Precociñados ultraconxelados de pescada

Os a granel son tan bos coma os envasados, máis caros

1 Xullo de 2001

Os a granel son tan bos coma os envasados, máis caros

Analizáronse 8 precociñados ultraconxelados de pescada. Tres son “paos de pescada”; un deles Eurofrits e os outros dous a granel. Catro mostras son “variñas de pescada”, dous de Frudesa e Pescanova, e outras dúas a granel.

Só queda por citar “Delicias de pescada” Pescanova. Todas son precociñados de pescada rebozada; a diferencia estriba no tipo de rebozado e no tamaño: os “paos” son o formato máis pequeno, seguido das “delicias”. O máis grande é o das “variñas”. O producto máis barato (paos a granel que denominaremos n.º 1) saía a menos de 500 pesetas o quilo, mentres que o máis caro (delicias Pescanova) custaba case 1.500 pesetas o quilo. As variñas Frudesa e Pescanova superaban as 1.000 pesetas o quilo. En xeral, as “a granel” son máis baratas, aínda que hai unha excepción: os paos Eurofrits, envasados, saen a pouco máis de 500 pesetas o quilo, mentres que as variñas a granel que denominaremos n.º 1, custan case 800 pesetas o quilo.

As tres preguntas clave

Ante este precociñado que tanto lles gusta ós nenos e que é tan cómodo para os pais e profesionais dos comedores escolares, facémonos varias preguntas: ¿será realmente pescada a materia prima? ¿canta pescada teñen? ¿ofrecen a mesma calidade os que se venden a granel? CONSUMER, logo de realiza-la súa análise comparativa, ofrece respostas. Mediante un estudio do ADN do peixe, comprobouse que nas oito mostras se usou exclusivamente algunha das variedades aceptadas de pescada. No tocante á segunda pregunta, en sete das oito mostras a pescada representa pouco máis da metade do producto (na outra, só o 34%). As que máis pescada teñen, un 61%, son as variñas de Frudesa (envasadas) e as n.º 1 a granel. En tódolos casos, menos peixe ca na preparación caseira. O que significa que estes precociñados achegan menos proteínas e máis graxa e calorías cós rebozados de peixe caseiros, polo que nutritivamente son menos recomendables para un consumo habitual. E con respecto á última pregunta, os precociñados a granel demostraron unha calidade equiparable ós envasados: non teñen menos pescada, o seu estado sanitario é correcto e resultan tan saborosos coma os envasados. Pero fallan na información ó consumidor: as catro mostras a granel incumpren a norma de etiquetaxe, xa que omiten datos obrigatorios.

Outras conclusións

Son as que seguen: as variñas conteñen máis pescada cós paos, tódalas mostras usan aceite de xirasol na elaboración e o seu estado sanitario era correcto, aínda que sete das oito mostras (a excepción: variñas Frudesa) contiñan listeria, axente patóxeno, pero en cantidade moi inferior á admitida. Tamén se comprobou que pagar máis non equivale a adquirir precociñados con máis pescada nin de maior calidade gastronómica. Na cata todos obtiveron resultados satisfactorios, e os dous mellores foron variñas Frudesa e variñas a granel n.º 1. A mellor relación calidade-prezo (se desculpámo-la súa incorrecta etiquetaxe) correspóndelle ós paos a granel n.º 1, que é a mostra máis barata (465 pesetas o quilo), queda ben na cata e ten un 53% de pescada. Para quen prefira os envasados, a mellor opción é variñas Frudesa: a 1.008 pesetas o quilo, teñen o 61% de pescada e conseguen a mellor puntuación na cata.

O que teñen

O ingrediente maioritario é a pescada, peixe branco que se caracteriza pola súa pouca graxa e a súa escasa achega calórica. Pero estes precociñados son calóricos, pola elevada cantidade de hidratos de carbono (no rebozado) e polo seu xeito de preparación, frixidos en aceite. As máis xenerosas na incorporación de peixe son as variñas Frudesa e as variñas a granel n.º 1, ámbalas dúas cun 61% de pescada. A mostra con menos peixe foi paos Eurofrits, cun 34% de pescada. O resto teñen entre un 51% e un 55% de pescada. O demais é rebozado. As catro mostras envasadas inclúen na súa lista de ingredientes a porcentaxe de pescada que conteñen. A análise demostrou que en dúas delas a presencia de peixe é algo inferior á declarada: Eurofrits indica un 40% de pescada e a análise demostrou só un 34%. En Frudesa é dun 61% cando anuncia un 65%. Son, en calquera caso, datos aceptables porque na elaboración se poden producir perdas.

