Mitos e verdades sobre os dentes de leite
Aínda que nacen durante o embarazo e cada dente que asoma nas enxivas dos cativos se celebran como un aniversario durante os primeiros anos de vida, o seu final é inevitable: todos caen. Non obstante, a espera do Rato Pérez é longa. Ata os cinco ou seis anos eses primeiros dentes non caerán para lles deixar espazo aos definitivos. Velaquí a razón pola que se pensa que non importa como se coiden os dentes de leite. Pero non é certo. Os dentistas aseguran que a hixiene e o coidado destes dentes é determinante para evitar que os que aparezan despois o fagan en bo estado e mais para previr a aparición de caries, infeccións e dor.
Cando “nacen” os dentes de leite?
A aparición dos dentes de leite comeza entre os 6 e 8 meses de vida do bebé, pero a súa formación iníciase na sexta semana do embarazo. Por iso é fundamental a alimentación da nai durante a xestación. Ata os dentes permanentes comezan a súa constitución antes do parto. O embarazo, polo tanto, non reduce o calcio dos dentes da nai nin os deixa máis fráxiles. Adoita dicirse que o bebé “saca” de alí ese nutriente para a formación dos seus propios dentes. Non é así: todo o calcio que el precisa obteno da alimentación da nai.
Cales son as consecuencias da dentición?
O proceso da dentición adoita estenderse ata os 20 ou mesmo ata os 30 meses de vida, é dicir, pode durar dous anos ou máis. Pero isto é moi variable e hai excepcións. Non é certo que os nenos aos que os dentes lles tardan un pouco máis en saír sufran unha carencia de calcio, aínda que se a súa aparición se atrasa de xeito considerable -unha vez que o neno se aproxima ao ano de vida sen que aparezan os dentes- convén consultalo co médico, xa que pode deberse a causas como o raquitismo ou alteracións nutricionais.
Que signos evidencian que o bebé está no seu proceso de dentición?
Nótase sobre todo nas enxivas: inflámanselle e póñense máis sensibles e irritables, e mesmo poden aparecer algúns pequenos hematomas. O neno tamén babexa máis -o que lle pode ocasionar irritacións no queixo- e rexeita o alimento (mais non porque perda apetito).
Ao bebé moléstalle a aparición dos dentes?
Si. Cada peza preme dende dentro e atravesa o tecido que está nas enxivas, chamado membrana periodontal, e iso xera malestar e dor. O sono do bebé pódese ver alterado por esta causa. Para aliviar a dor, o cativo tende a levar calquera obxecto ou os dedos á boca. Cando chega este momento o máis recomendable é darlle algún elemento frío e duro que poida morder, como uns “mordedores refrixerantes” que se venden en tendas de artigos para bebés. Tamén se lle poden dar suaves masaxes nas enxivas. Se o malestar é moi intenso, é posible que o odontopediatra receite algún analxésico axeitado á súa idade. Isto é o que orixina que ás veces os nenos rexeiten o alimento: non é que non teñan fame, senón que o malestar que senten, a dor que lles xera a succión ou o rozamento da culler, fai que coman peor.
É certo que a aparición dos dentes xera arrefriados, diarreas e outros problemas dixestivos ou infeccións?
Non. O que adoita acontecer é que como o neno leva á boca todo o que atopa co fin de aliviar as súas molestias, chegan máis xermes ao seu sistema dixestivo. Por outra banda, a medida que o pequeno medra novos alimentos aparecen na súa dieta, e eses cambios poden ocasionar reaccións diversas.
Pode xerar febre?
Non. Se ben aínda non hai unha postura unánime ao respecto, a maioría dos especialistas coinciden en que a dentición non ocasiona febre. Defenden que a causa se pode deber a calquera outro problema do seu organismo. Daquela o que se debe facer é levalo ao pediatra para que este dea coa causa e poida tratarse do xeito máis correcto.
E se algún dente non aparece?
É pouco frecuente, pero ás veces algunha peza dental non se forma por razóns conxénitas (este problema leva o nome de axenesia dental). O especialista informará de como actuar en cada caso.
Cómpre lavar os dentes de leite?
Algunhas das crenzas erróneas máis comúns, e de peores consecuencias, relaciónanse coa hixiene dental, xa que se di que os dentes de leite non poden ter carie, e que se teñen carie non importa porque caerán. Non obstante, a carie pódese orixinar ata co primeiro dente. Por esta razón coidar a saúde é fundamental por varios motivos: esta erosión bacteriana pode producir moita dor e afectar á mastigación (e, xa que logo, á alimentación), ao sono, ao xeito de falar e de xogar do neno, á súa autoestima e ao xeito en que chegue preparado á escola. Ademais, se se produce unha infección, pódese transmitir aos dentes definitivos que están debaixo.
Segundo a Sociedade Española de Odontopediatría, a carie dental é a enfermidade infecciosa máis común da infancia: case un 20% dos nenos de entre 2 e 4 anos ten polo menos unha carie que non foi tratada por un especialista. Por iso, esta institución pon énfase nalgunhas medidas de hixiene para coidar a dentadura:
- Limpar os dentes do bebé dende que empezan a saír. Débese facer polo menos dúas veces ao día, sobre todo despois de lle dar de comer, cun pano ou gasa suave humedecida ou cun cepillo dental para bebés.
- Non lle deixar ao neno o biberón para durmir, salvo que conteña só auga. Hai que procurar que a partir do ano de idade se afaga a beber nun vaso ou cunca.
- Levar o neno ao dentista. A primeira visita débese realizar antes de que cumpra un ano, e que logo se dea coa mesma frecuencia que suxiren para os adultos: cada seis meses.