Latas ou penso para o can?
Parece sinxelo pero non o é. A elección da comida para cans non se centra en optar por calquera dos centos de pensos que se comercializan ou de calquera lata. A razón é que non todos teñen a mesma calidade, nin o seu consumo é aconsellable en todos os casos. Moitas persoas mesturan o penso do can con comidas enlatadas porque consideran que unha dieta composta só de alimento seco aburrirá a súa mascota, aínda que non sempre é así. Coñecer os detalles da dieta do can axuda a elixir os alimentos máis apropiados e saudables para a nosa mascota.
A primeira pregunta que xorde cando se trata de alimentar un can é se hai que alimentalo con dieta seca ou húmida. E a resposta é que cada caso é distinto. Hai tres tipos de alimentos para cans en función da cantidade de auga que conteñen: a dieta húmida (latas), a dieta seca (penso) e dieta semihúmida, cunha cantidade de humidade intermedia.
Dieta húmida para o can
As latas son un tipo de alimento moi consumido polos cans. Non obstante, levan consigo algúns inconvenientes. Se o animal ten unha vida sedentaria, hai que evitar que a alimentación estea composta de xeito exclusivo de latas, xa que é probable que desenvolva algún tipo de obesidade se non se controlan ben as cantidades. Hai que ter en conta que os alimentos enlatados teñen unha densidade calorífica maior. A calidade é outro elemento que se debe valorar para elixir unha lata: é fundamental ler ben a etiqueta e comprobar que o envasado dos produtos que se venden cun prezo moi baixo é correcto.
O penso ou a dieta seca
Fronte aos riscos das latas, hai expertos que recomendan o consumo do penso ou a dieta seca. Este tipo de alimento ten un maior equilibrio nutricional e ofrece vantaxes para a hixiene bucal: cando o animal tritura e mastiga o penso atrasa a aparición de placas nos dentes (aínda que este proceso non substitúe un bo coidado bucal profesional).
Hamburguesas e carne picada
Os alimentos semihúmidos véndense no mercado en forma de hamburguesas, carne picada ou anacos de tenreira. Conteñen algo máis de humidade ca o penso seco, pero moita menos ca o enlatado (o semihúmido ten entre un 15 e un 30%, fronte ao 80% de media de humidade nos de lata). E aínda que a comida semihúmida é máis atractiva para o can, hai que ter en conta que é menos enerxética ca o alimento seco, xa que esta comida se elabora a partir de tecidos animais conxelados ou frescos e contén cereais, graxas e azucres.
En calquera caso, se se decide mesturar a comida seca do can con calquera destes alimentos, sexan húmidos ou semihúmidos, convén controlar o tempo que quedan expostos no comedeiro. O proceso de putrefacción é moito máis rápido na comida enlatada ca no penso.
O can non se aburre do seu penso
Aínda así, convén ter en conta que se o can está feliz co seu penso habitual, sempre que este sexa de boa calidade, non é necesario cambialo. A maioría dos cans son sensibles aos cambios de penso, que mesmo poden provocar algúns efectos indesexados, como malestares de estómago ou diarreas.
Por outra banda, non é aconsellable que o animal estea preto da cociña cando se está a cociñar nela. Non é estraño que os restos de comida caian ao chan e acaben no estómago do noso fiel amigo. Por iso, un xeito de evitar que o can pida outro alimento que non sexa penso é sacalo da cociña cando se prepara a comida. Outro consello é trasladar o can a un lugar distinto da casa mentres se come na mesa. Iso evitará que o animal probe outros sabores que máis tarde poida reclamar.
Latas para casos concretos
Malia ás bondades do penso, este non sempre é a mellor opción: é importante ter en conta o estado de saúde de cada mascota, xa que hai algunhas excepcións que fan máis recomendable a elección do alimento enlatado. Hai expertos que aseguran que certas comidas en lata axudan aos cans con problemas no tracto urinario, xa que o alto contido de humidade os axuda a mexar.
Agora ben, a gama de latas para casos especiais que se comercializan no noso país é moi ampla. Algunhas marcas de comida para cans ofrecen unha extensa lista de produtos especializados para os casos nos que o can necesite un tipo de alimentación específica. A oferta de alimentos enlatados inclúe comida tanto por idades como por determinados trastornos, como alerxias, sensibilidade alimentaria ou enfermidades, máis alá de que sexan crónicas ou temporais. Dada a ampla variedade dos fabricantes, unha consulta sobre ese asunto co veterinario habitual é de grande axuda antes de tomar unha decisión.
- Revisar a etiquetaxe do produto que se vaia adquirir e mais o seu contido en humidade e os ingredientes.
- Elixir un fabricante fiable e consultalo co veterinario.
- Ter en conta o estado de saúde e a idade do can.
- Non permitir que a comida húmida ou semihúmida podreza no comedeiro da mascota.
- Non afacer o animal a outros sabores con comida caseira ou sobras.