Empregar sempre sistemas de seguridade para os máis cativos, esencial
A fraxilidade corporal do neno faino especialmente vulnerable no caso de accidente, sobre todo nos seus primeiros anos. Polo tanto, resulta fundamental extrema-las precaucións e tanto na estrada coma en traxectos urbanos cómpre que os máis cativos vaian sempre ben sentados e suxeitos dentro do coche. Un emprego correcto dos sistemas de seguridade especialmente deseñados para eles evitaría o 75% das mortes infantís e o 90% dos danos graves ocasionados como consecuencia dos accidentes de tráfico.
- Os menores de 12 anos deben viaxar na parte traseira do coche, segundo o Regulamento Xeral de Circulación.
- Extreme as precaucións. Nun choque a 50 km/h a forza do golpe que un neno de 25 quilos recibe multiplícase por 40.
- Nunca leve o neno no colo. É difícil suxeitar a un pequeno no colo, mesmo nunha simple colisión a 5 km/h.
- As ventás abertas son un perigo para os nenos; co vehículo en marcha, pécheas.
- Non esqueza coloca-lo peche de seguridade do que dispoñen a maioría das portas para que os nenos non abran o coche desde o interior.
- Se nota que o neno está canso, procure entretelo con cancións infantís, un conto, xogos de palabras, de observación… Pero sempre dentro da súa cadeira.
- Déalle exemplo ós seus fillos abrochando sempre o cinto de seguridade.
Seguridade extra. Sistemas de retención
- Elixa sempre un sistema de retención homologado pola Unión Europea.
- Ó mercar un dispositivo de seguridade, próbeo co neno; máis cá idade, son o seu tamaño e peso os que deben determina-la elección.
- A posición da cadeira do neno no sentido oposto ó da marcha diminúe os riscos de feridas nun 90%.
- Nun coche dotado de airbag para acompañante os nenos deben viaxar no asento traseiro, e a cadeira débese situar na zona central -sempre no sentido inverso á marcha para protexer mellor o neno dos golpes laterais.
- Nunca deixe que baixe da súa cadeiriña, nin sequera nos traxectos curtos.
- Non substitúa a falta de cadeiriña ou sistema axeitado abrochándolle o cinto de seguridade do coche. Pode ocasionarlle lesións abdominais, no pescozo, etc.
- No caso de accidente, substitúa a cadeiriña de seguridade por unha nova, ou cando menos, faga que o fabricante a revise para comprobar se pode usarse con total garantía.
O sistema ideal para cada idade
- Ata os 9 meses (0-10 kg). Cuco para os que acaban de nacer: capazo ríxido que se coloca no asento traseiro en posición transversal e se engancha ós cintos de seguridade. Cadeira-cesta: cadeiriña lixeiramente inclinada que se coloca no asento dianteiro ou traseiro en posición contraria á marcha do coche.
- Ata os 2 anos (0-13 kg). Cadeiriña de seguridade: ancórase co cinto de seguridade no sentido contrario á marcha.
- Entre 9 meses e 3 anos (9-18 kg). Cadeiriña de seguridade: engánchase ó cinto de seguridade no centro do asento traseiro.
- Entre 3 e 6 anos (15-25 kg). Coxín elevador con respaldo: colócase na parte traseira mirando cara a diante; evite o “efecto submarino” (que o neno se desprace por debaixo do cinto) e inclúa unha guía para pasa-lo cinto entre as pernas ou rete-lo neno pola cadeira e non polo abdome, evitando lesións na columna. Asentos con axuste de cinto: conxunto de coxín e respaldo sen arneses propios, que empregan o cinto do vehículo axustándoo á altura precisa.
- Entre 6 e 12 anos (22-36 kg). Coxín elevador con regulador de altura: permite axustar ben o cinto de seguridade do coche sobre a clavícula do neno. Arneses especiais: substitutos dos do coche, semellantes ós dos pilotos de competición.