Webcams

Desde o ordenador, a vida en directo

"Marcharía esta mañá esquiar, pero, ¿que tempo fará na estación?". Para sabelo, non precisamos chamar a ninguén nin consulta-lo parte meteorolóxico
1 Febreiro de 2001
Img internet listado

Desde o ordenador, a vida en directo

Conectándonos a Internet e baixando a páxina web correspondente, podemos facernos con esta información vendo imaxes en movemento en directo e coñecendo a temperatura e o vento que hai alí nese mesmo momento. E a avoa que vive en Madrid pode emocionarse ollando o seu neto no berce, cara ó que os seus pais, amantes da natureza, e gardas forestais nun parque natural de Soria, enfocaron a súa cámara de vídeo específica para Internet, ou webcam.

Non estamos a falar de ciencia-ficción. Isto acontece hoxe mesmo en moitos fogares do noso país. A imaxe en movemento e en directo tamén viaxa a través de Internet. A Rede ofrécelle hoxe a calquera usuario a posibilidade de ir máis alá do texto, das imaxes estáticas e dos gif animados. Unha cámara dixital conectada a un ordenador, que custa entre 9.000 e 70.000 pesetas, pode transmitir imaxes en movemento en directo (xeralmente, de calidade mediocre, hai que dicilo todo) que tamén poden ser recibidas a través da Rede polos ordenadores que se conecten ó enderezo no que está esa páxina. Estas cámaras son as webcam, nome que tamén designa ás páxinas ou parte das páxinas que ofrecen secuencias de vídeo en vivo.

Hai aínda uns meses, soamente os moi caprichosos se permitían esta tecnoloxía. A razón era a de sempre, o custo excesivo: manter unha cámara actualizando imaxes 24 horas ó día saía moi caro, xa que se enfrontaban ó problema do consumo de ancho de banda. Hoxe, coas tarifas planas (custa o mesmo estar conectado só unha hora ca todo o día) comeza a ser común o uso de webcam en páxinas (sitios web) persoais en Internet, pero aínda pasarán algúns anos antes de que calquera usuario, ó igual que ten hoxe unha impresora, coloque unha cámara sobre o seu monitor para comunicarse tamén mediante esta imaxe en movemento que el mesmo xera e que fala de si mesmo e da súa circunstancia. Ata que se xeneralice este emprego, podémonos conformar con asomarnos ás centos de ventás que se poñen ó noso alcance mediante as webcam colocadas nos máis diversos lugares do mundo.

Non son complicadas de instalar

Se queremos transmiti-las nosas propias imaxes, só precisamos unha cámara dixital conectada a un ordenador conectado a Internet e o software (programas) específico. Unha cámara de calidade, que garanta control de luz e unha certa fiabilidade técnica, custa hoxe unhas 70.000 pesetas, pero se non somos moi esixentes podemos atopar algunhas webcam por 15.000 pesetas e mesmo por algo menos. Podémola instalar nós mesmos, seguindo as sinxelas instruccións que van co hardware.

Teñamos claro, antes de comezar, o que distingue unha webcam dunha transmisión de vídeo por Internet. Ámbolos sistemas fan chegar ó usuario imaxes en directo, coa relevante diferencia de que a transmisión por vídeo require un maior ancho de banda (conexión dunha calidade considerable) cá de imaxes dunha webcam, amais de entrañar unha maior complexidade, xa que se trata dunha emisión continua de imaxes. Para ver e transmitir imaxes desde unha webcam non se require un maior ancho de banda, xa que son imaxes fixas de pequeno tamaño, fotografías emitidas a unha certa velocidade, aínda que ó usuario receptor lle pareza que está vendo un vídeo que funciona máis lento do normal. A maior vantaxe das webcam é que para ve-la imaxe captada a través dunha destas cámaras dixitais o usuario receptor non precisa programa específico ningún, xa que é posible mediante os navegadores, como Internet Explorer ou Netscape.

Fotografías en tempo real

Navegar por Internet semella máis real cando visitamos en vivo centos de lugares por todo o planeta. A simple curiosidade, saber se na estación de esquí está nevando ou na praia loce o sol, saudar ós amigos desde a Praza de Cataluña de Barcelona, comprobar se o fillo cumpre a promesa de estudiar tres horas ó día, vixia-la nosa nai enferma na cama ou contemplar un acontecemento sen ter que agardar a que a televisión se faga eco del, son algunhas das moitas razóns que moven ó internauta a acudir ás webcam.

