Alimentos de verán: protexen e coidan a pel
En épocas de calor o corpo agradece as comidas lixeiras e refrescantes. As froitas e verduras de tempada, cun elevado contido en auga e outros nutrientes esenciais para o noso organismo sacian a nosa fame e sede do xeito máis apetitoso e contribúen a mante-la nosa pel ben nutrida e hidratada.
O seu contido de fibra contribúe a enchernos sen que nos pese e potencia un bo funcionamento do intestino. Ademais, a súa riqueza en antioxidantes naturais protexe a nosa saúde. En definitiva, no verán a cuestión non é comer menos, pero si levar unha dieta diferente, xa que o número de calorías que precisamos é menor e a hidratación maior. Ó fin e ó cabo, trátase de obedece-lo propio corpo.
Incluír froitas e verduras
É sen dúbida un bo xeito de asegura-los niveis adecuados de líquidos que precisa o noso organismo para evita-la deshidratación. Estes alimentos presentan un baixo contido de calorías xa que na época estival o noso corpo non precisa tantas coma nas estacións máis frías co fin de mante-la temperatura corporal. Isto implica que debemos reduci-lo contido calórico da dieta para evitarmos aumentar de peso. Para iso, podemos incluír variedade de pratos pouco graxos e elaborados principalmente con verduras e hortalizas; ensaladas variadas (con hortalizas e arroz, pasta, patacas…), cremas e sopas frías, e na sobremesa froita fresca, ou por qué non, unha pequena porción de xeado ou sorbete ben frío como capricho para o padal e os sentidos.
Amais da auga -a bebida máis recomendable-
Os zumes, sorbetes, licuados de froitas e sopas ou cremas frías elaboradas con hortalizas (de porro e pataca, de champiñón, gazpacho, de remolacha…), proporcionan unha gran cantidade de auga, vitaminas, minerais, hidratos de carbono e outras substancias non nutritivas, pero de importantes beneficios para a saúde, coñecidas como antioxidantes naturais e que se atopan maioritariamente nos alimentos vexetais. Nos últimos anos, investigouse o papel destas substancias en relación con enfermidades de máximo impacto en occidente, como son as enfermidades cardiovasculares, numerosos tipos de cancro, entre eles o melanoma ou cancro de pel, e mesmo outras directamente asociadas co proceso de avellentamento, como as cataratas e as alteracións do sistema nervioso. Conclusións destas investigacións demostran que unha dieta rica en antioxidantes constitúe un factor protector fronte ás devanditas patoloxías.
Que non falten da nosa mesa as verduras e froitas de tempada
Berenxena, cabaciña, cebola, feixóns, leituga, tomate, cogombro, pementos, ameixas, figos, pexego, melón, sandía, uvas… As verduras e froitas convértense cada verán nos alimentos predilectos. Doadas de preparar e de consumir, e ademais, a un bo prezo, xa que o verán é a época na que maior cantidade e variedade se pode atopar nos nosos supermercados. Máis alá do seu sabor e da súa capacidade refrescante, son uns dos alimentos máis sans e recomendados polos expertos en Dietética e Nutrición. Se tomamos estes alimentos crus, aproveitaremos mellor tódolos seus nutrientes.
Unha alimentación equilibrada e unha boa hidratación, protexen a nosa pel
Cara ó verán, a necesidade de coidármo-la nosa pel é moi importante debido á radiación solar. Os raios solares son os principais agresores da nosa pel e o principal factor do seu avellentamento. Se se pon en práctica unha dieta que asegure a achega correcta de tódolos nutrientes básicos, poderemos mante-la nosa pel en perfecto estado de saúde, sempre e cando non a sometamos despois a baños de sol intenso sen ningún tipo de protección. Os ácidos graxos insaturados como o ácido oleico, presente no aceite de oliva e o aguacate, e a graxa presente en aceites de sementes, froitos secos oleaxinosos e o peixe (sobre todo o azul) son imprescindibles para manter unha pel ben estructurada e hidratada.
A vitamina A exerce un papel esencial na renovación da pel e das mucosas. Atópase nos alimentos de orixe animal: fígado, graxas lácteas, ovo, lácteos completos e a xeito de betacarotenos (o organismo transfórmaos en vitamina A cando o precisa) nas verduras de folla verde e de coloración vermella-alaranxada-amarelada (cenoria, tomate…) e en certas froitas (albaricoques, cereixas, melón e pexego…).
A vitamina E actúa evitando a acumulación de radicais libres (acción antioxidante) que no verán aumentan pola acción dos raios solares e provocan as denominadas “manchas de avellentamento”. Atopamos boa cantidade de vitamina E no aceite de xerme de trigo, aceite de soia, xerme de cereais ou cereais de gran enteiro, aceites de oliva, vexetais de folla verde e froitos secos.
A vitamina C ou ácido ascórbico é tamén un antioxidante. Ademais, mellora a producción de coláxeno, unha proteína que mantén a pel tersa e sen engurras. O mellor xeito de incorporar esta vitamina é a través de froitas e verduras frescas e crúas. Abunda nos seguintes alimentos de tempada como o kiwi, melón, amorodos, amoras, pementos, tomate.
As vitaminas do grupo B: actúan sobre o estado da pel, cabelo, mucosas e interveñen nos procesos de renovación celular, entre outras funcións. Aparecen na maioría dos alimentos de orixe vexetal (verduras, froita fresca, froitos secos, cereais, legumes) e nos de orixe animal (carne e vísceras, peixe e marisco, ovos e nos productos lácteos). Cómpre prestarlle especial atención ó ácido fólico, que atopamos maioritariamente na verdura de folla verde, legumes verdes, froitas, cereais do almorzo enriquecidos e fígado.
O selenio: é un mineral con acción antioxidante, relacionado cun menor risco de aparición de certos tumores, entre eles o de pel. Atópase na carne, peixe, marisco, cereais, ovos, froitas e verduras.
O cinc: favorece a formación de novas proteínas (renovación celular) e o bo estado da pel e as mucosas (tonicidade e elasticidade da pel). Abunda na carne, vísceras, peixe, ovos, cereais completos e legumes.
Algúns consellos prácticos
-
Inclúe na túa dieta zumes e licuados vexetais, refrescantes, saudables e cheos de sabor:
Exemplo de receitas de zumes e licuados:
- 1 remolacha, 2 cenorias, 1 penca de apio, 1 pataca pequena cocida e 4 rabanetes.
- 4 tomates, _ cogombro, _ pemento verde, 1 dente de allo e 2 talos de apio.
O mellor é, unha vez limpos e partidos en anacos os ingredientes, pasalo todo pola licuadora.
- Ollo, non é preciso tomar maior cantidade de sal: En épocas de calor non é preciso aumenta-la cantidade de sal, a pesar das perdas que se producen pola suor, non sendo en casos excepcionais. Hai quen pensa que, durante a época de calor, cómpre inxerir maiores cantidades de sal para substituí-lo que se perde coa suor. Aínda que é certo que cando suamos o noso organismo perde sal e auga, decote non perde tanto como para que sexa preciso tomar cantidades extras. Soamente quen realiza actividades de grande esforzo e intensidade a temperaturas elevadas e súen copiosamente, e cando o consumo de auga dunha persoa pasa dos catro litros diarios, se deben tomar cantidades adicionais de sal, pero ámbalas dúas condicións son excepcionais.
- Evita o risco de intoxicacións alimentarias durante as vacacións: Nas vacacións, a prevención máis segura é ter coidado co que se come e o que se bebe lonxe da casa. Escolle preferiblemente sempre alimentos envasados ou cociñados e inclínate pola auga embotellada en zonas costeiras.