En variñas Frudesa o rebozado é de pan relado, fariña de trigo e fécula de pataca, mentres que variñas Pescanova e paos Eurofrits empregan pan relado e fariña de trigo. Delicias Pescanova usan fariña de trigo, centeo e millo. Nas “a granel” non hai información ó respecto. No que coinciden tódalas mostras é no aceite empregado, de xirasol, segundo demostrou a análise que detecta tipos de aceite.

Sanitariamente correctos

Estes preparados de pescada son pratos precociñados e ultraconxelados ou conxelados rapidamente. Consómense fritidos co aceite a uns 180ºC, co que se elimina boa parte da súa carga microbiana, polo que é un producto máis seguro cós que se consomen en cru. Para comproba-lo seu estado hixiénico, efectuouse un reconto de microorganismos aerobios mesófilos. Tódalas mostras respectaban o límite fixado pola norma.

Comprobouse tamén a ausencia de Salmonela (axente patóxeno) en tódalas mostras. Pero todas menos variñas Frudesa contiñan Listeria, patóxeno difícil de eliminar xa que está presente na natureza de xeito habitual. A normativa permite unha cantidade de listeria á que non se achegou ningunha mostra. O estado hixiénico-sanitario dos oito productos é, polo tanto, correcto. Variñas Frudesa foi o único sen listeria e o de menos aerobios mesófilos, polo que se configura como o de mellor estado sanitario.

Os -a granel-, información insuficiente

A etiquetaxe dos catro productos envasados é correcta: anuncian que son ultraconxelados e nunha táboa indican o tempo que poden conservarse segundo o tipo de frigorífico ou conxelador. Esta mención é obrigatoria. As mostras de Pescanova indican que o producto debe manterse a -18ºC, e informan de que nos frigoríficos de 3 ou 4 estrelas pode conservarse só ata a data de “consumo preferente”. Eurofrits e Frudesa sinalan que o tempo de conservación nestes frigoríficos é de “varios meses”. En Frudesa indícase a data de consumo preferente pero co condicionante de que mantivera a cadea de frío a -18ºC. Outro dato obrigatorio, presente tamén nas catro envasadas, é a mención de que se se desconxelaron, non se deben volver conxelar. Ademais, en tódolos envases indícase o xeito de preparación do producto, aparece a lista de ingredientes coa cantidade de pescada e infórmase do valor nutritivo do producto.

Nos catro adquiridos a granel, o usuario descoñece boa parte da información. Só indicaban a denominación do producto e o prezo, e é obrigatorio, amais doutras cuestións, informar de que se trata dun producto ultraconxelado ou conxelado rapidamente, identifica-lo lote do producto e indica-la súa data de consumo preferente. A etiquetaxe destes productos a granel é, por conseguinte, incorrecta.

