de entrada e saída do aire, será máis incómodo e perigoso porque a presión que exerce o vento a altas velocidades pode provocar bruscas oscilacións. Shoei X-Spirit é o mellor, con dez buratos (cinco de entrada e cinco de saída), seguido por AGV Airtech e AGV Ti-Tech con oito cada un. Shark RSX (dous de entrada e un de saída) e Shark RSF (dous de entrada e dous de saída) son peores.
O acolchado interior dos oito cascos é o de poliespan, que diminúe as vibracións, pero que, co tempo, se lixa, forma folganzas e se deforma. Por iso, convén que os interiores dos casos se poidan desmontar para ser substituídos ou lavados (aínda que non convén facelo a miúdo). Arai Condor e Shark RSF son os peores, ó non permitir soltar o interior. En AGV Airtech e AGV Daystar e en Shoei XR-1.000, o interior desármase en parte; nos outros tres desmóntanse completamente.
As pantallas, clave
As pantallas protexen a cara, ó tempo que deben ofrecer unha visión nítida que permita unha condución segura. Están compostas de policarbonato, unha resina termoplástica, e están suxeitas a unha férrea norma que fixa o seu comportamento ante probas mecánicas, e tamén o seu comportamento ante os impactos, a súa capacidade antirraiado e os posibles defectos ópticos (é dicir, como actúan ante a difusión da luz e a súa capacidade refractiva).
A norma non esixe que as pantallas dos cascos eviten o bafo, pero si fixa unha proba opcional moi esixente que, se a pasan, lles permite lucir o distintivo “Mist retardant”. Ningunha pantalla das oito levaba esta etiqueta, pero os dous Shoei incluían como accesorio unha lámina que se fixa no interior da pantalla e que cumpre con esta estrita especificación. Estas láminas antibafo pódense adquirir por separado para engadirse a calquera modelo de casco.
As pantallas dos cascos deben recibir un tratamento que evite as raias. Ten o seu predicamento a crenza de que os cascos baratos ofrecen un comportamento moi inferior ós máis caros neste apartado. Pero as oito mostras da análise comparativa superaron o test de laboratorio, demostrando que todas teñen un bo comportamento ante os raións, moi por riba do que esixe a norma. Este resultado foi moi brillante nos dous modelos estudados de Shark e Shoei XR-1.000.
As oito pantallas tamén demostraron ser resistentes ós golpes. A propia forma da pantalla produce uns defectos de visión, polo que resulta esencial que esta refracción da imaxe non sexa excesiva e permita ver arredor con seguridade. Todos os cascos superaron este test e axustáronse ó que indicaban nas súas etiquetas.
Como elixir un casco?
Mercar un casco supón un desembolso importante de cartos que convén sopesar ben, xa que se trata da medida de seguridade pasiva máis importante para un motorista. Antes de adquirirmos un casco, teñamos en conta o seguinte:
- Hai que comprobar se amosa a inscrición E9, que indica que está homologado.
- O casco débese axustar perfectamente á cabeza. A parte interior debe premer os pómulos, porque co uso esta zona tende a ceder. Se se usan gafas, hai que probalo con elas postas.
- Canto maior sexa o número de orificios de entrada e saída de aire, máis cómodo e seguro resultará e mellor transpirará a nosa pel.
- A pantalla debe evitar o bafo e as raias. Se non cumpre coa norma “Mist retardant” resulta interesante adquirir unha lámina que si a cumpra co fin de pegala enriba.
- No tocante ó peche, aínda que sexa máis incómodo e algo máis lento de poñer e quitar, convén optar polo sistema de dobre anel, xa que é o que mellor se axusta ó pescozo. Unha vez pechada a fibela de seguridade, o casco non debe saír, aínda que se tire con forza.
- A escuma interior debe estar fixada en pezas desmontables e intercambiables, para facilitar a súa limpeza e o seu cambio cando se deteriore.
- Lonxe de consideracións estéticas, canto máis viva e reflectinte sexa a cor do casco, mellor seremos vistos.
- Se sofre algún impacto, aínda que non deixara marcas, convén substituílo.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse oito cascos integrais de materiais e prezos moi distintos: desde os 209 euros de AGV Airtech ata os 586,93 euros de AGV Ti-Tech.
- Non son tan seguros como deberían: tres dos oito cascos non absorben os impactos correctamente e suspenden en seguridade.
- O material do que están fabricados non parece ser determinante na calidade dos cascos. Dous dos mellores e dous dos peores están feitos con mestura de fibras, e un de boa calidade e outro que suspende en absorción de impactos, con carbono e kevlar.
- Os máis lixeiros son os dous de Shoei, mentres que os máis pesados son os de Shark. Os mellor ventilados foron Shoei “X-Spirit”, AGV “Ti-Tech” e AGV “Airtech”, e os peor aireados os de Shark.
- AGV “Ti-Tech”, AGV “Daystar” e Arai “Condor” non superaron o test de seguridade, xa que non absorberon suficientemente algúns impactos que a norma obriga a soportar (neste caso, en condicións de frío extremo).
- A mellor relación calidade-prezo é AGV “Airtech”, o máis barato e de boa calidade pola súa satisfactoria aireación, pola súa resistencia ós golpes e polo seu interior desmontable. Outra opción interesante: Shoei “X-Spirit”, o segundo máis caro, pero o de maior calidade.
