Augas minerais

Vehículo de saúde

O compoñente máis importante do organismo humano ten distintas propiedades segundo a súa composición en minerais
1 Xullo de 2005
Img alimentacion listado 309

Vehículo de saúde

/imgs/20050701/alimentacion01.jpg
A auga é fonte de vida no noso planeta e no noso organismo. De feito, a auga é o compoñente máis abundante nun ser humano: supón o 50-60% do noso peso corporal total. As células máis activas, como as dos músculos e as das vísceras, teñen a concentración máis alta de auga. Malia o esencial que resulta, o corpo humano non ten provisión para almacenar auga e cada día pérdense arredor de dous litros e medio polos ouriños (1500 ml), as feces (150 ml), a suor (350 ml) e a respiración (400 ml). Polo tanto, a cantidade de auga que se elimina cada 24 horas debe restituírse para manter o organismo ben hidratado.

A toma de auga (e outros líquidos que a conteñan, como caldos, infusións, zumes…) é o mellor xeito de compensar as perdas que se producen no noso corpo cada día. Tamén conseguimos hidratarnos a través da auga que conteñen os alimentos que comemos. Na maioría das verduras, hortalizas e froitas, máis do 90% do seu peso é auga. Se incluímos estes alimentos na dieta na cantidade aconsellada (5 froitas, verduras e hortalizas ó día) inxerimos preto dun litro de auga. Ademais, o organismo, cando metaboliza (utiliza) os nutrientes dos alimentos (hidratos de carbono, proteínas e graxas) xera de 200 a 300 mililitros de auga. Necesitamos, polo tanto, tomar preto de 1,5 litros de auga ou doutros líquidos (tan só 6-8 vasos ó día) para equilibrar as perdas de auga e manter o nivel adecuado de hidratación. A cantidade de auga que cómpre beber aumenta cando vai calor e cando hai maiores perdas de líquidos, como no exercicio intenso, diarrea, vómitos e febre.


Non todas son iguais

/imgs/20050701/vaso.jpg A auga é unha especie de ‘vehículo’ que transporta sales minerais, e clasifícase segundo a composición de minerais que conteña e mais a súa concentración. Isto depende do percorrido subterráneo que realiza antes de brotar ó exterior, no que arrastra e disolve diversos minerais en cantidades variables. Catalogáronse distintos tipos de auga con diferentes propiedades, dependendo da súa composición mineral, que, amais de hidratarnos, contribúen a depurar o noso organismo, a mineralizar os nosos ósos e dentes, a previr a caries e as infeccións de ouriños, a mellorar o estado da nosa pel…

En función da súa composición mineral e do grao de mineralización (o seu contido total en minerais), as augas poden ser de mineralización forte (máis de 1.500 mg de residuo seco, é dicir, de minerais por litro), débil (ata 500 mg/l) ou moi débil (ata 50 mg/l), e posúen distintas propiedades beneficiosas para a saúde. Nalgúns casos a auga pode ser unha fonte excelente de minerais e axúdanos a cubrir as inxestións recomendadas destes nutrientes e evitar así deficiencias.

Tipos de auga
Augas minerais Composición mineral (por litro) Beneficios
Bicar- bonatadas ou alcalinas Máis de 600 mg de bicarbonatos Estimula a dixestión e neutraliza a acidez de estómago
Cálcicas Máis de 150 mg de calcio O calcio é o mineral máis abundante do corpo humano. O da auga é moi ben aproveitado por parte do organismo e contribúe á mineralización de ósos e dentes.
Magnésicas Máis de 50 mg de magnesio Contribúen á mineralización de ósos e dentes, e poden resultar lixeiramente laxantes.
Hiposódicas ou sódicas Hiposódicas: menos de 20 mg de sodio Hiposódicas: benefician a quen sofre alteracións renais, hipertensión ou retención de líquidos e ós bebés e persoas maiores. Depuran e eliminan o exceso de líquidos.
Sódicas: máis de 200 mg de sodio Sódicas: non aconselladas para nenos, persoas maiores, persoas con problemas de ril, de corazón ou de retención de líquidos.
Fluoradas Máis de 1 mg de fluoruros Preveñen a caries dental, pero están desaconselladas nos máis pequenos porque un consumo excesivo deste mineral mentres os dentes se están desenvolvendo pode causar fluorose dental, que produce baixa mineralización do esmalte e cambios na aparencia dos dentes (estrías ou manchas castañas na súa superficie).
Ferruxinosas Máis de 1 mg de ferro Contribúen á achega de ferro e, xunto cunha dieta axeitada, axudan a previr a anemia.
Carbónicas ou con gas Máis de 250 mg de anhídrido carbónico (CO2) ou gas libre O contido de gas pode ser natural ou engadido.
Estimulan o apetito, neutralizan a acidez e facilitan a dixestión.
Augas de mineralización débil (ata 500 mg/l) ou moi débil (ata 50 mg/l) Estimulan a diurese, é dicir, a produción de ouriños. Son as augas máis indicadas para a preparación de alimentos infantís e para as dietas de control de sodio; hipertensión, problemas de corazón, cálculos e insuficiencia renais ou retención de líquidos.


