Catro dos sete parques estudiados suspenden en seguridade e os outros tres aproban con só un “aceptable”
Boa oferta de lecer e servicios, pero deficientes en seguridade
Case sete millóns de persoas visitarán este ano os tres parques temáticos españois, Port Aventura (Tarragona), Illa Máxica (Sevilla) e Terra Mítica (Alacante). Este tipo de entretemento, no que tamén se poden incluí-los parques de atraccións e os acuáticos, xerou 35.735 millóns de pesetas en beneficios en 1999 e converteuse nun dos eixes do sector do lecer español: estímase que medrará un 35% este mesmo ano. Os parques temáticos, protagonistas da consolidación e crecemento deste sector, fixeron furor nos Estados Unidos nos 50, pero non chegaron ó noso país ata hai seis anos, coa inauguración de Port Aventura. Máis veteranos son os aquapark e parques de atraccións, que se viron beneficiados polo éxito dos parques temáticos: en 1999 incrementaron as súas ganancias un 10% con respecto ó ano anterior.
Este tipo de lecer familiar gaña cada vez máis adeptos e afiánzase como unha das opcións predilectas de diversión, especialmente entre os máis novos, pero desde a perspectiva do consumidor procede formularse algunhas preguntas: ¿cal é o estado dos nosos parques de lecer?, ¿é a súa oferta de atraccións e espectáculos suficientemente ampla e variada, tendo en conta que a entrada para un día custa nalgúns deles case 5.000 pesetas? E, considerando a curta idade de moitos dos seus usuarios e o ambiente de relaxación que propician estas instalacións creadas para o divertimento, ¿ofrecen garantías abondas de seguridade?
Técnicos de CONSUMER visitaron os tres parques temáticos do noso país (Port Aventura, Terra Mítica e Illa Máxica), dous de atraccións (Tibidabo e Parque de Atraccións de Madrid) e dous aquapark (Acuático de Mijas e Aqualandia de Benidorm) durante varios fins de semana entre finais de maio e comezos de xuño deste ano. Analizaron neles máis de 100 variables, adaptadas especificamente a cada tipo de recinto e determinadas en colaboración con expertos na xestión do lecer e en materia de seguridade de instalacións desta índole. As conclusións son dispares: destacan positivamente en servicios e mantemento (limpeza e conservación do parque e das atraccións, hixiene dos aseos e vestiarios, adaptación a persoas discapacitadas, asistencia sanitaria…), ofrecen unha satisfactoria e variada oferta de lecer e están ben organizados (número de atraccións e espectáculos, despacho de billetes, planos guía), pero detectáronse fallos de seguridade en todos eles, ata o punto de que catro dos sete parques suspenden e os outros tres aproban con só un “aceptable”.
Servicios e mantemento
CONSUMER abordou este apartado da seguridade partindo da asesoría e dos parámetros fixados por expertos en seguridade deste tipo de parques, e analizou máis de 30 variables distintas relacionadas coa seguridade que lle ofrecen ó usuario estes recintos. Outro matiz importante é que non se estudiou (pola complexidade e diversidade da enxeñería das atraccións e as dificultades de acceso ó armazón das mesmas) a seguridade intrínseca das atraccións, é dicir, a posibilidade de que aconteza un accidente derivado de defectos de estructura ou de mantemento da atracción que non resulten apreciables a simple vista.
Para rematar, cómpre salientar que o estudio foi esixente e minucioso, e que determinadas carencias ou defectos (por exemplo, que nunha atracción o monitor non controle axeitadamente o acceso do público e como consecuencia diso non comprobe os peches de seguridade que fixan os usuarios á instalación) foron abondos para que algúns parques suspendesen o exame de seguridade, aínda que a media da súa puntuación global non fose un “deficiente”.
Os medios de comunicación lémbrannos demasiado a miúdo que pequenos despistes, improvisacións ou incompetencias (ben das propias infraestructuras, ben dos usuarios) nestes recintos de lecer e diversión acaban en accidentes graves que eran evitables. Por iso coa seguridade procede, máis ca con ningunha outra cuestión, que os consumidores se amosen moi esixentes e sensibilizados.
Unha vez feitas estas matizacións, cómpre sinalar que só tres (Port Aventura, Terra Mítica e Acuático de Mijas) dos sete parques aprobaron, e cun mediocre “aceptable”, o exame de seguridade.
Illa Máxica, Parque de Atraccións de Tibidabo, Parque de Atraccións de Madrid e Aqualandia de Benidorm suspenderon esta proba de seguridade, pola importancia e/ou número dos seus defectos e carencias.
