¿Cando marcharán da casa?
Segundo os estudios do CSIC, un 60% dos mozos españois de entre 25 e 30 anos que traballan aínda non marcharon do fogar familiar. Se estas cifras do noso país se comparan coas de Francia, Reino Unido ou Alemaña, triplicámo-lo número de mozos con emprego que permanecen na casa dos pais, sen se independizaren. Tan só gregos e italianos comparten en Europa unha actitude semellante á dos españois. Cando se lle pregunta á xente nova, unha boa parte contesta que marcharía da casa se puidese (aquí intervén o elevado prezo da vivenda, nova e usada, e o carácter escaso e caro dos alugueiros, así como a inestabilidade laboral e a dificultade de conseguir un emprego satisfactorio) pero nos dez últimos anos aumentou a postura acomodaticia e son maioría os mozos que, sen falsos pudores progresistas, recoñecen que se senten moi ben na casa dos seus pais.
O certo é que pasa un ano máis e eles seguen sen marchar, aínda que teñan traballo e mesmo parella estable. ¿Están ben así as cousas? Hai sensibilidades distintas nas familias, pero o frecuente é que no fogar non se trate dun xeito claro e sereno este tema, bastante espiñento. As relacións pais-fillos son sempre complexas, e dependen dunha dobre circunstancia que as caracteriza: o forte vínculo emocional existente e ese longo pasado en común cheo de vivencias moi distintas, moitas veces fondamente sentidas pero non comentadas. Por iso, a comunicación entre proxenitores e fillos precisa, e por ámbalas partes, moito agarimo, sinceridade, unha dedicación xenerosa de tempo e unha linguaxe asertiva que evite tanto as culpabilidades coma as chantaxes emocionais, que tan proclives somos a introducir nos debates interxeracionais cando xorden temas de importancia coma o da emancipación dos fillos. E é que a complexidade do asunto vén reforzada porque tanto pais coma fillos amosan ante este tema posturas contradictorias: queren marchar (ou que marchen) e queren quedar (ou que queden). Pero esa incerteza, ese mar de dúbidas, conduce ó mesmo resultado: os fillos acaban quedando na casa case indefinidamente.
Razóns non faltan
O carácter precario do traballo dálles razóns abondas ós mozos e mozas que non se atreven a deixa-la casa paterna: os principais destinatarios dos contratos laborais son os mozos e eles queren te-lo futuro laboral máis despexado antes de se someteren á servidume dos millonarios préstamos que supón a compra dunha vivenda. Aínda hai pouca cultura de arrendamento, e a isto contribúe tamén a penosa situación do mercado de alugueiro de vivendas no noso país. Anotemos tamén outra posibilidade, moito máis prosaica e utilitarista: soamente os que teñen emprego estable e ben pagado e pensan que na súa propia vivenda terán unha calidade de vida semellante ou mellor cá que ofrece o fogar paterno, marchan da casa de mamá. Os mozos de hoxe tivérono todo máis doado cós seus pais, e iso marca moito. O máis frecuente é que os fillos consideren que non deben marchar ata acadaren unha situación económica minimamente consolidada e para iso precisan pasar varios anos na casa dos seus pais, aforrando e conseguindo un traballo fixo ou cando menos estable. Agora ben, se para moitos mozos a autosuficiencia económica non é razón abonda para afastarse do fogar familiar, teremos que busca-las respostas á marxe do mercado laboral e do difícil acceso á vivenda.
