O 30% dos enquisados reclama máis produtos saudables para a súa compra cotiá
O que comemos di moito de nós. Comer é un acto pracenteiro e sinxelo, pero facelo equilibradamente ás veces non o é tanto. A relación entre comida e saúde parece estar clara para moitos consumidores, pero reflíctese na nosa cesta da compra?
Para investigar sobre os hábitos de consumo de produtos alimenticios saudables dos españois, EROSKI CONSUMER entrevistou a 1.900 persoas de 9 comunidades autónomas: Andalucía, Illas Baleares, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Comunidade de Madrid, Navarra e País Vasco. En todos os fogares contactados, a persoa que contestou á entrevista sempre era a responsable da compra (ou unha delas). Nun 70% dos casos era unha muller e no 30% tratábase dun home. Por idades, todos eran maiores de 20 anos e o número de persoas que vivían nos domicilios consultados era, de media, 4. EROSKI CONSUMER comprobou que ao 30% dos entrevistados lle gustaría que houbese máis variedade na oferta actual de produtos máis saudables ou mellorados. Só unha terceira parte dos enquisados asegura adquirir algún deles decote. En concreto, elíxense produtos ricos en fibra, sen azucres engadidos, baixos en calorías e sen graxas saturadas.Así e todo, o 70% dos enquisados percibe que o prezo deste tipo de produto é, en xeral, máis caro ca os demais.
A información é clave para poder elixir os produtos correctamente e acadar o propósito de alimentarse dun xeito equilibrado: case catro de cada cinco enquisados aseguran ler a que aparece nos envases e etiquetas nutricionais do que van adquirir. Deles, un 87% centra a súa atención na data de caducidade, un 56% nos ingredientes que contén o produto e un 43% no seu valor nutricional. Non obstante, o 48% dos entrevistados non entende de xeito claro a información nutricional e de ingredientes que figura nos produtos alimenticios e unicamente o 10% a utiliza como fonte principal para asesorarse na súa alimentación.
Gaña o rico en fibra
Non existen amplas diferenzas entre as 9 comunidades autónomas estudadas, aínda que é Galicia onde se adquiren con maior asiduidade (sempre ou bastantes veces) alimentos nutricionalmente mellorados (é dicir, aos que se lles reduciron as graxas, o sal ou os azucres, ou ben foron enriquecidos con micronutrientes como as vitaminas ou os minerais), seguida moi de preto por Andalucía, polas Illas Baleares e pola Comunidade de Madrid. Pola contra, é no País Vasco onde os enquisados declaran non os adquiriren tan a miúdo.
Ademais, EROSKI CONSUMER quixo determinar con que frecuencia se mercan produtos baixos en sal ou sen sal, alimentos que conteñan só cereais integrais, que non conteñan graxas saturadas, artigos sen azucres engadidos, ricos en fibra, baixos en calorías enriquecidos con Omega 3 e vitaminas e minerais. Entre os entrevistados, o 48% merca habitualmente artigos ricos en fibra, e arredor do 40%, alimentos sen azucres engadidos, sen graxas saturadas e baixos en calorías. Ademais, o 34% dos enquisados leva á casa decote produtos que conteñan só cereais integrais, e aproximadamente un 25%, os enriquecidos con vitaminas e minerais, así como baixos en sal ou sen sal. Para rematar, un 23% adquire artigos enriquecidos con Omega 3. Ademais, tanto as mulleres como os homes escollen en primeiro lugar produtos ricos en fibra (un 46% eles e un 48% elas). Pero se se ten en conta a idade, son os entrevistados con máis de 45 anos os que máis declaran mercar este tipo de artigos (de media, un 55% fronte ao 42% dos mozos entre 20 e 44 anos).
Curiosamente, nun país con máis de 10 millóns de afectados pola hipertensión arterial, un 48% dos entrevistados asegura que nunca adoita escoller alimentos sen sal ou baixos en sal e un 45% tampouco produtos enriquecidos con Omega 3. Cataluña, Navarra e o País Vasco son as comunidades onde hai máis consumidores que nunca adquiren alimentos sen sal ou baixos en sal (un 55% así o asegura). E nas Illas Baleares, no País Vasco e de novo en Navarra obvian en maior proporción (un 33%) os enriquecidos con Omega 3. Por último, por sexos, o 50% das mulleres nunca mercan alimentos sen sal ou baixos en sal, mentres que un 47% dos homes non adquiren nunca os enriquecidos con Omega 3.
Oferta insuficiente
Coidar a alimentación é en ocasións unha empresa complexa. De feito, ao 28% dos consumidores gustaríalle que houbese máis variedade de produtos saudables ou mellorados nutricionalmente; máis a elas ca a eles, xa que o pensa o 26% dos homes e o 29% das mulleres enquisadas. Asegurárono especialmente en Galicia (un 34% dos enquisados na rexión) e na Comunidade Valenciana (nun 33%). Pero ademais, para un 8% do total de entrevistados a oferta deste tipo de artigos saudables non é abonda. Os enquisados reclamaban propostas máis saudables de lácteos e derivados (así o afirmaban nun 32% dos casos) e de embutidos (nun 31%). Ademais, desexarían tamén que se ofrecesen bebidas (a un 25% gustaríalle), alimentos precociñados (a un 23%), conservas (a un 20%) e galletas (a un 19%) nunha modalidade máis saudable. E en menores proporcións quererían versións melloradas de aperitivos, pan e cereais (para un 15%, respectivamente) e en salsas e condimentos (para un 4% dos entrevistados).