O mellor, no ámbito da seguridade, nestes sete parques é o sistema de extinción de incendios e a seguridade nos recintos privados.
O peor é o perigo que se percibe nas propias atraccións (buratos en pontes de paso, amaños chapuceiros, monitores que non controlan o acceso do público á atracción ou os peches de seguridade que fixan ós usuarios, extintores sen precinto, enchufes en mal estado e accesibles ó público, cravos visibles e susceptibles de seren tocados polo público, sumidoiros en mal estado con zonas oxidadas, barras de ferro chantadas no chan que sobresaen), a deficiente seguridade no inicio dalgunhas atraccións e a existencia de lugares perigosos, como escaleiras rotas e oxidadas ou moi empinadas e sen varanda, ou espacios sen valado con acceso libre a zonas con augas relativamente fondas.
A maioría dos parques non acumularon moitos problemas de seguridade, pero tamén é certo que case tódolos defectos son facilmente evitables, á vista está, por estaren relacionados cun inadecuado mantemento das infraestructuras ou con descoidos atribuíbles a empregados que non ven o risco onde si existe, polo que son aínda menos escusables.
Servicios e mantemento
É este o apartado no que os parques obteñen a mellor puntuación. Destacan, cunha nota “excelente”, Port Aventura e Aqualandia Benidorm, aínda que Terra Mítica, Parque de Atraccións de Madrid (PAM) e Acuático de Mijas acadaron un “moi ben”. Illa Máxica quedou nun “ben”, pola mala organización do seu aparcadoiro e a escaseza de prazas para coches e pola escasa oferta de servicios bancarios. Tibidabo, pola súa banda, mereceu un “aceptable” debido á deficiente organización do aparcadoiro, á falta de servicios bancarios e á carencia de consigna e dun servicio para atender ás persoas extraviadas ou que perden algún obxecto.
O estado de mantemento e limpeza dos parques e os servicios dos que dispoñen (oficina de información ó usuario, áreas de repouso, establecementos hostaleiros, servicios bancarios e adaptación das instalacións ás persoas con discapacidades) resultan fundamentais, xa que a visita ó parque non se limita a montar nas atraccións, gozar dos espectáculos ou facer uso das piscinas, nos aquapark. Debido a que acollen os usuarios durante longas horas, os parques de lecer deben proporcionarlles ós clientes un servicio global que inclúa outras prestacións e servicios considerables como básicos: aseos, establecementos nos que sacia-lo apetito ou refrescarse e zonas nas que repousar. Ademais, non debemos esquece-la curta idade de moitos dos seus usuarios, moi proclives a se extraviaren ou con necesidades de hidratación superiores ás dos adultos, que obrigan ós parques a se luciren en servicios e mantemento. Falando do mellorable, podemos cita-las oficinas de atención ó cliente de Illa Máxica e Tibidabo, a adaptación ás persoas con discapacidades en Tibidabo e Acuático de Mijas, os servicios de hostalería e as áreas de repouso de Illa Máxica, a conservación e limpeza do Parque de Atraccións de Madrid (PAM), do Acuático de Mijas e de Aqualandia Benidorm. Tamén poden mellora-los aseos do PAM.
Oferta de lecer e organización
O motivo da visita a estes recintos é a súa oferta de lecer. Os parques temáticos, como Port Aventura, Terra Mítica e Illa Máxica (que a miúdo xiran arredor dun tema, de aí o de temáticos), basean o seu reclamo nas atraccións e espectáculos, ó igual cós parques de atraccións, aínda que estes últimos non dispoñen de tanta variedade de espectáculos. Os aquapark, pola súa banda, son o lugar elixido para fuxir da calor mediante instalacións acuáticas lúdicas e deportivas como piscinas, tobogáns, praias artificiais…
Port Aventura destaca cun “excelente” pola amplitude e diversidade das súas atraccións e espectáculos, seguido polos dous parques acuáticos, o de Mijas e o de Benidorm, que acadan un “moi ben” (as esixencias para os aquapark foron inferiores, neste apartado, ás dos outros parques). Terra Mítica, Illa Máxica, Tibidabo e PAM logran un mediocre “aceptable” na súa oferta de lecer.
A orde e a sinalización son os aspectos mellor coidados nestes parques. A maioría aproban sobradamente (dispoñen de folletos informativos, planos e indicacións en todo o recinto), aínda que o Acuático de Mijas só obtén un “ben” (non conta con frechas ou indicacións) e Tibidabo un “aceptable” (non ofrece folletos de información ou guías, e resulta complicado moverse polo recinto seguindo as indicacións a disposición do usuario), fronte ó “moi ben” que alcanzan o resto, agás o PAM, que sobresae cun “excelente”.
