¿Que é ATIME?
É unha organización de inmigrantes marroquís nacida en 1989 que nos seus comezos contou coa participación de españois comprometidos coa defensa dos inmigrantes. Comezamos sendo 20 persoas pero hoxe converteuse nunha organización que conta con máis de 14.000 socios e 15 delegacións en todo o territorio español. En ATIME, que forma parte do Foro europeo para a inmigración e da Plataforma Estatal das ONG, pasamos de ser unha organización reivindicativa a prestar servicios xurídicos e sociais (busca de vivenda, de emprego…). Dispomos, por exemplo, de pisos tutelados para mulleres maltratadas e menores inmigrantes. Todo isto compaxinámolo coa mobilización e reivindicación en defensa dos intereses políticos e sociais dos inmigrantes. Na nosa xunta directiva hai dous españois, xa que coidamos que a integración se ten que realizar ó revés: no canto de que as ONG españolas integren dentro da súa estructura a inmigrantes -moitas veces, como floreiros- nós preferimos que os españois se integren en ATIME, xa que cremos no proxecto común e plural desta sociedade. Tamén salientaría que a terceira parte dos servicios que prestamos non vai dirixida a marroquís senón a senegaleses, ecuatorianos, dominicanos…
¿Quen son os seus interlocutores para afronta-los problemas dos inmigrantes?
A Administración pública, tanto nacional e autonómica coma local. Cada administración ten a súa importancia. En normativa sobre inmigración, o noso interlocutor é o Goberno central e nos aspectos máis cotiás son os concellos ou entidades locais que, aproveito para dicilo, se deben involucrar máis en todo o relacionado coa inmigración. Esta relación cos municipios non é boa por falta de medios e por falta de vontade para afronta-los problemas.
¿Que relación manteñen con organizacións sindicais e ONG?
Eu lévome ben -e sempre me levei ben- cos dous sindicatos maioritarios, e como organización confluímos en reivindicacións conxuntas, como nos sucesos de Almería. Animamos ós sindicatos a que asuman o seu papel, non tanto na prestación de servicios senón na defensa do inmigrante nas súas reivindicacións laborais e sindicais. Coas ONG as relacións van desde moi fluídas a distantes. Algunhas ONG de acollida, ás veces, tratan ó inmigrante como un usuario do seu servicio e como medio para xustificaren o seu labor. Outras fan o seu traballo cuns resultados espléndidos. Pero, ás veces, discrepamos de cómo nos tratan como colectivo: non queremos ser suxeitos só de dereito, queremos ser suxeitos de dereitos e deberes. Ser un suxeito activo e non pasivo, formar parte desta sociedade para o bo e para o malo. Ás veces, esa axuda baseada na boa fe e a solidariedade convértese en caridade, e iso non nos gusta nada.
¿Por que unha persoa decide emigrar e abandona-lo seu país?
É un proceso doloroso e coido que todos os que o emprendemos pensamos algunha vez en abortalo na súa fase inicial. Os motivos para deixármo-lo noso país son diversos: desde a fame e a miseria ata a arela de liberdade. En termos sinxelos, a vida resúmese en riqueza (benestar) e non riqueza: se ós nosos países non chega a riqueza (sería moi extenso detalla-las causas desta situación) cómpre ir buscala alá onde se atope. Cando partimos, a nosa sensación é a de ser arrincados dun contorno cheo de vivencias e sensacións, e iso que nos nosos países (Camerún, Senegal, Marrocos…) non hai seguridade sanitaria, nin social, nin política… pero aínda así, temos morriña. O máis doloroso é cando descobres que nunca volverás ser do país do que marchaches nin do país ó que emigras. Segues sendo emigrante toda a vida. Eu, todo o relacionado con España síntoo coma propio. As cousas que fago aquí tódolos días énchenme de satisfacción, ó igual que tódalas lembranzas que teño da miña infancia no meu país, os olores (a peixe do porto ou a azar), as cores… tamén forman parte de min.
¿Que ve e que sente un emigrante cando pon o pé en Europa?
Depende de ónde veña. Cando un subsahariano chega a Marrocos quizais sinta o mesmo que cando un marroquí chega a España e perciba o mesmo de España que cando chegue ós Estados Unidos. Séntese unha grande incerteza e unha carencia de protección. Os primeiros días non entendes a maioría das cousas, nin a clave dunha cultura, nin sequera as olladas, porque as olladas son outro xeito de comunicármonos que algunhas culturas temos moi desenvolvido e pode dar lugar en Occidente a malas interpretacións. Pódente mesmo acusar de acoso sexual. No meu país, a ollada é algo fantástico e moi fermoso. En definitiva, vas topando con moitas cousas, polo que ó comezo a vida do inmigrante é un camiño de atrancos, ata que un se adapta.
