Seguridade nas zonas de baño

Nunca é abondo

1 Xullo de 2001

Estímase que máis dun centenar de nenos morren cada ano en España afogados nas praias, piscinas, ríos e encoros.

Nunca é abondo

Cada ano prodúcense no noso país medio centenar de lesións medulares debido a mergullos, cifra que supón o 6% do total deste tipo de lesións. Trátase, en aproximadamente o 85% dos casos, de varóns de 15 a 25 anos que non adoptaron as debidas precaucións antes de se mergullaren na auga. O afogamento, pola súa banda, é unha das principais causas de morte infantil. Entre 70 e 150 nenos falecen cada ano en España afogados nas piscinas, praias, ríos e encoros. E o 80% desas mortes por afogamento prodúcese na piscina da casa, segundo a Federación Española de Salvamento. Estas cifras adquiren maior vixencia no período estival, máis proclive a que a xente recorra a baños e mergullos para calma-la calor, e súmanse ó elevado índice de rescates sen consecuencias graves que os socorristas efectúan nas praias, ás picadas de fanecas, medusas ou ourizos de mar que teñen que atender, ós cortes de dixestión e cambras musculares que acontecen na auga e ás molestas dermatites que o cloro das piscinas pode provocar.

Nas seguintes liñas CONSUMER achega información práctica para evitar situacións de perigo nas zonas de baño das nosas costas e do interior, e para saber cómo actuar ante circunstancias menos graves pero que amolan, como un contaxio de fungos na piscina. Ollo cos mergullos. As lesións da columna son un dos accidentes máis perigosos que se poden sufrir nas zonas acuáticas, polo perigo de perda de mobilidade que comportan. A causa máis común de lesións na columna é o mergullo nunha onda, ó tocar fondo coas costas ou coa caluga, mentres que o 10% dos casos se debe a saltos desde trampolíns, plataformas altas ou miradoiros.

Amais da maior ou menor profundidade da auga, para previr estas lesións é fundamental unha boa técnica de inmersión na auga. Hai dúas regras básicas: comproba-la profundidade da auga e realiza-la primeira inmersión de pé, e saltar sempre cos brazos estendidos cara a diante. As velocidades acadadas nestes mergullos non permiten, nin sequera en augas claras, ve-lo fondo e a miúdo non hai tempo para reaccionar. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a maioría das lesións danse en augas pouco fondas, de menos de metro e medio de profundidade.

Submarinismo: coidado coa descompresión. Amais de someterse a presións máis altas das habituais, practicar submarinismo implica unha reducción da capacidade dos sentidos: baixo a auga pérdese visibilidade, os sons percíbense dun xeito diferente e o tacto varía. Por iso, é recomendable mergullarse en grupo ou en parellas, xa que o submarinista inexperto pode desorientarse. Tamén é aconsellable contar cunha boa preparación física, co corazón e os pulmóns en bo estado, xa que a inmersión provoca cambios no sistema cardiovascular. O maior risco asociado ó submarinismo é o relacionado co proceso de descompresión ou ascenso rápido, que pode causar vómitos, mareos, dores nas articulacións e mesmo perda da consciencia.

Prudencia nas zonas de baño

  • Vixíe sempre ós nenos cando se bañan. Non delegue esa tarefa no socorrista.
  • Báñese sempre en lugares vixiados por socorristas.
  • Respecte as bandeiras. Lembre que a vermella prohibe entrar na auga.
  • Se non sabe nadar ben, non deixe que a auga supere a súa cintura.
  • Extreme as precaucións no uso de flotadores e colchóns, xa que a resaca pode arrastralo dentro do mar.
  • Non se mergulle nos lugares dos que descoñece a súa profundidade. Podería bater contra o fondo ou coas rochas.
  • Se se sente arrastrado por unha corrente, nade en sentido paralelo á praia. Liberarase da súa forza e poderase dirixir cara á beira.
  • Saia da auga se sente calafríos intensos, náuseas, alteracións na visión ou zunidos nos oídos, ou se percibe que a pel se torna de cor vermella intensa, e arróupese ben.
  • Nas piscinas sexa moi precavido ó lanzarse de cabeza ou cara a atrás desde un trampolín ou desde o bordo, se quere evitar lesións nas costas e cervicais.

Piscinas: dermatose e fungos.

Un dos problemas de bañarse nas piscinas é a exposición ás grandes concentracións de cobre das súas augas. O forte poder desengraxante do cloro favorece a aparición de xerose ou pel seca. A derme corea, tórnase fráxil e con pequenas escamas, sobre todo nos beizos, os brazos e as pernas. Decote aparecen tamén proídos, e elévanse as posibilidades de sufrir infeccións por fungos ou bacterias.

Calor e humidade son caldo de cultivo para as micoses (infeccións por fungos). Contáxianse polo contacto do corpo nu co bordo da piscina, zona de duchas ou toallas. As micoses son contaxiosas, contumaces e poden converterse en crónicas. Maniféstanse como unhas manchas abrancazadas que aparecen na superficie da pel, constituíndo a pitiríase versicolor. Outros tipos de fungos dan lugar ó denominado pé de atleta, unha das infeccións micóticas máis frecuentes, sumamente contaxiosa.

