O poder devastador do lume
Incendios forestais e verán convertéronse, lamentablemente, en termos inseparables. As estatísticas revelan que a metade dos incendios rexistrados cada ano en España se producen en xullo e mais en agosto. E España, onde os recursos forestais ocupan case a metade da superficie e que alberga a maior biodiversidade de Europa, é un dos países máis afectados polos incendios.
Segundo Greenpeace, na década dos 90 produciuse unha media de 18.000 incendios ó ano. Un informe da Asociación Nacional de Empresas Forestais (ASEMFO) asegura que nas últimas catro décadas os incendios atacaron a 6,4 millóns de hectáreas. Cen millóns de árbores, preto do 1% de toda a superficie forestal española, quéimanse cada ano. E os datos económicos non son menos alarmantes: 7.500 millóns de euros de perdas nestas últimas catro décadas -uns 5.100 en perdas ambientais e o resto en produtos primarios.
Só nos incendios que se produciron de xuño a setembro do 2004 faleceron en España 6 persoas e outras 27 resultaron feridas. Ademais, 4.166 persoas tiveron que ser evacuadas, e 981 vivendas desaloxadas, segundo o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA).
No tocante á súa orixe, os datos do Ministerio de Medio Ambiente sinalan o ser humano. O 67% dos incendios, segundo esta fonte, son intencionados, e o 11% débese a neglixencias, mentres que tan só un 4% se produce por causas naturais, como os lóstregos. A man do ser humano como causante dos incendios ponse de manifesto con outro dato, aparentemente contraditorio, sinalado pola organización ecoloxista WWW/Adena: Galicia, unha das zonas máis húmidas de España, debería ser por este motivo unha das zonas con menos incendios, pero acontece máis ben o contrario: entre 1998 e o 2002 rexistráronse en Galicia uns 11.000 incendios, fronte a, por exemplo, os 1.000 de Andalucía, que ten o dobre de superficie forestal e un clima moito máis cálido.
Número crecente de incendios
Aínda que a área media e total incendiada está diminuíndo grazas á mellora e ampliación dos medios de extinción, o número de incendios medra cada ano. Segundo Greenpeace, esta tendencia débese a factores estruturais, como o abandono do campo motivado polo éxodo rural, cun incremento da biomasa nos ecosistemas que aumenta o risco de combustión e a permanencia do costume, nos ámbitos rurais, de queimar a restreba e os pastos.
Aínda que a natureza conta cos seus propios mecanismos para se recuperar trala acción do lume, a intensidade e reiteración dos incendios están afectando os bosques e mais a fauna, que poden necesitar ata 120 anos para recuperarse, sempre que non quedaran irreversiblemente afectados. O lume reiterado mingua a capacidade da vexetación de recolonizar o terreo, e os animais que non morreran migran a outras zonas. A erosión, pola súa banda, xera solos cada vez menos produtivos e máis áridos, e increméntase o risco de inundacións e de secas. España é o país europeo máis ameazado pola desertización: 15 millóns de hectáreas están en situación de risco “alto” ou “moi alto”.
Competencia autonómica
A defensa contra os incendios forestais é competencia das comunidades autónomas, e o Ministerio de Medio Ambiente ten encomendada a coordinación das actividades de loita contra incendios e o apoio con medios de extinción.
Segundo os expertos consultados por CONSUMER EROSKI, aínda que o orzamento para a prevención dos incendios aumenta cada ano, continúa sen ser abondo. Ademais, segundo datos ofrecidos polas diferentes comunidades, os orzamentos varían moito dunhas autonomías a outras. Por exemplo, Aragón investiu 18,5 millóns de euros no 2004, mentres que a Comunidade Valenciana destinou 73 millóns, cando as dúas teñen unha superficie semellante. O orzamento máis elevado correspondeu a Andalucía, con 101,5 millóns de euros.
No tocante á normativa, a Lei de Montes, que entrou en vigor en novembro do 2003 para protexer mellor os bosques, supón, na opinión de varias asociacións conservacionistas, un “coadoiro” para que cada comunidade autónoma a aplique segundo o seu entender e a súa conveniencia, co que na práctica persistiría a posibilidade de recualificar terreos queimados, o que á súa vez podería incitar os incendios provocados polos especuladores. Para evitalo, o Goberno central anunciaba recentemente un anteproxecto que modifica esta Lei; o obxectivo sería que os terreos forestais asolados por incendios non se poidan recualificar ata que transcorran polo menos trinta anos.
WWW/Adena enumera unha serie de consellos para previr un incendio forestal e sobre como actuar no caso de atopármonos fronte a un lume xa declarado:
- Non prender lume no monte en épocas de risco (maio-setembro). O resto do ano, só en lugares acondicionados para facelo, e non abandonalos ata que non estean totalmente apagados.
- Non botar tabaco nin lixo ó chan.
- De se producir un incendio, chamar ós servizos de extinción, ó 112.
- Non participar na extinción se non se está cualificado, aínda que se poidan realizar labores de evacuación, de abastecemento e de vixilancia de zonas xa extinguidas.
- Se o incendio é incipiente, pódese intentar apagalo botándolle auga ou terra á base das chamas ou eliminando a vexetación de arredor para que non se propague.
- Manter a calma e avisar por calquera medio (radio, teléfono, móbil, voces, etc.) da nosa situación, sen abandonar estradas, pistas ou camiños de tránsito fácil. Para afastarse do incendio, o ideal é ir pendente abaixo cara a zonas xa queimadas, contra o vento e sen correr, evitando a vexetación espesa e seca e mais as valgadas, e cubrindo as vías respiratorias cunha tea húmida en caso de estar arrodeado de fume.