¿Perciben moita diferencia en aspectos culturais, económicos e sociais?
Si, por exemplo nas relacións económicas cotiás cos bancos, ou no mercado, nótanse diferencias. No meu país, o zoco é un lugar no que, amais de mercar, mantemos relacións sociais, é a conversa natural de tódalas mañás. En España, esas relacións mercantís son distintas e é o que comezas a descubrir cando chegas por primeira vez. Iso non significa que o inmigrante non se integre nese tipo de vida, porque si que o fai. Antes de aprende-lo idioma, xa se integran estas cousas das relacións cotiás.
¿Senten os inmigrantes racismo e xenofobia en España?
A xenofobia está medrando e ten moito que ver coa información que se transmite desde os medios de comunicación. Tamén está relacionada coa mensaxe que lanzan goberno e oposición para xustificaren a súa política migratoria, por exemplo cando aproban unha dura Lei de Estranxeiría coma a actual e introducen na opinión pública o concepto de avalancha de pateiras no sur da Península. Iso fai que a sociedade rexeite por sistema ó inmigrante. Cando un medio transmite o dato do aumento da criminalidade nun barrio de Madrid poboado por inmigrantes crea a longo prazo a aparición de xermolos xenófobos na cidadanía.
Estes sentimentos xenófobos son moi difíciles de atallar e de reformar unha vez que se puxeron en marcha. O que se fixo durante o debate da Lei de Estranxeiría é contamina-la opinión pública. Os medios deberían amosa-las experiencias marabillosas de convivencia que hai en moitas zonas de España entre autóctonos e inmigrantes: ese sería un xeito de contrapo-lo exceso de informacións negativas que sobre a inmigración abundan nos medios.
¿Por que os colectivos de inmigrantes rexeitan a actual Lei de Estranxeiría?
Esta lei non é completamente mala, xa que se rebaixou o nivel de reforma pretendida ó principio, pero mantén aspectos negativos e por iso a rexeitamos. Por unha banda, facilita excesivamente a expulsión do inmigrante, déixanos en mans da Administración no canto de dispormos da protección xudicial que tiñamos antes. E por outra banda, non recoñece os dereitos sociais e sindicais, como o dereito á sindicación, á manifestación, á folga… de quen traballa en situación irregular. E isto malia a que están contemplados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e na Carta Europea dos Dereitos Humanos.
¿Cal é a súa opinión sobre as mafias que comercian co tráfico de inmigrantes?
Este tipo de organizacións delictuosas e clandestinas existen e coñecémolas todos. Nos países de orixe só lles falta o cartel que diga “Véndese billete en pateira”. Un cálculo deunos como resultado que se a mafia logrou introducir en Europa 70.000 inmigrantes obtivo uns 20.000 millóns de pesetas. O negocio é moi importante como para rematar con el. Por outra banda, é difícil de desmontar con medidas policiais, aínda que sexan precisas para loitar contra as mafias. En España ademais non se ten en conta un feito fundamental: a clientela/víctima destas organizacións non quere desarticula-las mafias, xa que acode a elas para cruza-lo estreito e poder deste xeito soñar un futuro mellor. Mentres a víctima precise ó verdugo, nunca testemuñará na súa contra, e iso á Policía -tanto marroquí coma española- cústalle entendelo. Son precisas medidas sociais, de educación, unha boa información, e proporcionar alternativas para que non se acuda ás mafias.
¿Cre que as sociedades europeas van tender máis á mestizaxe ou pensa que as cidades se van ir conformando en
barrios étnicos como acontece en Nova York?
Para consegui-la mestizaxe fai falta unha política aberta de integración, participación e acollida, que pretenda crear unha interculturalidade sustentada na convivencia e en programas que se deben desenvolver na escola, na rúa e en calquera ámbito da vida. Soamente entón se acadará a mestizaxe, o máis positivo para unha sociedade. As identidades e as culturas de cada país non son un libro escrito e rematado, así pensan os racistas: “somos así e veñen de fóra para lixarnos”. E tampouco é desexable que os emigrantes queiran impo-la súa cultura aquí pensando que o libro está en branco. Non, o libro leva xa unha parte escrita. Polo tanto, nin o primeiro nin o segundo. Se a política é considera-los inmigrantes como pasaxeiros que veñen resolvérno-lo problema do traballo ou da natalidade para que nos paguen a Seguridade Social e logo xa retornarán -e se é preciso dámoslles uns mini créditos para a viaxe de volta-, trabúcanse, porque crearase unha sociedade de guetos e colectivos estanco nos que cada un vai ó seu. Iso non beneficia a ninguén e resolvelo vai ser un problema grande. Están a tempo os políticos para evitalo.