A auga ó longo da vida

As necesidades de auga de cada persoa varían en función das perdas de líquido que sufra, da dieta, da actividade física, do clima, da idade, dalgunhas situacións concretas (embarazo, lactación) e do estado de saúde.

  • Infancia: Recoméndanse as augas de débil ou moi débil mineralización para evitar sobrecargar a función dos riles (aínda inmaturos). Comparado cos adultos, os nenos precisan consumir máis líquidos, xa que a proporción de superficie de pel por peso corporal é máis grande (súan máis), o seu corpo ten maior temperatura cando fan exercicio e non sempre piden auga cando teñen sede.
  • Mocidade e idade adulta: Se a persoa está sa, pode consumir calquera tipo de auga sen gas ou con gas.
  • Embarazo: Cómpre beber máis auga; dous terzos do peso dunha muller ó final do embarazo son auga.
  • Lactación: A muller que dá o peito debe beber líquido abondo (2 litros/día) para compensar a auga que emprega ó producir o leite.
  • Menopausa: Se existe tendencia a reter líquidos, recoméndanse as augas de mineralización débil e hiposódicas.
  • Terceira idade: A capacidade dos riles de filtrar e eliminar substancias de refugallo das persoas maiores é aproximadamente a metade cá dunha persoa nova. Coa idade, o corpo ten menor masa muscular e auga corporal, e altérase o mecanismo da sede (as persoas maiores non teñen sede aínda que o seu corpo estea deshidratado). Por iso, é fundamental que tomen 6 ou 8 vasos de auga ou doutros líquidos ó día (infusións, caldos, etc.).
  • Deporte: Se o organismo está ben hidratado, o rendemento físico (velocidade, resistencia) non se verá afectado e hai menos risco de hipertermia (temperatura corporal elevada). Aconséllase beber líquidos (bebidas isotónicas ou auga de mineralización débil) media hora antes da proba, durante ela e ó acabar o exercicio.
Dez razóns para hidratarnos

Cando se bebe líquido abondo, o organismo está ben hidratado, e isto beneficia a saúde.

  • Unha boa hidratación fai posible o bo funcionamento de todas as células (nerviosas, do corazón, do ril, fígado, músculo, pel…).
  • A auga é o medio necesario para todas as reaccións do organismo e onde se dilúen todos os líquidos corporais (sangue, secrecións dixestivas, ouriños, etc.).
  • É esencial para a dixestión e mais para a absorción dos nutrientes dos alimentos e a eliminación dos produtos de refugallo.
  • Desenvolve un papel fundamental no sistema circulatorio. Axuda ó transporte dos nutrientes e de todas as substancias orgánicas.
  • Colabora no mantemento da temperatura corporal, mediante a evaporación pola pel.
  • Os riles funcionan mellor, producen máis cantidade de ouriños e máis claros, limpan o sangue de substancias de refugallo (toxinas) e elimínanas con maior facilidade.
  • Existe menor risco de que se produzan cálculos renais e infeccións de ouriños e respiratorias.
  • Prevén ou mellora o estrinximento.
  • Axuda a depurarnos e a limpar o organismo de toxinas.
  • A auga é vehículo de sales minerais (calcio, magnesio, fluor, ferro…) que o organismo precisa para o seu bo funcionamento.