O chan, o último que se fai pero non o menos importante
Aconséllase que o chan se coloque de último nunha vivenda, tenda ou oficina para evitar que, durante as diversas obras dos gremios, se estrague antes de ser estreado. Popularmente, chámaselle parqué a tódolos chans de madeira, pero distínguense tres grandes grupos con características propias: a tarima, o parqué flotante e o parqué pegado. Todos eles son polo xeral de carballo de orixe francesa, pirenaica ou sueca, aínda que nos últimos anos o mercado acolle outras cores e materiais, como faia, cerdeira, freixo, pradairo ou castiñeiro.
A diferencia entre uns e outros está na calidade, no prezo (a variación de prezo é enorme, de 4.000 a 12.000 pesetas o metro cadrado segundo o tipo de madeira) e na estructura, que determinarán tamén o tempo de conservación do chan.
Tarima, un clásico
Na tarima, as madeiras non entran en contacto directo co chan. É a estructura máis tradicional e antiga, e pódese atopar en vellos casaríos ou nos edificios dos núcleos antigos das cidades. As pezas, que se cravan sobre trabes, son longas e grosas, e colócanse unha a unha e ensambladas entre si. A colocación é unha operación custosa, xa que aínda que a tarima non precisa unha base perfectamente lisa -os madeiros adáptanse ata acadar unha completa horizontalidade- requírese moito tempo para instalala. A vantaxe deste chan é que dura moito, porque as táboas son sempre de primeira calidade e aínda que haxa que lixala para recupera-lo aspecto perdido polo paso do tempo, o grosor permite que non sufra un desgaste perceptible. Ademais, a cámara de aire que queda entre o chan e a estructura que sostén o piso favorece a ventilación e controla os excesos de humidade que danan a madeira.
Parqué pegado
Tivo unha implantación masiva nas construccións de hai tres décadas e desde hai uns anos vive unha época de recensión en vendas. Son láminas de madeira que se adhiren ó cemento cunha cola especial de carpinteiro. Para que o acabado sexa satisfactorio, o solo debe estar perfectamente nivelado. A estética deste tipo de estructura é moi atraente, xa que permite diversos debuxos e alternancia nas gamas de cores. Se o parqué pegado é de boa calidade, soporta sen problemas ser lixado. Cómpre controla-la humidade, para que o parqué non se vexa danado.
Parqués flotantes, mellor calidade e acabado
Este tipo de chan é o máis común nas vivendas de recente construcción. Son pezas de madeira longas que non se pegan nin se cravan no chan, senón que se apoian sobre unha membrana de neopreno. Encólase a ensamblaxe ou únense coas outras mediante autotrabado ou clips metálicos. A gran vantaxe do parqué flotante é a súa calidade e acabado, xa que se compón de pezas que foron vernizadas e pegadas nos talleres con tecnoloxía de precisión. Resultan moi apropiadas para rehabilitacións, sobre pavimentos existentes ou para lugares de moito tránsito, xa que o material pode recuperarse doadamente. Hai un tipo de parqué flotante que non é madeira pero imítaa, que se ve a miúdo en comercios e oficinas, lugares nos que a vida do chan ten menos importancia ca nun fogar. É máis económico, pero non se pode restaurar: cando se estraga, hai que cambialo.
A colocación e os prezos
O prezo dos materiais depende da súa calidade, que vén dada polas vetas agradables, as cores e as texturas. Cando a madeira presenta moitos nós, as súas vetas son irregulares e a súa estética é pobre e con feos (defectos de cor ou de textura) cualifícase de terceira calidade. A pista de que nos atopamos diante de parqué de segunda calidade son algúns nós ou pequenos defectos. A madeira de primeira calidade debe amosarse limpa e regular, nunca con nós.
En tarimas, o carballo sempre é de Primeira e o seu prezo ascende ás 10.000 pesetas o metro cadrado. Para economizar, óptase xeralmente por tarimas de piñeiro ou castiñeiro, árbores que sempre presentan nós aínda que a súa madeira sexa de calidade. O parqué pegado sempre é Primeira cando as láminas son de gran tamaño e o seu prezo estímase arredor das 7.000 pesetas o metro cadrado colocado (vernizado e lixado incluídos). En medidas máis pequenas podemos atopar outras calidades, e o prezo queda nunhas 4.000 pesetas o metro cadrado.