Por outra banda, o resultado das consultas ó persoal dos parques que CONSUMER realizou para comprobar esta prestación foi desigual. Os empregados de Illa Máxica e PAM contestaron a catro das cinco cuestións (xiraban arredor do emprazamento de atraccións e do horario dos espectáculos) correctamente e obteñen un “moi ben”, mentres que o persoal de Terra Mítica quedou mal parado, por responder unicamente a unha das cinco preguntas. A medio camiño situáronse os demais parques, que obtiveron un “aceptable” polas súas dúas respostas correctas.
No número de consignas á disposición dos usuarios para gardar roupa e obxectos persoais, Tibidabo acadou a mellor puntuación, polo seu gran número de consignas en relación á extensión do parque e Port Aventura e Terra Mítica suspenderon.
Para rematar, os parques acuáticos de Mijas e Benidorm suspenderon na organización das atraccións, que valora cuestións como a organización das colas ou se se indica o tempo de espera.
Contribúa á seguridade das atraccións
- Comprobe, tamén vostede, os cintos e barras de seguridade dos asentos das atraccións nas que monte.
- Manteña as mans dentro dos coches das atraccións en todo momento, non intente nunca agarrarse á estructura da atracción ou a calquera outro elemento mentres a atracción siga en marcha.
- Se perde ou se lle desprende algún obxecto mentres está nunha atracción, non intente recuperalo pola súa conta e menos coa atracción en marcha. Pídalle axuda a un operario.
- Non discuta nin trate de negociar se o seu fillo non supera a estatura mínima requirida para montar nunha atracción. Estas medidas baséanse no tamaño e a posición dos sistemas de seguridade e contención das atraccións.
- Respecte tódalas restriccións establecidas. Nalgunhas atraccións limítase o paso ás mulleres embarazadas e persoas con problemas de corazón. Xeralmente, son atraccións nas que se vai a unha gran velocidade con curvas e movementos bruscos, de grande excitación, e que chegan a alterar mesmo a persoas que gozan dunha saúde de ferro. Se coñece algunha razón pola que vostede ou os seus fillos non deban montar, non o faga.
- Non se poña de pé nas atraccións que non estean especificamente deseñadas para iso.
- Non dubide en comunicarlles calquera anomalía ós responsables do parque.
Recomendacións para gozar no parque de lecer
- Planee a súa visita con anterioridade: é moi doado perderse nun parque o primeiro día, polo que deixaremos de visitar moitas das súas atraccións. Conseguir con antelación folletos ou navegar pola súa páxina web axudaranos a facérmonos unha idea previa da oferta do parque.
- Para evita-las colas, non acuda ó parque nos fins de semana.
- Vista roupa cómoda, especialmente calzado axeitado para camiñadas e longas colas. Opte por prendas que sequen axiña ou leve roupa de reposto no coche ou nunha mochila impermeable, para protexer da auga todo o que garde dentro.
- Almorce ben antes de acudir ó parque, deste xeito o estómago estará ben asentado no momento de gozar das atraccións máis axitadas. Ademais, poderá xantar un pouco máis tarde, e así evita-las aglomeracións que se forman ó mediodía nos restaurantes.
- Merque as súas entradas anticipadamente, mediante Internet, axencias de viaxes ou hoteis da zona.
- Consiga un plano nada máis entrar ó parque. Observe os horarios dos espectáculos que máis lle interesan e planifique o seu día. Se non desexa ver algún deles, aproveite ese momento para montar, case sen colas, nas atraccións máis solicitadas.
- Non intente ver todo o parque nun día. Seleccione os espectáculos e atraccións que máis lle interesan e goce deles relaxadamente, pero non se obsesione con ver todo o parque nun día.
- En moitos parques non se permite introducir comida ou bebida. Unha boa alternativa ós altos prezos dos seus establecementos hostaleiros é deixa-la comida ou bebida no coche, pero asegurándose sempre de poder entrar e saír do parque no mesmo día sen volver aboa-la entrada.
Porque máis vale previr…
- Utilice cremas de protección para protexe-la súa pel, e asegúrese de que son resistentes á auga. Pense que vai botar moitas horas exposto ó perigoso sol do verán.
- Protexa a cabeza de posibles insolacións. Empregue gorros, sombreiros ou puchas ben ventiladas.
- Beba moito líquido. Nalgúns parques hai fontes preto das zonas de servicios, emprégueas como alternativa ós altos prezos das bebidas nesta clase de parques.