Este fungo provoca lesións a xeito de pel escamada ou macerada, vesículas ou áreas de cor rosácea situadas entre os dedos dos pés, e que comportan unha comechón intensa. Tamén nos pés pode aparece-lo papiloma plantar, que se contaxia ó pisarmos descalzos zonas próximas á auga, e que provoca a aparición dunha espulla de forma plana na planta do pé que provoca molestias ó camiñar.

Bañarse comporta outros riscos: lesións de medula, mordedelas e picadas, fungos…

Para evitarmos lesións medulares nos mergullos, comprobémo-la profundidade da auga e saltemos cos brazos estendidos cara a diante.

Picadas, mordedelas

Medusas.

O contacto das medusas coa nosa pel causa lesións a xeito de edema ou grande inflamación, xunto cunha sensación de intenso proído. De seguido fórmanse unhas vesículas de coloración violácea moi dolorosas. Esas picadas inféctanse con facilidade, polo que cómpre tratalas axeitadamente. Logo de lava-la zona afectada con amoníaco ou alcohol, un analxésico calmará a dor e unha pomada antihistamínica aliviará a comechón e a inchazón. Se o cadro alérxico se agrava, cómpre consultar axiña un médico.

Ourizos de mar.

Os ourizos das costas españolas non son velenosos. O principal inconveniente das lesións causadas por ourizos radica na fraxilidade da punta das súas púas, xa que unha vez dentro da pel parten e quedan incrustadas. Ante unha lesión causada por un destes animais mariños, non se debe apoia-lo pé no chan para evitar que a espiña rompa, e se non o fixo xa, para que doa menos. Tras desinfecta-la zona, cómpre extrae-las púas cunhas pinzas de punta estreita, xa que se non poden provocar unha infección na pel afectada. Nese caso, débese acudir ó médico para a cura axeitada da ferida e a posible administración de antibióticos.

Arañas de mar.

Nas nosas costas existen varios tipos, aínda que a máis habitual é a araña pequena (tamén chamada víbora do mar) que pica ós bañistas que a pisan sen que estes se decaten. O seu veleno é daniño para o sistema nervioso e causa moita dor na zona afectada, amais dunha inflamación que se estende por toda a extremidade (brazo ou perna) onde se localiza a picada e que pode durar varios días. Os síntomas alcanzan o máximo punto de dor ós 60-90 minutos. A picada pode necrosarse (morte do tecido) e sobreinfectarse con xermes.

O seu veleno é termolábil, destrúese coa calor, polo tanto o mellor tratamento consiste en somerxe-la zona afectada en auga moi quente durante 60-90 minutos, amais de tomar analxésicos para a dor, antihistamínicos para o proído e corticoides para a inflamación.

Anfibios: píntega e sapos.

A píntega común e moitas variedades de sapos (sapo verde, sapo común, ra de San Antón) son habituais en España.

A súa pel segrega unha substancia tóxica e moi irritante, polo que cómpre lava-las mans despois de tocar un deles. Ó entrar en contacto coa pel ou mucosas, prodúcese unha mucosite ou inflamación das mucosas afectadas, ou unha conxuntivite se se afecta a conxuntiva do ollo. Se se inxire esa substancia accidentalmente, aparece un cadro que consiste en náuseas, vómitos, dor abdominal e, nos casos severos, hipotensión, bradicardia e síndrome confusional.

O tratamento consiste en lavar con abundante auga a zona de contacto. Hai antídotos, como a atripona.

Problemas na auga.

Corte de dixestión.

Trátase dunha conmoción provocada pola diferencia térmica entre o corpo da persoa e as frías augas do mar, río ou piscina. Practicar exercicio intenso, suar moito ou expoñerse ó sol, xusto antes do baño, son factores que favorecen o corte de dixestión. Pero é durante a dixestión cando o proceso se agrava, porque unha boa parte do sangue circula polo estómago e os intestinos en detrimento do rego sanguíneo doutros órganos. Para evitalo, báñese unha ou dúas horas despois das comidas, entre progresivamente na auga para aface-lo organismo á nova temperatura e evite as bebidas moi frías e os exercicios violentos antes do baño.

Tragar auga.

Cando alguén inxire unha boa cantidade de auga no mar, nun río ou na piscina, para axudalo cómpre recostalo boca abaixo e darlle uns golpiños secos nas costas. Se a víctima tose ou sente náuseas, é conveniente provocarlle o vómito para que elimine todo o líquido inxerido. Se o afectado non reacciona, cómpre levalo de contado a un posto de socorro.

Cambras musculares.

Constitúen un auténtico perigo para o nadador, xa que o espasmo doloroso deixa sen control os músculos afectados e dificulta manterse sobre a auga. Ó primeiro síntoma debemos dirixirnos cara á beira sen forza-lo músculo e exercendo presión cunha man ou coa outra perna, para procurar frea-lo espasmo.

As cambras alívianse estirando o músculo cara a diante, mentres se flota facendo o morto, e levando cara a nós a perna ou o brazo afectados.

Recoméndaselle, a quen sofre cambras a miúdo, inxerir regularmente sal e magnesio.