Trátase en tódolos casos de pescada

A denominación “pescada” engloba moitos peixes da familia merluccidae, pertencentes á orde Gadiformes e emparentados cos gádidos e os móridos. A lexislación non obriga a indica-la especie de peixe nos conxelados, pero estase elaborando unha nova regulamentación que obrigará a indica-la especie e o nome comercial e científico do peixe. Esta norma agrupará a pescada en dúas clasificacións comerciais: unha, Pescada, nome científico merluccius, entre as que se atopa a pescada europea (merluccius merluccius), pescada do Cabo, pescada austral ou de Chile, pescada arxentina, pescada negra e pescada prateada ou de Boston. E dúas, Pescada de cola, nome científico macruronus, que inclúe a pescada de cola neocelandesa e a pescada de cola patagona. Para determina-la especie de pescada empregada en cada mostra, realizouse unha análise segundo a técnica PECR, que consiste en illa-lo ADN do producto, amplificalo e realizar unha secuenciación xenética que identifica partes concretas do ADN, específicas de cada tipo de peixe. Eurofrits, Frudesa, Variñas Pescanova, Delicias Pescanova e variñas a granel n.º 1 usan “pescada de cola”, xénero Macruronus. En variñas a granel n.º 2 e paos a granel n.º 1 non se identificou a especie, pero constatouse que pertence á familia merluccidae, polo que se trata de pescada. Paos a granel n.º 2 recorre á pescada do cabo de profundidade, Merluccius paradoxus. Polo tanto, tódalas mostras empregan pescada.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse 8 precociñados ultraconxelados de pescada: paos (tres mostras), variñas (catro) e delicias (unha), comercializadas catro delas a granel e outras tantas envasadas.
  • O máis barato (paos a granel) saía a menos de 500 pesetas o quilo, mentres que o máis caro (delicias Pescanova) custaba case 1.500 pesetas o quilo.
  • A análise de ADN do peixe demostrou que nas oito mostras se usou exclusivamente pescada.
  • En sete, a pescada representa pouco máis da metade do producto e na outra (paos Eurofrits), só o 34%. Nutritivamente, son menos interesantes cá pescada rebozada caseira, que ten máis proteínas e menos graxas e calorías.
  • Os precociñados de pescada a granel teñen unha calidade equiparable ós envasados e en xeral son bastante máis baratos, pero están peor etiquetados.
  • En tódalas mostras emprégase aceite de xirasol e o estado sanitario é correcto. Na cata, todos quedaron ben: ningunha cualificación foi menor ós 6 puntos.
  • A mellor relación calidade-prezo é unha das dúas de paos a granel, a menos de 500 pesetas o quilo. Para quen prefira os envasados, variñas Frudesa, a unhas 1.000 pesetas o quilo.
PAOS VARIÑAS VARIÑAS PAOS
MARCA Nº 1 Granel Nº 1 Granel Nº 2 Granel Nº 2 Granel
Prezo (pta/kg) 465 795 577 564
Peso neto/Peso declarado
Tipo de aceite do rebozado Xirasol Xirasol Xirasol Xirasol
Porcentaxe de graxa (%) 9.3 14.1 6.6 8.7
Porcentaxe de pescada (%) 53 61 55 51
Porcentaxe de rebozado(%) 47 39 45 49
Estado hixiénico-sanitario (1) Correcto Correcto Correcto Correcto
Etiquetaxe Incorrecta Incorrecta Incorrecta Incorrecta
Puntuación na cata 6.8 7.3 6.2 6.8
Especie de pescada F. Merlucidae Pescada de Cola F. Merlucidae Pescada de El Cabo
PAOS VARIÑAS VARIÑAS DELICIAS
MARCA Eurofrits Frudesa Pesca- nova Pesca- nova
Prezo (pta/kg) 538 1.008 1.114 1.464
Peso neto/Peso declarado 403/400 361/360 379/360 248/250
Tipo de aceite do rebozado Xirasol Xirasol Xirasol Xirasol
Porcentaxe de graxa (%) 15 6.7 9.5 11
Porcentaxe de pescada (%) 34 61 54 51
Porcentaxe de rebozado(%) 66 39 46 49
Estado hixiénico-sanitario (1) Correcto Excelente Correcto Correcto
Etiquetaxe Correcta Correcta Correcta Correcta
Puntuación na cata 6.2 7.4 6.7 7.1
Especie de pescada Pescada de Cola Pescada de Cola Pescada de Cola Pescada de Cola

(1) Na análise microbiolóxica, realizouse un reconto de aerobios mesófilos (tódalas mostras cumprían a norma) e investigouse a posible presencia de dous microorganismo patóxenos: salmonela (comprobouse a ausencia en tódalas mostras) e listeria. Non sendo en variñas Frudesa, detectouse listeria en tódalas mostras, pero a cantidade deste patóxeno era moi inferior á admitida na normativa vixente. O “Excelente” de variñas Frudesa débese a esta circunstancia e ó feito de que o seu reconto de aerobios mesófilos era o menor das oito mostras comparadas.