En parqué flotante, os prezos parten das 6.000 pesetas o metro cadrado e poden chegar ás 12.000 se se opta por unha calidade superior e grandes pezas de táboas. Non se lixa nin se verniza, xa que se coloca acabado.
O tempo de colocación de calquera parqué dependerá, como é lóxico, do espacio que haxa que cubrir e da estructura elixida, xa que non é o mesmo un parqué flotante ca un pegado e, moito menos aínda, ca unha tarima. O profesional precisará de polo menos un día enteiro para cubrir 60 metros cadrados de parqué flotante, sempre que a casa estea despexada de mobiliario. Para o parqué pegado son precisos dous días de colocación, e o traballo demórase ata unha semana se se trata de instalar tarima.
Restaurar e coida-los chans
A madeira, como producto vivo e natural que é, acusa o paso do tempo, pero en moi poucas ocasións será preciso cambia-lo chan cando comece a avellentar. Non sendo por unha inundación, lume ou catástrofe, o chan pódese restaurar e recupera-lo seu aspecto orixinal. Os expertos recomendan lixa-la madeira cada 6 ou 7 anos, deste xeito o avellentamento será menor e o lixado preciso máis suave, de a penas uns milímetros, mentres que se se espera varias décadas, haberá que introduci-la lixa máis centímetros para conseguir uniformar todo o piso. Isto irá en detrimento do material, pero tamén repercute no prezo. Non é o mesmo lixar un chan estragado polo uso durante dez anos, que operar nun chan de trinta anos: o traballo será maior e custará máis tempo e esforzo. Outra etapa fundamental nunha boa restauración do chan é o vernizado. Se se quere acadar unha boa presencia, son precisas como mínimo dúas capas de verniz. O verniz tipo poliuretano ofrece moita calidade e tolera ben as humidades e a auga. Lixar e vernizar un chan, independentemente de cál se trate, é unha operación bastante cara: unhas 2.000 pesetas o metro cadrado.
Fabricantes e colocadores coinciden en afirmar que o peor perigo ó que se enfrontan os chans de madeira son os métodos de limpeza que se lles aplican. O mellor para limpar segue sendo a auga con vinagre. Cómpre ter coidado cos productos químicos que embelecen de xeito temporal e co tempo poden producir un efecto corrosivo no chan.
Por outra banda, a explotación da madeira xera un certo impacto ambiental, pero o usuario sensibilizado co deterioro ecolóxico pode poñe-lo seu gran de area comprobando que a madeira procede de explotacións sostibles, con selos de calidade que o acrediten para evitármo-la deforestación e a comercialización de madeira ilegal.
Os chans de cerámica
Os chans de cerámica están suscitando cada ano que pasa unha maior aceptación. Fálase xa de igualdade de producción entre Italia, líder mundial, e España, os prezos en materiais de alta calidade reducíronse e, ademais, agora poden producirse series reducidas de chans de porcelana que se adecúan a lugares pequenos, co que se personaliza o producto. Ás veces, a cerámica colócase na planta baixa dos chalés, xa que a entrada cotiá desde a rúa ou xardín lixa máis os chans, e a madeira resérvase para os andares superiores onde se sitúan os dormitorios. Os chans de cerámica non se compoñen de lousas, senón de gres. O tradicional é o gres rústico, apto para tódolos chans, aínda que recentemente apareceu un novo tipo de gres de porcelana, moi atractivo, xa que se trata de cerámicas non esmaltadas que admiten calquera clima e funcionan tanto en espacios exteriores coma interiores. A gama de prezos, debuxos, tamaños e calidades é amplísima, pero que sirva de referencia que desde a opción máis económica, a 2.500 pesetas o metro cadrado xa colocado, pode chegarse ás 20.000 pesetas. Para colocar 70 metros cadrados nunha superficie de sesenta ou oitenta metros cadrados cómpren dous días, máis outro día e medio para secar. Despois, procédese a cubrir con auga e partículas todo o chan co obxecto de uni-las xuntas.
Cómpre para iso outro día de secado. As vantaxes da cerámica son a facilidade da limpeza e o seu case nulo mantemento.