Na alimentación, o sexo tamén nos distingue: elas queren máis produtos saudables relacionados cos lácteos e derivados, como leite, iogures, queixos, manteigas, etc. (prefíreo un 35% das entrevistadas). A eles, pola contra, gustaríanlles máis artigos que teñan que ver cos embutidos (tamén un 35% dos homes enquisados o pensa). Non obstante, no caso dos homes, resulta moito máis esclarecedor realizar as comparacións por idades. Os máis novos de entre 20 e 44 anos buscan alimentos precociñados (pizzas, tortillas, etc.) nunha modalidade máis saudable (asegúrao un 41% dos homes entrevistados desta idade), mentres que os maiores de 45 anos preferirían máis lácteos e derivados (un 34%).
Malia á crise…
Dende o 2008, a crise económica e social pola que atravesamos está a influír moito no consumo. En moitos fogares nos que o orzamento doméstico diminuíu, a máxima de “apertar o cinto” é un mantra que se repite acotío. Neste sentido, un 70% dos enquisados ten a percepción de que os produtos mellorados ou máis saudables son máis caros ca os outros (pénsano sobre todo en Galicia e en Cataluña). Só un 16% coida que teñen o mesmo prezo (sobre todo na Comunidade de Valencia e en Andalucía) e un 1% que son máis baratos.
Malia a iso, EROSKI CONSUMER comprobou que a crise económica non afectou á intención dos consumidores de manter unha dieta saudable e de coidar a súa alimentación. E é que un 35% das persoas enquisadas merca máis produtos baixos en sal, ricos en fibra, baixos en calorías, etc. ca hai dous anos, e en maior proporción eles ca elas: un 37% fronte a un 34%, especialmente os baleares. Só un 3% merca menos (arredor dun 5%, eran consumidores manchegos e valencianos) e tres de cada cinco adquire o mesmo número.
Información é poder
Á hora de facer a compra, tanto se se adquiren este tipo de produtos coma se non, un dos hábitos que todos os consumidores deberían interiorizar é o de ler a información nutricional que acompaña a cada produto. A etiquetaxe dos alimentos é unha fonte de información fundamental. Amais de obtermos datos sobre a data de caducidade, instrucións de manipulación e advertencias relacionadas con alerxias, permite obter referencias das Cantidades Diarias Orientativas (CDO), da enerxía (en quilocalorías e en quiloxulios) e dos nutrientes dos alimentos (como proteínas, hidratos de carbono, graxas, minerais e vitaminas).
EROSKI CONSUMER comprobou que só un 27% dos enquisados di ler sempre a información que aparece nos envases. Outro 28% asegura que só o fai en ocasións e un 23%, bastantes veces. Neste sentido, as mulleres detéñense máis ca os homes nas etiquetas nutricionais (un 79% das entrevistadas di facelo fronte ao 74% de homes que tamén o asegura).
Por comunidades, son os baleares e os cataláns os que len sempre a información dos envases e etiquetas (aproximadamente un 31% deles). Pola contra, se se suman os que recoñecen non se interesaren nunca ou moi poucas veces por este tipo de información (un 22% dos entrevistados), destacan os andaluces (un 27%), os navarros (un 26%) e os manchegos (un 25%) como os menos interesados neste sentido. Pola contra, os que máis o están neste tipo de información son os galegos (un 86% dos consultados di ler as etiquetas).
Agora ben, en que información nos fixamos máis? Un 87% dos entrevistados centran a súa atención na data de caducidade, un 56% nos ingredientes que contén o produto e un 43% no seu valor nutricional. Só un 18% do total de consumidores enquisados aseguraban reparar na orixe e un 0,6% nos conservantes.
Os consumidores cada vez valoran máis o que comen. Con todo, os datos demostran que os seus hábitos non son aínda saudables de todo.
- Sal: os españois inxiren de media o dobre do recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS): non máis de 5 gramos por persoa e día. A maior parte provén de produtos elaborados. Considérase que o 88% da poboación consume máis sal do aconsellado. O dato é preocupante; de feito, de se reducir a inxestión de sal evitaríanse cada ano uns 20.000 accidentes cerebrovasculares e uns 30.000 de carácter cardíaco.
- Azucre: a poboación española consume uns 120 gramos (entre 15 e 20 culleriñas de sobremesa ao día) de azucres simples por persoa e día. Os azucres proceden dos alimentos naturais ou ben engádense a produtos elaborados, como bebidas azucradas, sobremesas, bolería e derivados lácteos. Estímase que para unha persoa adulta sa, a dieta debe prover unhas 2.200 Kcal e os azucres simples non deben superar o 10%.