A volta ó mundo en vivo e en directo

Jules Verne, amais dun inesquecible narrador de aventuras, foi un adiantado ó seu tempo e predixo moitos inventos que abraiarían á humanidade décadas despois, así como as repercusións (como a viaxe á Lúa) destes avances tecnolóxicos. Pero nin sequera a fértil imaxinación deste escritor puido imaxinar que chegaría un momento no que os seus intrépidos poderían dar unha volta ó mundo virtual, e en tempo real, sen sequera se moveren do sofá.

Só se require, para iso, un ordenador conectado a Internet e cos programas de audio e vídeo convencionais. Nada máis. Fago unha camiñada por Barcelona nun dos seus taxis negros. Abúrrome de tanto coche, recoñezo que todo me aburre axiña, por algo pertenzo á xeración dos impacientes, e decido cultivarme un pouco e qué mellor para unha moderna coma min que visita-lo Guggenheim: bilbao.cjb.net. Gústanme os contrastes, e por iso salto á estación de Canfranc, que serviu de escenario a “O Doutor Zivago”: www.arrakis.es/~saman/mava. E xa que estou tan preto da neve vou comproba-lo tempo que fai na estación de Candanchú, quizais me apeteza ir esquiar esta fin de semana. Se fai bo tempo, pode que dea unha volta pola Concha donostiarra: www.viapolis.com. En calquera destes dous sitios web, amais de gozar da imaxe, infórmome sobre a temperatura e o vento que hai. Antes de marchar, vou intentar descubrir cómo se ve a miña casa desde un satélite: terraserver.microsoft.com/default.asp. Non houbo sorte, pero se non temos en conta a sensación de vertixe é divertido observa-la estatua da Liberdade desde o ceo. Falando de franceses (non é un erro, foron os galos quen regalaron esta estatua-símbolo á cidade ianqui), París sempre merece unha visita, e como avisei a uns amigos que ía dar esta volta mundial, vexo as súas sorrintes caras, aterecidas co frío, saudándome desde a Tour Eiffel: www-compat.tf1.fr/livecam. Mágoa que non poida contesta-lo seu saúdo, pero vexo que todos cambiaron o pelo, malia á brétema que cae sobre a cidade; o mesmo me aconteceu en Barcelona o outro día: www.bcn.es. Non sei se algún día farei realidade o meu soño de achegarme ata Alaska, qué terán esas moles de xeo para marabillarme tanto, pero cando menos poderei velas en camera.touchngo.com. Para repousar un pouco de tanta paisaxe embriagadora e volver á crúa realidade humana, en www.dohc.com/aloha investigo qué é iso de Pearl Harbour que sae en tódalas películas da Segunda Guerra Mundial. Algo tiña que ver cos portaavións, como no que estou navegando en www.earthcam.com/usa/newyork/intrepid. Da alta tecnoloxía militar, e sen poñerme límites no referente a ambicións loxísticas, paso á magnificencia do Everest. E como é tempo de rebaixas, voo ata a Quinta Avenida neoyorquina: www.mte.com/webcam. Para ir rematando a viaxe relaxareime coa monumental Florencia: www.vps.it/cupolalive, e como sobremesa, volta á natureza máis agreste en lanzarote-webcam.com.

Navegar á carta
  • www.viapolis.com
    ofrece un percorrido por distintas cidades: Badaxoz (Praza de España), Palma de Mallorca (Baía de Palma), Cádiz (Praza da Victoria), Málaga (Praza Xeneral Torrijos), Granada (Alhambra), Vitoria (Praza da Virxe Branca), Alacante (praia de San Xoán), Barcelona (Praza de Cataluña), Bilbao (Guggenheim), Donostia (La Concha), Xixón (praia San Lourenzo), As Palmas (praia Las Canteras) , Logroño (Praza do Espolón), Pamplona (Praza do Castelo), Santander (O Sardiñeiro), Sevilla (vista da Xiralda desde o Guadalquivir), Tenerife norte (lago Martianez), Tenerife Sur (praia das Américas), Valencia (Praza do Concello), Madrid (Praza de Colón) e A Coruña (praia de Riazor).
  • www.barrabes.com
    permite o acceso ás estacións de esquí de Pas da Casa, Serra Nevada, Candanchú e Baqueira.
  • www.comfm.com/webcam
    é o enderezo do anuario mundial de webcam, alberga 2.436 enderezos divididos por lugares do mundo, actividade e temas. Permite viaxar en Rede por todo o mundo e ofrece a posibilidade de conectármonos ás últimas cámaras colocadas.