Unha por unha

Un por un, oito precociñados ultraconxelados de pescada

Paos a granel nº 1

  • Custan 465 pesetas o quilo. É o producto máis barato e a mellor relación calidade-prezo.
  • Contén un 53% de pescada. Etiquetaxe incorrecta: non indica o número de lote, a data de consumo preferente nin outros datos obrigatorios. Sanitariamente correcto, pero con presencia (moi inferior á admitida) de listeria, un microorganismo patóxeno.
  • Na cata: 6,8 puntos, posición intermedia. Reciben críticas por pequenos e delgados. Non gustou a aparencia.

Variñas Frudesa

  • Saen a 1.008 pesetas o quilo.
  • A mellor relación calidade-prezo dos envasados e unha das dúas mellores de toda a análise.
  • O contido de pescada é do 61%, un dos maiores. Etiquetaxe correcta. O mellor estado sanitario, foi a única mostra sen listeria.
  • Na cata: 7,4 puntos, a mellor. A que máis gu stou, pero recibiu críticas polo seu rebozado duro e por non estar ben unido o exterior ó interior.

Variñas a granel n.º 1

  • Custan 795 pesetas o quilo. Outra boa opción.
  • O contido de pescada é do 61%, un dos dous maiores. Etiquetaxe incorrecta: non indica o número de lote, a data de consumo preferente nin outros datos obrigatorios.
  • Sanitariamente correcto, pero con presencia (moi inferior á admitida) de listeria, un microorganismo patóxeno.
  • Na cata: 7,3 puntos, os segundos mellores. Zumento, gustaron o sabor e a consistencia do recheo. Recibe críticas a súa cor, por artificial.

Variñas a granel n.º 2

  • Custan 577 pesetas o quilo. Baratas.
  • Un 55% de pescada. O producto menos graxo (só o 6,6%). Etiquetaxe incorrecta: non indica o número de lote, a data de consumo preferente nin outros datos obrigatorios.
  • Sanitariamente correcto, pero con presencia (pequena e inferior á admitida) de listeria, un microorganismo patóxeno.
  • Na cata: 6,2 puntos. Unha das peor cualificadas en tódalas características. Non gustou a cor, por “artificial” e tampouco o recheo, por “seco”.

Paos a granel n.º 2

  • Custan 564 pesetas o quilo. Baratos.
  • Un 51% de pescada. Etiquetaxe incorrecta: non indica o número de lote, a data de consumo preferente nin outros datos obrigatorios. Sanitariamente correcto, pero con presencia (moi inferior á admitida) de listeria, un microorganismo patóxeno.
  • Na cata: 6,8 puntos, posición intermedia. Demasiado pequenos e delgados. Moito rebozado e pouca pescada. Zumento.

Variñas Pescanova

  • Saen a 1.114 pesetas o quilo. Os segundos máis caros.
  • Un 54% de pescada. Etiquetaxe correcta. Sanitariamente correcto, pero con presencia (moi inferior á admitida) de listeria, un microorganismo patóxeno.
  • Na cata: 6,7 puntos, posición intermedia. Recibe críticas polo seu recheo, seco e duro. Delicias Pescanova Saen a 1.464 pesetas o quilo. O producto máis caro.
  • Un 51% de pescada, menos cá maioría. Etiquetaxe correcta. Sanitariamente correcto, pero con presencia (moi inferior á admitida) de listeria, un microorganismo patóxeno.
  • Na cata: 7,1 puntos, un dos mellores. Zumento. A algúns catadores non lles gustou a forma e tamaño do producto, semellante a unha croqueta.

Paos Eurofrits

  • Saen a 538 pesetas o quilo. Os segundos máis baratos.
  • Pero só o 34% é pescada, son os de menos peixe. Os máis graxos (un 15% é graxa.
  • Etiquetaxe correcta. Sanitariamente correcto, pero con presencia (moi inferior á admitida) de listeria, un microorganismo patóxeno.
  • Na cata: 6,2 puntos, a peor nota global. Os peores en tódalas características comparadas. Moito rebozado e pouca pescada.