Marca Modelo |
AGV “AIRTECH” | SHOEI “X-SPIRIT” | SHOEI “XR-1000” | SHARK “RSF” |
---|---|---|---|---|
Cor | Prata | Negro | Negro | “Gelete Nieto” (debuxo) |
Prezo (euros) | 209 | 545,13 | 395,37 | 333,20 |
Características | ||||
Material carcasa | Mestura de fibras | Mestura de fibras | Vidro e orgánicas | Mestura de fibras |
Sistema de retención | Apertura rápida | Dobre anel | Dobre anel | Apertura rápida |
Peso declarado (g) | 1460 (+/-)50 | 1.350 | 1.350 | 1.500 |
Peso real (g) | 1436 | 1362 | 1338 | 1529 |
Ventilacións entrada | 4 | 5 | 3 | 2 |
Ventilacións saída | 4 | 5 | 2 | 2 |
Partes desmontables | Gornecido de confort principal | Gornecido de confort principal e lateral | Guarnecido de confort lateral | Ningunha |
Características | ||||
Casco | ||||
Absorción de impactos | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Sistema de retención | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Ensaio de descalce | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Pantalla | ||||
Aspectos mecánicos | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Difusión luz | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Poderes refractarios | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Calidade global | Boa | Moi boa | Boa | Boa |
Marca Modelo |
SHARK “RSX” | AGV “DAYSTAR” | ARAI “CONDOR” | AGV “TI-TECH” |
---|---|---|---|---|
Cor | Oxydium | Vermello | Azul | Titanio |
Prezo (euros) | 494 | 354,34 | 462,72 | 586,93 |
Características | ||||
Material carcasa | Carbono e kevlar | Mestura de fibras | Mestura de fibras | Carbono e kevlar |
Sistema de retención | Dobre anel | Apertura rápida | Dobre anel | Dobre anel |
Peso declarado (g) | 1.550 | 1400 (+/-)50 | 1320 (+/-)50 | 1450 (+/-)50 |
Peso real (g) | 1569 | 1476 | 1438 | 1525 |
Ventilacións entrada | 2 | 2 | 4 | 4 |
Ventilacións saída | 1 | 3 | 1 | 4 |
Partes desmontables | Gornecido de confort principal e lateral | Gornecido de confort principal | Ningunha | Gornecido de confort principal e lateral |
Características | ||||
Casco | ||||
Absorción de impactos | Correcto | Non conforme | Non conforme | Non conforme |
Sistema de retención | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Ensaio de descalce | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Pantalla | ||||
Aspectos mecánicos | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Difusión luz | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Poderes refractarios | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Calidade global | Boa | Insuficiente | Insuficiente | Insuficiente |
Un a un
Un a un, oito cascos de moto
AGV "Airtech"
A mellor relación calidade-prezo. Cor prata. Pesa 1.436 g. Mestura de fibras. Sistema de peche de apertura rápida (máis cómodo). O segundo mellor ventilado: catro ventilacións de entrada e catro de saída. O acolchado interior principal é desmontable. Supera todas as probas de seguridade. Calidade global: boa.
Shoei "X-Spirit"
Outra opción interesante. O mellor. Cor negra. Pesa 1.362 g, o segundo máis livián. Mestura de fibras. Con lámina antibafo moi efectiva. Sistema de peche de dobre anel (máis seguro). O mellor ventilado: cinco de entrada e cinco de saída. Acolchado interior principal e lateral desmontables. Supera todas as probas de seguridade. Calidade global: moi boa.
Shoei "XR-1000"
Cor negra. Pesa 1.338 g, o máis lixeiro. Fibras de vidro e orgánicas. Con lámina antibafo moi efectiva. Sistema de peche de dobre anel (o máis seguro). Con tres ventilacións de entrada e dúas de saída. Acolchado interior lateral desmontable. Supera todas as probas de seguridade. Calidade global: boa.
Shark "RSF Gelete Nieto"
Deseño “Gelete Nieto”. Pesa 1.529 g, dos máis pesados. Mestura de fibras. Sistema de peche de apertura rápida (máis cómodo). Con dúas ventilacións de entrada e dúas de saída. Sen partes desmontables. Supera todas as probas de seguridade. Calidade global: boa.
Shark "RSX Oxydium"
O máis pesado (1.569 g). Carbono e kevlar. Sistema de peche de dobre anel (máis seguro). Con dúas ventilacións de entrada e unha de saída, é o menos ventilado. Acolchado interior principal e lateral desmontables. Supera todas as probas de seguridade. Calidade global: boa.
AGV "Daystar"
Cor vermella. Pesa 1.476 g. Mestura de varias fibras. Sistema de peche de apertura rápida (máis cómodo). Con dúas ventilacións de entrada e tres de saída. Acolchado interior principal desmontable. Suspende a proba de absorción de impactos. Calidade global: insuficiente.
Arai "Condor"
Cor azul. Pesa 1.438 g, 68 gramos máis do que di a súa etiquetaxe. Mestura de fibras. Sistema de peche de dobre anel (máis seguro). Con catro ventilacións de entrada e unha de saída. Sen partes desmontables. Suspende a proba de absorción de impactos. Calidade global: insuficiente.
AGV "Ti-Tech"
Cor titanio. Entre os máis pesados (1.535 g); pesa 135 gramos máis do que di a súa etiquetaxe. Carbono e kevlar. Sistema de peche de dobre anel (máis seguro). Con catro ventilacións de entrada e catro de saída. Acolchado interior principal e lateral desmontables. Suspende a proba de absorción de impactos. Calidade global: insuficiente.