Un negocio ilegal que vende natureza en perigo de extinción
Xera máis de 2 billóns de pesetas anuais en beneficios e provoca que 700 especies de fauna e flora estean a punto de se extinguir. Cincuenta mil primates, 140.000 caninos de marfil, 350 millóns de peixes tropicais e 4 millóns de cactos son vendidos ilegalmente nun só ano. Estas cifras, proporcionadas polo Fondo Mundial para a Natureza (WWF), Adena, son só unha mostra da estatística demoledora do comercio internacional de especies protexidas, unha das causas máis importantes da preocupante perda de biodiversidade no mundo.
Cada ano pódense mercar e vender ilegalmente en todo o mundo, ademais, 5 millóns de aves vivas, 10 millóns de unidades de pel de réptil, 15 millóns de peles de mamíferos, 9 millóns de orquídeas e 350 millóns de peixes tropicais. Todos estes seres vivos son afastados dos seus hábitats naturais para remataren cativos dun medio que lles resulta hostil. Preto de 700 especies están en perigo de extinción como consecuencia directa da súa captura e posterior comercialización ilegal. Ademais, unhas 2.300 especies animais e 24.000 plantas están ameazadas por esta razón.
Medra a demanda de animais exóticos
Sen dúbida, se estas capturas se producen é porque hai demanda de seres vivos exóticos ou de partes determinadas do seu corpo (caninos, cabezas de trofeo, pel…). A moda de posuír un exemplar diferente, único, ou o status que transmite vestir con peles singulares produce unha actividade lucrativa moi rendible e pouco perseguida ata hai uns anos, ó non concretarse a posibilidade de accións legais dirixidas a sancionar severamente ós traficantes.
En 1975, vinteún países, entre eles os da UE, asinaron o Convenio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestre, CITES. Desde entón, o tráfico converteuse nun delicto que, segundo a aplicación do novo regulamento europeo de 1997 baseado no CITES, supón penas de cárcere de ata 6 anos para os traficantes. Sen embargo, e malia ós controis internacionais, persisten a impunidade e a rendibilidade deste negocio debido a que as canles de distribución e os delincuentes son difíciles de descubrir; de feito, constatouse que en moitas ocasións os infractores son os mesmos que negocian, tamén ilegalmente, con armas e drogas. A isto cómpre engadir que, segundo SEPRONA, o servicio de defensa da natureza da Garda Civil, tres cuartas partes dos animais capturados morren durante as operacións de captura, transporte e comercialización, co que se fan precisas máis capturas para satisface-la demanda do mercado clandestino.
Este comercio de seres vivos protexidos motiva que se alteren as poboacións animais, e a súa diminución provoca efectos directos sobre outras especies ó desestabiliza-la cadea alimentaria e causa-la multiplicación de pragas de insectos, ó rematar cos seus predadores. Un exemplo: a sobreexplotación de ras touro en Asia, anfibios que se alimentan de mosquitos portadores de malaria, colaborou á expansión desta enfermidade.
O 30% do comercio ilegal do mundo pasa por España
En España desenvólvese (principalmente, en concepto de tránsito) case a terceira parte do comercio ilegal de animais e plantas protexidos no mundo e, segundo as autoridades aduaneiras, máis da metade destas transaccións acontecen sen seren detectadas. Durante 1999, o SEPRONA cursou 7 actuacións relacionadas con delictos de ecotráfico, detivo a catro presuntos traficantes e presentou 254 denuncias administrativas. A súa privilexiada posición estratéxica desde o punto de vista xeográfico converte a Península Ibérica nun enclave idóneo para todo tipo de actividades comerciais e de comunicación marítimas e aéreas.
Ademais, a Península acolle por si mesma unha riqueza faunística envexable. Isto induce a furtivos, paxareiros, cazadores desaprensivos, delincuentes e mafias organizadas, a percorreren campos e montes en procura de víctimas que cazar e vender, tanto ten que sexan osos pardos, rebezos, pitas do monte, linces, ou mesmo aguias imperiais ou falcóns peregrinos, pasando por toda clase de paxariños (mal chamados de gaiola, como se ese fose o seu hábitat natural) ou galápagos. Como consecuencia de todo isto, España é xunto con Arxentina, Indonesia e Tailandia, un dos catro países máis afectados polo tráfico ilegal de especies amparadas polo Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES).
