Claves: racionaliza-lo gasto, planifica-lo consumo e contratar tarifas económicas
Non hai fórmulas máxicas para gastar menos, pero seranos máis doado se reducímo-lo consumo de enerxía e contratamos tarifas económicas telefónicas, eléctricas ou de gas. Tamén podemos aforrar se obtémo-lo máximo rendemento do noso consumo de auga, gas e electricidade, adaptando os fogares: acumuladores, uso de lámpadas de baixo consumo, termóstatos, burletes para portas e ventás… Outra fonte de gastos susceptible de intervención é a cesta da compra: se pensamos mellor a lista e adquirimos só o que precisamos e buscando o mellor prezo, poderemos aforrar uns cartos.
Recibos de luz e gas
- Contrate a potencia e tarifa que máis se axusten ás súas necesidades. Estudie a tarifa nocturna e avalíe se lle resulta rendible.
- Use a luz artificial só cando realmente a precise. Non deixe luces acesas en habitacións nas que non haxa ninguén. Substitúa as lámpadas convencionais por outras halóxenas de baixa voltaxe ou por lámpadas fluorescentes compactas. Proporcionan o mesmo nivel de iluminación, duran 8 veces máis e aforran ata un 80% de enerxía.
- Comprobe o consumo dos electrodomésticos na súa etiqueta enerxética. Os niveis A e B son os máis eficientes.
- Sopese a opción de substituí-los radiadores eléctricos por acumuladores de calor para contrata-la tarifa nocturna. Podería aforrar un 50% en calefacción.
- Reduza as fugas de calor, e protexa a súa casa contra o frío illándoa con dobre acristalamento e burletes (tira nas follas das portas e ventás para aumenta-lo illamento térmico). Pode aforrar entre un 20% e un 40% en calefacción.
- Procure que a temperatura da calefacción se manteña arredor de 20 ºC, nivel ideal para unha vivenda. Cada grao adicional supón un 5% máis de consumo de enerxía.
- Axuste o termóstato do frigorífico segundo a temperatura ambiente. Os alimentos precisan 3 ºC-5 ºC, cada grao que baixe esta temperatura supón aumenta-lo 5% en gasto eléctrico.
Aforrar na augas
- Aproveite ó máximo a capacidade da lavadora e do lavalouza. Reducirá o consumo de auga, deterxente e enerxía. E alongará a vida dos aparellos.
- Controle o consumo de auga. Unha billa aberta gasta 5 litros de auga por minuto. Repare as fugas de auga.
- Unha billa que pinga supón 60 litros de auga ó día.
- Substitúa o baño pola ducha. Consumirá a cuarta parte de auga e da enerxía que require quentala.
Factura telefónica
- Analice o destino e a hora das súas chamadas máis habituais e compare as tarifas dos distintos operadores para ver qué compañía lle resulta máis económica.
- Realice preferentemente as súas chamadas durante o horario “reducido”. Aforrará ata o 50%.
- Pídalle información á súa compañía sobre bonos e plans de desconto. Segundo o operador e o tipo de chamada, pode aforrar ata un 45%.
- Se ten teléfono móbil, faga só as chamadas imprescindibles con el e deixe o resto para cando chegue á casa. As tarifas da telefonía fixa son máis baratas.
O cesto da compra
- Antes de saír da casa, elabore unha lista do que precisa, con cantidades exactas e cíngase a ela. Compare os prezos que para un mesmo producto ofrece cada marca.
- Unha compra grande ó mes, ou cada 15 días. Controlará mellor o que gasta e enfrontarase menos veces á tentación da “compra por impulso”.
- Reduza o uso da tarxeta de crédito e pague en metálico. Case sempre se gasta menos.
- Aproveite ofertas de productos non perecedoiros (conservas, limpeza, hixiene…) para enche-la despensa.
- Adquira marcas brancas de distribuidor. Segundo o producto, poderá aforrar ata un 25%.
- A finais de mes, faga un cadro cos gastos de luz, auga, teléfono, etc., e póñase de acordo coa súa familia para intentar reducilos.
- Leve as súas contas ó día. Anote cada noite o que gastou durante o día. Será consciente dos gastos innecesarios que realizou, e terá un estímulo para non reincidir.