- Graxa: a recomendación principal sobre a graxa é que non debe proporcionar máis do 35% da enerxía total diaria (os menores de catro anos poden alcanzar ata un 40%). Existen varios tipos de graxas, e convén coñecer as súas diferenzas, xa que consumilas dentro dunha alimentación variada e equilibrada xoga un papel importante á hora de previr enfermidades cardiovasculares.
- Fibra: existe un compoñente na dieta do consumidor español que debería aumentar. Trátase da fibra. A OMS aconsella un consumo diario de 25 gramos, pero en España inxírense 22 gramos por persoa e día. O seu consumo reduce o risco de enfermidades de corazón, diabete tipo 2 e permite controlar o peso. Por iso, a recomendación alimentaria para o consumo axeitado pasa por asegurar a inxestión de froitas, verduras, legumes e cereais integrais.
Máis e mellor
Os consumidores valoran cada vez máis a información dispoñible nos envases e etiquetas nutricionais, pero cómpre preguntarse neste punto se se comprende. A resposta é que non sempre. EROSKI CONSUMER comprobou que para case a metade dos entrevistados non se entende de xeito claro a información nutricional e de ingredientes que figura nos produtos alimenticios. Acontece especialmente na Comunidade de Madrid (para un 55% dos enquisados) e en Galicia (para un 53%).
Pero os consumidores non quedan aí. Un de cada tres enquisados tamén asegura que en liñas xerais a información que aparece nos envases sobre ingredientes e valor nutricional (calorías, proteínas, azucre, vitaminas, carbohidratos, etc.) non é abonda. Pénsano especialmente na Comunidade de Madrid (un 43% dos enquisados madrileños) e en Galicia (nun 41% dos entrevistados galegos). Pola contra, onde máis consideran que é suficiente é en Cataluña e na Comunidade Valenciana (en ambos os dous territorios, no 63% das entrevistas así o pensaban).
A que fonte acode o consumidor á hora de se asesorar en materia nutricional? Na enquisa realizada por EROSKI CONSUMER, o 40% dos consumidores consultados confía na información que lles proporcionan os médicos e outros profesionais da saúde (en especial, nas Illas Baleares) e un 31% no transmitido en programas televisivos e documentais sobre saúde e nutrición (destacan os entrevistados en Navarra). Ademais, un de cada catro confía no que lle di a familia e os amigos (sobre todo, no País Vasco) e mais no que le en libros e en revistas (destacan os enquisados en Cataluña e País Vasco). Para rematar, o 23% acode a Internet (especialmente na Comunidade de Madrid) e só un 20% se asesora mediante a información nutricional dos envases dos produtos alimenticios.
A etiquetaxe e a información nutricional que acompaña a cada produto é a chave mestra coa que os consumidores saben que adquiren e os efectos que esta decisión pode ter na súa dieta. Velaquí o que a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) indica a este respecto:
- Nunca se pode inducir a erro ao consumidor, nin sobre a información que aparece na devandita identificación nin tampouco na presentación dos produtos e na súa publicidade, acerca das características do devandito alimento e de xeito máis concreto sobre a súa natureza, identidade, calidades, composición, cantidade, caducidade, orixe ou procedencia e modo de fabricación ou de obtención.
- Non se lle deben atribuír ao produto efectos ou propiedades que non teña ou ben suxerindo que o produto alimenticio posúe certas características particulares, cando todos os produtos similares posúan estas mesmas características.
- Tampouco se lle debe atribuír a un produto propiedades preventivas, terapéuticas ou curativas.
- Salvo no caso das excepcións previstas na lexislación, algunhas das indicacións que deben aparecer na etiquetaxe dos alimentos con carácter obrigatorio son as seguintes: denominación de venda do produto, lista e cantidade de ingredientes, grao alcohólico en bebidas de graduación superior, cantidade neta en caso de produtos envasados, data de caducidade, condicións especiais de conservación e uso, modo de emprego cando sexa necesario, identificación do fabricante ou envasador, número de lote, lugar de orixe ou procedencia, entre outras.
- Os máis dos consumidores poden comer calquera tipo de alimento, pero unha pequena parte da poboación (en aumento cada ano) ten intolerancia ou alerxia a certos alimentos ou compoñentes, de aí a importancia de coñecer polo miúdo, grazas á etiquetaxe, os nutrientes e mais os alérxenos que poidan conter. As alerxias alimentarias máis comúns circunscríbense ao leite de vaca, o ovo, a soia, o trigo, os crustáceos, algunhas froitas, cacahuetes e froitos secos como as noces. Por iso, a lexislación europea esixe que as etiquetas inclúan as substancias alérxicas máis coñecidas e que poidan conter estes alimentos.
A información nutricional que proporciona a etiquetaxe resulta esencial para a elixir os produtos máis saudables e coñecer a cantidade de graxas, azucres, proteínas… que conteñen eses alimentos. Neste sentido, dende setembro do 2007, todos os produtos de marca propia EROSKI inclúen un semáforo nutricional, unha iniciativa que permite coñecer a información nutricional por cada porción do alimento.