O norte merca, o sur subministra
A UE é o primeiro importador mundial de peles de réptil, ó mercar case 4 millóns de peles; tamén é o segundo grande importador de primates, despois dos Estados Unidos, con 46.000 exemplares; é o primeiro importador mundial de papagaios, cacatúas e semellantes, contabilizando case 1 millón de exemplares (o 39% do comercio mundial), e o primeiro importador de boas e pitóns vivas, o segundo de felinos vivos e o primeiro importador e exportador de plantas.
Arxentina, Indonesia, Tanzania e Uruguai figuran como os países de onde proceden a maior parte de pistaciformes (papagaios, guacamaios, cacatúas). Estados Unidos importa 300.000 papagaios ó ano con destino ás tendas de animais de compañía. Tamén este país xunto con Xapón, España e Francia forman o grupo de importadores de peles de réptil procedentes de Indonesia e Arxentina. Segundo SEPRONA nas tendas de mascotas é doado atopar especies das 329 pistaciformes, todas elas incluídas no CITES.
Tamén é frecuente atopar exemplares de anfibios como pequenas ras, crocodilo, sapoconchos, peixes, serpes e mesmo pequenos primates. Unha canle habitual de distribución de especies protexidas, asegura Adena nun informe, son mercados ambulantes como o Rastro madrileño, a Rambla barcelonesa ou as feiras da Comunidade Valenciana. E mesmo na trastenda de numerosos locais ben coñecidos por tódolos expertos.
Non todo o comercio de especies protexidas é ilegal
A venda de animais protexidos pode ser legal cando o comerciante acredita que o animal procede dunha importación autorizada, que só pode selo se vén acompañada cun certificado CITES. Aínda que dentro da legalidade, ás veces pensamos que o animal que mantemos retido no noso fogar está en excelentes condicións na súa “nova casa”, pero con esta actitude o único que acadamos é que a especie viaxe cara a un destino sen retorno: unha extinción anunciada, xa que se se alteran os costumes dun animal é imposible devolvelo ó seu medio natural. Recoñece SEPRONA que a persecución do delicto non resulta doada, pois non consiste só en ir ós comercios e controla-los espécimes que teñen á venda e cotexa-la documentación, cousa que se fai regularmente. A colaboración e a concienciación social son unha medida preventiva imprescindible para evitar que se siga explotando indebidamente a natureza. Sen demanda non hai comercio. Pero o problema non é tan sinxelo, xa que para moitos países subdesenvolvidos un dos escasos sistemas de supervivencia para os seus poboadores é explotar os seus propios recursos naturais. É evidente que estes países non son os que reciben a parte máis substanciosa do beneficio económico que produce este comercio.
As especies máis afectadas
Rinocerontes, tigres, elefantes, chimpancés, caimáns, leopardos, lontra xigante, colibrís, aves e ras exóticas… están en perigo de extinción debido á persecución á que se ven sometidos co fin de obter alimento, peles, trofeos, espécimes vivos, obxectos turísticos, medicinas tradicionais, plumas, cranios…. e unha morea de productos e restos derivados. Coleccionistas, zoolóxicos, laboratorios de investigación biomédica, tendas de animais e a propia explotación para consumo interno, son destinos finais das cacerías.
As organizacións defensoras da natureza avogan por unha educación ecoloxista, entendendo que o verdadeiro amor pola natureza é aquel que respecta que o hábitat mellor para os animais e as plantas é o natural. O medio habitual para denunciar calquera práctica ilegal é o SEPRONA (no teléfono 062), que insiste en que sempre que se vaia adquirir un animal ou unha planta exótica se debe esixir o certificado CITES, xa que é o único que demostra que o exemplar foi criado en catividade co fin de ser vendido. Se o animal nos chega como un regalo, debemos esixi-lo certificado para coñece-la súa procedencia, aínda que se trate dun “insignificante” galápago ou un paxaro para a gaiola. Se a procedencia do animal é ilegal, quen o posúe comete un delicto e deberá entrega-la documentación lícita de procedencia.
Pero te-los papeis en regra non só serve para evitar problemas coa xustiza: un animal de procedencia ilegal non pasou pola Aduana, polo que carece da correspondente inspección sanitaria e pode transmitir graves enfermidades exóticas. Outra peculiaridade é que hai algúns animais de difícil coidado. Os veterinarios (se é que se acode a eles e os tratan, unha posibilidade remota pois expóñense a seren denunciados se non esixen os papeis) non teñen por qué coñecer a fondo as súas peculiaridades e o dono arríscase a ter consigo un animal perigoso que produce picaduras velenosas, por exemplo.