Un dos principais factores de freo para a emancipación dos mozos é a crecente permisividade da familia no tocante ós horarios e costumes de vida no seo do fogar. Os mozos non se senten oprimidos nin vixiados en exceso e rexe un certo ambiente de complicidade entre pais e fillos. Poden aturar esta falta de autonomía porque, en última instancia, “compénsalles”. Por outra banda, o benestar, a comodidade, a intendencia garantida e a ausencia ou escasa relevancia dos traballos e preocupacións domésticas anima tamén a mante-la situación. Incluamos tamén a posibilidade de aforrar, xa que os proxenitores normalmente non esixen a entrega do soldo na casa e menos aínda, íntegro. E tamén un motivo de infraestructura: a disposición e bo nivel de acondicionamento dos fogares permite en moitos casos que os fillos dispoñan dunha habitación propia, un territorio exclusivo que conta cun equipamento satisfactorio relacionado co lecer e as afeccións: informática e Internet, TV, música, biblioteca propia…
Para rematar, outra constatación, xa máis obvia: o cambio de costumes en materia sexual, xa non é preciso casar e ter unha vivenda propia para poder manter relacións sexuais.
Familias-colchón
“As familias antes eran máis represivas e impositivas, agora son moito máis liberais e ofrecen moitas vantaxes. Hai tamén pais que se queixan porque os fillos se eternizan na casa”, opina o filósofo Fernando Savater. Esta permisividade levou a crea-lo termo de familias-colchón, que manteñen o seu papel económico e de refuxio e proporcionan ese compoñente de complicidade, que propicia a sensación nos fillos de que non están de paso na casa dos pais e que a súa estancia non está suxeita a límites temporais. E, por se fose pouco, semella que seguir na casa lles confire ós fillos un moi apreciado valor engadido de mocidade, de non chegaren aínda á categoría de adulto, de non asumiren algunhas responsabilidades que implica: vida cotiá coa parella, os fillos, as hipotecas e outros créditos bancarios, a imprescindible visión de futuro…
Con todo isto, cómpre preguntarse se para os fillos paga a pena marchar da casa. Ou quizais sería mellor interrogarnos se se educa á xente nova para emanciparse. Ninguén discute que certo grao de solvencia económica é precisa para poder emanciparse; sen embargo, non abonda. Pero a emancipación é un proceso de aprendizaxe que comeza cando desde moi neno se potencia a autonomía dos fillos, a súa responsabilidade, e os pais, cómpre dicilo todo, asumen a responsabilidade que lles corresponde: axudar ó fillo a prepararse para vivi-la súa idade adulta de xeito independente.
Emanciparse é un proceso que require aprendizaxe. Cando seguimos cada momento evolutivo do neno e imos potenciando a súa creatividade e autonomía e lle esiximos que se responsabilice das cousas que vai tendo capacidade de facer, axudámolo a ser máis independente. Que amalloe os zapatos desde cativo, que co paso do tempo saiba vestirse, cociñar e comer só, que recolla o seu cuarto, ou tantas pequenas cousas que se dan a cotío na vida familiar son moi importantes.
Valores como o respecto á súa personalidade e ritmo de vida deben articularse xunto co respecto ás normas de convivencia que rexan na familia, xa que da súa asunción dependerá a solidariedade, sociabilidade e autonomía persoal deses fillos dos que agardamos que un día saiban emanciparse. Algunhas medidas e ideas para acadalo son as seguintes:
- Ter sempre presente que o noso fillo ou filla é outra persoa, única e independente, e probablemente moi distinta de nós.
- Ofrecerlle visibilidade: facer que se sinta observado e comprendido, que perciba que é alguén, para nós e para o resto do seu contorno de relacións.
- Acepta-los seus pensamentos e sentimentos.
- Respectalo polo valor da súa existencia; non polo que fai, senón por ser unha persoa.
- Respectar e atender, en cada momento, os pasos da súa evolución persoal.
- Amalo, transmitirlle agarimo, afecto, seguridade e proximidade empregando a expresión verbal, xestual e física. As apertas e as caricias son importantes.
- Marcarlle normas e límites xustos, razoables, acordados e negociables: autoridade, non autoritarismo.
- Transmitirlle que mantemos elevadas expectativas no referente ó seu comportamento e rendemento en tódolos ámbitos. Fomenta-la súa autoestima.
- Os eloxios e críticas dirixirémolos exclusivamente á súa conducta e nunca a el ou ela como persoa.